11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaUxío Benítez reivindica que o territorio transfronterizo do Miño reciba fondos específicos...

    Uxío Benítez reivindica que o territorio transfronterizo do Miño reciba fondos específicos do Plan de Recuperación Económica por Covid-19

    O deputado de Cooperación Transfronteiriza subliña que a pandemia tivo un doble impacto negativo na ‘raia’ ao sumar o peche férreo da fronteira á crise económica xeral

    O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez reivindicou hoxe, despois da presentación do Plan de Recuperación Económica pos Covid-19, que o territorio transfronteirizo do Río Miño debe recibir fondos específicos para mitigar o impacto da pandemia. Segundo destacou o tamén vicedirector do AECT Rio Minho, os concellos da ‘raia’ galego portuguesa estiveron doblemente impactados pola COVID-19, xa que á crise económica xeral houbo que sumar os problemas derivados do peche férreo da fronteira entre o sur de Galiza e o norte de Portugal o 17 de marzo, durante o estado de alarma.

    Benítez reclamou que o Plan de Recuperación debe recoller unha liña específica que trate a problemática da fronteira e ter en conta ás organizacións de cooperación transfronteiriza e aos concellos para xestionar fondos e minimizar o dobre impacto na actividade económica do territorio do Miño.   “É nos concellos de contacto entre países onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces”, subliñou, ao tempo que destacou que as eurocidades e as AECTs de ámbito subrexional son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia sen menoscabo da necesaria cooperación nos niveis rexional e estatal.

    Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou que o instrumento máis axeitado para o desenvolvemento do territorio é o Investimento Territorial Integrado (ITI). Este é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de combinar fondos europeos dun ou máis programas con fondos locais, rexionais e estatais para garantir un mellor resultado na posta na práctica dunha estratexia conxunta de desenvolvemento. Neste sentido, destacou que é preciso que se aclaren as vías de interlocución e acceso aos fondos europeos para entidades públicas non autonómicas.

    Benítez lembrou que nestes momentos o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Miño está a desenvolver da man da Universidade de Vigo un estudo sobre as consecuencias da pandemia no territorio transfronteirizo, poñendo ás claras cal foi o impacto do PIB nos concellos da ‘raia’.

    O nacionalista fixo fincapé en que a crise derivada da promulgación do estado de alarma en España e mais a do estado de emerxencia en Portugal xunto co peche da fronteira común tivo un considerable impacto, de  efectos moi negativos, sobre a cidadanía de ambas as beiras do Río Miño Transfronteirizo.

    Insistiu en que o peche de fronteiras veu alterar radicalmente, como nunca nos últimos 30 anos, a vida dos habitantes do territorio fronteirizo galego-portugués, tronzando literalmente pola metade a súa realidade cotiá. Así, citou entre os principais prexuízos  a alteración da actividade laboral para xs traballadorxs transfronteirizxs polo incremento de distancia, tempos e custos de desprazamento necesarios para acudir ao posto de traballo por mor da limitación de pasos fronteirizos.

    Puxo de manifesto os negativos efectos económicos, tanto pola limitación das relacións laborais e comerciais, con redución de ata un 70% de clientes, perda de empregos ou dificultade de suministros en  determinados negocios, como polos custos extraordinarios derivados dos desprazamentos ata o único paso aberto ou pola necesidade de alugar residencias provisionais; así como a imposibilidade de uso de servizos de carácter esencial, ben no ámbito educativo (escolarización) ou sanitario (consultas médicas e veterinarias), ubicados do outro lado da fronteira.

    Tamén lembrou a indispoñibilidade de servizos ou equipamentos de carácter deportivo, comercial de ocio e cultural, accesibles do outro lado da fronteira, as graves dificultades para relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores desatendidas,…) e o impacto no sector primario: na agricultura (exportación de planta dos viveiros, comercialización do viño e kiwi…)  e pesca fluvial (lamprea). Benítez lembrou a loita dos alcaldes e alcaldesas da zona, liderados polo AECT, para reabrir as fronteiras pechadas en marzo e facilitar a vida á cidadanía da zona e destacou que se traballarán todos os frentes (administrativos e reivindicativos) para que o territorio da fronteira non “volva ser o gran esquecido”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.