O Concello acaba de poñer en marcha o Consello Municipal de Desenvolvemento Local, unha ferramenta pioneira que servirá para facer unha diagnose da situación actual do municipio e traballar nunha estratexia integral de crecemento do Rosal con accións a realizar a curto, medio e longo prazo. Trátase dun primeiro paso para fomentar a participación veciñal, imprescindible para manter unha relación acaída coa realidade social do municipio, creando unha ferramenta cun marcado carácter consultivo que servirá para analizar e reflexionar sobre os diferentes aspectos de cada ámbito de actuación.
O Consello está formado por unha vintena de persoas de todas as idades con experiencia en diferentes ámbitos de actuación e vinculadas ao sector primario e servizos, á cultura, aos coidados, á eido deportivo, aos seguros, á hostalaría… pero cun eixo en común, o de “apostar agora e sempre polo desenvolvemento do Rosal e a súa comarca e crer na posibilidade dun maior desenvolvemento futuro do concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A iniciativa conta coa colaboración de dous recoñecidos economistas: Xabier Pérez Davila, profesor moi vencellado ao Rosal, e Xavier Martínez Cobas, profesor universitario vinculado ao ámbito da diagnose e a estratexia económica. Neste primeiro encontro, achegaron aos axentes sociais algúns datos xerais comparativos entre os concellos da comarca (O Rosal, Tomiño, A Guarda e Oia) para ver o punto de partida no que se atopa o municipio rosaleiro e, a partir de aí, traballar nas diferentes liñas de debate creadas.
O obxectivo final é crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva e nun ámbito teórico e práctico “para comezar a camiñar no desenvolvemento local do Rosal de xeito estratéxico coas nosas potencialidades. Porque aínda que hai cuestións sobre as que dende o Concello non temos competencias, si temos a incumbencia”.