“Poe Xia”, un contacontos moi especial e enmarcado dentro do programa “Ler conta moito”, promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, levantará o pano desta fin de semana. Con entrada gratuíta e aforo limitado e axustado ás necesidades que marcan a “nova normalidade”, hoxe a partir das 18.00 horas os asistentes poderán gozar da historia de dúas amigas “Poe e Xia”, un recital que rende homenaxe aos autores e autoras que coas súas obras converteron “a infancia nun territorio especial e único”.
A música e percusión chegará a cargo de Odaiko Percussión o vindeiro domingo 11 de outubro a partir das 18.00 horas na Praza Paradela. Os 4 integrantes da agrupación achegarán a Gondomar unha divertida proposta artística centrada na exploración da música tradicional multiétnica, centrada nas múltiples e curiosas opcións dos elementos e instrumentos de percusión.
E o luns 12, a partir das 18.00 horas, estacionará na Praza da Paradela o autobús da “Tropa do Doutor Milagre”. Música, improvisación, xogo, baile e moita diversión están garantidas con este espectáculo dirixido a grandes e pequenos.
En todos os casos a entrada será gratuíta e con control de aforo e suxeitos as normas de seguridade sanitaria.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas, continúa a desenvolver o programa de mellora dos camiños do rural, centrándose as actuacións en Cedeira, Reboreda e O Viso.
Así, no Camiño de Outide, en Cedeira, traballarase sobre a superficie de rodadura do camiño (de aglomerado) que se atopa en mal estado, polo que as obras contemplan un recrecido con mistura bituminosa en quente, para o que previamente haberá que preparar a superficie mediante fresado ou/e regularización.
A nova superficie contará cunha capa de rodadura de 6 cm de espesor á que se lle aplicará un rego para mellorar a súa adherencia e garantir a seguridade dos vehículos e peóns que circulen pola mesma. Amais se colocarán as tapas de pozos e arquetas de rexistro á nova cota.
Doutra banda, na estrada de Ventosela, na parroquia de Reboreda, traballarase sobre dous treitos, un deles con firme e de formigón e un notable estado de deterioro polo que, unha vez varridas as superficies a pavimentar e realizada a limpeza de marxes, procederase ao estendido e compactado duna capa de rodadura de 5-7 cm de espesor, segundo tramos, con mestura bituminosa en quente, incluíndo tamén a aplicación de rego de adherencia.
Para as obras do camiño de Outide e da estrada de Ventosela, destinase un investimento de 31,555,65 €.
Finalmente, no Viso, traballarase na mellora de capacidade do camiño de Val do Muíño, co ensanchamento da vía no treito comprendido entre a estrada da Nogueiriña e o camiño do Sosteiro, unha obra que se realizará ao abeiro do Plan Concellos 2020 cun investimento de 65.131,77 €.
Un ano máis a Escola Municipal de Teatro de Tomiño inicia as súas actividades. Nesta ocasión, debido á situación pandémica, foi preciso tomar unha serie de decisións co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado.
Non se abrirán inscricións debido á necesidade de limitar as prazas para cumprir coa normativa de seguridade. Os criterios seguidos por Tamara, a mestra encargada, foron a antigüidade dos alumnos na Escola de Teatro e a convivencia estre os mesmos, establecendo grupos reducidos que estarán limitados a 9 ou 10 participantes. Co fin de cumprir estes criterios, aumentaranse os grupos e días de clase, formando un total de 6, que estarán repartidos entre o luns e o martes.
A duración das clases será de unha hora e quince minutos a fin de que se poidan realizar tarefas de desinfección e ventilación entre cada unha das mesmas.
Malia a non apertura das inscricións, quedan aínda algunhas prazas baleiras, polo que as persoas interesadas poderán obter máis información a través do teléfono 986622001 ou do correo electrónico [email protected].
As prazas vacantes son as seguintes:
Grupo 1 (6/7anos) luns de 16:00 a 17:15 – 2 prazas
Grupo 2 (8/9 anos) luns 17:30 a 18:45 – 4 prazas
Grupo 3 (9/10 anos) luns 19:00 a 20:15 – 2 prazas
Grupo 4 (11/12anos) martes 16:00 a 17:15 – 1 praza
Grupo 5 (13/16 anos) martes 17:30 a 18:45 – 1 praza
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo o martes pola tarde unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no despacho desta en Santiago de Compostela, sobre temas de gran importancia para Mos como a humanización entre o Colexio de Atín e a Igrexa de Pereiras, diversos saneamentos e axudas para varias Comunidades de Usuarios de Augas mosenses.
Pero un asunto desta reunión goza dunha importancia especialmente capital para o municipio mosense: o acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña desde a Autovía A-55. Tema que constituiu unha das principais promesas electorais da rexedora local mosense durante os pasados comicios electorais de maio de 2019.
Pois ben, Arévalo regresou onte a Mos da capital galega coa boa nova, dada pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, de que este acceso ten luz verde ao ser favorable o Estudo de Viabilidade realizado.
O custe estimado deste proxecto ascendería a uns 4,5 millóns de euros, e consistiría nun novo vial de conexión entre o polígono de Veigadaña e a A-55, e un anel de conexión interior ao polígono de Veigadaña, que conectaría directamente o anel da Lagoa co anel do Perral, cunha lonxitude de 440 metros.
O vial de conexión directo entre o devandito polígono e a A-55 resolveríase a partir da creación dunha nova rotonda na parte sur do ámbito do polígono e discorrería entre os núcleos de Arrubial e A Estivada ata a súa conexión co acceso existente á A-55 (zona de Porteliña), mellorando o devandito acceso coa creación doutra rotonda e a limpeza do vial existente. Dita conexión tería unha lonxitude aproximada de 1.300 metros.
Este proxecto busca mellorar a competitividade das empresas existentes e futuras do polígono ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).
Un total de 226 deportistas da provincia foron na tarde de onte os e as protagonistas da Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra que rendeu homenaxe “á súa excelencia e ao seu talento” no evento celebrado no Auditorio Mar de Vigo, organizado coas medidas de seguridade e co aforo establecido no protocolo Covid19.
A Gala, que contou coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi conducida polo xornalista Terio Carrera e a deportista de esgrima adaptada Judith Rodríguez, e concitou a presenza de boa parte das e dos 226 deportistas integrados este ano na marca provincial de alto nivel da Deputación, DepoDan e DepoPromesa, así como das súas familias. No evento proxectouse o vídeo da gala do ano pasado, ‘Deporte da provincia contigo’, e o audiovisual das e dos deportistas realizado para Fitur. Amais, a gala tamén contou coas actuacións de Marta (voz) e Martín (guitarra) do grupo vigués Tinta, gañador do concurso musical Vigo en Vivo.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un “emocionado recoñecemento ás mulleres e homes do deporte da provincia, que tantos éxitos nos están a dar e que simbolizan de forma tan clara que o deporte, como dicimos na Deputación, é a revolución do século XXI”. A presidenta provincial felicitou expresamente ás 226 persoas que ostentan a marca DepoDan e DepoPromesa, “43 máis que o ano pasado”, e especialmente ás súas familias “porque todas e todos os que temos un deportista de elite na casa sabemos dos desvelos, dos sacrificios e das renuncias que iso supón”.
Carmela Silva tamén tivo especial referencia ás 91 mulleres que figuran na marca de excelencia da Deputación. “Sodes xa o 39 % do deporte de alto nivel da provincia e o 43% das novas promesas e estou convencida que o ano que ven aínda seremos máis”. Neste sentido, a presidenta anunciou que a Deputación de Pontevedra vai completar a total equiparación económica entre o deporte feminino e masculino, corrixindo a única disfunción que había cos clubs de elite femininos de balonmán que, agora, recibirán as mesmas contías que os masculinos. “Non hai marcha atrás, dixo Carmela Silva. Desde que chegamos á Deputación temos claro que a igualdade é e seguirá sendo unha bandeira para esta institución e o deporte non podía quedar fora dunha prioridade que é fundamental para nós”. De feito, a Deputación aplica o principio da igualdade en todos os programas deportivos de actividades, e establece a equiparación económica en competicións como a Copa Deputación, amais de impulsar unha Gala específica para o Deporte Feminino. En canto a liñas de axudas como as subvencións do ámbito deportivo, establécese un criterio de valoración co que se puntúa o número de licencias femininas e as actividades de participación de mulleres.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, cidade anfitrioa da Gala, felicitou á Deputación e ás/os 226 deportistas homenaxeados DepoDan e DepoPromesa, con especial referencia aos 37 de Vigo, 11 delas mulleres. Precisamente, con respecto á marca provincial e co fin de responder ás novas necesidades derivadas da pandemia, a Deputación reforzou a contía das bolsas que pasaron dun total de 180.600 euros en 2019 aos 232.400 deste ano. Así, 226 deportistas obteñen estas axudas que lles permiten adestrar, preparar obxectivos e participar en competicións internacionais e nacionais. 152 son Depo Dan e reciben un total de 187.300 euros, mentres que 74 Depo Promesas reciben 45.100 euros. En total, a institución provincial leva investidos no que vai de ano máis de 3 millóns de euros no deporte da provincia.
As oito empresas que completaron a súa transformación dixital da man da primeira Aceleradora de comercio do programa SmartPeme da Deputación participaron onte no showroom de clausura na sede institucional de Vigo no que deron a coñecer os seus produtos e recibiron a felicitación da presidenta provincial. Carmela Silva, acompañada da deputada Ana Mejías, admitiu estar emocionada diante da constatación de que hai “persoas que se atreven a converter os seus soños en proxectos emprendedores que dinamizan a economía e crean emprego”. Lembrou que a Deputación creou hai tres anos a súa Aceleradora de Turismo para apoiar a este sector, “pero este ano eramos conscientes de que hai outro sector económico que está nun cambio transcendental, que é o comercio, un cambio que esta pandemia fixo aínda máis visible”.
Na presentación do showroom, Silva enxalzou o “lado humano” que hai tras cada proxecto, así como a diversificación territorial que evidencian estas 8 empresas, radicadas en diferentes comarcas da provincia, demostrando que as ferramentas dixitais axudan a que a economía descanse sobre contornas rurais. A presidenta subliñou que “vivimos un momento no que o mundo está cambiando” e que a pandemia de covid19 obriga a entender o modelo económico dun xeito distinto, respectando o medio ambiente “e prestando moita atención ás demandas dunha sociedade que comeza a entender que o ser humano leva moito tempo facendo as cousas mal”. Neste senso, recalcou que “as TIC non son o futuro, son o presente, e sen elas é imposible competir”. Despois dunha conversa informal con cada un das/os empresarias/os (6 mulleres e 4 homes) que completaron a transformación dixital da man de SmartPeme, aplaudiu que tiveran a visión de detectar “que algo faltaba no equilibrio oferta-demanda” e agradeceulles o esforzo que significou sumarse á Aceleradora de Comercio “dedicándolle tempo e esforzo”. “Deséxovos que vos vaia marabillosamente ben porque o merecedes”, concluíu.
As 8 firmas inicialmente seleccionadas están desde onte en disposición de competir na contorna dixital a través de estratexias singularizadas de e-commerce. As empresas beneficiarias son “Tipi Fiestas Galicia” (Patricia Iglesias), radicada en Nigrán, que se dedica aos eventos con ambientación temática baseada nos tipis indios. “Blaurtopías” (Laura Curráis), establecida en Vigo, que se dedica á venda online de obxectos de artesanía. “Broderie” (Laura Bea), de Ponteareas, centrada na creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man. “Infusiónate” (David Novas), de Lalín, que aposta pola venda de tes e infusións a granel. “Comercial Limeres” (Federico Limeres), de Pontevedra, un negocio tradicional de venda e reparación de lámpadas disposto a explotar o nicho da decoración vintage, moderna ou tradicional. “SS3 Professional” (Rubén Álvarez), de Mos, especializado na comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos, así como produtos desinfectantes contra a covid19 e máscaras. “Tamerlán” (Fernando Iglesias), de Vigo, que ofrece limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Finalmente, “Foodies and travellers” (Montserrat González), de Mos, centrada no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado español como no estranxeiro. A súa estratexia pasa tamén por agrupar tenda e motor de reserva nun só sitio web.
As empresas dispoñen agora de modernas ferramentas sobre comercio electrónico. Durante a mentorización a cargo do equipo de asesoras/es de SmartPeme, desenvolvida entre xuño e setembro pasados, foron guiadas sobre a posta en marcha e xestión de tendas online, pasarelas de pago e venda de produtos con recursos tecnolóxicos, así como comercialización a través de Facebook e Instagram. Traballouse especificamente a creación ou redeseño dos portais web dos comercios, o apoio nas Redes Sociais, imaxe dixital e competitividade empresarial nesta contorna. O traballo incluíu sesións grupais, pero tamén un desenvolvemento individualizado en función dos obxectivos de cada unha das firmas. Segundo o Instituto Galego de Estatística, un total de 10.845 empresas de comercio minorista operan na provincia de Pontevedra, o que supón un 13% do total do tecido empresarial da provincia. Este peso relativo é aínda maior dentro da rede empresarial SmartPeme da Deputación de Pontevedra, dado que o 21% sobre un total de 2.852 empresas adheridas, corresponde a este subsector.
Unha colisión múltiple na que se viron implicados un turismo, unha furgoneta e un camión que transportaba madeira saldouse a tarde de onte en Redondela cunha persoa ferida, que tivo que ser excarcerada por os membros do Servizo de Emerxencias e Incendios de Redondela e os Bombeiros do Porriño.
Concretamente, foi o condutor do turismo o que resultou ferido e, para liberalo, os servizos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración, ao quedar atrapado no interior do vehículo. Posteriormente, o home foi trasladado ao centro médico de referencia.
O accidente produciuse no punto quilométrico 137 da N-550, ao fío das 13:20 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do suceso. Engadía no seu relato que podería haber persoas atrapadas.
Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Porriño, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do Servizo de Emerxencias e Incendios de Redondela, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Ademais, o persoal do 112 Galicia informou do ocorrido aos Bombeiros de Vigo e ao servizo de mantemento da estrada, que se encargou de asegurar as condicións de seguridade na estrada.
Os populares manifestan o seu descontento despois de que o goberno local aprobase, no pasado pleno, a prórroga do contrato da auga. “Prorrogaron un contrato amparándose no interese común. O procedemento demostra o seu deixamento de funcións e contraduice o discurso anti privatización que o bipartito mantivo cando gobernaron outras forzas políticas en Ponteareas”.
Dende o Concello indican que esta prórroga débese ao interese xeral por “falta de documentación e tempo”, o PP é coñecedor de que o bipartito decidiu manter a privatización do contrato. “A golpe de decreto, o alcalde encargou a unha empresa privada a xustificación para poder facelo, no canto de recorrer a técnicos municipais, para defender un servizo municipal, tal e como eles demandaron durante tantos anos. Tampouco se reuniron con sindicatos para barallar un posible servizo con persoal municipal”.
O PP non acepta a explicación ofrecida polo bipartito ante o atraso en licitar o contrato. “Xustificando en que non tiñan a documentación, que tiveron tempo para conseguila, desde 2015 ata 2020. Era a motivación xusta para prorrogar un contrato que non tiña posibilidade de prórrogas, e mesmo agora, xestionar a súa licitación ás carreiras, xustificando na falta de tempo o non convocar a comisión, o analizar detidamente o servizo” critican desde o PP. Ademais, os populares lémbranlle ao bipartito que se incumpre o acordo plenario de hai dous anos, onde se “acordou crear unha comisión formada por responsables do goberno, un portavoz de cada grupo oposición e varios técnicos municipais para estudar cal é o mellor tipo de contrato a licitar, neste caso, para un dos concursos públicos máis importantes do Concello”.
A Xunta aposta por estreitar lazos con Portugal a través da segunda edición do proxecto Nortear Ilustrado San Simón, un encontro en formato de residencia artística que se celebrará desde hoxe e ata o sábado na Illa de San Simón. Precisamente, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe este evento xunto co xefe de división da dirección rexional de Cultura do Norte de Portugal, Joâo Ribeiro da Silva, e a coordinadora da iniciativa, Julia Lago.
A iniciativa reúne a catro profesionais recoñecidos dentro do mundo da creación como os galegos Iria Fabián e Leo Sousa e os portugueses Francis.co e Eva Halfers. No marco de Nortear Ilustrado San Simón todos eles desenvolverán un proxecto conxunto en forma de diario de viaxe que incluirá apuntes, texturas e imaxes da illa e que seguirá un fío condutor común. O obxectivo será crear unha obra que recolla os diferentes estilos dos artistas.
Ademais, ao longo dos tres días, os catro artistas recibirán aos alumnos da EASD Pablo Picasso, que participarán nun taller de debuxo do natural que terá por obxectivo crear unha historia gráfica sobre a Illa a partir das obras dos alumnos.
Colaboración a través da cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, participan desde 2015 a través dun Memorando de Entendemento no Programa Nortear para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal. As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación. Entre elas, ademais de esta exposición, atópanse conversas, roteiros literarios virtuais ou intercambio de fondos bibliográficos entre outras.
Seis dos concellos máis afectados pola crise de “Maderas Iglesias” xa que teñen máis veciños entre os 148 traballadores, estiveron representados na xuntanza celebrada hoxe no Porriño co comité de persoal desa industria.
Á convocatoria realizada e presidida pola alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre, acudiron as súas homólogas de Mos, Nidia Arévalo; Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Tomiño, Sandra Gónzalez. Tamén asistiron os tenentes de alcalde de Salvaterra do Miño, Ernesto Groba e de Ponteareas, Cristina Fernández.
De todos estes concellos, Salvaterra é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de “Maderas Iglesias”. Porriño ten 25; Ponteareas, 23; Mos, 20; Salceda de Caselas, 10 e Tomiño, 2.
Os membros do comité de persoal e delegados sindicais expuxeron as súas críticas “ante a falla de compromiso por parte do empresario Juan Ramón Iglesias en presentar un proxecto viable que esixe o IGAPE”. E tamén amosaron a súa inquedanza porque “a Xunta de Galicia tarda en materializar o apoio que din que quere darnos”, manifestou Vicente Molares, presidente do comité laboral.
As representantes dos diversos concellos manifestaron o seu respaldo aos traballadores e deron conta das xestións que están a realizar. Nomeadamente Nidia Arévalo que informou que “fala a diario” co novo director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE) e adiantou que agarda que “o vindeiro martes manteña unha reunión con vos”.
En paralelo, realizaranse outras xestións preto do empresario e dos acredores bancarios, segundo comprometeron as alcaldesas e representantes dos concellos presentes.
“Por nos non vai quedar facer todo o posible, e sabemos que a Xunta está tamén por botar unha man, para evitar a desaparición dos 148 postos de traballo que están en xogo”. “Temos que ter con eles unha sensibilidade especial e unha disposición absoluta para axudarlles”, rematou a alcaldesa do Porriño, Eva García.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, visitaron onte as dependencias do departamento municipal de servizos sociais, recentemente trasladado para o edificio Multiusos das Pozas, onde se atopa prestando servizo desde esta semana.
O motivo do cambio viu dado co obxectivo de optimizar o protocolo preventivo ante a COVID-19 tanto para traballadores/as como para usuarios/as, a eliminación de barreiras arquitectónicas, o incremento da confortabilidade e comodidade no desenvolvemento do traballo diario e a atención ao público, así como maior intimidade para os/as usuarios/as que acoden ao departamento.
A anterior ubicación da concellería de Política Social atopábase no edificio de Urbanismo, onde tamén está o CIM (Centro de Información á Muller de Mos), a escasos metros do Concello; infraestructura de dimensións moito máis reducidas que as actuais e de maior antigüidade.
Desde os servizos sociais do Concello de Mos infórmase de que mateñen o mesmo teléfono de contacto: 986 337 278, ao que os/as usuarios/as deben chamar para concertar cita previa. Actualmente traballan neste departamento municipal un total de 7 persoas: 4 traballadores/as sociais, 2 administrativos/as e 1 psicóloga.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron durante a súa visita matinal de hoxe “a enorme implicación da plantilla deste departamento municipal en xeral e desde sempre, pero en especial desde que se desatou a pandemia da COVID-19, momento desde o cal desenvolven un papel fundamental neste Concello, labor ao que se entregaron en corpo e alma e polo que lles estamos inmensamente agradecidas; por iso agora, con esta reubicación, preténdese facilitarlles o traballo na medida do posible e facerllo máis sinxelo e cómodo tanto a elas como aos seus usuarios/as”.
A Vila de Baiona contará por primeira vez cun completo programa de actividades ao redor da visualización das realidades LGBTIQA+ e que se sucederán ao longo do mes de outubro.
En concreto, o programa é o froito do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial das Mulleres e da Casa Colorida, e conta tamén coa colaboración da Asociación de Amas de Casa de Baiona e a Asociación de Viúvas de Baiona.
O Outubro Diverso é un espazo de aprendizaxe, de coñecemento e de tecer rede. Este espazo nace baixo a necesidade de achegar as nosas vilas as realidades LGBTIQA+, e de visualizar e conversar sobre os eixos de traballo e activismos dos diferentes colectivos e persoas que fan parte desta programación. Todos e todas xuntas pretendemos construír un espazo que sexa o primeiro de moitos no Val Miñor, onde sigamos aterrando nas vilas as vivencias e procesos LGBTIQA+ para seguir aprendendo e compartindo, para acompañar as realidades diversas de moitas veciñas e veciños da vila e, sobre todo, para seguir xerando dende o comunitario un novo mundo onde entren todos os mundos.
O Outubro Diverso comeza o vindeiro venres 9 de outubro ás 19:30h coa presentación do evento e, a continuación, a conversa sobre “Activismos LGBTIQA+ da contorna”, coa Asociación NosMesmas e con AVANTE LGBT, onde se dará a coñecer todo o traballo que desenvolven estes colectivos na cidade de Vigo e contorna.
Continuarase conversando o sábado 10 de outubro ás 12h con CHRYSALLIS, Asociación estatal de familias de menores trans sobre “A nena que ensinou a súa familia que o mundo non é branco e negro”, onde haberá simultaneamente un espazo para crianzas en forma de conta contos infantil de 4 a 7 anos
“Piratrans carabarco”, da editorial La Calle, e un obradoiro infantil de debuxo en torno a temática do conto, facilitado pola asociación Nos Mesmas.
A programación continuará coa súa folla de ruta o Domingo 18 de outubro con a conversar con Mónica Sueiro, directora da aula de teatro de Baiona, e co colectivo 85C de Vigo sobre o imaxinario de a “Diversidade nas artes escénicas”.
O sábado 24 de outubro contarase con activistas de Ourense que presetarán o marabilloso traballo en forma de exposición fotográfica “Corpos, feminismo e territorios”, unha exposición creada a través dun proceso participativo das mulleres da comisión de sexo afectividade do Centro Social A Galleira.
Rematarase esta programación o sábado 31 de outubro con unha conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta sobre “Orgullo, non solo hai un”, abrindo o imaxinario ás formas de facer o Orgullo LGBTIQA+. E culminamos o Outubro Diverso ás 22:00h co Espectáculo “Las VARIETÉS de Petra Porter”, de Combinación Imperfecta. Un espectáculo que transformará ao público en protagonistas. Todas e todos serán actrices e actores do show, e para isto recompiláronse diferentes xogos, probas, enigmas e puzzles de diversa índole para converter a praza do concello de Baiona nun concurso cheo de música, teatro e moita diversión.
A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, incide no “compromiso municipal da Concellería de Igualdade de seguir traballando de forma transversal nunha igualdade real, plural e diversa, camiñando na visualización da diversidade para avanzar cara ao respecto, a aceptación e a liberdade de toda condición sexual sen prexuízos e a expresión de sentimentos sen medos sociais. O “ Outono Diverso” é unha aposta por resaltar a visibilidade da comunidade LGTBI e a loita polos seus dereitos permanentemente”.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.083, deles 784 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.148 da de Ourense, 613 da de Pontevedra, 408 da área de Vigo, 545 da de Santiago, e 102 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.861 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 20.860 persoas curadas, rexistrándose 774 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 531.410.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Ballesol Oleiros e trátase dunha muller, de 96 anos e con patoloxías previas.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez reivindicou hoxe, despois da presentación do Plan de Recuperación Económica pos Covid-19, que o territorio transfronteirizo do Río Miño debe recibir fondos específicos para mitigar o impacto da pandemia. Segundo destacou o tamén vicedirector do AECT Rio Minho, os concellos da ‘raia’ galego portuguesa estiveron doblemente impactados pola COVID-19, xa que á crise económica xeral houbo que sumar os problemas derivados do peche férreo da fronteira entre o sur de Galiza e o norte de Portugal o 17 de marzo, durante o estado de alarma.
Benítez reclamou que o Plan de Recuperación debe recoller unha liña específica que trate a problemática da fronteira e ter en conta ás organizacións de cooperación transfronteiriza e aos concellos para xestionar fondos e minimizar o dobre impacto na actividade económica do territorio do Miño. “É nos concellos de contacto entre países onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces”, subliñou, ao tempo que destacou que as eurocidades e as AECTs de ámbito subrexional son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia sen menoscabo da necesaria cooperación nos niveis rexional e estatal.
Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou que o instrumento máis axeitado para o desenvolvemento do territorio é o Investimento Territorial Integrado (ITI). Este é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de combinar fondos europeos dun ou máis programas con fondos locais, rexionais e estatais para garantir un mellor resultado na posta na práctica dunha estratexia conxunta de desenvolvemento. Neste sentido, destacou que é preciso que se aclaren as vías de interlocución e acceso aos fondos europeos para entidades públicas non autonómicas.
Benítez lembrou que nestes momentos o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Miño está a desenvolver da man da Universidade de Vigo un estudo sobre as consecuencias da pandemia no territorio transfronteirizo, poñendo ás claras cal foi o impacto do PIB nos concellos da ‘raia’.
O nacionalista fixo fincapé en que a crise derivada da promulgación do estado de alarma en España e mais a do estado de emerxencia en Portugal xunto co peche da fronteira común tivo un considerable impacto, de efectos moi negativos, sobre a cidadanía de ambas as beiras do Río Miño Transfronteirizo.
Insistiu en que o peche de fronteiras veu alterar radicalmente, como nunca nos últimos 30 anos, a vida dos habitantes do territorio fronteirizo galego-portugués, tronzando literalmente pola metade a súa realidade cotiá. Así, citou entre os principais prexuízos a alteración da actividade laboral para xs traballadorxs transfronteirizxs polo incremento de distancia, tempos e custos de desprazamento necesarios para acudir ao posto de traballo por mor da limitación de pasos fronteirizos.
Puxo de manifesto os negativos efectos económicos, tanto pola limitación das relacións laborais e comerciais, con redución de ata un 70% de clientes, perda de empregos ou dificultade de suministros en determinados negocios, como polos custos extraordinarios derivados dos desprazamentos ata o único paso aberto ou pola necesidade de alugar residencias provisionais; así como a imposibilidade de uso de servizos de carácter esencial, ben no ámbito educativo (escolarización) ou sanitario (consultas médicas e veterinarias), ubicados do outro lado da fronteira.
Tamén lembrou a indispoñibilidade de servizos ou equipamentos de carácter deportivo, comercial de ocio e cultural, accesibles do outro lado da fronteira, as graves dificultades para relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores desatendidas,…) e o impacto no sector primario: na agricultura (exportación de planta dos viveiros, comercialización do viño e kiwi…) e pesca fluvial (lamprea). Benítez lembrou a loita dos alcaldes e alcaldesas da zona, liderados polo AECT, para reabrir as fronteiras pechadas en marzo e facilitar a vida á cidadanía da zona e destacou que se traballarán todos os frentes (administrativos e reivindicativos) para que o territorio da fronteira non “volva ser o gran esquecido”.
O Consello escolar, a dirección do centro, a ANPA, o Concello e o alumnado do IES Pazo da Mercé de As Neves denuncian que, logo dun mes de clase, a Consellaría de Educación segue sen lles dar solución a graves problemas que afectan directamente tanto á calidade do ensino coma á seguridade.
O alumnado está a perder, desde inicio de curso, 2 horas lectivas semanais por falta de autobuses.
En anos anteriores, o noso alumnado desprazábase os luns ao CEIP Marquesa do Pazo para facer uso do comedor, de maneira que, a xornada lectiva dese día incluía tamén clases pola tarde. Este curso decidiuse eliminar este servizo para evitar riscos (autobús, falta de espazo no comedor…). Polo tanto, isto obrigou a modificar o horario escolar, de xeito que esas dúas horas da tarde se engadiron como última hora nas xornadas do luns e do venres (9:00-15:20) Esta modificación, aprobada polo Inspector Xefe a primeira semana de setembro, segue sen poder levarse a cabo por falta de transporte escolar.
Ocorre que un grupo de estudantes do centro empregan un autobús de liña regular. Agora, coa modificación de horario, os luns e os venres terían que agardar máis de unha hora polo transporte. Para evitar que uns menores estiveran abandonados tanto tempo e sen comer, a dirección do centro decidiu rematar as clases as dúas e media (coa merma educativa que iso supón pois perden dúas horas lectivas semanais) pensando que a solución ao problema sería rápida. Non obstante, aínda que desde hai máis de un mes o centro leva realizando numerosas xestións e presentando diferentes solucións ao conflito, desde a Consellaría non se nos ofrece ningunha saída e o que é peor, o problema non ten trazas de se resolver nunha data próxima.
O Concello de Nigrán recibíu hoxe ás catro persoas en prácticas ao abeiro das bases do programa de fomento da empregabilidade na provincia ‘O teu primeiro emprego’, da Deputación de Pontevedra. En concreto, trátase de persoal que ten o Ciclo Superior en Administración e Finanzas pero sen experiencia laboral previa no eido da súa formación, tal e como indican as bases e como se seleccionou desde a Oficina de Emprego.
“Como institución pública temos a obriga de dar as maiores facilidades á xuventude para atopar o seu primeiro emprego, dende o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con experiencia profesional para facilitarlles a futura inserción ao mercado laboral e, sen dúbida, ao mesmo tempo o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.
Estes catro bolseiros desenvolverán desde hoxe o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) en Rexistro, Arquivo, Biblioteca Municipal e Servizos Sociais, e as retribucións serán as estipuladas nas bases da convocatoria.
O Concello acaba de poñer en marcha o Consello Municipal de Desenvolvemento Local, unha ferramenta pioneira que servirá para facer unha diagnose da situación actual do municipio e traballar nunha estratexia integral de crecemento do Rosal con accións a realizar a curto, medio e longo prazo. Trátase dun primeiro paso para fomentar a participación veciñal, imprescindible para manter unha relación acaída coa realidade social do municipio, creando unha ferramenta cun marcado carácter consultivo que servirá para analizar e reflexionar sobre os diferentes aspectos de cada ámbito de actuación.
O Consello está formado por unha vintena de persoas de todas as idades con experiencia en diferentes ámbitos de actuación e vinculadas ao sector primario e servizos, á cultura, aos coidados, á eido deportivo, aos seguros, á hostalaría… pero cun eixo en común, o de “apostar agora e sempre polo desenvolvemento do Rosal e a súa comarca e crer na posibilidade dun maior desenvolvemento futuro do concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Consello municipal
A iniciativa conta coa colaboración de dous recoñecidos economistas: Xabier Pérez Davila, profesor moi vencellado ao Rosal, e Xavier Martínez Cobas, profesor universitario vinculado ao ámbito da diagnose e a estratexia económica. Neste primeiro encontro, achegaron aos axentes sociais algúns datos xerais comparativos entre os concellos da comarca (O Rosal, Tomiño, A Guarda e Oia) para ver o punto de partida no que se atopa o municipio rosaleiro e, a partir de aí, traballar nas diferentes liñas de debate creadas.
O obxectivo final é crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva e nun ámbito teórico e práctico “para comezar a camiñar no desenvolvemento local do Rosal de xeito estratéxico coas nosas potencialidades. Porque aínda que hai cuestións sobre as que dende o Concello non temos competencias, si temos a incumbencia”.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, continuou onte en Baiona coa rolda de contactos iniciada cos alcaldes dos municipios da área territorial, tras tomar posesión como nova representante do Goberno autonómico na cidade.
No encontro, Fernández-Tapias tivo a oportunidade de analizar co munícipe desta localidade pontevedresa, Carlos Gómez Prado, os temas relacionados coa Administración galega e que son prioritarios para o concello en materia de educación, saneamento ou sanidade, entre outros. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.
A Concellería de Mocidade e Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, convoca unha nova acción de compromiso medioambiental enmarcada dentro da iniciativa “Venres polo planeta”.
Toda a mocidade e todo aquel e aquela que o desexe, poderá colaborar na limpeza do monte e das sendas da parroquia de Prado este venres día 9 de outubro.
A acción desenvolverase a partir das 16:30 horas e o punto de saída será a piscina municipal.
Tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 687 764 516.
Os “Venres polo planeta” son un dos primeiros pasos que a Concellería de Miguel Bouzó puxo en marcha para dar cumprimento ao aprobado en sesión plenaria para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática, dando así resposta ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible número 13 relacionado coa accións de compromiso polo clima.
Os “Venres polo planeta” camiñan ademais na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, deu a benvida as tres persoas que comezan hoxe a traballar no Concello de Redondela, en período de prácticas, ao abeiro do programa ‘O teu primeiro emprego’ da Deputación de Pontevedra e logo de pasar o correspondente proceso selectivo.
Iria Riobóo Vicente, (técnica de Xestión Pública); Fernanda Vaqueiro Pérez (técnica superior en Prevención de Riscos Laborais) e Alejandro Fernández Comesaña (arquitecto técnico), mantiveron un breve encontro coa alcaldesa e co concelleiro de Persoal, Alberto Álvarez na que ámbolos dous puxéronse a disposición dos novos traballadores municipais e desexáronlle sorte no comezo da súa andaina laboral.
A Deputación concedeu, para estas contratacións, unha subvención de 17.700 € para a contratación destas tres persoas nun primeiro período de prácticas de 6 meses que podería ser prorrogado noutros seis meses máis, condicionado á existencia de crédito no Orzamento Provincial correspondente.
Digna Rivas e Alberto Álvarez, salientaron a importancia desta iniciativa da Deputación que permite a contratación de titulados e tituladas universitarias e dos ciclos superiores de formación profesional “que lles permite adquirir a práctica necesaria, adecuada aos seus estudos, co que se lle facilita a súa inserción no mercado laboral”.
Cómpre salientar que a subvención outorgada pola administración provincial, cubre unha parte do curso laboral xa que o Concello, engade a alcaldesa de Redondela, “correrá co gasto suplementario ata acadar o custo laboral o custo laboral que lle corresponda a cada un deles e delas dentro da súa categoría laboral.
O alcalde do Concello de Nigrán, Juan A.González, presentou onte no Auditorio Municipal o segundo encontro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) para avanzar na posta en marcha dun proxecto destinado a por en valor o patrimonio marítimo de toda a zona de influencia. A esta reunión acudiron representantes de diferentes entidades implicadas, como Anfaco, Porto de Vigo, Campus do Mar…
“Desde o Concello de Nigrán poñémonos a disposición do GALP para colaborar nesta iniciativa que nos resulta moi interesante e na que sabemos que podemos aportar moita documentación”, sinalou o rexedor.
En concreo, desde o GALP plantexan sinerxias para, entre todas as entidades, realizar unha catalogación e folla de ruta cos recursos patrimoniais vinculados ao mar (materiais ou inmateriais). O obxectivo é promover e preservar esta riqueza buscando a implicación e sensibilización da cidadanía. Igualmente, aspírase a integrar o contido do catálogo mediante a utilización de novas tecnoloxías que faciliten o seu acceso.
Un accidente entre dous coches na A-55, ao paso pola parroquia de Sanguiñeda, no termo municipal pontevedrés de Mos, deixou a dúas mulleres feridas na noite de onte.
Os feitos tiveron lugar poucos minutos antes da medianoite á altura do punto quilométrico 13. Nese momento, varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso e solicitar asistencia médica para as dúas ocupantes dun dos vehículos. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112 por un dos alertantes, os turismos entorpecían a circulación.
Con estes datos, desde o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros do Porriño e dos efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 que as feridas foron evacuadas ao centro hospitalario de referencia.
Para garantir as condicións de seguridade na vía, tamén solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas.
O Grupo Ecoloxista ADENCO trasladou esta mañá os seus parabéns ao Concello de Ponteareas pola recuperación da Ponte de San Roque, que sufriu un atentado patrimonial no ano 2013. Desde entón, os ecoloxistas demandaron a recuperación da peza do baluarte da ponte que caeu ao río, e que agora se repuxo.
“Mostramos a nosa inmensa alegría ante estes feitos”, ironizan “e estamos orgullosos dun Concello que necesita sete anos para recolocar unha pedra no seu lugar”. A Ponte Vella de Ponteareas, explica ADENCO, é de fábrica de cantaría de granito ben conformada. Ten unha orixe medieval, como se pode constatar grazas á súa morfoloxía alombada e aos abondosos sinais lapidarios que atopamos no perpiaño. Conta con catro arcos, tres oxivais, con dous grandes tallamares contracorrente, que evidencian que a ponte foi erguida arredor dos séculos XIII ou XV. E lembran que, como indica a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, o Concello de Ponteareas, propietario da ponte, está obrigado a “a conservala, coidala e protexela debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración”.
A Ponte de San Roque antes da súa recuperación
Para o colectivo ecoloxista, o que resulta máis sorprendente é “a desidia e inacción da administración” e aseguran que o Concello é, nestes últimos anos, “un enemigo moi perigoso para o patrimonio cultural do Concello” e lembran a destrución de parte dun dos parapetos defensivos do Castro da Croa en Ribadetea “ou a pretensión de colocar un pasamáns na Ponte románica do Cabalón, en Angoares, onde se furaron as pedras da ponte aínda que finalmente non se colocou o previsto”.
ADENCO recorda que estes feitos tamén acarrearon multas “que temos que pagar toda a veciñanza” e asegura que é “moi pouco exemplarificante que sexa a administración a que non cumpra a lexislación”.
O vindeiro domingo día 18 de outubro o Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente e a Asociación O Buxeiro, organizan unha xornada de limpeza da costa. A actividade ten como obxectivo tanto sensibilizar en materia de xestión de residuos, evitando que o lixo permaneza nos ecosistemas costeiros e se desprace duns ambientes a outros.
Non é preciso inscrición previa, tan só é preciso achegarse ata a Alameda da Guarda ás 9:00 h, onde se realizará o reparto de material (luvas e sacos de lixo para a recollida) e se organizarán os grupos (máximo 4-5 persoas) para desprazarse despois ata os diferentes puntos preseleccionados para esta actividade nos termos municipais de Oia, O Rosal e A Guarda.
Obrigatorio o uso de mascarilla entre os participantes
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.068, deles 787 son da área da Coruña, 486 da de Lugo, 1.123 da de Ourense, 630 da de Pontevedra, 390 da área de Vigo, 544 da de Santiago, e 108 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 34 están en UCI, 185 en unidades de hospitalización e 3.849 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 20.591 persoas curadas, rexistrándose 769 falecementos. O número de PCR realizadas é de 523.412.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
A Deputación de Pontevedra iluminará de azul turquesa o seu Pazo Provincial na tarde deste xoves ao abeiro da conmemoración do Día da Dislexia. Deste xeito a institución únese á campaña #UnidosPorLaDislexia impulsada pola Asociación Dislexia e Familia (DISFAM), a Federación Española de Dislexia (FEDIS) e a Organización Iberoamericana das DEA (OIDEA)
A través desta iniciativa preténdese visibilizar este trastorno, que afecta ao 10% da poboación mundial, así como outras dificultades específicas da aprendizaxe, facendo fincapé na importancia da detección e actuación precoz para evitar o fracaso ou abandono escolar. Empregarase para tinguir o Pazo provincial da Deputación a cor azul turquesa xa que ten connotacións positivas para as persoas con dislexia e promove a súa creatividade, calma, serenidade, tranquilidade e relaxación.
Máis de 4,6 millóns de españolas e españoles e 800.000 nenas e nenos nas aulas teñen dislexia pero soamente o 33% reciben a atención profesional necesaria. Calcúlase que nunha clase de 25 alumnas e alumnos ao menos un/unha terá dislexia. Amais, preto do 60% do fracaso escolar está protagonizado por alumnado con dificultades de aprendizaxe, sendo unha delas a dislexia.
O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu onte a presentación de ‘Ritmos dá Hispanidade’, unha programación deseñada con motivo da celebración do día da Hispanidade. A concellería de Cultura, que dirixe Miriam Costas, quixo dar “un paso máis” na celebración desta efeméride programando unha fin de semana chea de concertos dedicados a tres países iberoamericanos, Cuba, Brasil e Arxentina, –que xogaron un papel fundamental na inmigración galega–, enseñanado e divulgando toda a riqueza cultural destes países de acollida.
A vencinos e veciñas, así como aqueles que se acheguen a Baiona a gozar da ponte do Día da Hispanidade, poderán gozar de tres días de actividades. O sábado ás 19:00 h, a sesión irá dedicada a Cuba baixo o título ‘Cuba en min. A Trova’. O grupo Soño de Calíope será o encargado de poñer ritmo á tarde cun repertorio homenaxe a destacados compositores de canción tradicional e nuevísima canción cubana, desde Manuel Coroa e Sindo Garay ata José Antonio Quesada e Silvio Rodríguez. O domingo será o día dedicado a Brasil; ritmos de Bossa nova, samba, tropicalismo poderanse gozar ás 19:00 h da man do concerto de Chá, Cerveja e Violao. O propio 12 de outubro celebrarase ás 18:00 h o acto protocolario na praza do Concello para despois gozar do concerto de ‘Raíces Arxentinas’ facendo un percorrido musical pola terra da Prata que abarca desde o tango, a milonga e canción popular.
Durante a presentación na que participaron o alcalde, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas Iriarte. O rexedor baionés explicou “que esta programación está diseñeda para achega a celebración da hispanidade a toda a cidadanía”.
En concreto, detallou os cambios significativos no acto protocolario do día 12, “Queremos dar un xiro de 360 graos aos eventos que organiza o concello polo que os habemos deseño para o goce de todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cuidadanía poida gozar. O obxectivo é gozar da Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 19 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo, a celebración do día da Hispanidade deixará de ser un acto encorsetado no que participan uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”.
O acto de celebración do día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrando na Vila desde fai dezanove anos , en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser conoceder do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón.
Todo iso terán lugar no escenario na Praza do Concello, instalado baixo a carpa que se colocou para que o público poida gozar de maneira segura xa que se controlará o aforo e cumprirase con todas as medidas de seguridade.
Dende principios desta semana, estudantes en prácticas ou que obtiveron o seu título recentemente comezaron a traballar nas instalacións do Concello.
Coa financiación da Deputación de Pontevedra e a través do ‘Plan O Teu Primeiro Emprego’, unha Traballadora Social e un Enxeñeiro Técnico Agrícola iniciaron cadanseu contrato cunha duración de seis meses, prorrogables ata un ano.
A solicitude dos postos realizouse tendo en conta as necesidades actuais e de futuro. Na actual situación, a Traballadora Social será imprescindible para colaborar no departamento de Servizos Sociais nas tarefas de atención ás necesidades derivadas da Covid-19.
Pola súa banda, o Enxeñeiro Técnico Agrícola vai reforzar o departamento de Urbanismo e do Medio para avanzar nos traballos relacionados cos expedientes de xestión de biomasa, o Convenio con SEAGA para a xestión de franxas de protección contra incendios, a Aldea Modelo e outros proxectos que teñen que ver co desenvolvemento rural.
Alumnado en prácticas do IES Pazo da Mercé tamén desenvolverá prácticas no Concello con funcións de colaboración na prevención da Covid-19 e na atención aos veciños e veciñas que precisen realizar xestións nas oficinas da Casa Consistorial.
A Unidade de Atención Temperá (UAT) da comarca do Baixo Miño comezará a funcionar nas vindeiras semanas. Creada recentemente pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, está constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, co obxectivo de que as familias que teñan menores con dificultades de aprendizaxe, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.
O equipo de profesionais xa está contratado e comezará a atender nas vindeiras semanas no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. A presentación do proxecto ante as traballadoras e traballadores sociais dos catro municipios, tivo lugar onte no Concello de Tomiño, co fin de informar sobre os servizos que prestarán, e pedir a colaboración dos equipos técnicos na difusión da nova unidade, ante persoal sanitario, colexios, escolas infantís, etc.
Segundo expuxo a coordinadora e psicóloga da UAT, Andrea Álvarez, trátase dun proxecto destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.
Aos nenos ou nenas que cheguen á unidade derivados polos pediatras, faráselles unha valoración xeral ou ben nas áreas que precisen (fisioterapia, logopedia ou psicoloxía), elaborando logo un Proxecto de Atención Especializada (PAI), que se coordinará co Servizo de Atención Primaria, os centros educativos e as familias.
Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), “a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora”, son só algúns dos obxectivos que ten o novo equipo de profesionais, do que tamén forman parte Sonia García (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta). Outro dos campos no que se traballará será no da redución da conflitividade familiar, social, escolar, facendo un seguimento dun xeito coordinado.
A implantación desta Unidade de Atención Temperá na comarca supón un avance na coordinación entre todos os servizos e recursos de atención á infancia, tendo en conta as necesidades das familias e favorecendo a igualdade de oportunidades e a participación social xa que debido a ubicación xeográfica, os recursos dos que se dispón xeralmente quedan moi lonxe da área.
O Baixo Miño, que conta cunha poboacióntotal de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores desta franxa de idade padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.
Para máis información, pódese chamar ao teléfono 886 156172 ou enviar un correo electrónico a [email protected].
O Concello de Nigrán constata a reducción da presenza de vespa velutina na comarca tras retirar persoalmente o edil de Sanidade máis de 500 niños nos últimos tres anos e repartir gratuítamente 1.200 trampas entre a veciñanza. Así, se no ano 2018 a súa concellalía retirou 270 niños, no 2019 foron 175 e neste ano lévanse 81 (nos vindeiros días, eliminaranse unha ducia máis, sendo 93 a totalidade dos que se teñen notificado ata a data).
“Constatamos unha reducción de niños porque levamos xa 6 anos desde o Concello enriba desta plaga. Non recibimos ningunha axuda de Xunta e, aunque eles teñen esta competencia a través do SEAGA, non podemos cruzarnos de brazos ante a súa lentitude e inacción”, explica Alfonso Vázquez, edil de Educación, quen chegou a contabilizar durante a primavera 2.000 reinas atrapadas en só 8 das súas trampas. “Cada reina é un futuro niño, pois hai q ter en conta que desde o Concello repartimos gratuítamente entre a veciñanza 1.200 trampas desde 2019 co seu correspondente líquido atraínte, iso evita miles e miles de niños”, indica o edil, quen subliña que as trampas deben colocarse a partires de marzo, “é o líquido atraínte, aínda que tamén o regalamos, pódese fabricar caseiramente con 1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa e 1kg de azúcar pechado nun bote hermético”.
O Concello de Nigrán adquiríu no 2017 unha pértiga que permite bombear veleno aos niños situados ata a 25 metros de altitude, constituíndo un elemento de traballo indispensable para Alfonso Vázquez e o voluntario Jesús Barros. Cando estes niños están situados a unha altura superior ou preto dun acuífero, empréganse petardos autorizados que o destrúen por completo. “En xeral é preferible optar por petardos nesta época porque garanten mellor a destrución total de todos os exemplares do niño”, engade.
A parroquia de Camos, polas súas condicións, é a que máis niños rexistra no municipio, con 17 sacados neste ano, seguida por San Pedro con 15, Panxón con 14, Nigrán con 12, Parada e Priegue con 11 respectivamente e Chandebrito con 2. “As condicións de humidade e de abrigo en Camos fan que sexa a parroquia onde sempre atopamos máis niños, a velutina busca eses lugares”, incide.
“A tenacidade e voluntariedade de Álfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avispa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños que avistaron algún niño ou aos que Seaga nos lles deu solución”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.
A primeira xornada do primeiro Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo, ‘Culturminho’, reuniu na súa primeira xornada a preto dun cento de axentes culturais de ambas marxes do río no que foi o primeiro debate sobre a importancia de desenvolver unha axenda cultural conxunta que atraia públicos de maneira coordinada ao territorio transfronteirizo.
Tanto a presidenta Carmela Silva como o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez subliñaron a importancia de cooperar e converter o Miño “nunha porta aberta á cultura” creando unha rede sólida de mobilidade cultural galego-portuguesa fronte á actual programación de eventos puntuais organizados ás costas da outra parte.
Benítez indicou que é preciso borrar a imaxe de fronteira, sobre todo a día de hoxe, cando as relacións de futuro van ser moi diferentes con motivo da COVID-19. Subliñou que está latente a necesidade dunha axenda cultural que elimine a barreira comunicativa e permita ver que hai públicos obxectivos do outro lado do río. “Temos unha proximidade lingüística e cultural que hai que aproveitar e un reto por diante de traballar en conxunto”, subliñou.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou pola súa banda a importancia da Cultura como elemento fundamental da actividade humana e o seu valor de transformación social, polo que insistiu en que agora máis que nunca, coa pandemia da COVID-19 que mudou hábitos e formas, “a cultura non pode parar”.
Por este motivo, Silva destacou a importancia da celebración do primeiro foro ‘Culturminho’, xa que ademais de por en valor a cultura, céntrase nun territorio transfronteirizo no que hai que reflexionar sobre a necesidade de sumar sinerxías e facer propostas comúns a desenvolver no Sur de Galiza ou no Norte de Portugal “atraendo as miradas ata este lugar cunha tradición cultural tan potente, cunha historia tan longa e persoeiros do mundo da Cultura tan sobranceiros”.
A presidenta fixo fincapé tamén en que a cultura ten unha capacidade enorme capacidade de atracción turística, polo que indicou que a día de hoxe, cando no mundo a xente se move particularmente buscando sustentabilidade, ocio, cultura e historia, “todo iso podémolo ofertar dende este lado do mundo que é a zona do Miño, ese marabilloso mundo, que se ten que converter non nunha fronteira, senón nunha porta aberta á cultura”. Finalizou subliñando que do Culturminho sairán ideas e propostas que farán que a Deputación tome máis pulo en poñer en valor a cultura no territorio transfronteirizo.
Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, destacou que na “nova realidade será preciso un esforzo de adaptación” aos formatos dixitais, ao tempo que subliñou a necesaria organización para non programar dunha e doutra banda do río eventos case simultáneos destinados a un mesmo público, insistindo tamén en que as actividades non deben estar pensadas unicamente para unha das partes do río. Lembrou que na segunda parte do foro Culturminho, unha vez realizada a análise destes catro días de debate, poranse sobre a mesa de maneira presencial as propostas e intervencións a realizar no territorio “axustadas e coordinadas” entre ambas partes.
Xosé Aldea, responsable de Ouvirmos, a empresa encargada da organización do Culturminho subliñou que os obxectivos principais desta cita cultural do Miño son reunir aos axentes e actores da cultura transfronteiriza, valorizar as boas prácticas culturais, crear un censo de operadores transfronteirizos culturais, e tamén aumentar os públicos e dar a coñecer o territorio do Miño máis alá dos concellos e das câmaras nas que se asentan.
Plan estratéxico fronte a ‘francotiradores’
Xa no debate da primeira mesa de traballo, na que participaron o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o de Vilar de Mouros, Joao Pinto; da Bienal de Arte de Cerveira, e unha representantes de Entre Margens, púxose sobre a mesa a dificultade que a burocracia e os diferentes ritmos administrativos dunha e doutra parte do Minho dificultan a creación de axendas conxuntas. “Precisamos un paraugas, unha ferramenta como a da AECT, ou un plan estratéxico que capte fondos e marque obxectivos a longo prazo”, destacou Pato.
Amais, púxose sobre a mesa a existencia dun “país miñoto” cunhas características propias que é preciso desenvolver de maneira cooperativa, fronte á situación actual na que os programadores culturais síntense como “francotiradores que emerxemos de cando en vez para organizar un evento puntual”. “Somos grandes descoñecidos. Pouca xente pode dicir artistas ou directores de cine na Galiza, e tamén á inversa. Galiza é tamén unha grande descoñecida en Portugal”, subliñou o director do Festival de Cans, que avogou por un maior traballo conxunto a través de organismos que aposten por investir fondos culturais no territorio.
Na cita de mañá, tamén organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no Río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.
O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no Río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado. Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista.
Financiado integramente cos fondos de compensación ambiental, por un valor de 14.541,65 €, vén de acometerse a obra no cadro do barrio da Moreira, na parroquia de Taboexa.
Os traballos consisten no cambio do cadro de mando e de 29 puntos de luz. As características das novas luminarias de corpo de aluminio son unha potencia de 31,1 Watios e 3000 Kelvin de temperatura ou color. Características idóneas para zonas rurais e que cumpren coas actuais esixencias normativas sobre a eficiencias enerxética e a contaminación luminosa.
Nos vindeiros meses continuará a renovación total do alumeado público das Neves coas mesmas características financiada nun 80% polo IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético).
Con estes proxectos conséguese a actualización de tódalas luminarias do territorio realizando unha mellora da eficiencia enerxética, co que se acadará un aforro de custes na facturación por consumo de electricidade de ata o 70%, que poderá destinarse a outras necesidades da veciñanza. Ademais, tamén se reduce a contaminación lumínica.
Afortunadamente, ningún dos accidentes rexistrados deixou feridos de gravidade.
Nun intervalo de aproximadamente tres horas a circulación pola A-55 viuse alterada a causa das distintas colisións por alcance ocorridas nos concellos de Mos, Vigo e Porriño.
A escasos minutos das sete da mañá, os profesionais sanitarios contactaron co 112 Galicia para informar da primeira, no termo municipal pontevedrés de Mos. Aínda que o número de vehículos implicados non transcendera, e segundo comunicaron os membros de Emerxencias de Mos, un gran vertido de combustible á altura do punto quilométrico 9, en Tameiga, impedía que os vehículos puidesen continuar a marcha.
Deste xeito, os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias traballaron arreo na limpeza da vía co fin de garantir as condicións idóneas para a circulación. Para colaborar coas tarefas e velar pola seguridade na estrada, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil e do servizos de mantemento da vía. Ademais, pasouse aviso aos Bombeiros do Porriño por se fose necesaria a súa intervención.
Ao fío das 8:30 horas e tras rematar os traballos de limpeza, a circulación quedou restablecida.
Aínda así, neste intervalo de tempo, outros tres accidentes tiveron lugar na A-55. Sobre as 7:30 horas dous turismos chocaban á altura do punto quilométrico 4, en Bembrive. Tamén, diversos coches colidían por alcance á altura de Torneiros, no concello do Porriño. Ata seis colisións foron contabilizadas entre os puntos quilométricos 12 e 15. Cómpre sinalar que no punto quilométrico 15 da Autovía, ocorreron dúas colisións múltiples, dirección Vigo, unha delas con catro vehículos implicados e outra con tres turismos. Foi nesta última onde os servizos sanitarios de urxencia tiveron que intervir.
Ao fío das 08:45 horas, un choque entre dous vehículos á altura da parroquia de Sanguiñeda, en Mos, volveu á mobilizar aos equipos de emerxencia cara á A-55. Esta vez, varios particulares contactaban co 112 Galicia para advertir dun accidente no enlace entre a A-55 e a A-52. De acordo co relato dos alertantes, os ocupantes dos turismos atopábanse liberados e accesibles.
Foron informados os membros do Servizo de Emerxencia Municipal de Mos, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, os voluntarios de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento das estradas.
Esta fin de semana, tanto o sábado coma o domingo, o tren turístico da Eurocidade realizará unha viaxe dende o centro urbano até os muíños do río Tripes. Sairá as dúas xornadas ás 10 h dende a Praza da Inmaculada e regresará ás 13 h. As prazas ofertadas son 30 que se deben reservar na Oficina de Turismo ou no correo [email protected].
Con este percorrido do tren até os muíños do Tripes búscase promocionar a visita a este conxunto patrimonial tanto por parte dos propios tudenses coma das persoas que ao longo desta fin de semana se acheguen a Tui.
O Rosal acaba de inaugurar o novo acceso ao aparcamento Xulio Sesto tras as obras de remodelación, acondicionamento e urbanización acometidas nos últimos meses. Durante este tempo o Concello, a través da empresa adxudicataria, levou a cabo traballos de pavimentación da entrada para crear un acceso rodado e outro peonil, executou a canalización de augas pluviais e dotou das condicións eléctricas necesarias para dispoñer de iluminación na zona.
O obxectivo destas actuacións era corrixir as deficiencias técnicas do proxecto inicial e paliar a problemática derivada do acondicionamento do aparcamento para que poida empregarse de forma normalizada, xa que ata o de agora non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao aparcamento, situado no núcleo urbano da vila.
A apertura do aparcamento Xulio Sesto permite dotar á Praza do Calvario e as súas inmediacións dun maior espazo para o estacionamento de vehículos.
O proxecto, elaborado pola área de Urbanismo do Concello do Rosal, contou cun orzamento de máis de 34.000 euros financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Hoxe mércores, ás 19 h na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, realizarán unha visita á exposición ‘O Camiño do Humor’ que recolle unha recompilación de viñetas do ilustrador e deseñador gráfico galego Luís Davila. A mostra está organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.
A mostra está organizada de maneira temática baixo epígrafes como Xente de aquí, Na leira, O bicherío, Tecnoloxía, O tempo, O turismo ou O Camiño de Santiago, etc. En conxunto, ofrece un completo percorrido pola obra de Davila a través dunha antoloxía das súas viñetas máis destacables.
A mostra forma parte do programa de actividades do 50 aniversario da Biblioteca Municipal de Tui.
A Rede de Cidades pola Bicicleta deu hoxe a benvida á Deputación de Pontevedra nun acto telemático no que se anunciou que a institución provincial pasará a ser membro de pleno dereito da Xunta Directiva da Asociación e, por tanto, terá poder de decisión á hora de poñer en marcha iniciativas, campañas e publicacións.
O deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción polo feito de que a de Pontevedra sexa a cuarta deputación do Estado que forma parte da entidade (despois da de Barcelona, Bizkaia e Guipúscoa), o que ao seu entender, demostra o interese do Goberno provincial por traballar para que a bicicleta sexa un modo de transporte prioritario –xunto coa mobilidade peonil- e que as cidades e vilas da provincia cheguen a ser 100% ciclables.
O secretario técnico da rede, Nacho Tomás, destacou que a RCxB é unha asociación composta por entidades locais que ten por obxecto xerar dinámicas para facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación dos ciclistas especialmente no medio urbano. Tomás sinalou que forman parte da rede outros 130 concellos e entidades supramunicipais entre as que están todas as capitais de provincia salvo Málaga, incorporando no acto de benvida de hoxe os concellos de Granada, Ayamonte (Huelva), Antequera (Málaga) e Puerto Real (Cádiz).
Pola súa banda, Benítez explicou que o interese de formar parte da RCxB radica en que a Deputación vén traballando dende o 2015 nun cambio de modelo que prioriza a mobilidade natural das persoas e as bicis fronte aos vehículos a motor. Destacou que a día de hoxe está por diante o reto de xestionar a conectividade do territorio provincial tendo en conta a dificultade da grande dispersión poboacional. “Queremos introducir a bicicleta como aliada na mobilidade das cidades e as vilas, pero recoñecemos que temos moito que traballar”, destacou, lembrando que está en marcha un estudo sobre a situación na provincia.
Benítez insistiu en que a día de hoxe, cando que a pandemia da COVID-19 está poñendo de manifesto a necesidade de recuperar o espazo público para as persoas, é o momento no que se debe expandir o modelo pontevedrés. Subliñou que está en marcha ‘Ágora’, un proxecto que pretende multiplicar o espazo destinado ás persoas e que “o tempo está ao noso favor”, asegurou.
Dende a RCxB aplaudiron a iniciativa de ‘Ágora’ e comprometéronse a difundir o proxecto entre todas as entidades asociadas como un “exemplo de boas prácticas”. De feito, subliñaron a importancia da formación viaria non só dende a visión do vehículo, senón tamén dende a óptica do peón e da necesidade de repensar como deben ser os desprazamentos. “De verdade non se pode camiñar 30 minutos para ir dun lado a outro, de verdade é preciso o coche?”, cuestionou Tomás.
Beneficios e iniciativas
No acto de benvida á rede puxéronse sobre a mesa os beneficios aos que accederá a Deputación de Pontevedra (e de maneira extensiva os concellos da provincia que forman parte de Ágora) por pertencer á Rede de Cidades pola Bicicleta.
Un dos beneficios é o acceso ao chamado BiciRexistro, un sistema estatal de control de bicicletas que conta coa participación dos concellos que compoñen a rede, as súas policías locais, a DXT e os Xestores Administrativos, que permite asociar un número de rexistro a unha bicicleta e un bastidor por medio duns vinilos cun código QR. Isto supón na práctica unha especie de ‘matrícula’ que permite a identificación e unha recuperación máis sinxela en caso de roubo, xa que segundo afirmaron dende a rede, “o 20% de persoas usuarias de bicicleta sofren nalgún momento o roubo da súa bicicleta e este sistema pode servir de elemento disuasorio”.
Por outra banda, outro dos servizos que ofrece a RCxB é un técnico de apoio para asesorar ás administracións sobre carrís bicis, cesións de bicicletas públicas, como plantexar proxectos técnicos de convivencia entre a bicicleta e outras mobilidades, ou a redacción de pregos de ordenanzas tipo.
Nacho Tomás fixo referencia tamén á importancia de publicacións dispoñibles (como a guía de ‘Bikesharing’ ou de ‘Cicloturismo’), á realización dun Barómetro da bicicleta que cada dous anos estuda os hábitos ciclistas e as demandas da cidadanía, dun Observatorio da bicicleta que estuda o que ofrecen os concellos ás persoas usuarias, a celebración de eventos internacionais, ou a colaboración coa European Cyclist Federation, entre outras colaboracións.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.119, deles 818 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 1.084 da de Ourense, 667 da de Pontevedra, 412 da área de Vigo, 527 da de Santiago, e 118 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 199 en unidades de hospitalización e 3.885 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 20.344 persoas curadas, rexistrándose 765 falecementos. O número de PCR realizadas é de 515.983.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Premer sobre o cadro para ampliar
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
Un novo formato de promoción comercial que combina o mellor da Feira de Oportunidades co mellor da Shopping Night, chega ao comercio Redondela. Trátase dun evento único que achegará á clientela a posibilidade de acceder as mellores ofertas da Feira de oportunidades e aos descontos da estrea da nova tempada: os Shopping Days, que esta mañá foron presentados coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
O formato desta promoción está especialmente pensado para “tempos COVID” no que se combinará a venda presencial coa venda on line. A clientela poderá acceder a produtos e ofertas tamén dende a súa casa, ou calquera outro lugar, mercado ou reservando online. Por outra parte a venda presencial combinará a venda na rúa ocupando o exterior e lugares anexos ao comercios e os propios establecementos.
Para unha maior comodidade e seguridade durante a xornada do sábado 10 os establecementos permanecerán abertos en horario continuado de 10:00 a 22:00 horas.
As xornada de venda presencial celebraranse os días 9 e 10 de outubro. O sábado, que será o día no que a venda na rúa será a protagonista da xornada poderemos realizar as compras en horario continuado e ata as 22:00h. A sección “outlet” terá descontos que chegarán ata o 70% e a sección de “nova tempada” terá descontos que oscilarán entre o 10 e ó 20%. A venda on line terá unha duración máis prolongada, e estará activa ata o 20 de outubro na sección outlet.
Para crear espazos de compra segura e garantir a seguridade e distanciamento social os espazos de venda estarán dotados con material seguridade COVID-19 en cada punto de venda e as tendas adaptarán os espazos interiores con probadores co oportuno distanciamento e a desinfección das prendas cando así sexa pertinente.
O evento é organizado de forma conxunta pola Asociación de Empresarios e o Concello de Redondela e pretende dar unha resposta adaptada ao novo contexto xerado pola crise sanitaria, asumindo o Concello o peso económico da organización.
A Casa dos Alonsos, sede do Concello da Guarda, acolleu na mañá de hoxe a presentación da sétima edición do Trail do Trega que terá lugar este vindeiro domingo, 11 de outubro, a partir das 10:30 horas. Trátase dunha proba emblemática e que se disputa, na súa totalidade, no marco incomparable que ofrece o monte Trega e que, este ano, é ‘reinventada’ de cara a facela segura e adaptada aos protocolos sanitarios sen que por iso perda nada da súa beleza e do seu carácter competitivo.
No acto de presentación o alcalde, Antonio Lomba, estivo acompañado polo deputado de Deportes, Gorka Gómez; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o organizador da proba, Serafín Acevedo.
A concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes salientaba a importancia das medidas de seguridade sanitaria que rodeaban a este trail que non dubidou en cualificar como “un icono de todas as probas deportivas que se desenvolven ao longo do ano na Guarda”. Recoñecía Magallanes a “complexidade dos tempos que estamos a vivir”, pero tamén amosaba a súa confianza na recuperación do pulso deportivo e cultural da Guarda “sempre vixilando o cumprimento dos protocolos establecidos para a COVID-19”.
Agrupación por similares características técnicas e competitivas
Serafín Acevedo, organizador da proba, salientaba nas súas palabras o esforzo organizativo por ‘reinventarse’ e que, pese a iso, a proba se mantivera como un espectáculo deportivo de primeira orde sen perder nin atractivo para as persoas espectadoras nin competitividade para as e os atletas.
Non é tarefa doada coodinar a 300 participantes cos protocolos da COVID-19 actualmente en vigor e, porén, conseguiuse. Así as saídas realizaránse por quendas de 10 deportistas o que, de entrada permitirá que poidan manter unha distancia mínima de seguridade de tres metros entre eles. Ao mesmo tempo, haberá 30 segundos entre a saída de cada unha das quendas.
Outra das novidades será o agrupamento das e dos atletas por características físicas e competitivas, dese xeito, explicaba Serafín Acevedo, “os e as atletas máis rápidos e con mellores marcas sairán primeiro, co que se evitan aglomeracións e adiantamentos” doutra banda, e para garantir aínda máis a seguridade, os avituallamentos serán individualizados e debidamente embolsados.
A saída para esta proba de 14 quilómetros e 800 metros de desnivel, será as 10: 30 horas dende a Alameda da Guarda, un lugar idóneo pola súa amplitude que permitirá que o público asistente poida manter as debidas distancias de seguridade. Pese a que o Trail do Trega non ten un desnivel significativo, o cambio constante de terreo, a orografía complicada e as condicións meteorolóxicas adversas e cambiantes, fan que sexa unha proba para a que se precisa unha boa preparación física. Asi mesmo a organización ten programada unha andaina guiada, de 10 quilómetros e con 500 metros de desnivel, con saída dende a Alameda ás 10 horas e que, ao igual que o trail, ten limitado o número de participantes que será de 100 persoas
Achegar á cidadanía actividades deportivas seguras
Na súa intervención, Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra subliñaba a importancia dos concellos á hora de desenvolver actividades como a que se estaba a presentar. “O máis fácil –afirmou– sería paralizar a actividade deportiva totalmente. Pero nestes momentos temos que facer precisamente o contrario”. Gómez amosaba o seu convencemento de que “hai que achegar á cidadanía actividades deportivas seguras, que se celebren ao aire libre porque o deporte é sinónimo de saúde”.
O deputado de Deportes incidu na aposta que, por este trail, facía a Deputación de Pontevedra potenciando “unha proba emblemática e unha disciplina que se desenvolverá en tres concellos, O Rosal, Silleda e a Guarda que compoñen a Pontevedra Trail League”. Amais da súa importancia deportiva “poñemos en valor os diferentes espazos naturais e, paralelamente, ofertamos a cidadanía deportes nestes momentos complicados”.
Gómez reafirmaba o seu convencemento na importancia do deporte como medio de manter a saúde e de recuperar, pouco a pouco, certa normalidade e por iso facía fincapé que, dende a Deputación “levamos meses facendo actividades deportivas seguras sen problemas, eventos que se desenvolveron durante o verán cun total éxito de participación e de seguridade”. Nesa liña considera preciso, Gorka Gómez, “trasladar á cidadanía a importancia de facer actividades, ao igual que é importante manter a actividade económica e cultural”. Temos que ter claro que haberá que covivir durante unha tempada con esta situación sanitaria e temos que seguir vivindo”.
Antonio Lomba: “malos tempos para a lírica”
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradecía a presenza de Gorka Gómez e a implicación da Deputación nesta proba e o que cualificaba “a osadía” de preparar eventos deportivos como este Trail do Trega ou a recentemente celebrada ‘La Icónica’ –marcha na modalidade nórdica entre Oia-A Guarda-Tui–, lembraba o título da canción de Germán Copini e Golpes Bajos ‘Malos tiempos para la lírica” asegundando que agora son “malos tempos para a lírica, pero tamén para a cultura e o deporte”.
Tiña Antonio Lomba un especial recoñecemento á concelleira de Cultura e Deporte, Montserrat Magallanes ao asegurar que “Montse leva demostrado que, con moita cabeciña, se pode fomentar cultura e deporte cumprindo os protocolos sanitarios e poñendo ese granciño de area para que isto non se paralice totalmente, que é o peor que nos podía pasar”.
Nun tempo en que aqueles que se dedican a organizar eventos culturais e deportivos “están a pasar un mal momento porque ninguén se atreve e ninguén quere dar un paso adiante, Montse, como concelleira de Deportes e Cultura, é quen tira para adiante”.
Aseguraba ter respecto á organización dun evento do calibre do Trail do Trega, aínda que non dubidou en afirmar que “teño un pouco menos de medo porque estades detrás de min, Montse, Serafín, e a Deputación e foron quen de facer un protocolo extraordinario para poder celebrar esta competición deportiva”. Subliñaba a dificultade que ten o desenvolvemento deste tipo de eventos con 300 persoas correndo “o que demostra ben ás claras que a xente ten ganas de facer deporte ao igual que hai xente que participa na andaina porque tamén ten ganas de andar”.
“Debemos ter claro que non se pode parar todo” afirmaba con rotundidade Antonio Lomba. “Hai unha parte importante da economía que está pendente do deporte e da cultura” polo que, engadía, “debemos procurar que nesta nova normalidade, as institucións e aqueles osados do sector privado traballemos para sacar isto adiante como sexa, para dicirlle á xente estamos mal pero con sentido común podemos dar seguridade á cidadanía para que faga a vida o máis normal posible”.
Lomba insistiu que a organización do Trail era unha boa mostra que se podían facer cousas con seguridade “pero o estamos a facer coa cabeza moi fría. Dende o principio da pandemia se de algo podemos presumir foi de estar sempre como cabezas pensantes para facer que a vida para os nosos veciños e veciñas fora o máis normal posible na prestación de servicios, na organización de eventos culturais, deportivos, na atención aos máis desfavorecidos. O fixemos todocon moito sentido e tendo todos os días pequenos ‘cónclaves’ pensando que paso podíamos dar para seguir avanzando”.
“Creo que o trail do Trega está magníficamente organizado –remataba o alcalde da Guarda–. Temos que ter precaución porque non podemos permanecer en casa pechados con medo porque, ese medo acaba convertíndose en angustia, e a angustia en depresión e sairíamos mal parados”.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.