Venres, 18 Xullo de 2025

A Guarda retoma este sábado o mercadillo semanal dos sábados

0

O Concello da Guarda, en virtude das medidas de restrición adoptadas por sanidade fronte ao coronavirus Covid-19 e, trala saída do nivel vermello do municipio a pasada semana, adoptou retomar a actividade do mercadillo semanal dos sábados na Alameda da Guarda cun 50% dos postos habituais a partires deste sábado día 21 de novembro.

O mercadillo quedara suspendido e só se instalaban os postos habituais de froitas e verduras, prantas e embutidos dende o pasado sábado día 24 de outubro ante a evolución da Covid-19.

A día de hoxe o número de casos confirmados na localidade é de entre 14 e 21, estando no nivel 2, segundo os novos casos confirmados por PCR nos derradeiros 7 días.

Temos que recordar que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas controlar a situación sanitaria debida á Covid-19. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre ou tose.

A Deputación envórcase co 25N cunha extensa programación que chama a sumarse á “emerxencia feminista” e posicionarse contra as violencias machistas

“Non imos facer máis minutos de silencio. Estamos fartas do silencio. Nós imos berrar alto e claro e non imos parar ata rematar con algo tan intolerable como o maltrato que sufrimos as mulleres. Que saiban os machistas, os maltratadores e os asasinos de mulleres que os desprezamos profundamente”. Con estas palabras a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveu hoxe a lanzar un berro contra a violencia machista no acto de presentación da extensa programación que a institución vai desenvolver ao abeiro da celebración do 25N. Todas as actividades englóbanse baixo o lema ‘Emerxencia Feminista. Posiciónate fronte ao machismo’ que, como destacou, “é un berro de indignación” ante a situación das violencias machistas que no que vai de ano suma a arrepiante cifra de 41 asasinatos, 1.074 desde o 2003.

[su_image_carousel source=”media: 25576,25578,25579,25577″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Calar é estar ao lado do machismo –afirmou Silva–. Así que hai que posicionarse en contra, é a única posición decente”. Silva lembrou que, a nivel mundial, nun só ano, 243 millóns de mulleres e nenas sufriron violencias machistas. ”Estamos cada día máis enfadadas e queremos que cada asasinato ocupe o lugar que merece para que toda a sociedade se poña en pé contra as violencias que padecemos, contra o machismo, o patriarcado e a negación dos dereitos das mulleres ”, reclamou. “Se no noso país foran 1.074 asasinatos por outro tipo de violencia sairía a xente á rúa a protestar masivamente. Pero son mulleres. As levan asasinando dende hai centos de anos. Son 1.074 asasinos produto da violencia machista . Iso é co que pretendemos rachar cada ano coas accións a prol da igualdade”.

A campaña provincial arrancou coa instalación de dúas grandes pancartas despregadas nas fachadas das sedes da institución provincial de Pontevedra e Vigo. No acto da súa colocación celebrado esta mañá no Pazo Provincial, participaron amais de Carmela Silva o vicepresidente César Mosquera e deputados e deputadas do Goberno provincial. Amais, ambos edificios da Deputación iluminaranse en cor violeta desde a noite deste xoves ata finais de novembro, “como unha chamada de atención fronte ao que está acontecendo”.

[su_image_carousel source=”media: 25575,25571,25574,25573,25572″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Trala colocación da pancarta, as Ruínas de San Domingos foron o ‘nobre’ escenario escollido para dar a coñecer o resto da programación, que volve ter o proxecto ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ como estrela e “que chegará a todos os recunchos da provincia, aos centros educativos, ás prazas, aos espazos onde nos relacionamos, porque temos que educar e tomar conciencia e facelo no espazo público”. Precisamente, este acto contou coa actuación musical de Najla Shami, unha das artistas que vai participar e que, como destacou Carmela Silva, “pon voz e rostro a todas as mulleres da cultura que tanto aportan”. Neste senso, a presidenta indicou que ao termo do 2021 haberán sido 150 as protagonistas das accións de ‘Violencia Zero’. O lema nesta VI edición é ‘Emerxencia cultural, urxencia feminista’ e contará de novo con 25 accións que se desenvolverán en 25 concellos de todas as comarcas a cargo de mulleres da cultura “que son o ariete fundamental para transformar, e poñen a súa creatividade para que algún día non teñamos que facer un 25N”. As dúas accións inaugurais serán performances e terán lugar o propio 25 de novembro na praza da Peregrina de Pontevedra, a cargo de Janet Novás, protagonista do cartel deste ano, e o día 26 no Museo Marco de Vigo con Mónica Aranegui.

As accións previstas tocan as distintas vertentes culturais e , deste xeito, desenvolveranse outras dúas performances (a cargo de Analía Beltrán e Janés, así como Twins Experimental, formado por Laura Ramírez & Ainhoa Hernández); dúas intervencións murais de gran formato, con Btoy (Andrea Michelsson) e Milu Correch; catro accións de danza contemporánea (con Clara Ferrao Diz, Yara Bombox, Xiana Vilas e Ruth Balvís), sete accións escénicas (Esther Carrodegúas, Sue Moreno, Paula Sanmartín, Laura Villaverde, Stephy Llayora, Arantxa Treus e Carmen Méndez) ; seis musicais con Najla Shami; High Paw; Xoana; Macarena Montesinos; María Villanueva e Nastasia Zürcher) e dúas accións poéticas, con Miriam Ferradáns e Xiana Arias. Amais de Pontevedra e Vigo, as actividades desenvolveranse na Estrada, Cangas, Mos, Cuntis, As Neves, Arbo, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Silleda, Caldas, Lalín, Bueu, Tomiño, Poio, Marín, A Illa de Arousa, Baiona, Salvaterra de Miño, Vilagarcía, Gondomar, Soutomaior, Vilaboa.

Carmela Silva indicou que este ano, a causa da pandemia da Covid, eliminouse a elaboración do catálogo en papel do programa, pero preparouse un catálogo dixital que recolle todas as actividades. E, como novidade, tres artistas plásticas e ilustradoras teñen deseñado máscaras de tea que se repartirán nos concellos onde se desenvolverán as accións: Laura Romero (ilustración artística); Gemma Marqués (pintura-acuarela) e Lara Lars (collage). Está prevista unha tirada limitada de 3.600 unidades, “aínda que seguro que imos ter que facer bastantes máis”. “Polo tanto na provincia moitas persoas terán esa máscara que será tamén un berro. Porque se pode falar sen dicir palabras, aínda que son fundamentais para transformar o mundo”

Accións no pleno

Doutra banda, no pleno ordinario que celebrará a corporación provincial no día 27 deste mes, a profesora Teresa Domínguez, mestra e ex directora do CRA Clara Torres de Tui que acaba de ser galardoado este 2020 co premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona, lerá unha declaración da súa propia autoría ao abeiro do 25-N “que falará da importancia da educación nesta loita”. Na sesión tamén se repartirán postais coa imaxe do mural que a artista Nana realizou en Tui na actual edición de ‘Violencia Zero’ co título de “Queda na casa’. Este mural, como sinalou a presidenta ”amosaba a terrible situación que viviron as mulleres e crianzas maltratadas durante o confinamento”.

Así mesmo, a Deputación colaborará un ano máis coa campaña de sensibilización social ‘En Negro contra as Violencias’, na que participa desde o ano 2017 e colabora cada ano coa edición de distintos materiais que distribúen nos 25 concellos adheridos na provincia a esta iniciativa. Máis polo miúdo, repartirase máis de 5.500 marcapáxinas e 5.000 carteis.

A Policía Local de Redondela denuncia ao condutor duna motocicleta por un suposto delito de falsificación de identidade e cinco faltas máis

0

A Policía Local de Redondela procedeu a denunciar, na tarde de onte, ao condutor dunha motocicleta por un suposto delito de falsificación de identidade, desprazamento non xustificado dende Cangas, portar substancias estupefacientes, circular sen seguro, dar positivo na proba de drogas e carecer de permiso para conducir.

O feitos aconteceron na tarde de onte cando os axentes foron alertados da posibilidade dunha persoa camiñando pola AP-9. Desprazados ata o lugar dos feitos, a realiade era ben diferente. A patrulla localizaba a unha persoa sentada na beiravía da AP-9 e unha motocicleta situada no refuxio de separación da propia autoestrada e o carril de incorporación Redondela-Vigo, en Rande.

Ao ser interrogado polos axentes, alega en primeira instancia que quedou sen gasoliña e que está a espera da grúa, se ben ante as seguintes preguntas que lle formulan os membros da Policía Local redondelá, comeza a contradecirse.

Requirida a súa identificación da, no primeiro momento, a dun familiar en lugar da súa ainda que, posteriormente, os axentes descubren a súa verdadeira identidade. Realizadas todas as dilixencias, a persoa foi denunciada polas seis infraccións anteriormente citadas. A patrulla da Policía Local contou, finalmente, co apoio de dúas patrullas do destacamento de Tráfico da Garda Civil.

Deputación e Coordinadora Galega de ONGD, visibilizan o papel das mulleres mesoamericanas defensoras de dereitos humanos

Por terceiro ano consecutivo a Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD impulsan ‘Defensoras de Dereitos’, un proxecto que ten por obxectivo visibilizar o papel que as mulleres mesoamericanas están a desenvolver para defender a equidade e os dereitos humanos. Neste 2020, o proxecto contempla a exposición itinerante ‘Defensoras. Sementes de cambio’ que percorrerá Pontevedra, Gondomar e A Estrada, un encontro online con mulleres que están a traballar na procura dos dereitos e a presentación duns libros de Lara Dopazo para concienciar á mocidade de secundaria.

A mostra ‘Defensoras. Sementes de cambio’ será inaugurada por Carmela Silva e a portavoz da coordinadora Galega de ONGD María Paz este sábado, 21 de novembro, ás 11.00 horas nas Galerías da Oliva de Pontevedra. A exposición, que tamén se poderá ver dende o luns 23 de novembro en Gondomar e dende o martes na Estrada, atoparase nos escaparates dos comercios locais ata mediados de decembro e porá rostro a través de carteis ás defensoras de dereitos, concretamente a 10 mulleres de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua.

Xunto á mostra ‘Defensoras. Sementes de cambio’, no marco do proxecto tamén se presentarán uns libros de Lara Dopazo para concienciar á mocidade de secundaria sobre o papel das mulleres mesoamericanas na defensa dos dereitos humanos. Deste xeito, as publicacións amosan a historia de Miriam Suazo, Mª Magdalena Cuc Choc e Mª Estela Mondragón, tres mulleres que protagonizarán, amais, un encontro online aberto á cidadanía no que explicarán as tarefas que desenvolven a prol da equidade e do desenvolvemento humano.

Neste 2020 a Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD colaboran na visibilización das mulleres de IM-Defensoras (Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos), unha entidade que comezou a traballar en 2010 para dar resposta integral e rexional ao aumento da violencia contra as defensoras de dereitos humanos nesta zona americana (México, O Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua).

Nas anteriores edicións de “Defensoras de Dereitos” a Deputación e a Coordinadora impulsaron a mostra ‘Tecedoras de cambio’, unha feira de comercio xusto e trouxeron ata a provincia a defensoras de dereitos humanos como as dúas mulleres indíxenas guatemaltecas Juventina López e Manuela (Ita) Xocol e as activistas Georgina de los Ángeles Molina e Alicia Valencia.

Baiona pon en marcha a campaña ‘En negro contra as violencias’

0

O Concello de Baiona súmase, por segundo ano consecutivo, ao protocolo de colaboración para a organización conxunta da campaña de sensibilización “En Negro contra as violencias”, no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o próximo 25 de novembro, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas. O desenvolvemento desta campaña enmárcase dentro da programación “Novembro Lila” organizada pola Concellería de Igualdade, unha programación que trae consigo un mes dedicado a actividades contra a violencia á muller non Concello de Baiona.

O concello adheriuse o ano pasado por primeira vez á campaña “En negro contra as violencias”. Así, a iniciativa do Centro de Información as Mulleres (CIM) do Concello de Baiona, contou co respaldo de numerosos establecementos baioneses.

O acto de presentación da campaña tivo lugar esta mañá na praza do concello. Baixo o lema “Baiona En Negro” desde o Concello anímase de novo ao sector do comercio a implicarse nesta edición convertendo a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas.

Dada a situación actual derivada da crise sanitaria da Covid-19 este ano “En Negro Contra as Violencias” fundamenta a súa campaña no activismo virtual. A idea é que os participantes utilicen os materiais entregados o ano pasado entre o 19 e o 25 de novembro, aproveitando calquera actividade para sacar unha foto vestidos de negro e para subila ás redes sociais (Facebook, Twitter ou Instagram) cos seguintes hashtags: #BaionaEnNegro, #BaionaEnNegro20, #EnNegroContraAsViolencias, #ContraAsViolenciasMachistas, #ContraAsViolencias, etiquetando aos perfís da Concellería de Igualdade,@IgualdadeBaiona.

Este ano como novidade repartiranse mascarillas no Mercado da Praza de Abastos de Baiona e na Praza de Sabarís. Todos aqueles establecementos que necesiten nova cartelaría para sumarse á campaña poden recollela no Centro Ángel Bedriñana, sito na rúa Carabela Pinta número 9. O centro está aberto en horario de 08:00 a 22:00 h de luns a venres de forma ininterrumpida.

Outra novidade é que se repartirán marcapáginas para a comunidade educativa que participou no proxecto “Non Cales”. Un proxecto impulsado desde a concellería,  a través do Centro de Información á Muller, no que os centros educativos municipais  tiveron como obxectivo romper o silencio contra a violencia de xénero.

“Desde o Concello queremos animar ao sector do comercio a implicarse nesta conmemoración baixo o lema “Baiona en negro”; vestindo de loito o pobo, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, logrando así un gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos Baiona libre de violencia machista!, sinalou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Pola súa banda, a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, comentou que “Todo o que se faga é pouco para a loita contra as violencias machistas. Campañas como a que hoxe presentamos serven para dar visualización e para que as vítimas sintan ese apoio tan necesario. Pero necesitamos máis educación e recursos na loita contra a lacra das violencias machistas”.

O acto central da programación “Novembro Lila” na que se enmarca esta campaña terá lugar o vindeiro martes, 25 de novembro, ás 12:00 horas, na praza do Concello de Baiona.

Con todo a responsable da Concellería de Igualade anima a todos os veciños e veciñas a unirse a esta campaña con calquera detalle, “por pequeno que sexa”.  

A Deputación arranca hoxe unha intensa programación ao abeiro do 25N

A Deputación de Pontevedra arranca hoxe xoves, 19 de novembro, unha intensa programación que desenvolverá ao abeiro do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A xornada comezarou ás 11.45 horas coa colocación de sendas lonas nas fachadas do Pazo Provincial e da sede de Vigo. Este primeiro acto, que levouno a cabo a presidenta provincial, o vicepresidente e deputadas e deputados do goberno, precedeu á presentación, ás 12.00 horas nas Ruínas de San Domingos, da sexta edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Amais, tamén desde a noite deste xoves ambas sedes provinciais de Pontevedra e Vigo tinguiranse de cor morada cunha iluminación que permanecerá ata finais deste mes, no marco do compromiso da Deputación contra a lacra das violencias machistas. 

No acto nas Ruínas de San Domingos, daranse a coñecer as 25 accións previstas en 25 concellos da provincia que conforman esta nova edición de “Violencia Zero”, o programa que desde o 2015 desenvolve a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á loita contra as violencias machistas e amosar o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta presentación, que se desenvolverá co estrito protocolo anti Covid, está prevista a actuación musical a cargo da cantante Najla Shami. As actividades ao abeiro do 25N tamén chegarán ao pleno da corporación que a Deputación celebrará o día 27 no Pazo provincial e, por outra banda, a Deputación volverá a participar un ano máis na campaña de sensibilización social “En Negro contra as Violencias”, na que participa desde o ano 2017 e colabora cada ano coa edición de distintos materiais que distribúen os concellos adheridos na provincia a esta iniciativa, amais dos utilizados pola propia institución.

Ata o 15 de decembro poderase participar no I Concurso de relatos ilustrados

A Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, en colaboración coa Federación de Comercio Banastra, organiza un concurso de relatos ilustrados de Nadal para espertar a creatividade da veciñanza e descubrir os novos talentos das letras e da ilustración.

Os relatos terán como máximo 500 palabras e estarán relacioandos co Nadal e ambientados no Concello de Ponteareas.

As bases establecen tres categorías en función da idade dos/as autores/as:

1. Categoría infantil, de 9 a 13 anos

2. Categoría xuvenil, de 14 a 18 anos

3. Categoría adulto, maiores de 18 anos

As creacións escritas en lingua galega deberán ir acompañados de calquera tipo de ilustracións (debuxos, fotografías ou decoracións) elaboradas polos/as autores/as.

Cada participante só pode enviar un relato antes do 15 de decembro a [email protected].

As 10 mellores obras publicaranse no Facebook Cultura e Turismo (@visitponteareas) e haberá  tres gañadores en cada categoría.

Categoría infantil:

1.º premio: unha tableta máis diploma acreditativo

2.º premio: material deportivo máis diploma acreditativo

3.º premio: altofalante con mp3 máis diploma acreditativo

Categoría xuvenil:

1.º Premio: vale de 100 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

2.º Premio: vale de 75 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

3.º Premio: vale de 50 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

Categoría adulta:

1.º Premio: vale de 100 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

2.º Premio: vale de 75 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

3.º Premio: vale de 50 €, cambiábel en comercios adscritos a Banastra, máis diploma acreditativo

Os premios son cedidos pola Federación de Comercio Banastra e entregaranse durante unha actividade cultural do Nadal 2020, sempre que as restricións sanitarias pola Covid-19 o permitan.

Fernando Groba Bouza, Concelleiro de Cultura, invita a toda veciñanza a participar neste concurso para que todos gocemos do espírito do Nadal.

O Concello de Tui completa o proceso de promoción interna de catro traballadores e traballadoras

0

Onte culminou no Concello de Tui un proceso de promoción interna, iniciado a comezos de ano, para cubrir con funcionarios de carreira as prazas de persoal administrativo que figuraban na oferta de emprego público do ano 2017.  Tamén onte completouse o proceso para o nomeamento coma inspector da Policía Local da oferta de  emprego público de 2019.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que “é a primeira na historia recente deste concello que se culmina un proceso de promoción interna na categoría de administrativos” engadiu que “era unha débeda que tiñamos co conxunto dos traballadores”.  Enrique Cabaleiro amosou a súa satisfacción por completar este proceso que se une ao proceso de negociación da relación de postos traballo, RPT, que agarda culmine tamén nos próximos días.

O rexedor tudense felicitaba os traballadores e traballadores que promocionaron e lles expresaba a gratitude “polo traballo que ao longo destes anos levan desempeñado, e que foi fundamental para que hoxe este concello sexa o que e que se lles preste ao conxunto dos veciños e veciñas de Tui os servizos que se lle están prestando”.

Deste xeito Manuel Arca é dende hoxe oficialmente o inspector xefe da Policía Local, e os funcionarios María Jesús Blanco Martínez, Alejo Ordóñez Méndez e Eulogia Paramos Estévez ocupan as prazas de administrativo.

O pasado mes de setembro completouse tamén outro proceso de promoción interna de encargado oficial de obras da oferta de emprego público nomeando a Evaristo Rodríguez Castiñeira.

O Concello de Mos lucirá a escultura da Costureira da exposición “D’Pedra” da Deputación de Pontevedra

0

A Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos veñen de asinar o convenio de colaboración para a doazón da escultura da Costureira pertencente á exposición “D’Pedra”, co fin de difundir o patrimonio histórico-artístico e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno da Escola de Cantería Jonathan Mariñas García, conta cunhas medidas de 145x90x100.

“D’Pedra” é a mostra itinerante que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición dos concellos, como fixo no seu momento con “Nado en Pedra”, e que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional. En concreto, “D’Pedra” está formada por 16 pezas exteriores de granito feitas polo alumnado da Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá. A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo.

Sete axentes da Policía Local do Porriño serán condecorados polo auxilio ás víctimas da explosión de Paramos

Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais, Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro,  e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo. En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.

Os sete policías locais acudiron ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.

O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.

Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez, en Nigrán e o axente Sergio García, en Parla.

O acto de entrega das Medallas aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.

O número de casos activos por coronavirus mantéñense estables en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.098 deles 1.888 son da área da Coruña, 1.072 da de Lugo, 749 da de Ourense, 1.250 da de Pontevedra, 2.422 da área de Vigo, 993 da de Santiago, e 724 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 101 están en UCI, 472 en unidades de hospitalización e 8.525 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 37.210 persoas curadas, rexistrándose 1.107 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 826.926.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Maica Larriba felicita á organización de palangreiros guardeses Orpagu polo seu premio Alimentos de España

0

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, realizou onte unha visita de traballo ás instalacións da Organización de Palangreiros Guardeses, Orpagu, que vén de recibir o ‘Premio Alimentos de España’ á Produción da Pesca e da Acuicultura. Durante o encontro, no que a subdelegada puido coñecer de primeira man a situación da flota adicada ao pez espada no porto da Guarda, Maica Larriba estivo acompañada polo alcalde do concello guardés, Antonio Lomba; a tenenta de alcalde, Montserrat Magallanes; o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla; a súa xerente, Juana Ortega, e outros membros da súa directiva.

A subdelegada do Goberno quixo, en primeiro lugar, felicitar á organización “por este premio, que recoñece a traxectoria dos palangreiros guardeses, a súa aposta pola sostenibilidade e o esforzo pola diferenciación de seus produtos”. Amais de transmitir esta mesma felicitación de parte do Delegado do Goberno, Javier Losada. Os Premios Alimentos de España son uns galardóns do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que buscan recoñecer o traballo de entidades, empresas e profesionais que se distinguen por producir e comercializar alimentos de calidade, con métodos avanzados e respectuosos co medio ambiente.

Maica Larriba destacou o orgullo que supón para a provincia contar “coa primeira flota europea de palangre de superficie, punteira na pesca do peixe espada no Atlántico, e á cabeza da integración das mulleres, convertidas en armadoras nun sector tradicionalmente masculinizado”. A subdelegada subliñou tamén “o compromiso coa innovación desta organización, que soubo adiantarse ás directrices medioambientais, desenvolvendo novos sistemas de pesca que permiten reducir as capturas accidentais de tartarugas e aves mariñas, e que apostou con éxito pola comercialización da materia prima en novos formatos, como as conservas ou as hamburguesas de peixe espada”.

Durante o seu encontro a subdelegada escoitou de primeira man as demandas e preocupacións dos armadores. Maica Larriba lembrou o compromiso do Goberno de España coa flota pesqueira española e co crecemento azul e subliñou a súa enorme gratitude co sector, “polo seu impecable comportamento e esforzo durante os últimos meses, especialmente naqueles momentos máis difíciles da pandemia, onde todos os membros da cadea alimentaria nos brindaron a súa mellor obra con compromiso e responsabilidade”. Así mesmo, amosouse convencida da importancia que terá o sector, en termos económicos, sociais e de emprego, na próxima recuperación.

Pola súa banda, os directivos de Orpagu presentaron unha das súas novas realizacións como é o elemento para o tratamento das tartarugas unha vez que son capturadas de forma accidental no palangre. Joaquin Cadilla explicou de xeito gráfico o sistema que usaron os barcos da frota para o rescate das tartarugas, a súa liberación e a súa posterior solta no mar.

Unha organización con case 25 anos de historia

Orpagu converteuse recentemente na agrupación de palangre de superficie máis importante de Europa, ao incluír entre os seus asociados a unha trintena de buques portugueses adicados, ao igual que eles, a captura do peixe espada no Atlántico. Larriba celebrou este novo fito, que potencia a representatividade e peso internacional da actividade pesqueira da provincia.

Segundo explicaron os seus responsables á Subdelegada, na actualidade a organización está a desenvolver un importante proxecto na comarca co obxectivo de ampliar a capacidade de almacenamento dos seus asociados e que redundará na fase de comercialización de peixe espada. Tamén adiantaron que o ano que vén a asociación cumprirá 25 anos e desexan celebralo. “É un cuarto de século traballando a prol da pesca e dos nosos mariñeiros e teremos que festexalo”, aseguraron.

O Concello de Nigrán ofrecerá a partir desta semana todas as súas actividades deportivas municipais en streaming

0

O Concello de Nigrán ofrecerá desde esta semana en streaming (retransmisión telemática en directo) todas as súas actividades deportivas municipáis ante a petición dos propios usuarios (ioga, ximnasia de mantemento, aerobic-step, taichi, taekwondo, pilates e zumba), tal e como xa fai con Música desde o inicio das novas restricións. Quedan excluídas as dirixidas á terceira idade ao non estar afeitos a gran maioría ao emprego das novas tecnoloxías. 

O Concello investíu 500 euros na compra de dúas webcams de alta calidade cos seus respectivos trípodes, habilitando para elo unha das salas do Pavillón Municipal de Panxón. O obxectivo é que o sistema quede establecido xa para todos os posibles periodos onde se decreten restricións sanitarias que impidan desenvolver a actividade de xeito presencial. 

Ponteareas organiza un curso sobre o certificado dixital e trámites coa administración mediante internet

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas organiza un curso de Certificado dixital e xestión e trámites mediante internet no que poden participar 15 persoas e que ten por obxectivo dar a coñecer o funcionamento do correo electrónico Gmail, aprender a obter un certificado dixital e as súas funcións, as diferenzas entre o certificado dixital e o DNI electrónico. O curso é totalmente de balde e todas as persoas interesadas deben anotarse no Rexistro do Concello.

A actividade formativa terá unha duración de 30 horas e impartírase a partir do 23 de novembro ata o 18 de decembro a través da plataforma Google Classroom. Á súa finalización entregarase un certificado de asistencia.

Entre os contidos, o alumnado aprenderá a navegar e realizar tramites cos sitio web do Concello, Xunta de Galicia, Sergas, Sepe…. para facilitar a familiarización coas páxinas dos diferentes servizos públicos e para coñecer os tipos de trámites se poden facer a través de internet.

“Estes contidos permitirán coñecer as vantaxes de realizar trámites en liña coas administracións e coas empresas privadas, ademais de aprender a empregar os certificados dixitais para relacionarse de xeito seguro coas administracións públicas e nas xestións on-line do día a día”, afirma Fernando Groba Bouza, concelleiro de Cultura.

Ponteareas promove o uso das novas tecnoloxías e a formación para unha relación on line coa administración na liña marcada polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS).

O Rosal creará un espazo municipal de reparación, intercambio e reutilización de obxectos

0

O Concello do Rosal xa está a traballar na creación dun espazo para o intercambio, reparación e reutilización de obxectos, unha instalación municipal que terá como obxectivo axudar a alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental xerado ao tiralos e aumentando os niveis de reciclaxe. Para poñelo en marcha o Concello acaba de conseguir unha subvención de 30.000 euros para residuos de competencia municipal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Soamente no ano 2019 no Rosal xestionáronse 32 toneladas de roupa e 12,4 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) a través dos distintos sistemas de recollida selectiva. “Queremos concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, quen salienta que con esta iniciativa búscase “crear un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental”.

Con este proxecto adecuarase un espazo municipal actualmente en desuso na rúa Cumieira, a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, e dotarase do material necesario para que nel a veciñanza poida reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres. Búscase así dar resposta aos rosaleiros e rosaleiras que teñen nocións básicas de reparación de obxectos pero que non dispoñen do material ou do espazo necesarios para facelas.

Este espazo tamén aglutinará todas as accións de sensibilización ambiental que se leven a cabo, dende charlas de medioambiente ou campañas informativas ata obradoiros de autorreparación, xornadas periódicas de intercambio de materiais (libros, roupa, electrodomésticos…) ou de voluntariado para o intercambio de coñecementos na reparación. “Son ferramentas coas que traballaremos para acadar un modelo de consumo máis sustentable, esencial para a consecución dos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible”, resalta a concelleira.

Lonxe de ser un punto de competencia, o proxecto busca ser un complemento do comercio de reparación de electrodomésticos, roupa… e de venda de obxectos de segunda man que xa hai no Rosal, así como o das asociacións sen ánimo de lucro que recollen materiais para doalos a persoas en risco de exclusión social. “Será un lugar no que aquelas persoas que xa teñan esgotada a posibilidade de reparar un obxecto por unha cuestión económica ou de vontade dispoñan dun espazo no que poder facelo antes de tiralo ao lixo. Queremos que a veciñanza adquira dinámicas de consumo que aposten polo comercio de segunda man e outras prácticas medioambientalmente máis sostibles”, recalca.

A posta en marcha desta iniciativa permitirá ao concello formar parte da rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, que permitirá compartir coñecementos entre diferentes entidades, poñendo a disposición das persoas recursos en liña para a reparación de obxectos, consellos para dar novos valores a roupa e mobles…

A Deputación de Pontevedra non aplicará na corporación provincial a suba do 0,9 %

A Deputación de Pontevedra non aplicará na corporación provincial a suba salarial do 0,9 %. O deputado Carlos Font comunicou hoxe que o goberno retirará das bases do orzamento 2021 o paragrafo no que aparece que as retribucións da corporación variarán en función do que determinen os orzamentos xerais do estado. Font lamentou o “debate amarillista e cheo de lixo que tentou verter o PP e do que só podemos sentir vergoña porque lles vale todo”.

O deputado mostrou a súa consternación, aínda que “ante esta catarata de descualificacións e insultos baseados en mentiras”, si pediu ao grupo popular que explique á sociedade como é posible que deputados como Alfonso Marnotes e outros cobren máis que a propia presidenta da Deputación. Ou como é posible que un deputado que é alcalde dun concello de menos de seis mil habitantes teña unhas retribucións de máis de 70.000 euros. Diso non falan?”, preguntou. “É escandaloso que un partido con dirixentes que están no cárcere por roubar diñeiro público, se atreva a falar disto en vez de estar agochados na casa”

Carlos Font volveu a acusar ao grupo popular de “mentir sen pudor cando teñen o valor de falar dun aumento de recursos”. O deputado aportou o informe de Persoal, que figura na documentación dos orzamentos e que foi elaborado polo interventor, o Secretario e a Xefa do Servizo de Recursos Humanos, informe que reflicte con total claridade que o aumento salarial da corporación en 2021 con respecto a 2020 é cero. O único que aparecía nas bases de execución do orzamento era que “Estas retribucións experimentarán a mesma variación que a que determine, no seu momento, a LPGE do próximo exercicio para os empregados públicos”. Ese é o paragrafo que desaparecerá agora das bases do orzamento.

Extracto do informe de Persoal, elaborado por Interventor, Secretario e Xefa de Recursos Humanos, que é o que figura no orzamento e no que xa se explicitaba que non se contempla incremento de número de dedicacións e de retribucións da corporación respecto ao 2020

Font concluiu que o PP “o que presentou ao orzamento da Deputación foi un grupiño de enmendas que non aportan nin unha soa idea nova para a transformación da provincia e que só teñen por obxectivo seguir na confrontación permanente co goberno provincial, incluso atrevéndose a mentir”

O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa diversidade cun amplo abano de actividades con motivo o Día da Memoria Trans

0

“Redondela sempre apostou e apostará pola diversidade e a integración como medios para acadar unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis decente”. Con estas palabras, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, daba a coñecer o amplo abano de actividades que se desenvolverán durante estes días con motivo do Día Internacional da Memoria Trans que se celebra o vindeiro 20 de novembro.

O acto central desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira onde ás 12 horas inaugurarase a mostra fotográfica, ‘Vigo es nombre de mujer’, unha mostra que fai un interesante percorrido pola memoria transexual da cidade olívica nas décadas dos 70, 80 e 90. A mostra, organizada pola asociación PVLSE, chega a Redondela logo das xestións realizadas pola asociación redondelá Irisar, que con pouco máis dun ano de vida, “desenvolve un marabilloso traballo a prol da diversidade”.

Digna Rivas amosou o seu orgullo “de que unha redondelá e agora traballadora do Concello, Carolina Graña, sexa un dos rostros visibles das persoas trans na exposición ‘Vigo es nombre de mujer’. Unha muller que, coa súa valentía, amósanos día a día o camiño a seguir para acadar a unha sociedade igualitaria e xusta”.

É evidente que a actual situación de pandemia, fai que as actividades cambien ou ‘reinvéntense’ respecto ás de anos anteriores e, en especial, non que atinxe a participación dos mozos e mozas dos catro institutos redondeláns. Así, as charlas que se desenvolvían co alumnado nos IES de Redondela, serán substituídas por unha iniciativa do propio alumnado que escribirá frases relativas á diversidade e á integración nos bancos instalados o pasado ano en cada centro, e pintados coas cores trans.

Esas frase serán posteriormente difundidas polas redes sociais municipais como forma de facelas chegar a toda a cidadanía. As actividades, como explica a alcaldesa, “buscan concienciar á cidadanía sobre a diversidade e a imposibilidade que ten unha sociedade para avanzar, se non é a través da aceptación de liberdade individual de cada quen”.

A alcaldesa de Redondela recoñece que, nestes últimos anos avanzouse moito en materia de diversidade “pero é un avance lento, a costa de grandes sacrificios”. Non se pode esquecer “que aínda a día de hoxe, en pleno século XXI e nunha sociedade que se autodenomina ‘avanzada’ as persoas trans sigan a ser obxecto de vexacións, agresións e mesmo vítimas de asasinato”, conclúe Rivas.

O concello subscribe o contrato do Servizo de Axuda ao Fogar cun orzamento de 2,7 millóns de euros

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o xerente da empresa Idades S.L., Víctor Manuel Durán, asinaron onte o contrato administrativo polo que a empresa asume a xestión do Servizo de Axuda do Fogar (SAF) de Gondomar que atende anualmente a máis de medio centenar de usuarios. No 2020 a Xunta otorgou mensualmente un total de 2.158 horas a este servicio, que no caso de Gondomar “foron efectivamente prestadas”.

A previsión é que a partir de xaneiro o número de horas por parte do Goberno autonómico increméntense ata as 2.500 ao mes cun custo de 17,06 euros que implicará un crecemento na partida anual do concello de 221.000 euros. Segundo o contrato asinado o orzamento previsto para o primerio ano ascenderá a 574.718,98 euros, cantidade que se incrementará anualmente ata alcanzar, ao finalizar o contrato no 2025, a un investimento total de 2.667.285, 52 euros.

O alcalde de Gondomar destaca o importante esforzo que “o noso goberno fai en materia de benestar social. Coas cifras na man o gasto nas partidas destinadas a este departamento rexistran un incremento dun 500 % respecto a os últimos anos”. Suliña que a nova nova concesionaria do SAF amosou o seu compromiso de “realizar no primeiro ano diferentes actividades formativas así como políticas de captación para incorporar máis persoal ao servizo”.

Pola súa banda a concelleira responsable de Benestar Social, Nuria Lameiro, valorou positivamente o contrato asinado destacando que proba “o compromiso do noso goberno polas políticas sociais e centradas na defensa e atención dos colectivos máis vulnerables e necesitados neste momento”.

A empresa IDADES S.L, que tamén presta este servizo en concellos limítrofes como Tomiño, Salvaterra do Miño, Baiona ou O Porriño, inclúe unha serie de melloras nos servizos de fisioterapia, podoloxía ou barbería a domicilio, así como a oferta de axudas técnicas.

Últimos días para inscribirse no Mercado de Nadal 2020 da Guarda

0

O Concello da Guarda organiza o Mercado de Nadal do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal. Este mercado está destinado a artesáns e produtores coma por exemplo produtos de horta ou alimentación. Tamén pode participar o comercio local da Guarda e a súa contorna.

Os interesados e interesadas poden consultar as bases de participación nesta ligazón e ter en conta que o prazo para a inscrición remata este venres 20 de novembro.

O procedemento é a través do rexistro municipal presentando unha instancia xeral coa indicación de ‘Mercado de nadal’ cos datos de contacto, descrición dos produtos á venda e copia da documentación en vigor.

O número de postos é reducido polo que se vai establecer unhas quendas dependendo do número total de interesados. O reparto destas quendas realizarase por sorteo entre os profesionais que cumpran os requisitos solicitados.

A Valedora do Pobo diríxese ao xulgado para “evitar un dano irreparable” na Fonte de Troncoso de Mondariz Balneario

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, vén de admitir a trámite unha queixa de SOS Fonte de Troncoso polo estado deste prezado manancial, obra do arquitecto Antonio Palacios. A Valedora entende que “reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución”.

O edificio da Fonte de Troncoso, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia está formado por dous volumes arquitectónicos, a fonte –un volume aberto– e as oficinas máis a antiga planta embotelladora. Esta última sufriu o colapso da cuberta en marzo de 2019, provocando o seu derrube máis a totalidade do piso elevado.

Ambas administracións veñen de respostar á Valedora que a empresa Fuentes Capital S.A. propietaria deste ben catalogado cun grao de protección integral, atópase en proceso de liquidación polo Xulgado do Mercantil nº 5 de Madrid. Segundo o Concello de Mondariz Balneario esta administración fíxolle saber ao administrador concursal desta empresa que ten “un interese moi particular en facerse coa propiedade da Fonte de Troncoso”. Por ese motivo a administración manifestoulle ao administrador concursal que “o estado de deterioro no que se encontra a Fonte e se lle trasladou o malestar dos veciños xa que a mesma forma parte da identidade deste Concello. A idea que se lle trasladou foi que se lle adxudicara no procedemento concursal ou ben deforma gratuíta ao Concello.”

[su_image_carousel source=”media: 25501,25502,25503″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Segundo o Concello, o 6 de outubro “o administrador concursal indica que o xulgado deu traslado da solicitude de adxudicación ás demais partes persoadas para manifestar o que ó seu dereito conveña, sen que houbera alegacións por ditas partes, polo que se está a espera da resolución do xuíz neste sentido”.

Por todo isto a Valedora do Pobo conclúe: “Tendo en conta as particularidades deste caso, a urxencia de actuar para evitar un dano irreparable nun elemento cultural senlleiro e que no procedemento xudicial, no data 6 de outubro de 2020, a última comunicación do administrador concursal indica que o xulgado deu traslado da solicitude de adxudicación ás demais partes personadas para manifestar o que ó seu dereito conveña, sen que houbera alegacións por ditas partes, coa data de hoxe” (16.11.2020) “esta institución diríxese ao Xulgado do mercantil nº 5 de Madrid para recadar información sobre o estado do procedemento.”

Obras de urxencia

Tal e como recollen nos seus informes a Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia (04.11.2019), o Colexio de Arquitectos de Galicia (10.02.2020) e o Consello da Cultura Galega (18.06.2020) mentres non se pronuncie o Xulgado do Mercantil nº 5 de Madrid, o Concello de Mondariz Balneario e a Consellería de Cultura deberían acometer obras de urxencia para evitar que o edificio se siga deteriorando, nomeadamente, o selado das cabeceiras dos muros. Estas obras permitirían frear o deterioro que as chuvias do outono e do próximo inverno van provocar ao inmoble. A execución destas obras é compatible con calquera das decisións que tome o xuíz madrileño, tanto se falla que o edificio debe ser cedido ao concello como se non.

SOS Fonte de Troncoso recorda que o futuro de Mondariz Balneario “pasa por coidar e mimar o seu patrimonio histórico, velando de forma activa pola súa conservación, tanto se se atopa en mans públicas como privadas”.

Os escaparates dos establecementos de Redondela énchense de mensaxes de agradecemento

0

“En tempos de pandemía xorden boas iniciativas que nos gusta destacar”, asegura a Asociación de Empresarios de Redondela. E unha boa iniciativa é, sen dúbida, a cadea de agradecementos aos clientes que enchen os escaparates dos establecementos de Redondela.

Luisa Hermida e xerente do establecemento de moda W52, localizado nunha das rúas mais céntricas de Redondela, na rúa José Regojo. Os seu grandes escaparates apareceron un día decorados cunha fermosa frase de agradecemento á clientela “Gracias a ti, por confiar en el comercio local en estos momentos tan complicados. Mil Gracias Redondela”.

As habilidades de Luisa empregando a técnica de lettering conquistaron as miradas de clientes e de outros comercios e Luisa comezou a replicar a mensaxe nun e noutro escaparate ata que case perdeu a conta. Agbora xa son máis de 50 os establecementos que contan con esta singular mensaxe e a cadea de agradecementos non para.

E é que Luisa, ao igual que os resto de compañeiros, comerciantes, hostaleiros e profesionais que dan vida as nosas vilas queren dar as grazas aos clientes que están a confiar no comercio local.

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela “non temos máis de apoiar e difundir iniciativas como estas de contribúen a un comercio local mais forte e unido”, afirman. “A confianza recuperación da confianza no pequeno comercio é vital nun momento como o actual é vital para a recuperación e dende as asociacionismo comercial e empresarial seguiremos traballando por poñer en valor a vocación de servizo que no pequeno comercio sempre estivo aí. Grazas a ti Luisa!”, conclúe a Asociación de Empresarios.

A tecnoloxía do Bitcoin, eixe da conferencia de Martín López no Ciclo Aida Fernández

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebran este xoves, día 19, ás 19.00 horas, unha nova sesión do ciclo de conferencias Aida Fernández de los Ríos. Desta volta co seminario virtual “A tecnoloxía das cadeas de bloques: alén do bitcoin e contra o coronavirus”, que será impartido polo profesor Martín López Nores, doutor do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, experto en solucións de software e Intelixencia Artificial aplicada. A charla en liña é de balde e a inscrición pódese realizar xa través da Rede no portal www.depo.gal. A conexión farase a través de Zoom.

As cadeas de bloques, que naceron como parte do proxecto bitcoin, son un rexistro que funciona como libro contable dixital que permite seguir tódalas transaccións e dar confiabilidade ao sistema. Tódolos bloques engádense en base á fiabilidade dos anteriores, de xeito que canto máis longa a cadea, máis fiable. Deste xeito, as criptomonedas poden funcionar á marxe dos bancos centrais e sen respaldo gubernamental. Pero é aplicable a tecnoloxía dixital das cadeas de bloques a ámbitos como a seguridade viaria, a promoción do turismo ou á saúde pública? Martín López sostén que si e explica que, na medida en que é posible seguir tódolos contactos das primeiras persoas que enfermaron na actual pandemia da Covid-19, poderían terse elaborado cadeas de bloques para optimizar o rastrexo dende o principio. Sen embargo, a protección legal da protección de datos e o dereito ao esquecemento dixital fan inviable unha solución deste tipo nun estado de dereito. “É por isto que se ten definido ás cadeas de bloques como unha solución perfecta a problemas que non existen”, afirma Martín López.

O ciclo Aida Fernández de los Ríos comezou en setembro cunha primeira charla sobre as novas terapias para loitar contra o cancro e proseguiron durante o pasado mes de outubro con novas sesións os nanomedicamentos, o cambio estacional e o fuso horario de España e os paradoxos da Intelixencia Artificial. Logo da charla de mañá xoves ao redor dos bitcoins, será a quenda da sesión Incerteza e ciclo económico (26 de novembro) e das microalgas e o mar como fonte de saúde (3 decembro).

Deposita os teus aparellos eléctricos e electrónicos no punto RAEE da praza de abastos

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, informa que o Concello de Ponteareas colabora coa Deputación de Pontevedra no proxecto ESTRAEE, que está a desenvolver unha campaña de sensibilización e recollida dos RAEE (residuos e aparellos eléctricos e electrónicos) co obxectivo de animar ás veciñas e aos veciños a coñecer máis sobre este tipo de residuos.

Cando deixan de facer a súa función os aparellos eléctricos e electrónicos que precisan de corrente eléctrica, pilas ou baterías para funcionar convértense en RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos).

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos) é un proxecto europeo cofinanciado polo FEDER e liderado pola Deputación de Pontevedra. Pretende converterse nun modelo en Europa de xestión responsable deste tipo de residuos, cada vez máis habituais, así como nun exemplo da estratexia de economía circular encamiñada a xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sustentable. Tratará de mellorar mediante obras, novos equipamentos, normativa e aplicacións, a reutilización e reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en Galicia e o norte de Portugal.

Miniecopuntos informativos

Rosa Covelo explica que, no marco deste proxecto, procedeuse á instalación na Praza de Abastos, pola entrada da Rúa Fernández Vega, dunha columna informativa e caixas de recollida onde os veciños e veciñas do concello poden depositar diferentes materiais como teléfonos móbiles, tablets, pilas ou cargadores, entre outros aparellos.

Mondariz e Covelo celebran a aprobación dun proxecto de obradoiro de emprego

“Medrando entre todas e todos”, o proxecto de obradoiro de emprego presentado polos concellos veciños de Mondariz e Covelo, acaba de recibir unha resolución positiva por parte da Xunta de Galicia, polo que antes de final de ano comezará a capacitar a unha vintena de persoas en sectores estratéxicos do ámbito rural, como o medio ambiente e o envellecemento da poboación, a través da combinación de formación profesional e traballo práctico durante un contrato de nove meses de duración.

Este proxecto de obradoiro de emprego xa aprobado abarca dúas especializacións, con 10 prazas para persoas desempregadas cada unha, 20 en total. Por unha parte, pretende formar a persoal auxiliar no sector da atención sociosanitaria a domicilio e en institucións sociais. Por outra parte, prevé capacitar a persoal auxiliar no eido forestal e na área de xardinería para traballar na conservación e mellora de montes, no aproveitamento forestal, en viveiros ou en centros de xardinería.

A formación teórica complementarase cunha formación práctica en ambos concellos. A especialización en atención sociosanitaria realizaríase na residencia da terceira idade de Covelo, no centro de día de Mondariz e no SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que se presta nos dous concellos. No caso da especialización en traballos forestais e de xardinería, a formación práctica levaríase a cabo en parcelas de titularidade municipal, como a Cela e a Lagoa en Mondariz e o Souto e a Finca do Caseiro en Covelo.

O proceso de selección de participantes xestionarase primeiramente desde o Servizo Público de Emprego de Galicia, polo que as persoas interesadas en participar deberán estar inscritas como demandantes de emprego e demandantes de formación mediante obradoiros de emprego. O Servizo Público de Emprego de Galicia remitirá aos concellos unha listaxe de aspirantes para proceder á última fase do proceso selectivo.

A estimación orzamentaria deste proxecto de obradoiro de emprego é de 359.946,00 euros. A financiación principal vén da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que os concellos de Mondariz e Covelo tamén contribúen cunha achega de capital e outros recursos municipais.

Tanto Mondariz como Covelo levan case dúas décadas (Mondariz, 15 anos; Covelo, 17 anos) sen contar cun obradoiro de emprego destas características, polo que os dous alcaldes celebran esta resolución positiva do seu proxecto conxunto. “Presentamos o proxecto conxunto en febreiro deste ano, despois de varios meses de traballo, porque somos concellos rurais concienciados coa problemática do despoboamento e somos plenamente conscientes de que é necesario crear novas oportunidades laborais para fomentar o asentamento de familias. A realización deste obradoiro de emprego, considerando o excepcional contexto de crise sanitaria e económica que estamos a vivir, non pode ser máis oportuna”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. Para o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, “este obradoiro de emprego, que é resultado do compromiso político e da colaboración efectiva entre institucións con problemáticas semellantes, permite fomentar a empregabilidade nos dous concellos e ofrece unha boa oportunidade para a formación de persoas en ámbitos laborais de gran proxección”.

Galicia rexistra un total de 9.051 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.051 deles 1.876 son da área da Coruña, 1.100 da de Lugo, 749 da de Ourense, 1.254 da de Pontevedra, 2.317 da área de Vigo, 1.006 da de Santiago, e 749 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 102 están en UCI, 476 en unidades de hospitalización e 8.473 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 36.586 persoas curadas, rexistrándose 1.092 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 819.277.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Mos anuncia nunha reunión cos Hosteleiros das Rías Baixas que lle bonificará á hostelería mosense a metade da taxa do lixo

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá xunto coa concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, e a tesoureira municipal, con membros da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas, entre os que se atopan catro hosteleiros mosenses (Esteban, Lano, O Cruceiro e Adega da Tía Carmen), para abordar as novas medidas en trámite por parte do Concello de Mos para apoiar á hostelería local.

Aínda que na xuntanza só estivo presente unha pequena representación da hostelería de Mos, as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, anunciaron que “desde a Axencia de Colocación de Mos seguirase a chamar un por un a todos e cada un dos hosteleiros mosenses para informalos dos avances, concretarlles as decisións tomadas e explicarlles como teñen que proceder para beneficiarse das axudas”.

A Xunta Directiva da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas presentoulle hoxe á alcaldesa unha petición por escrito na que solicitan o pago proporcional ao tempo traballado dos impostos e taxas municipais para os hosteleiros mosenses, no que o Concello vai aínda máis aló xa que hai que lembrar que, desde o inicio da pandemia, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas e agora bonificaráselles aos hosteleiros o recibo do lixo nun 50%, co que aforrarán a parte proporcional a medio ano ou 6 meses.

Por outra banda a Asociación Rías Baixas tamén instou ao Concello de Mos na reunión desta mañá a realizar un control estricto dos furanchos do municipio para asegurar que non se faga competencia desleal á hostelería e que se garantan as medidas sanitarias nos mesmos, resolvendo así mesmo os expedientes sancionadores co tempo suficiente para que cumpran a sanción e pechando inmediatamente os que traballen como hosteleiros sen ter os pertinentes permisos. Esixen así mesmo que se comprobe que os furanchos teñen exposto ao público a relación de tapas que poden vender co prezo, tipo de viño e prezo, horario de apertura, e inicio e fin de tempada.

A Directiva da Asociación insistiu neste sentido en que “pedimos que as administracións sexan intransixentes coa competencia desleal sendo de vital importancia que a inspección funcione adecuadamente”.

Os Hosteleiros das Rías Baixas xa pediron en xuntanzas previas coa Xunta de Galicia (Consellería de Vicepresidencia e Turismo) e con outras administracións locais a colaboración e medidas hoxe solicitadas no Concello de Mos, declarando que “no caso de Mos atopámonos coas xestións de apoio á hostelería xa moi avanzadas e moito máis preparados que noutros municipios”.

A rexedora local mosense e a edil de Promoción Empresarial e Economía explicáronlles por último aos hosteleiros que estase realizando por parte do Concello de Mos un diagnóstico exhaustivo da situación real actual dos hosteleiros existentes en Mos, creouse e estase a implementar a plataforma web ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’. No Pleno do mes de setembro aprobouse unha moción para instar ao goberno central a que lle permitise ao Concello de Mos modificar o IBI e o imposto de rodaxe para así poder aplicarlles aos contrinuíntes bonificacións e/ou exencións, xa que a administración local non os pode modificar se non llo autoriza, ao tratarse de 2 impostos que están regulados pola normativa Estatal. Pediuse á presidenta do Consorcio de Augas do Louro que se aplique a bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga aos hosteleiros de Mos, O Porriño, Salceda e Tui (4 municipios integrantes do Consorcio). E centralizouse na Axencia de Colocación de Mos o servizo de axuda e apoio para que os hosteleiros de Mos poidan tramitar de xeito sinxelo a solicitude de axudas, petición deberán formalizar a través dun impreso específico que poderá presentarse telemáticamente, por via dixital. O persoal da Axencia está a disposición dos hosteleiros que precisen axuda para realizar estes trámites, que incluirán a aportación dunha serie de documentos, ademais de presentar o devandito formulario cumprimentado.

O Concello de Oia reparte 15 novos composteiros entre a veciñanza

0

O Concello de Oia continúa co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través da entrega de 15 novos composteiros individuais que se porán a disposición da veciñanza.

As persoas interesadas en solicitar un destes novos composteiros deberán inscribirse no Concello de Oia formalizando a correspondente solicitude, para o que dispoñen de prazo ata o 1 de decembro. Á hora de cumprimentar o formulario deberán  indicar o enderezo e a referencia catastral da vivenda na que se vai colocar.

Os 15 dispositivos para o tratamento de compost serán adxudicados por orde de inscrición. En primeiro lugar atenderanse as solicitudes das persoas pendentes de convocatorias anteriores e, a continuación, procederase á entrega ás persoas inscritas neste novo prazo.

Os beneficiarios do programa deberán participar nunha charla explicativa sobre o uso dos composteiros que impartirá un técnico de Sogama. Así mesmo, quedarán comprometidos a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.

Promoción da compostaxe doméstica

A nova partida, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.

Dentro deste programa municipal, ao longo do pasado ano o Concello entregou un total de 50 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.

Beneficios da compostaxe

O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.

Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.

O Mercado de Tomiño estreita lazos coa súa clientela este outono en tempos de illamento social

0

Potenciar a gastronomía e os produtos e servizos cos que alegrar o día a día ao tempo que se estreitan lazos coa clientela en plena época de illamento social. Ese é o obxectivo da campaña de outono que acaba de poñer en marcha o Mercado de Tomiño, unha campaña de promoción baseada nos novos hábitos que trouxo consigo a crise sanitaria e que busca manter o contacto cos usuarios e usuarias e seguir dando un servizo de calidade incluso ante a posibilidade dun novo confinamento.

Nesta nova iniciativa os praceiros e praceiras serán os protagonistas. Poranse diante das cámaras para crear unha nova canle de comunicación cos clientes e clientas coa que dar resposta ás novas inquedanzas xurdidas a raíz do confinamento:

  • O crecente interese pola cociña, con moita xente que aproveitou para iniciarse nas artes culinarias e moitas persoas que melloraron as súas habilidades e queren experimentar novos retos.
  • A tendencia a alimentarse mellor e o aumento da demanda de servizos de comida a domicilio.
  • A disposición a coidarse máis un mesmo e a coidar o fogar, creando espazos máis agradables e cómodos para desfrutar da vida cotiá.

Para acadalo, o Mercado de Tomiño inicia unha campaña na que os praceiros e praceiras gravarán vídeos explicativos que axuden aos veciños e veciñas a cociñar produtos galegos de calidade á venda no mercado, como a costeleta de vaca vella, os cogomelos, o marisco, as fabas de Lourenzá ou o polo caseiro, produtos protagonistas durante esta tempada de outono.

Para aquelas persoas que prefiran levar os pratos preparados, a campaña dará a coñecer os servizos dispoñibles no Mercado con vídeos explicativos sobre o tempo de potaxe, os almorzos en bandexa, as hamburguesas galegas ou conservas que alimentan.

A campaña complementarase cos produtos e servizos destinados a animar o día a día, como comprar flores do Baixo Miño coas que decorar e alegrar os fogares ou dar consellos sobre o coidado das uñas en tempos tan complicados.

Presentado o Orzamento do Concello de Ponteareas para 2021, que supera os 18 millóns de euros

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenente de alcalde, Chus Garrote, presentaron o orzamento do Concello para 2021, que suma un total de 18,3 millóns de euros. Entre as partidas que destacaron están as destinadas as políticas sociais, con máis de 3 millóns de euros. Os investimentos destinados a infraestructuras básicas como saneamento e de mellora de eficiencia enexética nos edificios públicos suman case 4 millóns de euros.

Represas calificou os orzamentos de “equilibrados” para atender as necesidades cambiantes que pode provocar a crise da Covid-19. Neste escenario son uns orzamentos que permitirán atender “con solvencia” todos os servizos básicos e acometer novos investimentos pero sen pór en risco a situación económica do Concello. “Para este goberno o primeiro sempre son as persoas e a nosa pretensión con éstes orzamentos é que ninguén se quede atrás na grave situación que temos que encarar en 2021 como consecuencia da pandemia”.  Aínda que o goberno do Estado eliminou a necesidade de respetar regra de gasto, o informe de intervención é ben claro e recolle que a proposta de orzamento conta cun “aforro neto” de 1.565.962,86 euros. Tamén salienta o criterio de prudencia utilizado á hora de calcular os ingresos, sendo coincidente coa formulación requerida pola Intervención Xeral do Estado de estimar os ingresos en termos de recadación.

Chus Garrote valorou moi positivamente a decisión do goberno do Estado encabezado por Pedro Sánchez, de eliminar a regra de gasto para 2020 e 2021, “unha norma que impedía desenvolver algún dos investimentos prioritarios e que iba en contra da autonomía municipal”.

A partir de agora, a tramitación dos orzamentos, que contan cos informes de Intervención favorables,  pasan primeiro pola Comisión de Facenda e posteriormente serán debatidos no Pleno Ordinario da Corporación do presente mes de novembro que se celebrará o martes 24. Represas e Garrote destacaron que Ponteareas é un dos

primeiros concellos da Comarca e da provincia, dos de máis de 20.000 habitantes, en levar os orzamentos a Pleno.

O alcalde, e responsábel da área de Facenda, indicou que se trata dun documento que permitirá encarar o vindeiro ano 2021 con certa seguridade porque ademais de contemplar partidas para atender ás necesidades básicas e as obrigas municipais, conta con partidas por máis dun millón de euros que de entrada non están comprometidas, e que poderán utilizarse en función das necesidades e da evolución da crise da Covid.

O importe da débeda destinada en exclusiva a investimentos está moi por debaixo do límite legal, tendo o Concello marxe de endebedamento de varios millóns de euros, si no futuro fose preciso para novos investimentos ou para necesidades puntuais de adiantar investimentos mentres non se reciben fondos doutras administracións, principalmente de fondos europeos. “Unha situación inédita noutras épocas e que é o resultado da xestión económica realizada nos últimos cino anos” afirmou Represas.

Chus Garrote salientou as axudas e subvencións para os colectivos máis desfavorecidos, a partida destinada duplícase con respecto a 2019, último exercicio anterior ao COVID, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións en benestar social para o 2021.

O alcalde tamén se referíu ás áreas de Benestar Social que se incrementaron en 1,3 millóns de euros en 5 anos, pasaron de 1.990.000 euros en 2015 aos 3.310.953,14 € na previsión para 2021, “un 66% máis que en 2015, un exemplo claro da aposta deste goberno polas políticas de benestar, destinando os recursos necesarios para quén máis o necesita”.

Tui e a Rede de Xudarías de España presentan un portal de formación específico para guías turísticos

0

A Rede de Xudarías de España pon a disposición dos profesionais turísticos e o público xeral os seus cursos de formación online (https://redjuderias.org/los-cursos-de-formacion-online-de-la-red-de-juderias-de-espana/).

Os cursos son gratuítos para os Guías Turísticos Oficiais das cidades que integran a Rede de Xudarías como é o caso de Tui, e necesarios para obter o carné oficial de Guía propio da Rede de Xudarías de España. O obxectivo desta formación online é facilitar unha completa formación ao redor da cultura e a historia xudía de España.

Nun momento no que a actividade dos Guías de Turismo está a verse seriamente afectada pola crise sanitaria, a Rede de Xudarías de España e o Concello de Tui poñen á súa disposición unha ferramenta que habilite, recicle e complemente a súa formación ao redor dun patrimonio que está en auxe e é dos máis descoñecidos e sorprendentes da historia medieval de Galicia.

Tres cursos xenéricos e un específico para cada cidade, darán acceso a ser Guía Oficial da Rede de Xudarías de España. O acceso ao curso deben solicitarse, xunto co Carné de Guía Oficial expedido pola Comunidade Autónoma, a [email protected].

“Coñecendo a cultura xudía”, “A historia xudía de España” e “Sefaradíes de onte e de hoxe” son os nomes do tres cursos de 30h cada un, que contaron coa colaboración e participación de eminentes expertos na materia, o Rabino do Colexio xudeu de Madrid D. Pihas Punturelo, o catedrático emérito e Membro da de Real Academia de Historia e experto en historia medieval, D. José Hinojosa Montalvo e D. Miguel de Lucas, Director do Centro Sefarad Israel, que achegan ao final de cada un dos cursos a súa valiosa visión da materia tratada.

Estes cursos non só estarán dispoñibles para o colectivo de Guías se non que se abren a todo aquel que poida estar interesado en coñecer a historia e cultura xudía en España. Cada curso ten un prezo de 18€, e pódense contratar na web da Rede de Xudarías, www.redjuderias.org. Os participantes nesta actividade ao seu remate recibirán un diploma acreditativo de superar a formación.

Para o concelleiro de Turismo do Concello de Tui, Laureano Alonso, é unha magnífica oportunidade para realizar un achegamento a este importante legado cultural que ten en Tui un dos exemplos sobranceiros de Galicia e formarse, de cara á próxima tempada turística, os guías que acompañan a grupos na súa visita á nosa cidade. Trátase de que ofrezan unha información rigorosa, contextualizada na historia do pobo xudeu e de noso territorio… “En definitiva que os guías sexan auténticos embaixadores de Tui”.

Sobre a Rede de Xudarías de España – Camiños de Sefarad                                                   

A Red de Juderías de España, Camiños de Sefarad, é unha Asociación constituída por municipios que contan, nos seus conxuntos medievais, cun patrimonio arquitectónico, histórico, ambiental e cultural, herdanza das Comunidades xudías que os habitaron. Os membros da Rede actúan de forma conxunta en defensa do patrimonio histórico e legado xudeu promovendo proxectos culturais, turísticos e académicos e realizando unha política de intercambio de experiencias nacionais e internacionais que contribúan ao coñecemento e respecto mutuo de pobos, culturas e tradicións.

Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Xaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, veñen recuperando desde hai 20 anos as súas xudarías, investindo tempo e recursos na rehabilitación de casas, rúas, palacios e cuantos edificios póidanse salvar do esquecemento e recuperar o coñecemento das vidas das familias xudías de toda procedencia e condición. Historia oculta, desvelada despois de cincocentos anos e agora recuperada. A Asociación actúa sen ánimo de lucro e con plena independencia na defensa deste legado. A Red de Juderías de España, na súa proxección internacional, é membro fundador do Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, e realiza un intenso labor de difusión no estranxeiro.

Máis información, en http://www.redjuderias.org.

Pedro Pereira declara que o Concello do Porriño está “parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre A Vaquería

O primeiro tenente de alcalde do Porriño, Pedro Pereira trasladou onte a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” co resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da variante. A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereiera con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore. 

O Concello de Baiona organiza un concurso de decoración de Nadal para establecementos baioneses

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura do Concello de Baiona organiza un concurso de decoración de nadal para os establecementos do Municipio. O prazo estará aberto desde onte, 17 de novembro, ata o vindeiro mércores 1 de decembro.

O presente concurso ten por obxecto promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor ou consumidora reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio no Municipio.

Desde o Concello de Baiona anímase aos negocios para converterse nun referente comercial decorativo no Val Miñor. A intención é que esta actividade tamén atraia ata a vila a visitantes, veciños e veciñas co fin de gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que anime ás compras do Nadal.

A temática dos escaparates e dos establecementos estará vinculada ás datas de Nadal, o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas festas. Desde o Concello premiarase aos negocios que, con motivo da campaña do Nadal 2020-2021 mellor engalanen as fachadas, escaparates e o interior dos seus negocios.

Haberá dúas categorías de premios a repartir entre os establecementos participantes: Premio á mellor decoración (500 euros) e premio á orixinalidade e innovación (500 euros).

Poderán participar neste concurso todos os establecementos do Concello de Baiona (comercio polo miúdo, restauración, hostalería, etc. ) que o soliciten formalmente na Oficina de Rexistro do concello(necesario solicitar cita previa) ou a través da Sede electrónica ata o mércores 1 de decembro, incluído. No caso dos asociados a Aceba, Coemsa, e Ovalmi, será a propia asociación quen poderá realizar as inscricións dos seus socios que o soliciten formalmente.

A decoración da fachada e a decoración interior deberán centrarse nas festas do Nadal e manterse como mínimo desde o día 5 de decembro ata o 8 de xaneiro de 2021, ambos os incluídos.

En canto ás imaxes dos escaparates será necesario enviar un dossier de fotografías (máximo 10) que deberán presentarse para a valoración posterior do xurado e presentalo por rexistro do concello ou ben por sede electrónica nos termos previstos na cláusula segunda das bases do concurso, indicando o nome do establecemento ao que pertence. Na súa falta, será posible entregar un dispositivo USB con este contido ben na asociacións de comerciantes ou na propia Concellería. A data tope para entregar a documentación gráfica das creacións será ata o 30 de decembro de 2020.

Documentación para a solicitude de participación da campaña, bases e outra documentación necesaria na páxina web municipal: www.baiona.gal.

Carlos Font, “a mentira compulsiva é o sinal de identidade do Grupo Popular na Deputación”

O deputado provincial Carlos Font lamentou hoxe que o Grupo provincial do PP se dedique “ao exercicio da mentira compulsiva que xa é o seu sinal de identidade, co que agora pretenden enganar e confundir á opinión pública cando falan das dedicacións e dos salarios da corporación provincial”. O deputado foi tallante e mostrou a súa indignación. “É unha absoluta falacia e non o imos consentir. É tráxico que un partido condenado por corrupción, con ducias de dirixentes que roubaron a mans cheas, pretenda dar leccións de nada. O seu si que é unha indignidade”

Font recordou que na corporación provincial hai unicamente 2 dedicacións exclusivas e 14 dedicacións parciais ”entre as que se atopan as 4 das deputadas e deputados do Partido Popular”. O deputado, que lembrou que estas dedicacións foron aprobadas polo pleno de organización da Deputación “co voto a favor do PP”, engadiu que “o que non hai con este goberno son cartos de libre disposición que si existían cando gobernaba Louzán, cartos cos que costeaban ceas e eventos de índole semellante”

“Non saben nin ler un orzamento, non traballan e son dunha ignorancia supina. Os seus salarios si que lle saen caros a esta provincia”

Font tamén se referiu á pretendida suba salarial da que “con tan pouca vergoña fala o PP”. “Volven mentir e con todo descaro e mostran unha ignorancia supina“. O deputado explicou que a suba dos salarios é do 0,9%, que foi a que aprobou o goberno de España para funcionarios e funcionarias públicas e asimilados/as. “Son tan ignorantes, dixo, que nin sequera saben que os salarios non se poden subir máis do que aproba o goberno do Estado”. “Amais, engadiu, como non len, non traballan e non estudian pois non se decatan de nada”. Carlos Font recordou que en 2020 o goberno de España aprobou unha suba salarial do 2% que non se contemplou no orzamento inicial da Deputación, “polo que se fixo unha modificación posterior para implementar os recursos necesarios”. “E o PP, demostrando a súa ignorancia, o que fai é unha comparativa de costes salariais deste ano con xaneiro de 2020, en vez de facela unha vez aprobada a modificación”. “Non saben nin ler un orzamento, dixo o deputado, os seus soldos si que lle saen carísimos a esta provincia”. Así que, concluiu Font, “menten coas dedicacións exclusivas e menten coa suba salarial. A diferencia de gastos de persoal da corporación para deputadas e deputados só sube 19.494 euros”.

O deputado tamén lamentou que o PP non fale por exemplo da redución do coste do Gabinete de Presidencia, que baixa un 3%. “Diso non din nada, ironizou, non vaia a ser que a comparativa cos seus gobernos non lles saia moi favorable”. Font rematou dicindo que “sabíamos que a aparencia de oposición responsable duraría o que un caramelo ás portas dun colexio. Sempre volven ás súas esencias que é encher todo de lixo e ruído. Nese debate, concluiu, non nos van a atopar”.

Gondomar arrinca a súa campaña “Gondoilusión, ningún neno e nena sen agasallo”

0

Coa incerteza da pandemia aínda sobre nós, dende o Concello de Gondomar séguese a traballar para que a veciñanza adáptese da mellor maneira a “nova normalidade” imposta pola Covid-19, intendando que as repercusións para todos sexan as menores posibles, prestando axuda, desde a primeira onda da enfermidade, as familias máis vulnerables social e económicamente.

“Especial atención queremos ter cos máis cativos destas familias, eses nenos e nenas que demostraron unha gran responsabilidade e heroísmo dándonos unha gran lección a todos e por iso temos que manter viva a súa ilusión neste Nadal e asegurarnos de que ningún deles queda sen o seu regalo nestas datas”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira.

Por esta razón, desde a Concellería de Benestar Social de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais, arrinca esta semana a campaña “Gondoilusión, ningún neno e nena sen agasallo”, cuxo obxectivo é recadar fondos que permitan comprar regalos para os menores de 16 anos das familias menos favorecidas do concello de Gondomar.

Os ingresos de poderán realizarse na conta bancaria ABANCA ES53 2080 5035 0230 4000 9345, coa referencia “Gondoilusión”. A concelleira convida á veciñanza da localidade a sumarse a esta iniciativa “achegando o que en boa medida poidan, 1, 3, 5 euros ou a cantidade que consideren oportuna” e explica que cada destinatario recibirá un vale -cun valor igual para todos- que se poderá gastar en distintos comercios locais que se sumaron á iniciativa, favorecéndose asi tamén o apoio a este sector seriamente prexudicado durante a pandemia.

Para máis información dirixirse ao teléfóno 986384473 ou ao correo [email protected].

O PP de Ponteareas denuncia que o Goberno local presenta os Orzamentos “sen manter reunións cos grupos da oposición”

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas lamenta a falta de diálogo do Goberno local que pretende aprobar, a semana que vén, o documento máis importante que ten o Concello, os seus Orzamentos. Os populares denuncian falta de diálogo e consenso ao presentar o documento “sen reunirse coa oposición e sen escoitar por tanto as nosas suxerencias”.

O PP asegura que tentará visualizar de “forma completa” o documento para poder presentar alegacións, nun prazo demasiado breve para tratarse do documento de maior importancia dun Concello. “Da breve lectura que puidemos realizar detectamos modificacións no capítulo de persoal que non foron acordadas con ninguén”. “Descoñecemos o estado do investimento do programa EDUSI, cinco millóns de euros que teñen un prazo de execución e que moito nos tememos que non se está cumprindo”, afirma o PP.

Os populares consideran que “uns orzamentos exprés” son prexudiciais para o municipio e lembran que o pasado ano, “as presas deron como resultado un orzamento totalmente irreal que lles levou á bancarrota e á necesidade de asinar varios préstamos”.

Galicia segue baixando en casos activos de coronavirus para situarse nos 9.060

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.060 deles 1.835 son da área da Coruña, 1.071 da de Lugo, 781 da de Ourense, 1.213 da de Pontevedra, 2.347 da área de Vigo, 1.036 da de Santiago, e 777 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 106 están en UCI, 503 en unidades de hospitalización e 8.451 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 36.070 persoas curadas, rexistrándose 1.086 falecementos. O número de PCR realizadas é de 811.941.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais. A listaxe completa de centros escolares afectados, pode descargarse nesta ligazón.

Salceda de Caselas, primeiro concello da provincia en renovar o protocolo entre Garda Civil e Policía Local para protección de vítimas de violencia de Xénero

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu esta mañá o acto de subscrición do novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Salceda no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero VioXén. O documento foi asinado pola alcaldesa da localidade, Loli Castiñeira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

Salceda é o primeiro concello da provincia que procede a renovación deste documento, o primeiro trámite e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do sistema VioXén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais. Agora, o Concello de Salceda está á espera da ratificación por parte da Secretaría de Estado de Seguridade do convenio para poder incorporar o corpo de Policía Local ao sistema de seguimento.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quixo felicitar “á alcaldesa de Salceda, á Garda Civil e á Subdelegación polo novo acordo, imprescindible para que forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan colaborar, compartir información e traballar coordinadamente, optimizando os seus recursos e garantindo o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

En particular, o novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos á protección daquelas mulleres que máis nos precisan, as vítimas”, recalcou Larriba. A subdelegada lembrou que “para o actual Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado totalmente prioritaria, e por iso, desde a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a combater esta eiva social en colaboración con todas as administracións”.

Pola súa banda, Loli Castiñeira quixo subliñar o simbolismo de que sexa “unha muller alcaldesa e que lidera tamén unha corporación con maioría feminina, a primeira da provincia en firmar este protocolo que permite que as diferentes administracións unidas traballen a prol do máis importante, a protección daquelas mulleres que nos necesitan con anticipación, coordinación e resultados efectivos”.

Unha rede para garantir o seguimento e protección as vítimas

O Sistema de Seguimento Integral VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos. En Pontevedra, son doce os concellos adheridos a este sistema: Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Carmela Silva e Ione Belarra sentan as bases dunha estratexia de colaboración conxunta para avanzar no cumprimento da Axenda 2030

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e a secretaria de Estado da Axenda 2030 Ione Belarra sentaron as bases dunha estratexia de colaboración conxunta e alianza entre institucións para dar cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030. No transcurso do encontro telemático celebrado esta mañá, Silva deu a coñecer as iniciativas lideradas pola Deputación de Pontevedra que sitúan á Axenda 2030 como a súa “política tractora e unha folla de ruta na que levamos traballando desde fai catro anos”. Pola súa banda, Ione Belarra, que manifestou a súa sorpresa polo “avanzado programa da Deputación”, cualificou á institución provincial como “punta de lanza” e como “un grande exemplo ao poñer en marcha moitas boas prácticas que sitúan á Axenda 2030 como eixo vertebrador de toda a política”. “Tendes matrícula de honra”, subliñou a secretaria de estado, “non hai nada máis útil que un bo exemplo como o voso”.

“Nós –asegurou Carmela Silva- entendemos os ODS como oportunidade para a provincia, para mobilizar o territorio e conectalo coa súa cidadanía mediante a identificación de oportunidades e novos escenarios, construíndo modelos máis sustentables, fortalecendo o noso compromiso cos concellos e axentes sociais, contribuíndo á creación dunha contorna social e económica sustentable e implicando a todo o persoal da Deputación neste proxecto”. Ao respecto, a presidenta provincial destacou que “comezamos xa no 2016 a grande transformación na Deputación de Pontevedra” ata “posicionarnos como unha grande referencia, tanto nas políticas de igualdade, que convertemos no eixo transversal da nosa acción, como nas relacionadas coa transición ecolóxica, o tratamento de residuos, as infraestruturas verdes ou a mobilidade sustentable”.

A presidenta explicou á secretaria de Estado que para coñecer o grao de aliñación coa Axenda 2030, no ano 2019 a institución provincial realizou un estudo que desvelou que se tiñan cumprido xa o 91% dos seus grandes retos, aplicando os 17 ODS e chegando a abordar 31 metas, 36 competencias e desenvolvendo 158 programas. “Partindo destes resultados comezamos a implantar unha acción total e absolutamente ligada aos ODS de tal xeito que o noso orzamento está ligado aos 17 obxectivos” asegurou a presidenta provincial, quen tamén lle adiantou á secretaria os tres “grandes retos que temos por diante: involucrar aos concellos e axentes sociais no cumprimento dos ODS, liderado local para o cumprimento da Axenda 2030 e redución das desigualdades”.

Máis polo miúdo, a presidenta centrouse na estratexia cos concellos, denominada no orzamento do 2021 como “Alianza Local Pontevedra provincia”. Trátase, segundo explicou Carmela Silva, dunha estratexia centrada na posta en marcha dun plan conxunto de captación de fondos europeos para facer fronte ás consecuencias da pandemia pero tamén para dar cumprimento aos ODS. Tamén está dirixido á acción social, á xestión sostible do territorio, á igualdade como política transformadora da sociedade e á creación dun banco de boas prácticas da Axenda 2030 no ámbito local.

A secretaria de Estado da Axenda 2030 Ione Belarra amosou a “súa total dispoñibilidade para traballar conxuntamente” ao coñecer os proxectos que lidera a Deputación de Pontevedra. Belarra asegurou que “é difícil tomalo máis en serio que vós, sodes persoas comprometidas. Non vos hai que empurrar, sodes punta de lanza e tendes convencemento pleno ao aliñar o voso orzamento e os vosos proxectos coa Axenda 2030”. A secretaria aproveitou a ocasión para amosar a súa “sensibilidade total” co traballo territorial que se está a facer en todo o Estado para dar cumprimento á Axenda 2030 e puxo en valor o esforzo do mundo local e das deputacións. Deste xeito, deu a coñecer que proximamente se presentará unha “Guía de localización municipal da Axenda 2030”, e que os novos Orzamentos Xerais do Estado incluirán unha liña de financiamento de concellos para dar cumprimento aos ODS e que o Goberno está inmerso na elaboración dunha estratexia de desenvolvemento sustentable “para camiñar cara o 2030 cun diagnóstico claro”.

Ambas mandatarias remataron o encontro poñendo en valor a importancia de cambiar o mundo: “ou cambiamos o mundo nós ou non vai cambiar”, aseguraron Silva e Belarra ao que tempo que enxalzaron a “capacidade transformadora” da Axenda 2030. Tamén acordaron colaborar conxuntamente en xornadas formativas e actividades de divulgación para seguir dando pasos cara a consecución dos retos do novo modelo.

A Guarda conmemora o 25N coa exposición “Sempre Vivas”

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, organiza a exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

Nesta exposición van a participar todos os centros educativos da Guarda, a Asociación Avelaíña, o Centro San Xerome e o Obradoiro de Emprego da Guarda e poderá visitarse do 25 de novembro ao 4 de decembro en horario de 9:00h a 15:00h na Casa dos Alonsos.

Queremos manter na nosa lembranza a todas as mulleres ás que lle despoxaron os soños, os recordos e o seu propio alento.  Todas as vidas que alguén decidiu que non merecían continuar e apagaron pola forza. 

O obxectivo desta exposición é homenaxear ás vítimas da violencia de xénero, para que non sexan borradas do mapa de balde. En certo xeito, queremos volver a darlle vida, enchendo as súas siluetas de cor, de mensaxes, de alento, … para que a súa lembranza permaneza en nós  e nos motive a reflexionar sobre o xeito en que nos achegamos á lacra da violencia machista como sociedade, pondo por bandeira a sororidade e a afouteza para combater e denunciar estas situacións. Queremos facer partícipes ás crianzas, porque elas son o futuro, e unha educación a favor da igualdade entre todas as persoas sen distinción de xénero ou condición é o comezo da andaina.

Campaña En Negro contra as Violencias

A Concellería de Igualdade do Concello da Guarda, con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, únese un ano máis á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

Desde o Concello, ponse a disposición da cidadanía, establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería, camisetas e mochilas e xa destinado especificamente ao sector da hostalaría, pousavasos e panos para que do 17 ao 25 de novembro, poidan vestir as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes e  ás/ós propias/os traballadoras/es.

Este ano como novidade repartiranse memorias USB e marcapáxinas para a comunidade educativa que vai participar na  exposición Sempre Vivas que se inaugurará o propio 25 de Novembro na Casa do Concello.

Para participar nesta campaña este ano, dadas as circunstancias actuais, farase entrega do material na recepción do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 de luns a venres. Entregarase un exemplar de cada material a todas aquelas persoas que estean interesadas totalmente de balde.

Movida fin de semana para a Policía Local de Redondela

0

A fin de semana non foi doada para a Policía Local de Redondela que, dende a noite do venres instruíu dilixencias por presuntos delitos contra a seguridade viaria, incumprimento de medidas sanitarias relativas á Covid e un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade.

Por orde cronolóxica, na xornada do venres, nos controis realizados en colaboración coa Policía Nacional, procedíase a investigar ao condutor dun ciclomotor que, ao darlle o alto os axentes, dábase á fuga en Chapela, sendo posteriormente interceptado. Tamén o venres, nun dos controis que se realizaban en Vilar de Infesta, instruíanse dilixencias contra un condutor que daba positivo na proba de drogas.

O sábado pola noite, un varón era detido por axentes da Policía Local por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade. Os feitos aconteceron cando unha patrulla achegábase á parroquia de Cesantes alertada por un posible episodio de violencia de xénero.

Unha vez no lugar dos feitos, o varón negouse a ser identificado pola Policía Local redondelá e propinaba un puñetazo no estómago a un dos axentes, momento no que se procedía a súa detención e traslado á comisaría da Policía Nacional. Posteriormente comprobaríase que se trataba dunha simple discusión.

A estes incidentes, sumáronse ao longo da fin de semana diversas denuncias polo incumplimento das normas de seguridade sanitaria impostas pola pandemia da COVID-19