7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosDistintos accidentes en Mos e Porriño alteran a circulación na A-55

    Distintos accidentes en Mos e Porriño alteran a circulación na A-55

    Afortunadamente, ningún dos accidentes rexistrados deixou feridos de gravidade.

    Nun intervalo de aproximadamente tres horas a circulación pola A-55 viuse alterada a causa das distintas colisións por alcance ocorridas nos concellos de Mos, Vigo e Porriño.

    A escasos minutos das sete da mañá, os profesionais sanitarios contactaron co 112 Galicia para informar da primeira, no termo municipal pontevedrés de Mos. Aínda que o número de vehículos implicados non transcendera, e segundo comunicaron os membros de Emerxencias de Mos, un gran vertido de combustible á altura do punto quilométrico 9, en Tameiga, impedía que os vehículos puidesen continuar a marcha.

    Deste xeito, os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias traballaron arreo na limpeza da vía co fin de garantir as condicións idóneas para a circulación. Para colaborar coas tarefas e velar pola seguridade na estrada, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil e do servizos de mantemento da vía. Ademais, pasouse aviso aos Bombeiros do Porriño por se fose necesaria a súa intervención.

    Ao fío das 8:30 horas e tras rematar os traballos de limpeza, a circulación quedou restablecida.

    Aínda así, neste intervalo de tempo, outros tres accidentes tiveron lugar na A-55. Sobre as 7:30 horas dous turismos chocaban á altura do punto quilométrico 4, en Bembrive. Tamén, diversos coches colidían por alcance á altura de Torneiros, no concello do Porriño. Ata seis colisións foron contabilizadas entre os puntos quilométricos 12 e 15. Cómpre sinalar que no punto quilométrico 15 da Autovía, ocorreron dúas colisións múltiples, dirección Vigo, unha delas con catro vehículos implicados e outra con tres turismos. Foi nesta última onde os servizos sanitarios de urxencia tiveron que intervir.

    Ao fío das 08:45 horas, un choque entre dous vehículos á altura da parroquia de Sanguiñeda, en Mos, volveu á mobilizar aos equipos de emerxencia cara á A-55. Esta vez, varios particulares contactaban co 112 Galicia para advertir dun accidente no enlace entre a A-55 e a A-52. De acordo co relato dos alertantes, os ocupantes dos turismos atopábanse liberados e accesibles.

    Foron informados os membros do Servizo de Emerxencia Municipal de Mos, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, os voluntarios de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento das estradas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.