7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoA Unidade de Atención Temperá do Baixo Miño comezará a funcionar nas...

    A Unidade de Atención Temperá do Baixo Miño comezará a funcionar nas vindeiras semanas

    O obxectivo é que as familias que teñan menores con dificultades de aprendizaxe, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo

    A Unidade de Atención Temperá (UAT) da comarca do Baixo Miño comezará a funcionar nas vindeiras semanas. Creada recentemente pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, está constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, co obxectivo de que as familias que teñan menores con dificultades de aprendizaxe, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.

    O equipo de profesionais xa está contratado e comezará a atender nas vindeiras semanas no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. A presentación do proxecto ante as traballadoras e traballadores sociais dos catro municipios, tivo lugar onte no Concello de Tomiño, co fin de informar sobre os servizos que prestarán, e pedir a colaboración dos equipos técnicos na difusión da nova unidade, ante persoal sanitario, colexios, escolas infantís, etc.

    Segundo expuxo a coordinadora e psicóloga da UAT, Andrea Álvarez, trátase dun proxecto destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

    Aos nenos ou nenas que cheguen á unidade derivados polos pediatras, faráselles unha valoración xeral ou ben nas áreas que precisen (fisioterapia, logopedia ou psicoloxía), elaborando logo un Proxecto de Atención Especializada (PAI), que se coordinará co Servizo de Atención Primaria, os centros educativos e as familias.

    Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), “a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora”, son só algúns dos obxectivos que ten o novo equipo de profesionais, do que tamén forman parte Sonia García (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta). Outro dos campos no que se traballará será no da redución da conflitividade familiar, social, escolar, facendo un seguimento dun xeito coordinado.

    A implantación desta Unidade de Atención Temperá na comarca supón un avance na coordinación entre todos os servizos e recursos de atención á infancia, tendo en conta as necesidades das familias e favorecendo a igualdade de oportunidades e a participación social  xa que debido a ubicación xeográfica, os recursos dos que se dispón xeralmente quedan moi lonxe da área.

    O Baixo Miño, que conta cunha poboación total de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores desta franxa de idade padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.

    Para máis información, pódese chamar ao teléfono 886 156172 ou enviar un correo electrónico a atenciontempranamibm@cogami.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.