15.5 C
Pontevedra
Sábado, 4 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO socialismo da provincia esixe á Xunta a creación dun fondo para...

    O socialismo da provincia esixe á Xunta a creación dun fondo para aliviar a “sangría económica” dos concellos na loita conta a COVID-19

    David Regades lamenta que mentres outros Gobernos autonómicos transfiren fondos ao municipalismo, Feijoo finxe non ver o traballo inxente dos alcaldes e alcaldesas destes máis de dous meses

    Os socialistas da provincia de Pontevedra esíxenlle ao Goberno galego que se poña de inmediato a traballar en liña cos concellos. O secretario xeral do PSdeG-PSOE pontevedrés, David Regades, afirma que tras máis de dous meses dende o estado de alarma xa ninguén ten dúbidas de que a Xunta está “acuartelada” e de que o peso institucional do combate sobre o terreo contra os efectos da pandemia lévano os concellos.

    O líder dos socialistas da provincia reclama que se dote de inmediato o fondo extraordinario de 300 millóns de euros defendido polo PSdeG para que os concellos galegos, e, por suposto, os pontevedreses, dispoñan dos recursos necesarios para continuar un traballo inxente, que está deixando aos alcaldes e alcaldesas exhaustos fisicamente e causando “unha auténtica sangría” nas arcas municipais.

    “Non pode ser que os municipios estean afrontando en solitario os gastos extraordinarios co único auxilio económico da Deputación de Pontevedra, que dotou un fondo específico de 1,3 millóns de euros, repartido con criterios obxectivos, e que, ademais, achegou anticipos de tódolos plans sociais provinciais e tamén da recadación tributaria”. “Mentres tanto non hai un só euro a maiores da Xunta de Galicia”.

    A xuízo de David Regades a “gota que colmou” o vaso da paciencia dos alcaldes e alcaldesas da provincia é que os 17 millóns de euros do Fondo Social Extraordinario transferidos polo Goberno do Estado a Galicia quedaran “nos caixóns” da Xunta en San Caetano. “Saíu un conselleiro hai uns días a anunciar, graciosamente, que deses cartos só van mandar pouco máis de dous millóns aos 313 municipios galegos e que o resto son para a Xunta”. “Queren solucionar a papeleta repartíndolle unha esmorga aos concellos e, ademais, con cartos do Goberno de España”, reproba. Un feito vergoñento cando o propio Real Decreto do Estado de Alarma deixa ben claro que o Fondo Social Extraordinario debe financiar políticas sociais relacionadas coa pandemia, políticas que en Galicia desenvólvense exclusivamente dende o mundo local.

    Para exemplo, puxo os datos do Concello de Vilagarcía de Arousa, no que un 30% das persoas que acudiron aos Servizos Sociais son “casos novos” ou o do Concello de Vigo, que leva gastados 1,7 millóns de euros en actuacións de auxilio á cidadanía que deberían estar sufragadas pola Xunta de Galicia. “Ou dos moitos alcaldes e alcaldesas desta provincia que ás 8 da mañá están repartindo máscaras de protección pagadas polos concellos e ás 11 da noite, dirixindo traballos de desinfección pagados polos concellos ou repartindo ordenadores a escolares pagados polos concellos”. “Alcaldes e alcaldesas, que cando non son do PP, mesmo teñen que sufrir que esta Xunta partidista e caciquil lles faga oposición”, engade.

    Son os concellos, subliña o secretario xeral socialista na provincia, os que están aprobando medidas de apoio económico aos autónomos/as e comerciantes, os que teñen que recibir aos empresarios que lles reclaman bonificacións ou exencións nos impostos municipais. “A Xunta limítase a gastar en publicidade e a trucos, como ofrecer “anticipos sen xuros” das axudas do Goberno do Estado”. Mentres tanto, os alcaldes e alcaldesas enfróntanse á realidade sabendo que “non dan os números” e que resulta imposible rebaixar a fiscalidade municipal sen comprometer o equilibrio duns consistorios “máis exprimidos que nunca”. “En tódolos concellos están facendo cousas inimaxinables hai uns meses e na Xunta seguen coas portas e ventás pechadas, o aire acondicionado a tope e ao seu trantrán burocrático”. “Onde están os cartos da Xunta para irrigar as políticas sociais que só se desenvolven dende os concellos?” “Á parte de amagar con privatizar universidades e poñerlle cita previa ás praias que fan as Consellerías que deberían ser clave na loita contra a Covid19?” “Onde están as conselleiras e conselleiros desaparecidos nestes dous meses?”.

    David Regades conclúe que mentres noutras comunidades autónomas apóiase aos concellos con transferencias directas, Feijoo segue un guión de perfil baixo en Galicia e aposta pola confrontación constante coa Moncloa atribuíndose sen pudor os méritos no control dunha situación sanitaria que mellorou unicamente polo éxito do confinamento decretado polo Goberno de España e pola propia posición xeográfica de Galicia.

    O secretario xeral conclúe que o balanzo da colaboración da Xunta cos concellos galegos limítase ao envío duns paquetes de máscaras caducadas e dúas garrafas de lixivia que, aínda por enriba, foron confiscadas días antes nos cuartos de limpeza dos colexios públicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.