8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaTrescentos deportistas tomarán a saída o domingo no VII Trail do Trega...

    Trescentos deportistas tomarán a saída o domingo no VII Trail do Trega rodeados dun estrito protocolo de seguridade sanitaria

    A Casa dos Alonsos, sede do Concello da Guarda, acolleu na mañá de hoxe a presentación da sétima edición do Trail do Trega que terá lugar este vindeiro domingo, 11 de outubro, a partir das 10:30 horas. Trátase dunha proba emblemática e que se disputa, na súa totalidade, no marco incomparable que ofrece o monte Trega e que, este ano, é ‘reinventada’ de cara a facela segura e adaptada aos protocolos sanitarios sen que por iso perda nada da súa beleza e do seu carácter competitivo.

    No acto de presentación o alcalde, Antonio Lomba, estivo acompañado polo deputado de Deportes, Gorka Gómez; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o organizador da proba, Serafín Acevedo.

    A concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes salientaba a importancia das medidas de seguridade sanitaria que rodeaban a este trail que non dubidou en cualificar como “un icono de todas as probas deportivas que se desenvolven ao longo do ano na Guarda”. Recoñecía Magallanes a “complexidade dos tempos que estamos a vivir”, pero tamén amosaba a súa confianza na recuperación do pulso deportivo e cultural da Guarda “sempre vixilando o cumprimento dos protocolos establecidos para a COVID-19”.

    Agrupación por similares características técnicas e competitivas

    Serafín Acevedo, organizador da proba, salientaba nas súas palabras o esforzo organizativo por ‘reinventarse’ e que, pese a iso, a proba se mantivera como un espectáculo deportivo de primeira orde sen perder nin atractivo para as persoas espectadoras nin competitividade para as e os atletas.

    Non é tarefa doada coodinar a 300 participantes cos protocolos da COVID-19 actualmente en vigor e, porén, conseguiuse. Así as saídas realizaránse por quendas de 10 deportistas o que, de entrada permitirá que poidan manter unha distancia mínima de seguridade de tres metros entre eles. Ao mesmo tempo, haberá 30 segundos entre a saída de cada unha das quendas.

    Outra das novidades será o agrupamento das e dos atletas por características físicas e competitivas, dese xeito, explicaba Serafín Acevedo, “os e as atletas máis rápidos e con mellores marcas sairán primeiro, co que se evitan aglomeracións e adiantamentos” doutra banda, e para garantir aínda máis a seguridade, os avituallamentos serán individualizados e debidamente embolsados.

    A saída para esta proba de 14 quilómetros e 800 metros de desnivel, será as 10: 30 horas dende a Alameda da Guarda, un lugar idóneo pola súa amplitude que permitirá que o público asistente poida manter as debidas distancias de seguridade. Pese a que o Trail do Trega non ten un desnivel significativo, o cambio constante de terreo, a orografía complicada e as condicións meteorolóxicas adversas e cambiantes, fan que sexa unha proba para a que se precisa unha boa preparación física. Asi mesmo a organización ten programada unha andaina guiada, de 10 quilómetros e con 500 metros de desnivel, con saída dende a Alameda ás 10 horas e que, ao igual que o trail, ten limitado o número de participantes que será de 100 persoas

    Achegar á cidadanía actividades deportivas seguras

    Na súa intervención, Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra subliñaba a importancia dos concellos á hora de desenvolver actividades como a que se estaba a presentar. “O máis fácil –afirmou– sería paralizar a actividade deportiva totalmente. Pero nestes momentos temos que facer precisamente o contrario”. Gómez amosaba o seu convencemento de que “hai que achegar á cidadanía actividades deportivas seguras, que se celebren ao aire libre porque o deporte é sinónimo de saúde”.

    O deputado de Deportes incidu na aposta que, por este trail, facía a Deputación de Pontevedra potenciando “unha proba emblemática e unha disciplina que se desenvolverá en tres concellos, O Rosal, Silleda e a Guarda que compoñen a Pontevedra Trail League”. Amais da súa importancia deportiva “poñemos en valor os diferentes espazos naturais e, paralelamente, ofertamos a cidadanía deportes nestes momentos complicados”.

    Gómez reafirmaba o seu convencemento na importancia do deporte como medio de manter a saúde e de recuperar, pouco a pouco, certa normalidade e por iso facía fincapé que, dende a Deputación “levamos meses facendo actividades deportivas seguras sen problemas, eventos que se desenvolveron durante o verán cun total éxito de participación e de seguridade”. Nesa liña considera preciso, Gorka Gómez, “trasladar á cidadanía a importancia de facer actividades, ao igual que é importante manter a actividade económica e cultural”. Temos que ter claro que haberá que covivir durante unha tempada con esta situación sanitaria e temos que seguir vivindo”.

    Antonio Lomba: “malos tempos para a lírica”

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradecía a presenza de Gorka Gómez e a implicación da Deputación nesta proba e o que cualificaba “a osadía” de preparar eventos deportivos como este Trail do Trega ou a recentemente celebrada ‘La Icónica’ –marcha na modalidade nórdica entre Oia-A Guarda-Tui–, lembraba o título da canción de Germán Copini e Golpes Bajos ‘Malos tiempos para la lírica” asegundando que agora son “malos tempos para a lírica, pero tamén para a cultura e o deporte”.

    Tiña Antonio Lomba un especial recoñecemento á concelleira de Cultura e Deporte, Montserrat Magallanes ao asegurar que “Montse leva demostrado que, con moita cabeciña, se pode fomentar cultura e deporte cumprindo os protocolos sanitarios e poñendo ese granciño de area para que isto non se paralice totalmente, que é o peor que nos podía pasar”.

    Nun tempo en que aqueles que se dedican a organizar eventos culturais e deportivos “están a pasar un mal momento porque ninguén se atreve e ninguén quere dar un paso adiante, Montse, como concelleira de Deportes e Cultura, é quen tira para adiante”.

    Aseguraba ter respecto á organización dun evento do calibre do Trail do Trega, aínda que non dubidou en afirmar que “teño un pouco menos de medo porque estades detrás de min, Montse, Serafín, e a Deputación e foron quen de facer un protocolo extraordinario para poder celebrar esta competición deportiva”. Subliñaba a dificultade que ten o desenvolvemento deste tipo de eventos con 300 persoas correndo “o que demostra ben ás claras que a xente ten ganas de facer deporte ao igual que hai xente que participa na andaina porque tamén ten ganas de andar”.

    “Debemos ter claro que non se pode parar todo” afirmaba con rotundidade Antonio Lomba. “Hai unha parte importante da economía que está pendente do deporte e da cultura” polo que, engadía, “debemos procurar que nesta nova normalidade, as institucións e aqueles osados do sector privado traballemos para sacar isto adiante como sexa, para dicirlle á xente estamos mal pero con sentido común podemos dar seguridade á cidadanía para que faga a vida o máis normal posible”.

    Lomba insistiu que a organización do Trail era unha boa mostra que se podían facer cousas con seguridade “pero o estamos a facer coa cabeza moi fría. Dende o principio da pandemia se de algo podemos presumir foi de estar sempre como cabezas pensantes para facer que a vida para os nosos veciños e veciñas fora o máis normal posible na prestación de servicios, na organización de eventos culturais, deportivos, na atención aos máis desfavorecidos. O fixemos todocon moito sentido e tendo todos os días pequenos ‘cónclaves’ pensando que paso podíamos dar para seguir avanzando”.

    “Creo que o trail do Trega está magníficamente organizado –remataba o alcalde da Guarda–. Temos que ter precaución porque non podemos permanecer en casa pechados con medo porque, ese medo acaba convertíndose en angustia, e a angustia en depresión e sairíamos mal parados”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.