O Concello de Mondariz vén de adxudicar por un importe de 25.314,15 € o proxecto de recuperación e valorización da contorna da fonte da Fichoca, un espazo actualmente degradado que se sitúa no centro da parroquia de Meirol, entre os barrios de O Carballal, Amil e Outeiro.
A localización estratéxica do recinto e as dúbidas sobre a titularidade do espazo levou ao Concello de Mondariz a xestionar e regularizar a situación catastral da parcela a través dun expediente de investigación, despois de consensuar coa veciñanza todas estas accións e a realización deste proxecto. Estes acordos foron froito da primeira edición das charlas do Goberno na parroquia, organizadas pola Concellería de Participación Veciñal que dirixe o propio alcalde, Xosé Emilio Barros, no último trimestre do ano pasado.
As obras inclúen a intervención, limpeza e construción de muros de contención de terras para reforzar e salvar os desniveis existentes, así como xestión da drenaxe e evacuación de augas, accesibilidade ao lavadoiro e á propia fonte e acondicionamento do espazo no seu conxunto.
O aproveitamento do lugar permitirá dispoñer dun pequeno espazo infantil e dunha grada para uso público, convertindo o recinto nun lugar de referencia, de encontro e de lecer para os veciños e as veciñas de Meirol.
As obras, xa adxudicadas, iniciaranse nas vindeiras semanas e serán executadas por empresas da propia localidade. O alcalde, Xosé Emilio Barros, manifestou a súa satisfacción por realizar esta obra e por atender unha das principais demandas veciñais na parroquia de Meirol.