18.5 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Concello de Tui lembra que para a instalación de terrazas na...

    O Concello de Tui lembra que para a instalación de terrazas na vía pública precísase licenza municipal

    Os establecementos poden solicitar a ampliación da superficie da que se dispuña antes do Estado de Alarma

    A instalación de mesas e cadeiras cunha terraza na vía publica está suxeita a licenza municipal. Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días, onde se indica que así o recolle o artigo 42 da lei 9/2013 de emprendemento e competitividade de Galicia modificada pola lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Aquelas terrazas que carezan de licenza deberá regularizar a súa situación e en caso contrario procederase a iniciar expediente sancionador.

    No bando da alcaldía lémbrase tamén as condicións nas que se permite a apertura das terrazas na actualidade segundo a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, co 50 % das mesas permitidas o ano anterior. Débese manter unha distancia de ao menos dous metros entre mesas ou agrupacións de mesas. No caso de que o establecemento obteña o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderán incrementar o número de mesas, respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública no que se emprace a terraza.

    No bando da alcaldía lémbrase tamén a ocupación máxima das mesas e as medidas de hixiene e prevención para a prestación do servizo establecidas na orde na que se permite a reapertura. Cómpre lembrar así a necesidade limpar e desinfectar o equipamento, principalmente mesas e cadeiras e calquera superficie de contacto entre un cliente e outro. Priorizarase o uso das mantelerías dun só uso, poranse a dispor do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos, evitarase o uso común de cartas, eliminaranse produtos de autoservizo, e os elementos coma vaixela, cristalería, cubertería ou mantelería estarán en recintos pechados ou lonxe de zonas de paso. Deberá amais respectarse a distancia de seguridade interpersoal.

    Os establecementos que desexen ampliar a superficie de terraza deben tramitar as solicitudes mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.

    Cómpre lembrar amais que a corporación municipal acordou ampliar a exención das taxas por ocupación de vía pública ás terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.