Mércores, 11 Decembro de 2024

Luz verde a unha das principais promesas electorais da alcaldesa de Mos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anuncioulle onte a Nidia Arévalo que o Estudo de Viabilidade do acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña desde a Autovía A-55 é favorable

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo o martes pola tarde unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no despacho desta en Santiago de Compostela, sobre temas de gran importancia para Mos como a humanización entre o Colexio de Atín e a Igrexa de Pereiras, diversos saneamentos e axudas para varias Comunidades de Usuarios de Augas mosenses.

Pero un asunto desta reunión goza dunha importancia especialmente capital para o municipio mosense: o acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña desde a Autovía A-55. Tema que constituiu unha das principais promesas electorais da rexedora local mosense durante os pasados comicios electorais de maio de 2019.

Pois ben, Arévalo regresou onte a Mos da capital galega coa boa nova, dada pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, de que este acceso ten luz verde ao ser favorable o Estudo de Viabilidade realizado.

O custe estimado deste proxecto ascendería a uns 4,5 millóns de euros, e consistiría nun novo vial de conexión entre o polígono de Veigadaña e a A-55, e un anel de conexión interior ao polígono de Veigadaña, que conectaría directamente o anel da Lagoa co anel do Perral, cunha lonxitude de 440 metros.

O vial de conexión directo entre o devandito polígono e a A-55 resolveríase a partir da creación dunha nova rotonda na parte sur do ámbito do polígono e discorrería entre os núcleos de Arrubial e A Estivada ata a súa conexión co acceso existente á A-55 (zona de Porteliña), mellorando o devandito acceso coa creación doutra rotonda e a limpeza do vial existente. Dita conexión tería unha lonxitude aproximada de 1.300 metros.

Este proxecto busca mellorar a competitividade das empresas existentes e futuras do polígono ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).