“Redondela sempre apostou e apostará pola diversidade e a integración como medios para acadar unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis decente”. Con estas palabras, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, daba a coñecer o amplo abano de actividades que se desenvolverán durante estes días con motivo do Día Internacional da Memoria Trans que se celebra o vindeiro 20 de novembro.
O acto central desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira onde ás 12 horas inaugurarase a mostra fotográfica, ‘Vigo es nombre de mujer’, unha mostra que fai un interesante percorrido pola memoria transexual da cidade olívica nas décadas dos 70, 80 e 90. A mostra, organizada pola asociación PVLSE, chega a Redondela logo das xestións realizadas pola asociación redondelá Irisar, que con pouco máis dun ano de vida, “desenvolve un marabilloso traballo a prol da diversidade”.
Digna Rivas amosou o seu orgullo “de que unha redondelá e agora traballadora do Concello, Carolina Graña, sexa un dos rostros visibles das persoas trans na exposición ‘Vigo es nombre de mujer’. Unha muller que, coa súa valentía, amósanos día a día o camiño a seguir para acadar a unha sociedade igualitaria e xusta”.
É evidente que a actual situación de pandemia, fai que as actividades cambien ou ‘reinvéntense’ respecto ás de anos anteriores e, en especial, non que atinxe a participación dos mozos e mozas dos catro institutos redondeláns. Así, as charlas que se desenvolvían co alumnado nos IES de Redondela, serán substituídas por unha iniciativa do propio alumnado que escribirá frases relativas á diversidade e á integración nos bancos instalados o pasado ano en cada centro, e pintados coas cores trans.
Esas frase serán posteriormente difundidas polas redes sociais municipais como forma de facelas chegar a toda a cidadanía. As actividades, como explica a alcaldesa, “buscan concienciar á cidadanía sobre a diversidade e a imposibilidade que ten unha sociedade para avanzar, se non é a través da aceptación de liberdade individual de cada quen”.
A alcaldesa de Redondela recoñece que, nestes últimos anos avanzouse moito en materia de diversidade “pero é un avance lento, a costa de grandes sacrificios”. Non se pode esquecer “que aínda a día de hoxe, en pleno século XXI e nunha sociedade que se autodenomina ‘avanzada’ as persoas trans sigan a ser obxecto de vexacións, agresións e mesmo vítimas de asasinato”, conclúe Rivas.