A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, vén de admitir a trámite unha queixa de SOS Fonte de Troncoso polo estado deste prezado manancial, obra do arquitecto Antonio Palacios. A Valedora entende que “reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución”.
O edificio da Fonte de Troncoso, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia está formado por dous volumes arquitectónicos, a fonte –un volume aberto– e as oficinas máis a antiga planta embotelladora. Esta última sufriu o colapso da cuberta en marzo de 2019, provocando o seu derrube máis a totalidade do piso elevado.
Ambas administracións veñen de respostar á Valedora que a empresa Fuentes Capital S.A. propietaria deste ben catalogado cun grao de protección integral, atópase en proceso de liquidación polo Xulgado do Mercantil nº 5 de Madrid. Segundo o Concello de Mondariz Balneario esta administración fíxolle saber ao administrador concursal desta empresa que ten “un interese moi particular en facerse coa propiedade da Fonte de Troncoso”. Por ese motivo a administración manifestoulle ao administrador concursal que “o estado de deterioro no que se encontra a Fonte e se lle trasladou o malestar dos veciños xa que a mesma forma parte da identidade deste Concello. A idea que se lle trasladou foi que se lle adxudicara no procedemento concursal ou ben deforma gratuíta ao Concello.”
Segundo o Concello, o 6 de outubro “o administrador concursal indica que o xulgado deu traslado da solicitude de adxudicación ás demais partes persoadas para manifestar o que ó seu dereito conveña, sen que houbera alegacións por ditas partes, polo que se está a espera da resolución do xuíz neste sentido”.
Por todo isto a Valedora do Pobo conclúe: “Tendo en conta as particularidades deste caso, a urxencia de actuar para evitar un dano irreparable nun elemento cultural senlleiro e que no procedemento xudicial, no data 6 de outubro de 2020, a última comunicación do administrador concursal indica que o xulgado deu traslado da solicitude de adxudicación ás demais partes personadas para manifestar o que ó seu dereito conveña, sen que houbera alegacións por ditas partes, coa data de hoxe” (16.11.2020) “esta institución diríxese ao Xulgado do mercantil nº 5 de Madrid para recadar información sobre o estado do procedemento.”
Obras de urxencia
Tal e como recollen nos seus informes a Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia (04.11.2019), o Colexio de Arquitectos de Galicia (10.02.2020) e o Consello da Cultura Galega (18.06.2020) mentres non se pronuncie o Xulgado do Mercantil nº 5 de Madrid, o Concello de Mondariz Balneario e a Consellería de Cultura deberían acometer obras de urxencia para evitar que o edificio se siga deteriorando, nomeadamente, o selado das cabeceiras dos muros. Estas obras permitirían frear o deterioro que as chuvias do outono e do próximo inverno van provocar ao inmoble. A execución destas obras é compatible con calquera das decisións que tome o xuíz madrileño, tanto se falla que o edificio debe ser cedido ao concello como se non.
SOS Fonte de Troncoso recorda que o futuro de Mondariz Balneario “pasa por coidar e mimar o seu patrimonio histórico, velando de forma activa pola súa conservación, tanto se se atopa en mans públicas como privadas”.