Xoves, 13 Novembro de 2025

Tui reflexiona sobre as posibilidades do territorio no futuro post-covid co gallo do Día Mundial do Turismo

0

Este domingo, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo. Este ano celébrase baixo o lema “O turismo e o desenvolvemento rural” que quere expresar a capacidade excepcional do turismo para crear oportunidades no ámbito non urbano e coma instrumento eficaz para a preservación do patrimonio cultural e natural.

A celebración neste ano 2020, no que estamos vivindo un tempo de pandemia, que ten afectado de xeito excepcional ao sector turístico, é un momento para ollar ao futuro preparando as bases para que o turismo sexa un dos sectores dinámicos que impulsen a recuperación.

Coa celebración desta xornada dende o Concello de Tui preténdese promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas:

  • Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas  de reactivación comercial  para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego.
  • Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento.
  • Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación.

Para debater arredor destas liñas de traballo terá lugar unha mesa redonda sobre “Turismo e desenvolvemento rural” que pretende amosar as novas posibilidades de traballo innovador e do emprendemento na nosa contorna. Terá lugar o luns, 28 de setembro, ás 19.30 h na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingo. Será presentada por Ana Mª Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade e moderada por Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago. Participarán Natalia Rodríguez, xerente da “Adega Corisca”, Alicia Benade, responsable da marca “Trigo y Limpo”, Ana Digón, coordinadora de Cocina Regenerativa; e Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. O acto será clausurado por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

Previamente este domingo, 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, realizarase unha ruta polos muíños do río Tripes cunha duración aproximada de 2 horas. Partirá ás 10 h dende praza da Inmaculada no Tren Turístico até lavadoiro de circos, onde comezará a camiñada. Rematará no muíño Mañoco nas inmediacións do Arrabal. 

Ofértanse 30 prazas para cada unha destas actividades que se cubrirán por orde de inscrición, que se debe realizar no correo [email protected].

Esta actividade está organizada polas concellerias de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui, e da continuidade á celebrada o pasado ano e que tivo una excelente acollida.

O programa completo da xornada é o seguinte:

PROGRAMA

Domingo, 27 setembro

Percorrido polos muíños do Tripes

10,00 h. Saída no Tren Turistico dende Praza da Inmaculada.

Duración aproximada da visita: 2 horas

Finaliza no muíño Mañoco

30 prazas, cómpre inscrición previa no correo electrónico [email protected].

Luns, 28 setembro

Mesa redonda: Turismo e desenvolvemento rural

19,30 h. – Aula Uned de Tui

Presenta: Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui

Participantes:

  • Natalia Rodríguez, de Bodega Corisca
  • Alicia Benade, da empresa Trigo Limpo
  • Ana Digón, coordinadora de Cocina regenerativa
  • Rosa Arcos, da Federación Asociacións de Mulleres Rurais

Modera: Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui

Clausura polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

30 prazas, cómpre inscrición previa no correo electrónico [email protected].

Mantéñense o número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.461 deles 1.113 son da área da Coruña, 640 da de Lugo, 659 da de Ourense, 760 da de Pontevedra, 502 da área de Vigo, 608 da de Santiago, e 179 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 34 están en UCI, 200 en unidades de hospitalización e 4.227 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 17.572 persoas curadas, rexistrándose 726 falecementos. As últimas persoas falecidas en centros hospitalarios son un home de 93 anos que estaba ingresado no Hospital de Verín e un home de 87 anos que estaba ingresado no HULA. Ademais, engádese o falecemento, no seu domicilio da área sanitaria de Lugo, dunha muller de 88 anos. Todos eles con patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 446.098.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

En tempos difíciles, Mos ampara aos seus autónomos

0

O Goberno de Mos presentou en comisión informativa unha serie de medidas para apoiar aos autónomos, aos que consideran un pilar fundamental para a economía do municipio.

É xeralizada a preocupación que existe no ámbito administrativo local sobre a falta de instrumentos legais dos que dispoñen as entidades locais para, dende un punto de vista fiscal, poder paliar os efectos económicos para a poboación en xeral e para os profesionais e traballadores autónomos.

Entenden desde Mos que o actual contexto da COVID-19, cos rebrotes que se están a producir e as medidas de peche, suspensión e redución de actividades,  esixe ter en conta as dificultades polas que atravesan as  empresas, profesionais e autónomos que por circunstancias alleas a aqueles se ben obrigados a limitar o mesmo paralizar a súas actividades. Pois ben, en dito contexto, resulta preciso, para evitar o peche definitivo de moitas destas actividades, contribuír ao seu mantemento ou supervivencia reducindo a presión fiscal.

Por este motivo o goberno local presentou onte a decisión de establecer a ELIMINACIÓN DA TASA DE VENTA AMBULANTE, instalación de postos, barracas, casetas de vendas, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulante e rodaxe cinematográfico.

Ademais presenta unha moción que será debatida no pleno do próximo luns 28 solicitando o apoio da oposión para solicitarlle ao goberbo central as seguintes medidas:

  • A exencións ou bonificación no pago do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) relacionados co exercicio de actividades económicas durante o tempo que estean suspendidas, non autorizadas ou afectadas gravemente.
  • A exención ou bonificación no Imposto sobre vehículos de tracción mecánica  (IVTM) para aqueles vehículos de carácter industrial, ante a imposibilidade de desenvolver a súa actividade por orde das autoridades administrativas ou sanitarias.

Dende o Concello de Mos, xa se puxeron en marcha fai meses, diferentes medidas fiscais e tributarias para axudar a este colectivo; como por exemplo: adaptar o Calendario fiscal ampliando o prazo de cobranza para o IVTM, a derrogación  de ordenanzas tales como as tasas das terrazas en vía publica, esención tasas por expedición de documentos administrativos, etc.

Unidade Móbil de inspección técnica de turismos en novembro e decembro na Guarda

0

A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de A GUARDA nas seguintes datas e ubicacións:

  • do 26/11/2020 ao 04/12/2020 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)
  • do 09/12/2020 ao 09/12/2020 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)

Pode consultar os horarios a través do noso servizo de atención ao cliente, no 981 90 30 00.

Para solicitar cita previa:

  • Por teléfono: 902 30 90 00
  • A través da nosa páxina web: www.sycitv.com – Cita previa

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Nigrán reorganiza o roupeiro municipal para dinamizar a entrega de prendas a familias ou entidades sociais da comarca que o soliciten

0

O Concello de Nigrán ven de reorganizar toda a xestión do Roupeiro Municipal de cara a tempada de outono/inverno co obxectivo de axilizar a entrega de prendas nun momento de especial necesidade ante a crise económica derivada da situación sanitaria. A inxente acumulación de xénero durante o estado de alarma na entrada das instalacións da rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor) motivou que o Concello decidise re-plantexar este servizo creado no ano 2009  e único na área de Vigo polo seu carácter municipal.

Así, tras meses pechado debido ao confinamento, o Roupeiro reabre  os mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas (venres de 16:30 a 18:00 con cita previa no 986383081) cun protocolo Covid-19 que garante a máxima seguridade na entrega e recepción de doazóns (entre elas realízase corentena e desinfección da roupa ou a toma da temperatura antes de entrar). Ademais dun novo voluntariado no que só se mantén Marián Pérez Álvarez, súmanse agora Charo Pintos, Sandra Novoa e Ángeles Pérez, todas veciñas de Nigrán que traballan desinteresadamente neste servizo e ás que o Concello agradece publicamente a súa magnífica labor neste meses. Entre as novas iniciativas do Concello para de verdade dinamizar a entrega de prendas ou roupa de cama está a de abrir a solicitude a calquera entidade social da área de Vigo que o demande para os seus usuarios (debe contactar a través do mail [email protected]). Ademais, ofreceranse citas individualizadas a familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello para garantir a súa privacidade se así o desexan. Igualmente, tal eomo se viña facendo, calquera persoa pode acudir directamente no horario de apertura a doar ou recoller prendas, sexa ou non veciño do municipio.

“Durante os meses de confinamento foron depositadas centos e centos de bolsas na entrada a pesares de estar pechado, isto desbordou a capacidade do mesmo e obrigou a repensar todo o sistema para de verdade darlle saída ás prendas nun momento de crisis tamén económica na que, desafortunadamente, sabemos que haberá maior demanda. En definitiva, queremos dinamizar o servizo e estamos moi agradecidas ás voluntarias, que realizaron un traballo descomunal nestes meses reclasificando e seleccionando todo, actualmente o Roupeiro ten o aspecto que pode ter unha tenda de moda, co xénero clasificado incluso por tallas, colgado en perchas ou dobrado e en habitacións diferentes segundo se é de nenos, muller, mocidade, zapatería ou roupa de cama”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o obxectivo non é acumular e almacenar, se non distribuír entre quen o precisa”.

Para manter este equilibro e bo funcionamento, desde a concellería de Igualdade e Voluntariado subliñan a importancia de promover as doazóns entre particulares, incidindo en que se entreguen só prendas en bo estado e recén lavadas. “Todos acumulamos roupa na casa en perfectas condicións pero que xa non usamos ou que xa non nos sirve, entregándoa estamos a axudar a familias que o precisan e, ao mesmo tempo, contribuímos á sostibilidade do planeta dándolles unha segunda vida”, incide a concelleira, Patricia Diego.

O Concello de Nigrán mantén complementariamente contedores de Humana e, desde este verán, tamén de contederores vermellos de Cáritas destinados ao proxecto social e de inserción laboral Koopera.

Baiona pon en marcha unha liña de axudas municipais para apoiar ás familias nos gastos escolares

0

O Concello de Baiona subscribiu un convenio con CaixaBank a través da Obra Social ‘La  Caixa’ para financiar un programa de atención urxente e prioritaria dirixido a paliar as situacións de emerxencia social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade fronte a Covid-19. A liña de axudas centrarase en cubrir as necesidades escolares das familias do municipio.

O Convenio, dotado con 6.000 euros, foi asinado onte polo alcalde de Baiona, Carlos Gómez e a directora da oficina de CaixaBank en Baiona, Yolanda Pérez. O olcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, realizou unha serie de contactos con distintas entidades bancarias en busca de financiamento para paliar os efectos da crise sanitaria no municipio e agradeceu “a gran disposición” amosada pola sucursal baionesa de CaixaBank.

O proxecto permitirá axudar ás familias que teñen dificultades para afrontar os gastos de adquisición do libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte, asegurando que en Baiona todos os nenos e nenas poidan desenvolver o cuso de forma adecuada, sexa cal for a súa situación económica.

Desde o departamento de Servizos Sociais municipal está a traballarse na redacción das bases das axudas que se outorgarán seguindo criterios sociais.

“O obxectivo destas axudas é rebaixar a carga económica das familias derivada dos gastos escolares. Con todo iso, queremos continuar colaborando coas familias, canto máis en orde ao seu enfraquecemento económico tras a crise do coronavirus, e traballar sempre para reforzar unha educación pública de calidade”, explicou Carlos Gómez que engadiu que “como administración máis próxima, debemos poñer o noso gran de area para que a situación que están a vivir sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, conclúe o rexedor local.

Tomiño leva a pleno un proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza para compartir bicicletas eléctricas

0

O Concello de Tomiño celebrará este xoves 24 de setembro un pleno ordinario ao que se levará, entre outros temas, a aprobación dun proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave no que as bicicletas serán as protagonistas. Deste xeito, a través dun protocolo de colaboración, o Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) quere implantar un sistema para compartir bicicletas eléctricas co que fomentar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.

O proxecto contará coa instalación dunha estación de aparcamento virtual en Tomiño e Cerveira e un total de entre 10 e 15 bicis eléctricas con GPS incorporado que se poderán usar de forma compartida para circular exclusivamente no territorio da Eurocidade. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo programa INTERREG VA. O Concello investirá nesta iniciativa piloto un total de 7.500 euros.

Por outra banda tamén se levarán a pleno a aprobación das contas xerais e a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021.

O BNG de Redondela propón, nunha moción, un incremento das partidas de comedores escolares

0

O Bloque Nacionalista Galego presentará no Pleno do mes de setembro, que terá lugar na tarde de hoxe, unha moción na que se realiza un diagnóstico da situación de inicio de curso escolar. Numerosos problemas que afectan a todos os níveis do ensino pre, e obrigatorio, tanto a alumnado, profesorado, direccións dos centros, ademáis das familias e aos propios concellos.

Describe como centros educativos de educación infantil e primaria, ao igual que os de secundaria, non están recibindo os suficientes recursos materiais, económicos e humanos para afrontar “o propio protocolo elaborado pola Xunta de Galiza, para enfrontar a pandemia do COVID”.

O voceiro municipal, Xoán Carlos González considera que “se está sobrecargando á comunidade educativa tanto con maiores gastos, maiores responsabilidades, todo o contrario do que debería ser unha correcta planificación, e apoio da administración galega, unha volta ás aulas con seguridade”.

A defensa da moción por parte do BNG, pretende denuncia o abandono por parte do goberno Feijóo ao conxunto da comunidade educativa. “O goberno galego vai recibir máis de noventa millóns de euros para incidir directamente no ensino”, apunta o edil nacionalista. Recorda como as medidas que se están conseguindo, son froito da presión social, política e sindical.

En canto á limpeza dos centros educativos, deben ser os concellos, quen garantan o mesmo, supoñendo un sobrecusto, para a facenda municipal. “O goberno galego, impón as medidas, as solucións deben buscala outros”, sinala Xoán Carlos González.

Un dos aspectos que máis preocupa á comunidade educativa, segundo o concelleiro do BNG, refírese á xestión dos comedores escolares, maioritariamente a traverso das ANPAs. “Sobre elas recae a viabilidade destes servizos indispensábies para a conciliación da vida familiar e laboral. O goberno de Feijóo pretende responsabilizalas se se produce algún contaxio, polo que moitas directivas estanse pensando se ofertarán este servizo”.

“Nestes intres, sinala Xoán Carlos González, sabendo da renuncia do goberno de Feijóo das súas responsabilidades, demandamos que o goberno municipal de Redondela aumente a dotación económica dos comedores, e que non recaia directamente nas familias os sobrecustes motivados pola aplicación do Protocolo”.

A Deputación inicia, a vindeira semana, as obras de mellora na estrada provincial entre Redondela e Ventosela

A Deputación de Pontevedra acometerá a partir de próxima semana as obras de mellora da estrada provincial EP-2900 entre Redondela e a localidade de Ventosela. Os servizos técnicos provinciais xa teñen pechadas as actuacións a realizar nesta vía, cun trazado total de 2,6 Km, no marco da planificación de mantemento ordinario da Rede Provincial de Estradas e incorporando tamén a petición expresa do Concello de Redondela para incluír un novo paso elevado para peóns, amais do que xa estaba previsto no proxecto.

Despois de varios meses de traballo de planificación, o persoal técnico da Deputación coordinará unhas actuacións, cun investimento en torno aos 50.000 euros, que comezarán polo asfaltado da estrada, con aglomerado en quente, nos sectores deteriorados do pavimento, deixándoo en perfectas condicións de servizo. A maiores vanse instalar dous pasos de peóns sobreelevados e, finalmente, procederase ao pintado integral e ao reforzo da sinalización vertical.

Os traballos de asfaltado encádranse no Plan Marco de Reforzo de Firmes deste ano. No que atinxe aos pasos de peóns vaise acometer a instalación dun primeiro no PK 0+105 incluído no Plan Móvese III, é dicir, no operativo da Deputación destinado á mellora ordinaria da seguridade viaria nas estradas provinciais. A maiores, a petición da alcaldesa redondelá, Digna Rivas, e para optimizar os tránsitos peonís, a Deputación elevará outro paso de peóns na contorna do PK 2+000 e instalará redutores de velocidade. Unha vez finalizadas estas actuacións procederase ao pintado integral dos 2,6 Km de estrada e á mellora da sinalización vertical.

A Deputación de Pontevedra vén acometendo actuacións de seguridade viaria e mantemento na EP-2900 entre Redondela e Ventosela de maneira sostida durante os últimos anos e así, dentro das fases I e II do Plan Móvese xa executou 6 badéns redutores de velocidade nesta vía, ademais dos labores ordinarios de roza das súas beiras, realizando dúas “pasadas” anuais

‘Defendendo o Tea’ súmase, un ano máis, á ‘Limpeza simultánea de ríos’ promovida por Adega

O próximo domingo día 27 de setembro realizase a limpeza simultánea de Ríos promovida por Adega dentro do ‘Proxecto Ríos’. Como cada año ‘Defendendo o Tea’ estará aí, ‘mollándose polo río’, traballando arreo para eliminar o lixo que xentiñas un tanto descerebradas, tiran ao Tea como se fora un vertedoiro.

Este domingo, polo tanto, é un bo momento para poñer o noso gran de area, achegarnos e participar. Será un xeito de facer algo diferente e rematar coa satisfacción de que algo fixemos por evitar a degradación medioambiental dun lugar extraordinariamente fermoso como o río Tea.

Este ano “como e un tanto especial”, explica Defendendo o Tea, as e os participantes deberán achegarse con máscara de protección e luvas, recoméndan que as luvas “sexan as de toda a vida de limpiar que temos na casa”. Tamén non está de máis levar calzado apropiado para andar pola beira do río e sobre todo, engaden, “ganas de recoller o que outros tiran”.

O lugar de encontro este ano será a praia da Freixa de 9:30 h a 9:45. O teléfono para anotarse é o 696 65 50 89 (Marta).

A Banda de Música Popular de Tui lamenta que o Concello impídalles ensaiar no Conservatorio Municipal onde o facían dende hai 18 anos

0

A Banda de Música Popular de Tui vén de facer público un comunicado no que expresa o seu “malestar e descontento” co Goberno Municipal e co Conservatorio e Escola de Música Municipal de Tui, tras “a súa negativa constante nos últimos meses de ensaiar no Conservatorio Municipal, lugar onde levabamos 18 anos desenvolvendo a nosa actividade”.

No seu escrito, a Banda de Música explica que logo de ser chamados por estas institucións “para a retirada dos trofeos acadados durante a nosa longa traxectoria musical”, este xoves día 17 de setembro do 2020, recibiron unha chamada do director do Conservatorio, na que lles esixía retirar todo o material –cadeiras, material de percusión, etc.–, “cousa que nunca se nos notificou por parte do concello”, afirman no seu comunicado. Ante esta situación, engaden, “vémonos na obriga de gardar o noso material en diversas casas particulares dos compoñentes da agrupación, sen contar o gasto económico que supuxo desprazar todo ese material”.

Dende a volta á ‘nova normalidade’, a Banda de Música Popular de Tui nunca tivo a ocasión de volver a utilizar o local de ensaio e aseguran que, durante ese tempo, sempre buscouse o diálogo co Concello para buscar unha solución ao problema, “sen acadar resposta nin preocupación algunha”.

“A premisa dada para a entrega das chaves foron as recomendacións sanitarias ante a Covid-19, pero non temos moi claro a finalidade desta decisión, xa que dende hai tres meses a Banda de Música está realizando ensaios no pavillón de deportes de Guillarei, ocupado actualmente polo Colexio, con todo o protocolo sanitario establecido pola Xunta e sen ter ningún contratempo ata a data” o que leva á directiva da Banda a pensar que “foi só unha escusa, xa que sempre estivemos dispostos a tomar as medidas adecuadas para que non houbera ningún tipo de problema (desinfectar as zonas utilizadas, ensaiar ao aire libre, grupos reducidos…) ensaiando no propio conservatorio”.

A directiva da agrupación musical cualifica de “incrible” ter que abandonar o lugar onde realizan as súas actividades o Conservatorio e a Escola de Música Municipal de Tui, “cando foi precisamente a Banda de Música Popular de Tui quen impulsou e deu os primeiros pasos para que Tui teña hoxe un conservatorio de música profesional”, lembran dende a propia banda de música.

Aproveitan a ocasión para expersar a súa “admiración” polo que consideran “magnífica xestión que se está levando a cabo nos concellos veciños coas súas respectivas bandas, servindo como exemplo neste caso o Concello de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas… nos cales apostan por unha cultura local segura”.

Con todo, a Banda de Música Popular de Tui segue aberta ao diálogo “para chegar a unha solución na que poidamos continuar realizando a nosa actividade con toda normalidade” e agradecen a mostras de apoio que teñen recibido por parte da veciñanza “moi importante nestes momentos tan complicados para a cultura”.

O Baixo Miño e o Condado-Paradanta apostan pola rede ‘Ágora’ da Deputación para recuperar espazo público para as persoas reducíndollo aos coches

Tres de cada catro municipios da provincia, un total de 44, formalizaron a súa adhesión á rede ‘Ágora’ de concellos pola recuperación do espazo público impulsada pola Deputación. Trátase dun proxecto do departamento de Mobilidade que ten como obxectivo que os municipios da provincia multipliquen o espazo destinado ás persoas nas vilas, cidades e calquera núcleo de poboación reducíndoo aos vehículos a motor.

O deputado Uxío Benítez, promotor da iniciativa, acompañado de persoal do seu departamento, e da secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, destacou hoxe a súa satisfacción pola boa acollida do modelo. Lembrou que no mes de maio se fixo unha presentación aos concellos, aos que se lles deu de prazo ata o 15 de setembro para formalizar oficialmente a adhesión. “O resultado é máis que satisfactorio pola nosa parte. Entendemos que é un grande éxito de participación e de acollida. Veremos de agora en diante, xa que o compromiso é incrementar o espazo público para as persoas (…), e en xuño de 2023 temos que demostrar con datos que Ágora serviu para algo”, afirmou.

O nacionalista salientou que hai comarcas nas que practicamente se adheriron todos os concellos e outras nas que case a súa totalidade. Explicou que en Ágora están presentes concellos máis urbanos con máis poboación, e máis rurais e con menos poboación. “Sempre dixemos que os principios Ágora, a súa filosofía, pode implantarse en calquera tipo de concello sexa cal sexa o seu tamaño. Ese vai ser un dos retos e queremos demostralo con feitos de aquí a tres anos”, afirmou.

No caso da comarca do Baixo Miño a adhesión foi total, xa que aprobaron en Pleno ou por Xunta de Goberno os principios da rede e a adhesión: Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Oia. No caso do Condado-Paradanta aprobaron formalmente a participación no proxecto os municipios de Ponteareas, As Neves, Salvaterra, Arbo, Covelo e Crecente.

A inclusión na ‘Rede Ágora’ suporá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes ‘Cidades que Camiñan’ e ‘Cidades pola Bicicleta’), a participación en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos. 

Benítez lembrou que acaba de rematar a Semana Europea da Mobilidade e subliñou que “hai que dicir que neste recuncho de Europa naceu unha iniciativa que vai ser exitosa e nós pasamos a unha seguinte fase que é lanzar iniciativas para conseguir os obxectivos”.

Algunhas desas iniciativas previstas para os vindeiros meses son a creación dun Consello Asesor participado por profesionais de recoñecido prestixio, a realización de liñas de subvencións para proxectos de recuperación do espazo público, a creación dunha ‘Facultade Ágora’ para formación de persoal técnico, unha mesa de traballo,  así como a celebración dun Congreso Internacional e os Premios Ágora ás mellores intervencións no espazo público da provincia.

Actuacións urxentes pola COVID-19

Ademais do proxecto Ágora, o deputado de Mobilidade tamén confirmou que os técnicos provinciais xa teñen visitado máis de 15 concellos da provincia que pediron asesoramento para implantar políticas e actuacións tácticas urxentes de ampliación do espazo público a raíz da situación motivada pola crise COVID-19.

“Consideramos que a situación da COVID favorece que se poidan ir implantando este tipo de políticas tanto sexa con carácter temporal e urxente ou carácter definitivo. O persoal técnico revisou cales son as estratexias de cada un dos concellos para as vindeiras actuacións a realizar”, explicou citando nomeadamente os concellos de Ponteareas, A Estrada, Bueu ou Moaña, pero lembrando que “cada concello ten os seus ritmos e a súa estratexia, e nós damos apoio técnico e empuxe, sempre respectando a autonomía municipal porque cada concello é soberano”, insistiu.

Benítez subliñou que dende o confinamento houbo certa relaxación sobre as medidas a adoptar, mais agora parecen ser novamente necesarias. “O que si quedou claro é que se tivesemos unhas vilas, unhas cidades e unhas parroquias nas que houbera máis espazo público para as persoas seguramente levariamos mellor o tema da COVID. Penso que iso é unánime e axuda a todas estas políticas que pretendemos implementar”, dixo, ao tempo que tamén fixo referencia a toda a dinámica europea e a estratexia de aposta pola economía baixa en carbono.

Rede de Cidades que Camiñan

O deputado de Mobilidade explicou tamén que hoxe se celebrou unha reunión técnica coa secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, unha entidade da que a Deputación forma parte dende principios de verán, e de forma automática os concellos incorporados a Ágora. Subliñou que a de Pontevedra é primeira deputación que entra a formar parte e insistiu en que é preciso traballar en conxunto para “crear un estado de opinión sobre a importancia de conseguir municipios máis camiñables”.

Pola súa banda, Ana Montalbán, agradeceu que a Deputación se teña integrado á Rede de Cidades que Camiñan e felicitou ao deputado pola iniciativa de Ágora, “xa que nos parece un proxecto fantástico e unha maneira moi interesante de investir o diñeiro público en proxectos que vaian a favor da camiñabilidade e da recuperación do espazo público para as persoas”. Destacou que os 10 principios de Ágora son practicamente os mesmos que os da Rede “por iso cremos que a nosa colaboración é moi interesante”. Montalbán tamén sinalou que a adhesión da Deputación á Rede de Cidades que Camiñan non é simplemente nominal, “senón que entrou con forza” e está traballando por sacar adiante iniciativas como a campaña de ‘Cidade 30’ e tamén para influír na Lei de Mobilidade que “na que non queremos que os peóns sexamos un referentes no texto, pero esquecidos na práctica”.

José Luis Baños de Cos, gañador do III Premio Roberto Vidal Bolaño

José Luis Baños de Cos é o gañador da terceira edición do premio literario “Roberto Vidal Bolaño”, coa obra titulada “A cámara escura”. O galardón instituído polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro entregouse hoxe pola alcaldesa Eva García nun acto condicionado polos protocolos anti-covid, celebrado no salón de sesión do consistorio porriñés coa asistencia do galardoado.

Baños de Cos é orixinario de Cádiz pero leva asentado en Galicia dende hai anos por razóns de traballo e persoais e “ven de amosar un excelente coñecemento da nosa lingua” como ponderou o xurado do certamen.

Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e secretaria do xurado deu lectura á acta co fallo. O xurado valorou que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade; é un texto actual e eminentemente teatral xa que se lle pode sentir o pulso da escena”.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibiu un diploma acreditativo, unha escultura e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia, a partir do ano que ven.

Francisco Castro, director xeral da editorial aproveitou a súa intervención para agradecerlle ao Concello do Porriño “pola súa sensibilidade á hora de apoiar este premio. Hoxe sodes unha das capitais culturais de Galicia no que atinxe ao mundo teatral e por suposto no que é o teatro orientado á mocidade, Porriño ocupa o posto máis elevado”, segundo valorou o director xeral de Editorial Galaxia.

Lourdes Moure, concelleira de Educación que acolleu hai tres anos a proposta que lle trasladaron o Instituto Ribeira do Louro e a editorial, manifestou que “o Concello vai continuar realizando esta achega anual de 2.000 euros e ogallá sexa por moitos anos máis”.

Pechou o acto a alcaldesa que subliñou “o esforzo enorme” realizado polos gobernos municipais que preside dende hai cinco anos o que vencellou con iniciativas como o apoio do Concello a este premio. “Propuxemonos sacar ao Porriño da condición de erial cultural que era dotandolle dunha programación cultural mensual e diferencíada que hoxe calquera veciño pode comprobar e consultar na lona que poñemos na rúa peonil”, manifestou Eva García.

A Xunta recibe as obras da depuradora de augas residuais da plataforma loxístico-industrial de Salvaterra-As Neves

Técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaban de proceder á recepción das obras de construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Plataforma Loxístico-Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), dando un paso máis cara a posta en funcionamento do parque empresarial.

As obras consistiron na construción dunha EDAR dimensionada para a primeira fase da PLISAN pero preparada tamén para as ampliacións futuras previstas. Executouse un tanque de emerxencias, de 900 m3 de capacidade.

Ademais, realizouse a construción do acceso, duns 241 metros de lonxitude e cinco metros de ancho, a instalación do colector da entrada á depuradora, a acometida eléctrica, telecomunicacións e abastecemento.

Tamén se executou o colector de vertido ao río Miño das augas depuradas, con 464 metros de lonxitude e 400 milímetros de diámetro.

Como obras complementarias, instaláronse equipos de bombeo, implementouse un sistema de xestión de vertidos accidentais e realizáronse labores de recuperación da canle dun muíño próximo á EDAR.

O investimento realizado na construción desta infraestrutura, a súa posta en marcha e explotación supera os 4,31 millóns de euros.

Por outra parte, continúan a bo ritmo as obras de construción da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Plisan, licitadas polo IGVS e cuxo remate está previsto para finais de 2020, cun investimento de máis de 7,23 millóns de euros.

Con estas dúas obras garantirase o subministro de auga potable e o saneamento da Plisan, na que xa están rematadas as obras de urbanización da primeira fase e adxudicadas as primeiras parcelas a empresas que prevén iniciar proximamente a súa implantación na mesma.

Rexístranse en Galicia 4.460 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.460 deles 1.110 son da área da Coruña, 679 da de Lugo, 602 da de Ourense, 736 da de Pontevedra, 511 da área de Vigo, 633 da de Santiago, e 189 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 217 en unidades de hospitalización e 4.211 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 17.308 persoas curadas, rexistrándose 721 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 440.382.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

A Escola de Cantería ultima os preparativos do novo curso que chega con todas a medidas de seguridade

Foto de arquivo

O vindeiro 1 de outubro a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra abrirá as súas portas ao novo curso 20-21 con clases presenciais pero con todas as medidas de seguridade e prevención fronte á Covid-19. O centro, que reabriu tralo confinamento a comezos de xuño, conta cun estrito protocolo que supón unha intensificación na limpeza e desinfección e o mantemento da distancia de seguridade entre as persoas para garantir o cumprimento de todas as medidas ditadas polas autoridades sanitarias.

O 28 de setembro rematará o prazo de matrícula para o alumnado interesado en acceder aos estudos de cantería e de mestra/e canteira/o. As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través dun formulario dispoñible na páxina web da Escola, escoladecanteria.depo.gal, e desde esta semana terán que formalizar a matrícula para poder comezar o curso a partir do 1 de outubro.

Para acceder aos estudos de cantería é necesario posuír o título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso. Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación. Para optar ao título de mestra/e de cantería, con tamén 25 prazas por curso, é necesario ter o título de cantería e recibir outros dous anos de formación. A Escola ten pendente a súa acreditación como Centro de Formación para o Emprego, xa tramitado pola Deputación que está á espera da resposta da Xunta de Galicia. Esta acreditación permitiralle aos alumnos obter o Certificado de Profesionalidade dos estudos.

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal.  Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.

“ARELA” busca en Tomiño persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia

0

A Asociación Arela e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias que desexen convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia por orde xudicial.

A técnica da Asociación Arela, Eva Piñeiro, mantivo en días pasados unha xuntanza de traballo coa concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez Souto, e con persoal técnico,  para a presentación do programa.

A finalidade do mesmo é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Polo mesmo, as entidades están a solicitar o apoio dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e conseguir un banco de persoas ou familias na provincia.

A concelleira de Benestar Social e mesmo o Equipo de Servizos Sociais  e  a técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), amosaron gran sensibilidade con esta iniciativa e comprometéronse na difusión entre a veciñanza. Tan e así que e a día de hoxe xa hai algunhas familias interesadas en participar.

A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade e sentido do compromiso cara á adolescencia, que estean dispostas a facer unha aposta temporal por un moco ou moza con dificultades. Un ambiente socializador e positivo permitiralles modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada e de estabilidade emocional; comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, e non buscar satisfacer un desexo de paternidade.

Valorarase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, a predisposición a ser formado/a en diferentes temáticas como adolescencia e coñecementos de carácter xurídico .

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento con acompañamento de profesionais, ademais dun financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como chamando ao teléfono da súa sede central, 986 21 25 37, ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Comezan as obras de acondicionamento e mellora do camiño Veiga dos Eidos, en Cesantes

0

O Concello de Redondela iniciará, nestes días, os traballos de acondicionamento e mellora do Camiño de Veiga dos Eidos, na parroquia de Cesantes, unha actuación longamente demandada pola veciñanza e que tería que terse comezado en setembro do pasado ano 2019.

Os traballos, adxudicados polo anterior goberno, tiveron “unha excesiva lentitude na súa tramitación” o que sumado ao cese da actividade da empresa adxudicataria, fixo que o actual Goberno tivera que iniciar, novamente, todo o proceso para unha nova licitación. A chegada da pandemia da COVID e a paralización de todos prazos adminitrativos, fixo que esta obra non se puidera comezar ata agora.

Con estes traballos, adxudicados tralo novo proceso a Construcciones Vale, o camiño Veiga dos Eidos será ensanchado xa que, na actualidade, ten unha largura insuficiente que dificulta o tránsito cara as vivendas situadas no lugar. Ao mesmo tempo se procederá á rehabilitación do firme en todo o treito –que presenta un estado deficiente– e á dotación dun paquete de firme asfáltico nas zonas puntuais onde o camiño aínda está de terra.

No proxecto contémplase, asemade, a renovación e acometidas da rede de augas fecais que tamén están en mal estado.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, salientaron a importancia destes traballos que “contribúen a mellorar as comunicacións da veciñanza da zona e a dispoñer dun acceso máis seguro ás súas vivendas”.

Mondariz da a coñecer unha ampla programación cultural para este outono

0

O Concello de Mondariz vén de dar a coñecer a súa progración cultural de outono, unha serie de actividades nas que abunda o cinema e o teatro e repítense actividades que tiveron unha grande aceptación en edicións pasadas como as xornadas de micoloxía –que cada vez contan con máis persoas afeccionadas ao mundo dos cogomelos– e as clases de defensa persoal para mulleres.

A programación que arrancaba o pasado día 19 de setembro coa proba de orientación nocturna, ten a súa continuidade este vindeiro sábado, 26 de setembro, co concerto que Broken Peach ofrecerán ha Praza de España ás 22:30 horas, actividade que, en caso de choiva, será trasladada á Praza de Abastos.

O día 3 de outubro ás 19:30, será a quenda da música coral co ciclo Outono en Son na Praza de España. A primeira das citas co teatro terá lugar o sábado seguinte, 10 de outubro ás 21 horas no Auditorio Municipal co espectáculo Chola a It girl. Nesa mesma fin de semana, o domingo 11 de outubro, os máis pequenos terán o seu espazo nesta programación cultural co contacontos Os contos do avó: lendas e historias de Galicia, actividade que se desenvolverá na Biblioteca Municipal ‘Xoán Xosé Pérez Labaca’.

O sábado 17 de outubro o cine será o protagonista coa proxección ás 10:30 horas, no Auditorio Municipal, da película O que arde, actividade que contará coa presenza do seu director, Oliver Laxe; a actriz Benedicta Sánchez e o actor Amador Arias con quen o público poderá manter unha charla coloquio.

Evolución positiva da situación epidemiolóxica no Rosal, con só 10 casos activos

0

O Concello do Rosal destaca a evolución positiva da situación epidemiolóxica do municipio, que nos últimos días como descendía paulatinamente o número de casos activos de COVID-19. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, nestes intres só quedan 10 casos positivos no concello. Recordamos que se consideran casos activos o de aquelas persoas que tendo o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal deran positivo na proba PCR e aínda non recibiron a alta médica.

Esta evolución positiva permitiu que Sanidade levantara o pasado sábado 19 de setembro no Rosal as medidas restritivas decretadas para frear a expansión da COVID-19. Ao saír da zona de restricións a Consellería suspende as reunións semanais programadas co Rosal para facilitar información actualizada da situación no municipio. Non obstante, dende o Concello seguirase trasladando á veciñanza calquera información oficial que transmitan as autoridades sanitarias.

Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia da rápida mellora dos datos no Rosal e da redución de casos positivos, pero fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as medidas “de xeito tan exemplar como ata o de agora”. “Debemos ser conscientes da nosa vulnerabilidade e de que estes brotes e contaxios puntuais forman xa parte da nosa vida cotiá. Por iso, pola saúde de todos e todas, é momento de redobrar esforzos e extremar as medidas de precaución”, salienta.

O xoves finaliza a inscrición para La Icónica, que se disputa o fin de semana

O xoves péchanse as inscricións para afrontar La Icónica, unha nova experiencia atlética dentro da modalidade de marcha nórdica aínda que tamén haberá espazo para o tradicional sendeirismo. Este evento será a próxima fin de semana. A primeira etapa será entre Oia, pasando polo Rosal, e A Guarda. O domingo realizarase o percorrido con saída na Guarda e por Tomiño, Villanova de Cerveira, Valença e Tui. As inscricións pódense formalizar na páxina web Laiconica.es ata o xoves.

A organización previu unhas esixentes normas de seguridade, entre as que se inclúen as saídas escoltadas desde os distintos lugares. Ao mesmo tempo, será un aliciente o poder realizar dúas travesías tan importantes polo seu percorrido e os sitios polos que pasa na especialidade de marcha nórdica, que se realiza con bastóns. A Icónica tamén introduce unha innovación moi significativa neste tipo de eventos.

Espérase unha boa participación e o obxectivo dos rexistrados será chegar a Tui. A organización dará apoio loxístico a todos os participantes, que tamén terán dereito a participar en sorteo dunha gran cantidade de agasallos o domingo pola tarde en Tui.

Tui contará con máis de 48.000 euros para axudas á rehabilitación para o casco histórico na Fase 14ª da ARI

0

O Concello de Tui recibirá 48.400 € da Xunta de Galicia correspondentes ao fondos de 2020 da Fase 14ª para a Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico de Tui. Unha vez recibida a comunicación desta achega, o Concello xa trasladou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo as actuacións previstas, presentando a documentación acreditativa e a memoria do programa das actuacións. No reparto de fondos tívose en conta o grado de cumprimento dos obxectivos asignados en anteriores consignacións.

As persoas propietarias de vivendas e edificios emprazados no ámbito da Área de Rehabilitación Integral, e o propio concello, será os beneficiarios finais destes 48.400 €. As persoas particulares percibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Mentres o Concello destinará estes cartos á realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito da ARI. Dende a Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui procederase nos próximos meses á apertura dunha nova convocatoria de axudas con cargo a estes fondos.

Actualmente o Concello de Tui ten en execución convenios asinados en anos anteriores, cunha dotación total que se aproxima aos 130.000 € correspondentes á Fase 13ª. Nesta fase, que pechou o prazo de solicitude das axudas o pasado 5 de agosto, na Oficina de Rehabilitación recibiron numerosas solicitudes de propietarios para levar a cabo obras de rehabilitación nas súas vivendas. As actuación solicitadas principalmente abarcan obras de mellora de eficiencia enerxética con illamentos de cubertas e cambios de carpinterías, e tamén a restauración das fachadas. Coas actuacións presentadas cúmprense os obxectivos da fase 13ª.

A ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’ do IES Illa de San Simón de Redondela aconsella ás familias “non levar aos nenos ou nenas ao instituto”

0

Ante o que cualifican un comezo de curso “inseguro e improvisado” a ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’ do IES San Simón de Redondela mírase na obriga “de chamar a atención ás familias sobre o perigo que corren e que poden propagar se a Consellería de Educación empeñase en abrir o instituto sen garantir as normas de prevención contar o Covid que ela mesma considera imprescindibles”. “Para evitar esta propagación do coronavirus no noso pobo chamamos a responsabilidade das familias non deixando aos seus fillos ou fillas acudir ao instituto se continuan as actuais condicións” sinala a ANPA.

Cómpre salientar que as ANPAs de Redondela teñen dirixido xa varios escritos a Consellería de Educación polo que consideran “unha deixadez de responsabilidades” cargando sobre as ANPAs con responsabilidades que son competencia da administración educativa e, poñen como exemplos, “os comedores escolares, aulas madrugas e actividades extraescolares, imprescindibles para a conciliación laboral e familiar”. Por eses motivos, o pasado 11 de setembro manifestáronse públicamente e, pese a iso, “a día de hoxe non temos ningunha resposta por parte da Consellería”, lamenta a ANPA do IES Illa de San Simón.

Ademais disto, a dirección e equipo directivo do IES Illa de San Simón veñen reclamando á Consellería de Educación o aumento do persoal de limpeza do instituto, xa que sen ese reforzo é imposible garantir a desinfección do centro segundo a normativa ditada pola propia Consellería de Educación no Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021.

A gravidade desta situación, explica a ANPA, foi posta en coñecemento da Consellería “sen que solucionara o problema”. Debido a esta outra deixadez por parte da Consellería, “o equipo directivo anunciou a imposibilidade de abrir o centro ao alumnado o pasado 16 de Setembro, data prevista de inicio do curso”. Esta circunstancia, xunto a outras doutros IES de toda Galicia fixo que a Consellería atrasara o inicio do curso ao 23 de Setembro. “De non obter unha solución, loxicamente, o equipo directivo anuncia que dimitirá en bloque”, afirma a asociación de nais e pais.

Unha vez tratado este tema entre a ANPA e o equipo directivo, a ANPA do IES Illa de San Simón decidiu dirixir escritos a inspección educativa e xefatura territorial de educación “urxindo a unha solución inmediata”, debido a proximidade do inicio do curso, “e satisfactoria, debido ao perigo para a saúde dos nosos fillos e fillas, e por suposto dos traballadores e traballadoras do instituto, pero tamén para as familias e o pobo de Redondela”.

Carmela Silva e Maica Larriba ultiman o reparto das 100.000 máscaras que a Deputación realizará este mércores nos concellos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, para coordinar o reparto das preto de 100.000 máscaras que, procedentes do goberno do estado, realizará este mércores a institución provincial entre os concellos de menos de 20.000 habitantes. Na reunión virtual ambas mandatarias coincidiron ao poñer en valor a importancia do traballo conxunto, da cogobernanza e da suma de sinerxías entre as administracións para facer fronte á pandemia.

Non se trata da primeira vez que ambas institucións traballan colaborativamente e, por iso, a presidenta provincial agradeceu a confianza depositada polo Goberno de España a través da Subdelegación para poder achegar este material sanitario aos concellos: “hai moita xente con dificultades para poder ter máscaras. Estou moi preocupada polas familias vulnerables, xa que para elas dispor de máscaras é un custo enorme. Por iso agradezo a sensibilidade do Goberno de España, que tamén me gustaría da Xunta de Galicia”.

Neste eido, a presidenta fixo fincapé na necesidade da “cogobernanza para facer fronte a esta situación” e adiantou á subdelegada que “mañá mércores xa estarán todas as máscaras distribuídas, cun reparto equilibrado atendendo a criterios obxectivos de poboación”. Así, a Deputación de Pontevedra fará entrega de 1.000 unidades entre os concellos da provincia con poboación de menos de 3.000 habitantes, 1.500 unidades entre os que teñan entre 2.000 e 5.000 habitantes, 2.000 máscaras naqueles con entre 5.000 e 10.000 habitantes, 2.500 entre os que teñan entre 10.000 e 15.000 e 3.000 unidades aos concellos con poboación comprendida entre as 15.000 e 20.000 persoas.

Pola súa banda a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asegurou que “ao igual que as veces anteriores sabemos, recoñecemos e agradecemos a eficacia e eficiencia da Deputación para facer chegar estes envíos aos concellos”. Larriba destacou a importancia da suma de sinerxías e do traballo colaborativo entre administracións xa que “hoxe, máis que nunca, todas e todos temos que estar unidas e unidos porque, como di o presidente do Goberno, esta é unha loita epidemiolóxica e non ideolóxica”.

O obxectivo deste novo reparto é apoiar ás entidades locais e familias, coincidindo coa inauguración do curso escolar, entregando máscaras para que sexan empregadas por aqueles colectivos máis vulnerables dos concellos, xunto a persoas operarias de limpeza e residuos sólidos, traballadoras e traballadores sociais e policías locais. O material que repartirá a Deputación de Pontevedra forma parte dos 15 millóns de máscaras que está a distribuír o Goberno de España a través da FEMP.

A Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, interveu unha plantación de marihuana en Ribadelouro

0

A Policía Local de Tui, en colaboración coa Garda Civil, interveu unha plantación de marihuana en Ribadelouro, incautando 15 plantas. Tras as investigacións realizadas polos axentes da Policía Local nos últimos días o operativo, desenvolvido coa colaboración da Garda Civil, culminou na tarde de onte ao localizar plantas de marihuana no exterior dunha propiedade privada na parroquia tudense de Ribadelouro.

Esta mañá procederon a incautar 15 plantas de marihuana e realizaron unha proposta de sanción, en vía administrativa por presunta infracción á L.O. 4/2015 de protección da Seguridade Cidadá ao propietario das mesmas, por cultivo ilegal de sustancias estupefacientes. O material incautado remitirase ás instalacións de Sanidade Exterior en Vigo para o seu análise e posterior sanción en vía administrativa.

Nigrán achegará, o vindeiro ano, 51.000 euros para bonificar o transporte metropolitano a máis de 700 menores de 19 anos

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu esta mañá a reunión da Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo na delegación da Xunta, onde se acordou prorrogar o convenio vixente. Isto supón que Nigrán destinará o vindeiro ano 51.159,60 € das súas arcas para a bonificación de 758 tarxetas ‘Xente Nova’ coas que conta o municipio e cuxos usuarios (menores de 19 anos empadroados na localidade) viaxan gratis.

Precisamente, o Concello incluíu no seu Plan Estratéxico de Subvencións 2020-23 un total de 56.000 € destinados a este convenio. Na comarca do Val Miñor a localidade de Nigrán é a que conta con máis beneficiarios desta tarxeta ‘Xente Nova’ por diante de Baiona con 624 usuarios e 34.794 € de aportación (Gondomar non forma parte do Transporte Metropolitano).

O Rosal actualizará o inventario de Bens Inmobles Municipal, sen poñer ao día dende o 2006

0

O Concello do Rosal levará ao pleno a aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse no ano 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de parcelas e inmobles que non aparecen rexistradas como propiedade municipal, o que dificulta que en moitos casos se poida acreditar a titularidade dos bens.

O obxectivo é dispoñer dun documento actualizado que permita ser rectificado cada ano en función das altas e baixas producidas nos bens e dereitos do patrimonio e que permita ao Concello levar ao día todos os bens da súa propiedade. A realización deste inventario terá un custo total de arredor de 17.000 euros, que irán a cargo do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

Este pleno ordinario celebrarase o vindeiro xoves 24 de setembro ás 20.30 horas no salón de exposicións do Rosal. Nel tamén se tratarán, entre outros temas, a proposta e aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021.

Mañá xoves péchase a inscrición para ‘A Icónica’ unha nova experiencia atlética da modalidade de marcha nórdica

O xoves péchanse as inscricións para afrontar A Icónica, unha nova experiencia atlética dentro da modalidade de marcha nórdica aínda que tamén haberá espazo para o tradicional sendeirismo. Este evento será a próxima fin de semana. A primeira etapa será entre Oia, pasando polo Rosal, e A Guarda. O domingo realizarase o percorrido con saída na Guarda e por Tomiño, Villanova de Cerveira, Valença e Tui. As inscricións pódense formalizar na páxina web laiconica.es ata o xoves.

A organización previu unhas esixentes normas de seguridade, entre as que se inclúen as saídas escoltadas desde os distintos lugares. Ao mesmo tempo, será un aliciente o poder realizar dúas travesías tan importantes polo seu percorrido e os sitios polos que pasa na especialidade de marcha nórdica, que se realiza con bastóns. A Icónica tamén introduce unha innovación moi significativa neste tipo de eventos.

Espérase unha boa participación e o obxectivo dos rexistrados será chegar a Tui. A organización dará apoio loxístico a todos os participantes, que tamén terán dereito a participar en sorteo dunha gran cantidade de agasallos o domingo pola tarde en Tui.

Galicia sube novamente ata os 4.350 casos activos de coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.350 deles 1.114 son da área da Coruña, 687 da de Lugo, 551 da de Ourense, 702 da de Pontevedra, 489 da área de Vigo, 627 da de Santiago, e 180 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 214 en unidades de hospitalización e 4.104 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 17.167 persoas curadas, rexistrándose 721 falecementos. A última persoa falecida en centros hospitalarios foi un home de 82 anos que faleceu no Complexo Hospitalario de Ourense e presentaba patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 434.864.

Información actualizada referida ás escolas infantis dependentes da Consellería de Benestar Social e dos centros escolares dependentes da Consellería de Educación.

O ‘teixugo’ Luís Fernández participará nos europeos de Praga de slálom coa selección española

0

O deportista de Salceda de Caselas e membro do Club Deportivo Miño de Goián, Luís Fernández, foi convocado pola federación española de piragüismo para formar parte do equipo nacional de C1 que acudiu ao Campionato Europeo de Slálom celebrado na cidade de Praga. Esta é a primeira competición relevante que se celebra neste 2020, no que se cancelaron xa as Copas internacionais e as competicións restantes da Liga Española.

Luís comezou a súa participación o venres 18, na modalidade individual. O circuíto para a proba foi considerado polos participantes como longo e duro. Na súa primeira baixada o teixugo fixo un bo tempo, pero con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na segunda baixada, para repesca de semifinais, tampouco Luís foi quen de facer un bo tempo, quedando definitivamente fóra das semifinais, rematando o campionato no posto vixésimo cuarto.

O domingo, Luís participou na modalidade de equipos ou patrullas, cos outros dous integrantes do equipo de canoa, o catalá Miquel Travé, e, o tamén galego, Daniel Pérez. A baixada foi un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, no sétimo lugar.

Acompañando a Luís no equipo nacional  estaban outros dous galegos, Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo PenedoTe Importa. Daniel, tampouco foi quen de acceder a semifinais, mentres que Ainhoa fixo unha boa baixada e si deu acadado semifinais, aínda que non as finais, rematando o campionato décimo sexta.

Esta participación pon de relevo, unha vez máis, o bo momento do slálom galego, ata non fai moito dominado por deportistas vascos e catalás.

Cativos e cativas de Tomiño dobran a canción “Héroes” de Kiko Bea, con lingua de signos

0

“Co obxectivo de conseguir que o alumnado do curso se sinta “protagonista”, organizamos unha exposición no Mercado Municipal onde poden verse as esculturas e na que se proxectarán os vídeos dos que eles/as foron partícipes”, explica a responsable municipal de Mocidade, Fátima Rodríguez.

A concelleira refírese á exposición sobre o curso de lingua de signos impartido a través da Oficina de Información Xuvenil (OMIX), durante o confinamento.

A mostra poderá visitarse  ata o 30 de setembro no 1º andar do mercado, e haberá un acto coas familias (doblada na lingua de signos) o 26 de setembro, na que participará a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a docente que impartiu o curso, Miriam Aller.

Cando comezou a actividade extraescolar de lingua de signos organizada polo Concello de Tomiño, a profesora Miriam Aller da empresa “Entresignos”, pediulle aos cativos/as que fixeran un debuxo sobre que significaba a lingua de signos para eles/as, co obxectivo de ir facendo actividades de cara ao día da lingua de signos (14 de xuño).

Por mor do confinamento, non foi posible seguir facendo nada máis de xeito presencial, pero os grupos seguiron aprendendo e participando; durante os días da corentena a docente pediulle ao alumnado que fixera un debuxo sobre a situación actual e todas as aportacións recollidas foron incluídas nun vídeo dunha canción que se adaptou á lingua de signos. Tamén se realizou algunha escultura ou manualidade para conmemorar o día de lingua de signos.

O vídeo da canción adaptada (“Heroes”), onde saen os debuxos e os seus autores/as foille enviado ao autor e cantante da mesma, Kiko Bea, que lles felicitou polo traballo realizado.

Outro dos proxectos levados a cabo foi facer unha canción en lingua de signos co alumnado e coas familias. A profesora gravou a canción por partes, envioulla ás familias, estas practicaron primeiro e gravaron despois. A montaxe foi realizada con todos os vídeos recibidos.

“Todo o feito durante o confinamento foi moi gratificante porque participaron a maioría das familias, a implicación foi marabillosa”, comenta Rodríguez.

Os enlaces dos vídeos das cancións que xa están en YouTube e que tamén serán proxectados na exposición, son os que seguen:

Canción onde participou alumnado e familias:

Día Nacional das linguas de signos (alumnado e familias):

Canción Héroes, Kiko Bea, persoa autora e cantante:

O Club de Petanca Condado Salvaterra participará nos campionatos de España que se celebrarán en outubro en Palma de Mallorca

O Club de Petanca Condado Salvaterra vén de certificar a súa presenza nos campionatos de España que terán lugar os vindeiros días 17 e 18 de outubro en Palma de Mallora. A presenza nesta cita do club salvaterrense consegiuse esta pasada fin de semana logo de quedar primeiro clasificado na fase previa Campeonatos de España Dupletas de Segunda, disputada nas pistas da ACD Xestas e sempre baixo o protocolo FisiCovid-DXTGalego Petanca.

O Club de Petanca Condado Salvaterra participaba nesta previa con dous equipos quedando o segundo deles nun máis que meritorio quinto posto.

O Club fundábase en novembro do 2004 iniciando a súa andaina deportiva na Liga de Petanca no ano 2005. O presidente do Club amosaba a súa satisfacción non só polos resultados acadados, senón “pola loita diaria dos e das deportistas nun calendario deportivo moi dificil neste ano”.

Primeira competición de natación en piscina tras o estado de alarma

Esta fin de semana o CNPonteareas, en colaboración coa Federación Galega de Natación e o Concello de Ponteareas, organizou a primeira proba en piscina que se disputaba en Galicia tras o parón en marzo do calendario de competicións.

Mostrando o seu claro apoio por tratar de que as actividades deportivas poidan desenvolverse coas medidas de seguridade necesarias, o club do condado deu un paso á fronte celebrando a XXI edición do seu tradicional Trofeo Amizade.

Neste caso, cumprindo cun estrito protocolo sanitario que incluía: uso de máscara, control de temperatura, aplicación de xel hidroalcohólico, control de aforo en vestiarios e chegada graduada dos equipos, entre outras moitas medidas. Ademais, como marcaba devandito protocolo, a proba celebrouse sen público nas bancadas. Todo o evento púidose seguir por streaming en directo, medida celebrada polos numerosos seguidores da natacion autonómica, que levaban meses sen ter competicións.

No aspecto deportivo, os podios á mellor puntuación foron os seguintes:

Categoría Feminina 
1.ª? Alba Gómez (CNArteixo)
2.ª? Paula Otero (CNArteixo
3.ª? Carla Faro (CNPonteareas)

Categoría Masculina
1°?Javier Alonso (CNPonteareas)
2°? Daniel Sánchez (CNGalaico)
3°? Borja Álvarez (CNFluvial)

Mentres que a clasificación final por equipos do torneo foi a seguinte:
1°? CNPonteareas, Campión 
2° CNGalaico
3° CNArteixo

O CNPonteareas alzouse tamén co trofeo na súa categoría master do domingo.
O CNPonteareas quere agradecer enormemente aa colaboración de todas as persoas, autoridades e empresas e por suposto a actuación de nadadores e nadadoras que fixeron posible esta competición que durante dous días fixo volver a sentir o espíritu da Natación de competición en Galicia.

[su_image_carousel source=”media: 21471,21472,21473″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Gonzalo Caballero pide a “unanimidade” do Parlamento para investigar a xestión da COVID nas residencias

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe, no primeiro pleno parlamentario desta lexislatura, a creación dunha comisión de investigación que sirva para aclarar “que fallou” nas residencias de maiores durante a primeira vaga da covid, toda vez que nestes centros faleceron preto da metade das persoas que perderon a vida en Galicia por mor da pandemia.

“Como non vai ter o Parlamento o compromiso e a responsabilidade de poñerse ao carón das vítimas?”, inquiriu, consciente de que “se non honramos aos nosos maiores, perdemos a dignidade como país”. Así pois, apelou á “unanimidade” da Cámara nun “momento crítico” como o que vivimos dende a chegada do coronavirus, e requiriu a Feijóo que “levante o veto” sobre a creación deste órgano e que “amose que ten vontade de acordo”.

“Temos que amosar empatía cos 317 falecidos nas residencias galegas investigando o ocorrido”, argumentou Gonzalo Caballero, toda vez que así o piden as súas familias e os propios traballadores dos xeriátricos, que desenvolveron o seu labor en circunstancias de “falla de seguridade” e de “carencia de medidas de protección suficientes”.

Por iso, tras unhas palabras de “apoio e agarimo” para as 720 vítimas do coronavirus en Galicia, o líder do PSdeG defendeu que a comisión de investigación ten que servir para obter información dos protocolos desenvolvidos na primeira vaga da covid, cando faleceron en Galicia 274 maiores en residencias, e “avanzar” nos cambios que require este modelo. “Non buscamos revisionismo, queremos saldar unha débeda moral”, selou.

Sobre todo, afondou Gonzalo Caballero, porque é “evidente” que houbo problemas nos centros residenciais e que estes aínda non foron atallados, vistos os novos casos de contaxios masivos en xeriátricos como os do Incio, Outeiro de Rei ou Culleredo. “Que estamos facendo? Están fallando os protocolos ou as inspeccións? Como protexemos aos nosos maiores?”, demandou coñecer, co convencemento de que “debémoslle unha explicación a Galicia”.

Máxime, como dixo, despois de que o propio Consello de Contas revelase no seu último informe unha caída constante no número de inspeccións nas residencias de maiores por parte da Xunta e que as deficiencias detectadas non levaban aparelladas propostas de sanción a pesares de que estas non se corrixían.

Responsabilidade

Neste escenario, Gonzalo Caballero reclamou a apertura dunha comisión de investigación como xa demandaron os socialistas “dende os primeiros momentos” nos que se constatou a existencia de problemas nas residencias, incluso naquelas concibidas para albergar a maiores que estaban sans.

“Temos unha débeda moral cos máis de 20.000 maiores que están en residencias, e que teñen medo”, incidiu, para pedir “responsabilidade” da Cámara para acordar a creación da comisión. “Unha soa persoa falecida merecería unha investigación”, remachou o líder socialista.

Ademais, apuntou que o PSdeG levará tamén neste pleno unha proposición non de lei para reclamar unha comisión de investigación, do mesmo xeito que xa foi solicitada na Mesa do Parlamento o pasado 27 de agosto.

Mondariz inicia o proceso de restauración da fonte da Fichoca

0

O Concello de Mondariz vén de adxudicar por un importe de 25.314,15 € o proxecto de recuperación e valorización da contorna da fonte da Fichoca, un espazo actualmente degradado que se sitúa no centro da parroquia de Meirol, entre os barrios de O Carballal, Amil e Outeiro.

A localización estratéxica do recinto e as dúbidas sobre a titularidade do espazo levou ao Concello de Mondariz a xestionar e regularizar a situación catastral da parcela a través dun expediente de investigación, despois de consensuar coa veciñanza todas estas accións e a realización deste proxecto. Estes acordos foron froito da primeira edición das charlas do Goberno na parroquia, organizadas pola Concellería de Participación Veciñal que dirixe o propio alcalde, Xosé Emilio Barros, no último trimestre do ano pasado.

As obras inclúen a intervención, limpeza e construción de muros de contención de terras para reforzar e salvar os desniveis existentes, así como xestión da drenaxe e evacuación de augas, accesibilidade ao lavadoiro e á propia fonte e acondicionamento do espazo no seu conxunto.
O aproveitamento do lugar permitirá dispoñer dun pequeno espazo infantil e dunha grada para uso público, convertindo o recinto nun lugar de referencia, de encontro e de lecer para os veciños e as veciñas de Meirol.

As obras, xa adxudicadas, iniciaranse nas vindeiras semanas e serán executadas por empresas da propia localidade. O alcalde, Xosé Emilio Barros, manifestou a súa satisfacción por realizar esta obra e por atender unha das principais demandas veciñais na parroquia de Meirol.

O concello de Salceda de Caselas súmase á terceira edición do certame Vilas en Flor

O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes, chega este ano á súa terceira edición con doce novos concellos participantes confirmados. Este ano, incorpórase á lista de participantes a localidade pontevedresa de Salceda de Caselas xunto cos concellos de Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Sarria, San Sadurniño, Ames e Tui.

Desta forma, xunto cos participantes do ano pasado (Allariz, Caldas de Reis, Chantada, Salvaterra de Miño, Betanzos, Culleredo, Cuntis, Tomiño, A Guarda, Carballiño, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín e Baiona) xa son 28 os competidores desta terceira edición. A organización continúa a rolda de contactos coas localidades galegas de menos de 45.000 habitantes.

No caso de Salceda de Caselas destacan os numerosos investimentos que levan realizando desde hai máis dunha década para a recuperación dos espazos públicos para as persoas, tanto no casco urbano como nas sete parroquias que conforman o municipio. De feito, as sendas fluviais convertéronse xa no sinal de identidade deste concello, con espazos verdes de recreo ao longo das ribeiras dos ríos Caselas, Landres e Lagoela; un bo exemplo de actuación respetuosa co medio que ademais cumple cos parámetros de accesibilidade universal.

Entre as actuacións máis destacadas tamén resalta o acondicionamento de numerosos espazos verdes no rural como a Carballeira de Xabarís, a área recreativa de Rubás ou a dos muíños do Regueiro. En canto ao casco urbano, o concello segue unha política de humanización e recuperación dos espazos públicos para as persoas con actuacións en numerosas rúas, prazas e outros espazos da vila, destacando a remodelación da Praza da Devesa, a humanización da Rúa Compostela e adxacentes ou a urbanización da Rúa da Gándara.

O programa

Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna

Na pasada edición, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra, Caldas de Reis e Salvaterra con tres. A Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dous; e Gondomar, Ortigueira e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra. 

No último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.

O grupo municipal do PP pide que se permita á Banda de Música Popular de Tui continuar os seus ensaios no Conservatorio

0

O grupo municipal do Partido Popular de Tui solicita que o goberno municipal tudense explique as razóns polas que se ten obrigado a Banda de Música Popular de Tui a deixar e utilizar as instalacións públicas do Conservatorio e Escola de Música do Concello para realizar os seus ensaios.

No día de onte os responsables da Banda de Música Popular de Tui tiveron de entregar as chaves que posibilitaban que esta agrupación musical puidese realizar os seus periódicos ensaios nun lugar que viñan empregando para esta finalidade dende hai moitos anos. Agora nunha decisión do goberno municipal, coa desculpas das recomendacións sanitarias da Covid 19, e sen mediar un proceso de diálogo cos responsables de agrupación musical para a procura de alternativas se lles expulsa da Conservatorio e Escola de Música. Ademais de compartir espazo tamén se comparten elementos materiais pois a Banda de Música emprega instrumentos do Conservatorio e viceversa, co que esta decisión perxudica gravemente tamén neste aspecto a ambos colectivos.

Nunha nova oportunidade as decisión do goberno municipal prexudican aos cidadáns, neste caso a unha agrupación musical como a Banda de Música Popular de Tui da que os tudenses séntense orgullosos e que reúne a máis de medio centenar de afeccionados, a maioría mozos e mozas que atopan na súa dedicación musical unha alternativa ao seu lecer e formación.

Resulta sorprendente que, en lugar de apoiar á centenaria Banda de Música Popular de Tui, o goberno municipal impida a súa actividade a unha entidade amplamente inxerida na vida social tudense. Ao tempo que provoca unha afronta pois ningunha outra agrupación ou asociación que emprega locais municipais ten sido obrigada a abondar o seu emprazamento.

O grupo municipal do PP reclaman que a concelleira de ensino e cultura negocie cos responsables da Banda de Música Popular de Tui para conseguir que os mesmo poidan manter os seus ensaios en condicións e instalacións dignas. O apoio á educación e a cultura ten en medidas como esta que reclamamos o seu fundamento. Unha xestión que se contenta con expulsar á Banda de Música sen ofrecer solucións so pode se acollida con tristura e rexeitamento, esixindo a procura de solución para estes 50 afeccionados da Banda de Música Popular de Tui.

Por comezar, cómpre solicitar o cambio de nome desta concelleira pois o ensino (conxunto de materias que se lles ensinan aos alumnos, así como os medios e métodos usados para ensinalas, dicionario RAG) non é unha competencia municipal debendo pasar a denominarse, por exemplo, concelleria de educación.

Unha concelleira que deu por finalizada a súa programación de verán o 21 de agosto (un mes antes do fin da tempada estival co que implica de limitación dos incentivos para visitar Tui e promover o comercio e hostelería local) ou que non é quen de facer un traballo promocional do conservatorio e escola de música que están agora nunha delicada situación pola escasa matrícula existente o que implicará un substancial aumento da achega municipal a este servizo.

Arrancan as obras de mellora da seguridade vial na Proba-Pintán

0

Esta semana iniciáronse os traballos de mellora da seguridade vial na estrada de Pintán, entre a rotonda da bisorca na VG-4.2 e o cruce coa estrada PO-353 na Proba.

Estas obras, cun orzamento total de 48.292,15€, realízanse con cargo ao Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 e mellorarase este vial cunha nova capa de rodadura, nova sinalización horizontal e mellora das canalizacións de augas pluviais e marxes da vía.

O Concello da Guarda continúa deste xeito mellorando diferentes viais municipais para favorecer a seguridade de vehículos e peóns.

Retómanse as clases presenciais do curso impartido pola empresa adxudicataria do servicio de Axuda ao Fogar

O Concello de Salvaterra de Miño en colaboración coa empresa IDADES S.L. veñen traballando e apostando pola formación e capacitación, neste senso a través dun curso de “Servizo de Axuda no Fogar e Excelencia” dirixido a persoas desempregadas do municipio, que se paralizou debido a crise sanitaria e que ven de reiniciar con todas as medidas de desinfección, seguridade e distanciamento necesarias para o seu desenvolvemento.

Mondariz acollerá a xornada “Aproveitamento sostible de plantas galegas de interese medicinal, aromático e cosmético”

0

O vindeiro sábado 10 de outubro, a Biblioteca Municipal de Mondariz acollerá a segunda edición do obradoiro “Aproveitamento sostible de plantas galegas de interese medicinal, aromático e cosmético” que constará de dúas sesións, unha de mañá e a outra de tarde. Ademais, o día 3 de outubro, producirase a primeira edición da mesma xornada técnica.

A entrada ao obradoiro é de balde, e haberá que inscribirse previamente ata o 6 de outubro. Para inscribirsé hai que descargar a folla de inscrición na páxina web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-deformacion-2020. Despois, cubrir a folla de inscrición e enviar a: [email protected].

Os destinatarios destar xornadas son:

  • Persoas do medio rural
  • Traballadores do sector agrario, agroalimentario e forestal
  • Propietarios agrícolas ou forestais
  • Membros de comunidades de montes veciñais en man común e de asociacións rurais
  • Titulados da rama agro-forestal
  • Empresas agrícolas, agroalimentarias e forestais

O aforo da actividade será limitado, cumprindo así todas as medidas do protocolo da Covid-19. A sesión da mañá constará dunha serie de presentacións sobre os tipos de planta, procedencia e as posibles aplicacións terapéuticas. Ademais do cultivo das mesmas e o procesado.

Xa na sesión da tarde, desenvolverase un taller práctico que se centrará nas normas de recolección de plantas para uso medicinal e aromático ou na obtención de extractos de plantas medicinais e aromáticas.

Toda a información podes atopala descargando o cartel nesta ligazón.