As medidas de seguridade sanitaria das dependencias municipais do Concello de Redondela, veñen de ser incrementadas coa colocación, nesta semana, de felpudos desinfectantes situados nos lugares de paso obrigado de acceso público.
A primeira remesa encargada polo Goberno local de cara a analizar a súa operatividade, engádese agora a encargada á empresa local Viguesa de Alfombras, con sede en Cedeira, nunha clara aposta “polas empresas do noso municipio”, apunta o Goberno local.
Os felpudos, dotados de un elemento desinfectante, contribúen a eliminación dos elementos patóxenos que o calzado puidera traer da rúa e axudando a un reforzamento das medidas de protección que o Goberno local adoptou no interior das dependencias municipais.
Cómpre salientar que, coa entrada nas novas fases da desescalada e o reinicio da actividade presencial nos distintos departamentos do Concello, o Goberno local puxo en marcha unha batería de medidas encamiñadas á protección, tanto de usuarios e usuarias coma do propio persoal municipal.
Así, procedeuse á sinalización e delimitación de zonas de paso e de espera, distancias de seguridade, direccións de acceso e instalación de elementos de protección adicionais para aqueles servizos que presten atención cara o público e instaláronse, por toda a Casa do Concello, dispensadores de xel hidroalcohólico para as mans.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, chamou a atención sobre a importancia de “extremar as medidas de seguridade” que xunto coas campañas de información e concienciación da cidadanía, como ‘Faino por Todxs’ “son o medio máis eficaz para contrarrestar os efectos do coronavirus e garantir a paulatina volta á normalidade”.