10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba unha inxección de case 6 millóns de euros en...

    A Deputación aproba unha inxección de case 6 millóns de euros en infraestruturas para a provincia

    Carmela Silva: “Nada debe pararse porque temos o convencemento de que a obra pública será clave na reactivación económica”

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un ambicioso investimento de ata 5,8 millóns de euros en infraestruturas na provincia que, como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, revalida a plena aposta da Administración provincial pola dotación de recursos para seguir desenvolvendo o seu modelo de mobilidade segura e a posta en marcha de proxectos que axuden á reactivación da economía trala pandemia. Neste senso, Silva fixo fincapé en que “a reconstrución económica ven da man de que haxa investimentos públicos para que poida haber obras”, e tamén no feito de que a Deputación “non deixou de traballar durante o confinamento para que todos os proxectos puideran saír inmediatamente a contratación en canto se retomaron os prazos”.

    “Non só tiñamos desde esta Administración que aportar recursos para paliar as consecuencias da COVID-19, senón que tiñamos que estar preparadas para a reconstrución da economía –subliñou–. E se hai obras, as empresas traballan. Se as empresas traballan, se crea ou se mantén o emprego. Polo tanto, dixo, imos destinar millóns de euros de investimento en obras que nos permitan seguir a desenvolver un modelo de infraestruturas que tamén é de apoio á economía, poñendo recursos nesas políticas keynesianas que teñen un efecto multiplicador sobre a economía”.

    Deste xeito, na Xunta de Goberno aprobarase o Plan Móvese 3, cun investimento de 2,5 millóns de euros e vai permitir executar ata 500 obras en 54 concellos da provincia. A presidenta lembrou que este plan representa o modelo de mobilidade e seguridade viaria na provincia, “co que nestes anos de goberno nos temos convertido nunha grande referencia a nivel nacional e internacional, incluso con premios e recoñecementos pola aposta por outro modelo de espazo público e outro tratamento das infraestruturas viarias cos principios de mobilidade segura, accesibilidade e seguridade viaria”. Co novo investimento de 2,5 millóns, o Plan Móvese suma xa 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde a súa posta en marcha no ano 2016.

    O goberno tamén aprobará outro investimento de ata 2,2 millóns para actuacións nos firmes das estradas provinciais. Deste xeito, adxudicarase por máis dun millón de euros o contrato de obras de conservación de firmes da Zona A, que corresponde ás estradas provinciais dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. Así mesmo, se levará á sesión da Xunta a aprobación do proxecto para a zona C, que corresponde ao Deza e Terra de Montes, por 1,1 millóns de euros para as estradas provinciais que transcorren por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis. A presidenta da Deputación explicou que este contrato estaba adxudicado á empresa Nexia, pero trala entrada en crise da firma a institución provincial veuse na necesidade de aprobar un novo proxecto “e volver licitalo para que outra firma se poida facer cargo desta zona”. Aclarou que mentres non se resolve este concurso a Deputación seguirá “actuando con medios propios nesta área da provincia”. No resto das zonas da provincia, os contratos xa están adxudicados “e se están executando as renovacións de firmes”.

    Amais, o Goberno provincial aprobará tamén outros tres proxectos de recuperación do espazo público e de mobilidade segura por preto de 1,1 millóns de euros, destinados aos concellos das Neves, Moaña e Cerdedo-Cotobade. No que se refire ao primeiro destes municipios, trátase do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial Setados-Ribarteme-Vide, no que se investirán preto de 336.000 euros. No caso de Moaña, aprobarase un convenio entre a Deputación e o Concello para a recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, cun orzamento de cerca de 700.000 euros “e vai permitir mellorar o estado actual do firme, garantir a accesibilidade e crear un espazo onde os peóns van ter a prioridade”. E para Cerdedo-Cotobade, aprobarase unha addenda que completará a mellora do núcleo de Chan xa iniciada no 2018 pola Deputación. “Xa fixeramos a maioría da obra, pero quedaban 200 metros de estrada pendentes de reestruturar e imos abordalo”, explicou a presidenta. O orzamento é e cerca de 42.000 euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.