A Policía Local de Redondela procedeu a denunciar, na tarde de onte, ao condutor dunha motocicleta por un suposto delito de falsificación de identidade, desprazamento non xustificado dende Cangas, portar substancias estupefacientes, circular sen seguro, dar positivo na proba de drogas e carecer de permiso para conducir.
O feitos aconteceron na tarde de onte cando os axentes foron alertados da posibilidade dunha persoa camiñando pola AP-9. Desprazados ata o lugar dos feitos, a realiade era ben diferente. A patrulla localizaba a unha persoa sentada na beiravía da AP-9 e unha motocicleta situada no refuxio de separación da propia autoestrada e o carril de incorporación Redondela-Vigo, en Rande.
Ao ser interrogado polos axentes, alega en primeira instancia que quedou sen gasoliña e que está a espera da grúa, se ben ante as seguintes preguntas que lle formulan os membros da Policía Local redondelá, comeza a contradecirse.
Requirida a súa identificación da, no primeiro momento, a dun familiar en lugar da súa ainda que, posteriormente, os axentes descubren a súa verdadeira identidade. Realizadas todas as dilixencias, a persoa foi denunciada polas seis infraccións anteriormente citadas. A patrulla da Policía Local contou, finalmente, co apoio de dúas patrullas do destacamento de Tráfico da Garda Civil.