O Concello de Nigrán ven de reorganizar toda a xestión do Roupeiro Municipal de cara a tempada de outono/inverno co obxectivo de axilizar a entrega de prendas nun momento de especial necesidade ante a crise económica derivada da situación sanitaria. A inxente acumulación de xénero durante o estado de alarma na entrada das instalacións da rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor) motivou que o Concello decidise re-plantexar este servizo creado no ano 2009 e único na área de Vigo polo seu carácter municipal.
Así, tras meses pechado debido ao confinamento, o Roupeiro reabre os mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas (venres de 16:30 a 18:00 con cita previa no 986383081) cun protocolo Covid-19 que garante a máxima seguridade na entrega e recepción de doazóns (entre elas realízase corentena e desinfección da roupa ou a toma da temperatura antes de entrar). Ademais dun novo voluntariado no que só se mantén Marián Pérez Álvarez, súmanse agora Charo Pintos, Sandra Novoa e Ángeles Pérez, todas veciñas de Nigrán que traballan desinteresadamente neste servizo e ás que o Concello agradece publicamente a súa magnífica labor neste meses. Entre as novas iniciativas do Concello para de verdade dinamizar a entrega de prendas ou roupa de cama está a de abrir a solicitude a calquera entidade social da área de Vigo que o demande para os seus usuarios (debe contactar a través do mail [email protected]). Ademais, ofreceranse citas individualizadas a familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello para garantir a súa privacidade se así o desexan. Igualmente, tal eomo se viña facendo, calquera persoa pode acudir directamente no horario de apertura a doar ou recoller prendas, sexa ou non veciño do municipio.
“Durante os meses de confinamento foron depositadas centos e centos de bolsas na entrada a pesares de estar pechado, isto desbordou a capacidade do mesmo e obrigou a repensar todo o sistema para de verdade darlle saída ás prendas nun momento de crisis tamén económica na que, desafortunadamente, sabemos que haberá maior demanda. En definitiva, queremos dinamizar o servizo e estamos moi agradecidas ás voluntarias, que realizaron un traballo descomunal nestes meses reclasificando e seleccionando todo, actualmente o Roupeiro ten o aspecto que pode ter unha tenda de moda, co xénero clasificado incluso por tallas, colgado en perchas ou dobrado e en habitacións diferentes segundo se é de nenos, muller, mocidade, zapatería ou roupa de cama”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o obxectivo non é acumular e almacenar, se non distribuír entre quen o precisa”.
Para manter este equilibro e bo funcionamento, desde a concellería de Igualdade e Voluntariado subliñan a importancia de promover as doazóns entre particulares, incidindo en que se entreguen só prendas en bo estado e recén lavadas. “Todos acumulamos roupa na casa en perfectas condicións pero que xa non usamos ou que xa non nos sirve, entregándoa estamos a axudar a familias que o precisan e, ao mesmo tempo, contribuímos á sostibilidade do planeta dándolles unha segunda vida”, incide a concelleira, Patricia Diego.
O Concello de Nigrán mantén complementariamente contedores de Humana e, desde este verán, tamén de contederores vermellos de Cáritas destinados ao proxecto social e de inserción laboral Koopera.