Sábado, 19 Xullo de 2025

120 persoas participarán no I Encontro Dixital de Voluntariado da provincia

Cruz Vermella Pontevedra organiza este sábado 5 de decembro o I Encontro Dixital de Voluntariado, que se celebrará a través da plataforma Teams entre as 11.00 e as 13.00 horas e en que participarán 120 persoas de toda a provincia.

Durante a xornada, haberá un saúdo institucional da presidenta provincial Mº Teresa Álvarez Quicler e daranse a coñecer os datos de todas as accións e respostas realizadas durante este ano. Por outra banda, o doutor Adolfo Baloira, Xefe do departamento de Pneumoloxía do CHOP e recentemente recoñecido pola revista Forbes como un dos mellores doutores de España, dará a conferencia “Situación da Covid-19 na provincia de Pontevedra”. Ademais, os asistentes poderán gozar dun taller de cociña a cargo do chef Iago Crespo, que conta cunha ampla experiencia como Xefe de cociña en diversos restaurantes internacionais e que é contribuidor na lista de grandes chefs británicos.

O encontro celebrarase coincidindo co Día Internacional do Voluntariado que, como cada 5 de decembro, promove o recoñecemento e o agradecemento de todas e cada unha das persoas pola súa inmensa solidariedade e polo seu labor incalculable que fai posible que sigamos atendendo e dando resposta ás persoas máis vulnerables.

Actualmente, en toda a provincia, Cruz Vermella conta con 2.136 voluntarios e voluntarias en activo que achegan o seu tempo e coñecementos en axudar a outras persoas sen esperar nada a cambio. Ao longo de todo o 2020, na provincia investíronse máis de 20.800 horas en accións voluntarias. Desde que comezou o ano, houbo 348 altas entre novos voluntarios/ as e colaboradores durante o confinamento. É especialmente destacable que desde o inicio da pandemia pola Covid-19 mobilizáronse 556 persoas dentro do plan Cruz Vermella Responde, realizando máis 11.504 horas de intervención, repartindo alimentos, medicamentos, máscaras, etc en casas durante o confinamento, realizando chamadas de seguimento a persoas en risco ou colaborando e adaptando os talleres dos diferentes proxectos á contorna en liña, entre outras moitas accións.

Cruz Vermella segue apostando pola difusión e sensibilización do voluntariado, co fin de atraer a aquelas persoas con inquietudes sociais e que dispoñan dun tempo libre á semana. Nas áreas de Cruz Vermella Mocidade e de maiores, entre outras, segue sendo necesaria a colaboración de máis persoas, nun tempo onde todas as actividades e talleres adaptáronse a unha forma dixital. É imprescindible seguir colaborando nestes proxectos. Apostamos pola innovación social promovendo novas formas de voluntariado, de modo que o voluntariado adáptase ao tempo e os intereses de cada persoa que poida colaborar. En Cruz Vermella hai un voluntariado feito a medida de cada un.

O sector hostaleiro de Nigrán e Gondomar relizarán concentracións diarias en protesta polas limitacións na apertura dos seus establecementos

0

Unha representación do sector hostaleiro de Nigrán e Gondomar mantivo no día de onte unha xuntanza para dar conta e analizar as reunións que, durante a pasada semana, a Comisión Hostaleira e OVALMI, mantiveron coas diferentes administracións públicas. A xuntanza, amais, serviu para analizar os compromisoso acadados e as medidas a adoptar.

Segundo o sector hostaleiro, os anuncios realizados desde a Xunta de Galicia e a falta da súa publicación oficial no DOGA, “levan ao sector a unha apertura con moitas limitacións, tanto no seu aforo como nos seus horarios”. As e os hostaleiros do Val Miñor acollen as restricións “con resignación e enfado”, xa que consideran que “unha vez máis” se lles segue a tratar con inferioridade “a outros sectores produtivos e discriminando de forma alarmante”.

O peche da hostalería ás 17:00 horas e a limitación de aforo ao 30 %, nunha comunidade autónoma onde as terrazas a estas alturas do ano non son operativas, reduce en gran medida a facturación duns empresarios que xa miraron reducidos os seus ingresos do ano 2020, a oito meses de traballo, coas consecuencias económicas graves que iso conleva.

Na reunión acordouse realizar unha concentración diaria e durante un mes, ás 18:00 horas na ponte da Ramallosa, a modo de protesta. Así mesmo, decidiuse facer unha recollida de firmas in situ e nos propios locais, pedindo ao Goberno da Xunta e ao Central, que a hostalería non volva pecharse xa que, afirman, “está máis que demostrado que non son o problema e que, a pesar, do seu peche, os casos seguen en aumento, confirmando que os seus negocios son totalmente seguros ante a COVID-19”.

Tui inicia hoxe a campaña “O Camiño do Nadal” co acendido do alumeado ás 18 h

0

Hoxe venres, 4 de decembro, ás 18 h terá lugar o acendido da iluminación de Nadal en Tui. Co lema “O Camiño do Nadal” o Concello de Tui continua a campaña iniciada en 2019 na que a posta en valor dos elementos locais, a reutilización de elementos e a reciclaxe marcan a decoración destas festas.

As actuais condicións de pandemia limitarán a celebración de actividades que tiñan lugar en anos anteriores, pero con todas as medidas de seguridade dende a Concellería de Cultura artellouse unha programación para o disfrute na rúa dunhas festas diferentes por parte de cativos e maiores.

Para o acendido de Nadal non haberá un acto simbólico coma noutras ocasións para tentar evitar así a aglomeración de persoas nun punto concreto. Por iso optouse simplemente polo acendido dos 113 arcos e os 55 elementos de iluminación con tecnoloxía led instalados nas rúas do centro urbano e tamén nos puntos de entrada ás distintas parroquias mañá venres ás 20 h. A principal novidade será a iluminación de novo, tras oito anos, do gran abeto situado no cruzamento entre o Paseo da Corredoira, a Avenida da Concordia e rúa Maristas que foi iluminado con 3 mil lámpadas led.

Na decoración das rúas e prazas optouse por segundo ano pola posta en valor do patrimonio local destacando o Camiño Portugués de Santiago, do que Tui é a porta de entrada a Galicia. Así unha frecha amarela e a palabra “Tui”  son a imaxe desta campaña “O Camiño do Nadal”. Na decoración realizada primou a reutilización e a reciclaxe de elementos. Entre as principais novidades está a colocación dunha casiña de madeira de Nadal na zona peonil do Paseo da Corredoira, para a que se reutilizou unha estrutura de madeira que hai anos foi oficina de Turismo.  Xunto a esta casiña de chocolate haberá tamén un pergamiño no que deixar mensaxes para estas festas, o buzón real ou un elemento decorativo coas imaxes da campaña para poder facerse fotografías  Tamén se incorporan á decoración figuras de anxos realizados con madeira e corda, e xunto a farois de madeira. Un pequeno tren de madeira, bicicletas, renos, coellos, … serán outros dos elementos, estreados xa en 2019, e que volven reutilizarse nestas festas.  Tamén se volveu instalar na rúa Ordóñez a árbore de Nadal de madeira coa frecha amarela coma estrela e co nome de todas as parroquias na súa base. Estes elementos estarán colocados nas prazas de Fromista, a Armada e San Fernando, a carón da igrexa de San Telmo, no Paseo da Corredoira, nas rúas Ordóñez, Ourense, Colón, e no Paseo Familia Álvarez Blázquez.

Nas próxima semanas darase a coñecer o programa de animación musical que haberá durante as datas festivas con pasarrúas a cargo de distintos grupos.  A programación pecharase o 5 de xaneiro coa presenza en Tui dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar.

Ponteareas actualiza a información sobre o avance da pandemia e as súas restricións

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenenta de alcalde e concelleira de Saúde, Cristina Fdez. Davila, mantiveron este xoves un novo encontro virtual coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade para analizar a evolución da pandemia na localidade e as medidas a aplicar dende esta fin de semana.

“Sanidade informounos que o número de casos activos neste momento en Ponteareas é de 71”, sinalou Represas, lembrando que “na situación actual, a Xunta xa nos está facilitando os datos, polo que dende o Concello consideramos que debemos trasladar tamén esa información á veciñanza”

No encontro, Sanidade manifestou a “suavización” das restricións por parte da Xunta, que se fará oficial coa súa publicación do DOG. A nivel local, o executivo lembrou que dende as 15 horas deste venres quedará sen efecto o Decreto municipal actualmente en vigor, aplicándose dende ese momento unicamente as medidas establecidas pola Xunta de Galicia.

Estas decisións implican que a hostalaría poderá permanecer aberta ata as 17h, unicamente cun aforo do 50% nas terrazas e con grupos de máximo catro persoas, conviventes ou non. Ademais, seguindo as medidas estipuladas de limitacións de aforo, poderán retomarse as actividades formativas e eventos nos centros socioculturais, así como a actividade habitual da Biblioteca Municipal e a ludoteca. Tamén reabrirán as instalacións deportivas municipais, onde se deberán seguir os protocolos establecidos, e dende este sábado retomarase a actividade nas feiras e mercados. Así mesmo, e ata novo aviso, o Concello manterá a supresión das visitas á Residencia de Maiores Municipal.

Os grupos de persoas non conviventes, tanto en espazos públicos como privados,  serán dun máximo de catro persoas, o que afecta tamén ás vivendas. “É fundamental cumprir co distanciamento social, o uso da máscara, as medidas de hixiene e a limitación de encontros”, sinalou o goberno ponteareán, lembrando que, segundo se manifestou na xuntanza, “o 80% dos contaxios proceden de encontros entre persoas

non conviventes en espazos do ámbito privado, como as vivendas, nos que as persoas se confían e relaxan as precaucións”.

No transcurso da reunión, Sanidade indicou que coordinará coa Dirección Xeral de Emerxencias a vixilancia do cumprimento das restricións e das medidas de seguridade e prevención. O alcalde ponteareán trasladoulle á Xunta a total disposición do goberno de Ponteareas para colaborar nos dispositivos de seguridade, así como na realización de PCR masivas á poboación da localidade. Xosé Represas lembra a necesidade de “non relaxarse ante a pandemia, e seguir actuando con prudencia e responsabilidade para cumprir todas as indicacións que poidan reducir a incidencia da COVID-19”.

O concerto de Cherry Sweet abre hoxe venres a programación oficial de Nadal en Nigrán

0

O Concello de Nigrán abre oficialmente a súa programación de Nadal hoxe venres 4 de decembro e o fai co concerto que, ás 19 horas e no Auditorio Municipal, ofrecerán as Cherry Sweet ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co aforo que estea permitido nese intre polas autoridades sanitarias.

Cherry Sweet felicitará as festas co máis elegante e glamuroso Swing ao estilo dos anos 50. Contrabaixo, batería, guitarra e as voces harmonizadas das súas tres cantantes, propias dos arranxos do estilo, farán un percorrido por algunha das máis famosas melodías de Nadal: Santa Claus is coming to town, Gingle bells rock, All I want for Christmas is you, White Christmas e outros clásicos son parte da súa proposta para levar moita alegría e swing ao público.

Gonzalo Caballero, “opoñerse aos Orzamentos do Estado e poñerse en contra da suba das pensións e da rebaixa das peaxes da AP-9”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Pontevedra para avaliar xunto ao secretario provincial do PSOE de Pontevedra, David Regades, os orzamentos para o ano 2021. No día no que se aprobaron os Orzamentos Xerais do Estado no Congreso, Gonzalo Caballero criticou a posición de PP e BNG, xa que “poñerse en contra” destas contas “é poñerse en contra da suba das pensións, do incremento dos salarios dos empregados públicos ou da rebaixa histórica das peaxes da AP-9”.

Lamentou a falla de “corresponsabilidade” do BNG ao non votar “coas forzas progresistas” e converterse “nun elemento que fai o caldo gordo a PP e VOX”. Así, sinalou que opoñerse aos orzamentos é “quedar fóra de xogo” en moitas cuestións.

O líder socialista destacou uns orzamentos “que benefician a Galicia” e “invisten por galego máis do que invisten por madrileño, catalán, andaluz ou valenciano”.

Ademais, subliñou que “saldan unha débeda histórica” coa rebaixa da AP-9, que supón unha consignación de 63 millóns de euros, “un feito histórico para o transporte en Galicia, que vai levar o selo de identidade do PSOE e de Pedro Sánchez”.

Neste senso, sinalou o nivel de investimento para a provincia de Pontevedra, que “implica un incremento de máis dun 25% e resolverá asuntos moi importantes para Pontevedra”, como o nudo de bombeiros, a circunvalación da cidade, o Arquivo Histórico Provincial ou a rebaixa “histórica” da AP-9. O líder socialista incidiu en que estes orzamentos se fixeron cun “claro compoñente progresista e social” e “para que ninguén quede atrás”.

Orzamentos da Xunta

En canto aos orzamentos da Xunta, Caballero lamentou que “non haxa proxecto para a recuperación”, xa que as contas presentadas polo goberno galego “carecen de impulso e liñas de orientación mestra”. Así, destacou a caída “de peso relativo no conxunto dos gastos” de áreas como Sanidade ou Educación, ademais doutras partidas, “o que non pode ser de recibo”, tendo en conta que “reciben máis de 1.100 millóns de euros extra do Estado”.

Neste senso, criticou a diminución na partida de Xuventude, así como os fondos dedicados aos concellos de Galicia, “os que están, dende o primeiro momento, axudando e apoiando á cidadanía fronte a esta crise”.

“Pedímoslle a Feijóo que busque proxecto e lle dea rumbo a unhas contas que teñen unha compoñente expansiva grazas ás medidas do goberno de España, pero que carecen de acción estratéxica para o futuro do país” por parte da Xunta de Galicia, aseverou.

Pontevedra “a gran prexudicada”

O secretario xeral do PSOE pola provincia de Pontevedra, David Regades, aplaudiu tamén a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, “que cren na provincia de Pontevedra”, e entre as que destacou partidas de “60 millóns de euros en Industria” en comparanza cos 1,5 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta reserva como única partida destinada ao desenvolvemento industrial da provincia.

Regades apelou á súa condición de delegado do Consorcio da Zona Franca para defender unha aposta decidida pola industrialización da provincia, como fórmula para crear unha economía máis resistente en situacións como a actual.

“O futuro está en mans de todos e algúns, no Congreso, terían que arrimar máis o ombreiro, aportar máis, e deixar de facer demagoxia”, aseverou en relación ao voto negativo do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado.

En canto aos orzamentos da Xunta, Regades criticou que “Pontevedra volve a ser a gran prexudicada”, sendo a provincia “máis castigada e a que menos recibe por habitante, escasamente 125 euros por persoa”. Así, lamentou o “maltrato” do goberno galego nas inversións ou na partida de Sanidade, e advertiu do “déficit de Feijóo pola falta de crenza en Galicia e en Pontevedra”.

Neste senso, incidiu en que o Hospital Álvaro Cunqueiro, “ese hospital privado”, é “negocio para algúns e déficit sanitario para os veciños e veciñas” e criticou que “Feijóo prometera inaugurar o Hospital Montecelo en 2014”, pero nos Orzamentos deste ano “dalle unha patada para adiante e di que con sorte podería estar en 2024”.

En canto ao Hospital do Salnés, destacou que “escasamente ten unha partida de un millón de euros”, o que supón “a peor dotación prevista para todos os hospitais de Galicia”.

O asasinato de Soledad Rey Valverde, a gota (de sangue) que colma o vaso

0

O asasinato en Gondomar de Soledad Rey Valverde, veciña de Mañufe, vítima dun presunto acto de violencia machista, debería ser a gota que colmara o vaso xa desbordadeo da barbarie que supón as agresións contra as mulleres. Algo falla na sociedade cando a pesar das medidas, iniciativas ou estratexias que se adoptan dende as diferentes administracións, a violencia machista segue a ser unha dolorosa realidade que deixa ao aire as vergoñas dunha sociedade que parece non saber como saír dunha espiral de violencia.

É difícil por non dicir, imposible, construir unha sociedade xusta e, sobre todo, unha sociedade decente, mentres parte desa sociedade é asasinada.

Paco Ferreira, presidiu a concentración que este mediodía celebrouse en Gondomar en memoria de Soledad Rey, acto no que estivo acompañado polos integrantes da corporación municipal, a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva; a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba; representantes da Garda Civil e Polícía, así como parte da familia da vítima.

Paco Ferreira mostrou o seu apoio e o de todo o goberno local aos familiares e cualificou de “atroz” o asasinato de Soledad Rey Valverde “que nos deixou consternados e que nos demostra que non podemos baixar a garda e temos que seguir loitando contra a violencia machista”.

[su_image_carousel source=”media: 26487,26488,26490,26491″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O rexedor cedeu a lectura do manifesto redactado para a ocasión á Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que visiblemente afectada sinalou “que fartas estamos as mulleres de ter que estar facendo minutos de silencio, lendo manifestos! Ver chorar a familia dunha muller asasinada é un profundo dor, e a verdade é que as mulleres choramos de carraxe”

Audio manifesto Carmela Silva

Lembrou que non se pode dar nin un paso atrás na loita contra a violencia machista e subliñou que “non podemos, como sociedade nin como administración, mirar cara a outro lado. Ao contrario, alzaremos cada vez máis a voz para denunciar estes crimes e a violencia de xénero ata conseguir erradicala, lograr a violencia cero”.

O concello de Gondomar decretou tres días de loito oficial en memoria de Soledad Rey Valverde e suspenderá todas as actividades previstas ata o vindeiro domingo, entre as que se atopa o aceso da iluminación do Nadal este próximo sábado, que se pospoñerá ao domingo día 06 de decembro.

‘Noites na Rúa’ ou como dinamizar o comercio e a hostalaría de Salceda en tempos complicados

Dende o pasado mes de outubro, a primeira fin de semana de cada mes ten un sabor especial en Salceda coa celebración de ‘Noites de Rúa’ unha iniciativa, tan novidosa como imaxinativa, do Concello de Salceda, –a través da Concellería de Comercio– e de ACISA, na que hostalaría e comercio camiñan da man co claro obxectivo de impulsar a súa actividade a través da dinamización das rúas.

Se a primeira semana o venres era momento para a dinamización infantil e o sábado para a música co concerto de ‘El Patio’ esta fin de semana, co Nadal as portas, o cartel non é menos atractivo. Así, o venres 4 de decembro a animación correrá a cargo do DJ Fernando Collazo. E, os máis pequenos e pequenas, poderán entregar as súas cartas a Papá Noel a partir das 18 horas. O sábado 5 de decembro a partir das 20 horas, Club Naval encherá de música a Praza do Concello.

Nos dous días, o comercio ampliará o seu horario ata as 21 horas e ofrecerá interesantes descontos que poden superar o 25 %. Mentre a hostalaría tamén ampliará o seu horario ata as 22 horas ofrecendo a ‘oferta’ de pincho e consumición por dous euros.

En total serán 25 os establecementos que participen nesta primeira edición de ‘Noites na Rúa’ –19 comercios de distintos sectores e 9 locais de hostalería– que, nesta primeira fin de semana de decembro, ten a súa segunda cita.

Premer na imaxe para ampliar

Aínda que Salceda atópase no nivel mínimo de restrición pola COVID, nin o Concello nin os organizadores da iniciativa están pola labor de relaxar as medidas de seguridade sanitaria de xeito que os locais comerciais e hostaleiros, convértense en lugares seguros e cumpridores de todas as medidas sanitarias establecidas.

O obxectivo de Noites na Rúa é claro e preciso; comercio, hostelería e Concello queren ir da man nun momento complexo para o pequeno comercio, fomentando o consumo no pobo e atraendo ao mesmo tempo a posible clientela que poida achegarse dende outros puntos.

A tempada de lobos mariños adiántase este ano co rescate dos dous primeiros exemplares na costa galega

0

A tempada de avistamentos de lobos mariños na costa galega acaba de empezar, o que supón un pequeno adianto con respecto ao ocorrido nos últimos anos. Así o constata a aparición nas últimas tres semanas de dous cachorros desta especie, que nestes momentos se recuperan das súas feridas nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) en Nigrán.

O primeiro dos lobos mariños localizados na tempada 2020-2021 foi Rube, fotografado por primeira vez o pasado 15 de novembro na praia de Vilarrube, en Valdoviño, na Ría de Cedeira. Trátase dun cachorro macho de poucas semanas de tan só 11 kg e que arribou á costa galega procedente das colonias do norte de Europa, probablemente de Irlanda.

Dous días despois de que fora avistado, Rube quedou atrapado nun palangrillo do barco Meixón, desde onde foi trasladado con varias feridas no corpo, moi desnutrido e cunha pequena afección respiratoria á UCI do centro de coordinación en Nigrán da Rede de Varamentos de Galicia, o plan de actuación avalado pola Xunta para xestionar este tipo de casos e que ten como única entidade autorizada para o control, seguimento e rescate dos animais á Cemma.

O segundo exemplar foi identificado a fin de semana pasada na praia de Barizo, en Malpica, e aínda que nun principio mantívose baixo seguimento para ver se regresaba pola súa conta ao mar, na tarde do sábado 28 decidiuse trasladalo nunha unidade móbil á UCI de Nigrán. Nomeado como Pabbar, trátase dun macho de menos de dous meses e 19 kg de peso, con limitación de mobilidade do terzo posterior do corpo por luxación articular, moi deshidratado e cunha pequena obstrución dixestiva. Neste momento aínda se atopa en situación crítica.

Persoal do Cemma ocúpase da atención e coidado de ambos animais en virtude dun convenio de colaboración subscrito desde hai varios anos coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para participar e coordinar a Rede de Varamentos de Galicia, xa que os animais aos que tratan son especies protexidas e require das pertinentes autorizacións.

As unidades móbiles da Coordinadora manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos por se fose necesario prestar asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso, conta cun número activo as 24 horas do día (686989008) e cunha conexión directa co teléfono de emerxencias 112-SOS Galicia.

Rube e Pabbar permanecerán nas instalacións de Nigrán ata que se recuperen das súas feridas e vaian gañando peso, momento no que serán trasladados previsiblemente ao Instituto de Formación Acuícola da Illa de Arousa, onde contan con espazo e piscinas ao aire libre. Finalmente e cando estean en condicións de valerse por si mesmos, a Xunta e a Cemma contarán solicitarán a colaboración dalgún arrastreiro da flota galega que faena no Gran Sol para levalos para a súa liberación probablemente en augas irlandesas.

Consellos ante posibles avistamentos

Atopar algún lobo mariño na franxa costeira que discorre entre as praias de Fisterra a Ribadeo durante a tempada invernal (normalmente, desde finais de ano ata o mes de marzo) non é algo tan excepcional, polo que cómpre trasladar á poboación unha serie de consellos e indicacións sobre como actuar ante posibles avistamentos.

Así, en caso de detectar algún exemplar nas praias, aconséllase non achegarse para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden reaccionar agresivamente; non bloquearlle a vía de fuxida cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar; se se vai pola praia cun can, atalo e procurar que non se achegue ou ataque aos animais mariños; manter silencio para non poñelos en alerta; e avisar canto antes ao 112, colaborando co persoal da Rede de Varamentos. Cómpre lembrar que estes animais chegan directamente dende as colonias de cría do norte de Europa, tras cubrir longas distancias e, polo tanto, adoitan estar moi cansos, polo que poden baixar á terra tan só a descansar. Moitos deles son cachorros con poucos meses de vida e polo tanto, sen medo ás novidades, máis inexpertos e que ás veces non saben reaccionar ante as adversidades nin alimentarse ben. Neste sentido, non todos os animais que recalan na costa precisan ser recollidos: só aqueles que están feridos ou enfermos.

O Rosal, campo de batalla de ‘A guerra das Galicsias’

0

Aventura intergaláctica para dar a benvida ao Nadal no Rosal. Este venres 4 de decembro Títeres Cachirulo chega ao municipio cunha obra para toda a familia, ‘A Guerra das Galicsias’, unha divertida experiencia interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas galegas.

A partir das 17.00 horas, o Salón de Exposicións do Concello acolle a historia de Marticia, unha zona poboada que está alerta porque as súas augas foron contaminadas cunha estraña substancia que provoca os máis insólitos efectos nos seus habitantes. Detrás destes sucesos atopase o malvado emperador de Omega, que planea unha invasión que soamente o amor e un pouco de maxia poden impedir.

Unha divertida obra de Títeres Cachirulo, unha compañía creada en 1985 que se caracteriza por unha rica produción de espectáculos que combina textos clásicos con outros de autoría propia dunha gran variedade temática e técnica cos que percorreron festivais internacionais de Europa e América obtendo importantes premios.

O Concello do Rosal continúa a apostar por unha cultura segura, polo que a actividade contará con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias, como o aforo reducido, o mantemento das distancias de seguridade entre o público, o uso de xel hidroalcohólico e o emprego de máscara durante todo o espectáculo.

O pleno de Mos aproba por unanimidade o Plan de acción polo Clima e a enerxía sustentable

0

Fai un ano que o Concello de Mos aprobaba tamén por unanimidade en Pleno a adhesión ao Pacto e, desde entón, púxose en marcha a redacción do proxecto mosense, a folla de ruta a seguir nos próximos anos respecto do Pacto.

Agora, unha vez aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal o pasado luns, pasará a ser rexistrado  telemáticamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina.  O edil Leo Costas agradeceu “o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á hora de participar no Pacto” e declarou que “desde este equipo de goberno estamos moi sensibilizados e concienciados co medio ambiente e co cambio climático, polo que desde a administración local estamos moi felices de ter dado este paso máis co apoio ademáis de todos os grupos da oposición”

O concelleiro Leo Costas explicou que “Era imprescindible entregar o paces antes do mes de decembro aprovado en pleno municipal.  Este documento é a memoria enerxética do concello onde realizamos un analisis do consumo en luz pública, os edificios municipais, gasóleos e gasolina, calefacción, aire acondicionado… etc e trázase un plan para reducir as emisións de efecto invernadoiro, o obxectivo é entre o 2020 e o 2030 reducilas nun 40% para cumprir co Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxía”.

“Co PACES temos un lugar de partida e unha meta, o 2030. É moito o que temos que ir facendo a partir de agora para logralo, por iso é importante resaltar que este compromiso vai máis alá desta lexislatura. Como é obvio, este goberno require o compromiso de gobernos vindeiros, por iso cada anos faremos unha comisión de seguimento do pacto para asegurarnos de se está a cumplir”. A partir do ano 2021, tope para a presentación do PACES, o Concello de Mos será obxecto dunha auditoría cada dous anos, na que se controle que a redución das emisións cumpre os parámetros establecidos. O cumprimento dos mesmos implicará beneficios para a administración local mosense, tales como prioridade e facilidades á hora de solicitar e recibir subvencións.

A Guarda participa na Campaña “Baixo o mesmo paraugas” no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

0

Hoxe xoves día 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida.  En 2020, o  lema é “Un día para todos”, e quérese facer ver que a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todos, nalgún momento das nosas vidas, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente; e a sociedade ten que estar preparada para iso.

“Baixo o mesmo paraugas”, é unha iniciativa que une a máis de 80 entidades sociais de toda Galicia para celebrar conxuntamente o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e reivindicar os seus dereitos. Este ano dentro da campaña “Baixo o mesmo paraugas” faise un chamamento para que todas as persoas que queiran únanse o 3 de decembro e fáganse unha foto na súa casa cunha mensaxe positiva para as persoas con discapacidade, incluíndo o hashtag # BaixoOMesmoParaugas e etiquetando @galiciadiversa.

Na Guarda Avelaíña e San Xerome, en colaboración co concello e Codelauto, colocaron nos balcóns do consistorio uns paraguas e unha pancarta conmemorativa deste día, símbolo da nosa iniciativa en Galicia.

O congreso organizado pola Orde do Camiño de Santiago presenta o bosquexo oficial da alfombra do Xacobeo 2021

O Congreso Internacional sobre “Os Roteiros de Peregrinación como impulsoras do Turismo Global”, que organiza a Orde do Camiño de Santiago, é o marco escollido para a presentación do Bosquexo da Alfombra Mundial do Xacobeo, do artista de Chinchón Miguel Angel Lagoa Villalobos, que foi elixido entre máis de sesenta bosquexos por Alfombristas de todo o mundo.

Alfombristas de 250 cidades de 28 países dos cinco continentes participasen no maior proxecto mundial de alfombrismo que se celebra o próximo ano con motivo do Xacobeo 2021. Alfombristas de todo o mundo, confeccionasen unha alfombra entre os días 24 e 25 de xullo do 2021, dedicada ao Camiño de Santiago. O deseño do Miguel Ángel Lagoa Villalobos, alfombrista de Chinchón, será común en cada unha desas localidades

A COMISION XESTORA DE ENTIDADES ALFOMBRISTAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO É A MAIOR ORGANIZACIÓN MUNDIAL DE ALFOMBRISTAS CON SEDE EN PONTEAREAS (PONTEVEDRA) ten como obxectivo principal todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el. Destacando a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

Na que xa participan alfombristas máis de duascentas cincuenta cidades repartidas por vinte e oito países pertencentes a Alemaña, Arxentina, Brasil , Bolivia, Colombia, Chile, Costa Rica, Francia, Estados Unidos, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, Hungría, India, Italia ,Lituania, México ,Nicaragua, Nova Zelandia, Paraguai Polonia, Panamá, Perú, Portugal, Tunes, Venezuela e España.

Os alfombristas preparan dous grandes proxectos para o próximo Ano Santo;

O primeiro denominado “Alfombras para o Camiño”, que consistirá na realización, desde xaneiro ata xuño de 2021, de distintas alfombras, en cada un dos camiños que conflúen en Santiago de Compostela.

O segundo proxecto denominado “Alfombra Mundial do Xacobeo” na que poderán participar todos os alfombristas que queiran elaborando en lugar emblemático, de cada unha das súas localidades, integradas na Comisión Xestora de entidades alfombristas do Camiño de Santiago, unha alfombra propia, entre os días 24 e 25 de xullo do 2021, dedicada ao Camiño de Santiago. O deseño do Miguel Ángel Lagoa Villalobos, alfombrista de Chinchón, será común en cada unha desas localidades, Con todo, cada colectivo alfombrista realizará ese deseño seguindo a súa propia técnica e estilo, utilizando os materiais que prefiran e creando ese tapiz efémero do tamaño que prefiran. Pero á vez serán distintas, xa que son dúas os motivos que a diferencien cada alfombra; unha o nome da localidade que a realiza e outra, tras unha frecha amarela, a distancia en quilómetros desde cada cidade participante a Santiago de Compostela.

O obxectivo é “Facer todo o mesmo día, a mesma alfombra en cada un dos nosos pobos ou cidades, pero de forma conxunta a escala mundial”. Será unha especie de flashmob a escala mundial de arte efémera, no día grande do Apóstolo Santiago.

A Orde do Camiño de Santiago, que conta con máis de 1.250 Damas e Cabaleiros en todo o mundo, comparte os obxectivos dos alfombristas, tendo como misión a promoción dos valores universais do Camiño, servindo de vínculo entre varios continentes para aquelas persoas que profesan o seu respecto ao Apóstolo Santiago, fomentando as peregrinacións e a conexión cos territorios que percorren e difundindo o patrimonio cultural e etnográfico dos diferentes roteiros, contribuíndo a promover o turismo cultural, relixioso ou espiritual.

Grazas ao Convenio asinado entre ambas as entidades, o Congreso Internacional “Os Roteiros de Peregrinación como impulsoras do Turismo Global”, que se celebrará os días 05, 06 e 07 de decembro en Santiago de Compostela e que integra a relatores de procedentes de 21 países en formato híbrido, servirá como plataforma de lanzamento aos proxectos da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago.

O Congreso conta co apoio principal da Axencia de Turismo de Galicia a través da liña de incentivos ao sector MICE e do Instituto Nacional para a Promoción Turística de Arxentina ( INPROTUR) e abordará os retos actuais que afronta tanto o Ano Santo Xacobeo, como outros puntos de peregrinación de referencia internacional.

O Concello do Rosal restaura a Fonte de Marzán, datada do ano 1891

0

O Concello do Rosal vén de rematar as obras de restauración da Fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e que está datado do ano 1891.

Operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos para a limpeza do ámbito da fonte. Revisouse a canalización que trae a auga, un sumidoiro de pedra que estaba en boas condicións, e melloráronse á súa vez as drenaxes da fonte.

Historicamente zona de rego, aproveitáronse os traballos de restauración para arranxar as canalizacións polas que se desvía a auga dende a fonte e o lavadoiro para que os veciños e veciñas da zona poidan continuar cos labores de regadío, sobre todo no verán.

Fonte de Marzán antes da restauración

Como complemento aos traballos no interior da fonte tamén se mellorou a accesibilidade creando unhas escaleiras e unha rampla, fixéronse muros de cachotería rústica de contención da estrada e construíuse unha varanda cunha fila de pedras rodeando a fonte. Ademais, preparouse un espazo de lecer e descanso con dous bancos para o uso e desfrute da veciñanza que se rematará coa colocación de elementos arbóreos. Trátase dunha das primeiras accións de recuperación que levará a cabo o goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares cos que conta o Rosal, como fontes e lavadoiros, tan importantes para a sociedade rosaleira durante moitos anos. “Pouco a pouco iremos recuperando este tipo de elementos patrimoniais, dos que temos moitos por todo o municipio”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Arbo invirte 22.106,07 € no acondicionamento do Sendeiro de Pescadores

0

O Concello de Arbo, acaba de adxudicar o acondicionamento do Sendeiro de Pescadores,  donde as obras  ascenden  á cantidade de 22.106,07 € (IVE 21%  incluído), segundo o detalle que figura na memoria que serviu de base para a petición da subvención, as obras contan cunha achega da Consellería de Medio Ambiente e vivenda.

O Contrato de acondicionamento do sendeiro, consiste na instalación de infraestruturas de madeira nos tramos que sexa preciso, como escaleiras ou pasarelas.  Realizarase o acondicionamento nalgunhas zonas do sendeiro mediante a construción de infraestruturas de madeira tratada. Nos lugares en que o terreo é irregular e non permitan avanzar con seguridade construíranse escaleiras ou pasarelas. Ademais neses puntos, onde se advirte risco de caídas a distinto nivel, instalaranse varandas de madeira que garantan a seguridade dos usuarios.  Tamén se levara a cabo a roza dos tramos que o precisen , co que se mellorara  a seguridade dos usuarios do sendeiro mediante a creación de diferentes infraestruturas que faciliten o tránsito.

O sendeiro discorre en todo o trazado pola parte inferior da vía do ferrocarril, e atopase correctamente sinalizado, sen embargo en varios puntos existen zonas nas que resulta difícil avanzar, xa sexa pola presenza de auga ou polas fortes pendentes. No pasado instaláronse paso con troncos ou cordas para facilitar o avance, pero actualmente, debido as crecidas do Rio en inverno, estas infraestruturas atópanse moi deterioradas e non garanten a seguridade dos usuarios- informa o alcalde Horacio Gil-  o que permitira que os veciños e veciñas de Arbo e os visitantes que durante todo o ano se achegan a Arbo, poidan disfrutar da paisaxe única e singular que ofrece o Rio Miño.

Continúa o descenso do número de casos activos por coronavirus, situándose en 7.419

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.419 deles 1.525 son da área da Coruña, 885 da de Lugo, 450 da de Ourense, 1.106 da de Pontevedra, 1.977 da área de Vigo, 825 da de Santiago, e 651 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 65 están en UCI, 349 en unidades de hospitalización e 7.005 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 44.563 persoas curadas, rexistrándose 1.228 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 917.308. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello celebra a través de ‘Un Nigrán para todos’ unha gala virtual de talentos para conmemorar o Día Internacional da Discapacidade

0

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo ‘Un Nigrán para todos’, conmemorará como cada ano este 3 de decembro o Día Internacional da Discapacidade de xeito ‘virtual’. Nesta edición, ante a imposibilidade de repetir a gala presencial ‘Un Nigrán de Talentos’ do ano pasado, celebrarase durante toda a semana subindo vídeos ás redes do Concello onde persoas con diversidade funcional amosarán os seus talentos, capacidades e habilidades.  O obxectivo é visibilizar, a través deles como protagonistas e baixo o hashtag #UnNigránDeTalentos, as diferentes aptitudes nas que cada un destaca.  “Todas as persoas, absolutamente todas, temos un talento especial, e no caso das persoas con diversidade existe unha tendencia a non recoñecelo socialmente, polo que desde o Concello queremos rachar con esta falsedade e estereotipo erróneo”, subliña o alcalde, Juan González.

Paralelamente, a Casa Consistorial iluminarase esta semana de verde (cor que representa a discapacidade) e o goberno local xunta ao grupo interdisciplinar ‘Un Nigrán para todos’ participará un ano máis no reto  viral #BaixoUnMesmoParaugas e anima á veciñanza que tamén o faga. Esta iniciativa une cada 3 de decembro a máis de 80 entidades sociais de Galicia e consiste en facer unha foto cunha mensaxe positiva “Abro o paraugas por…” e compartila nas redes sociais co hastag #BaixoOMesmoParaugas e etiquetando ao colectivo, @galiciadiversa.

A educación inclusiva, o acceso ao mercado laboral en condicións de igualdade, o dereito a ter unha vida independente… son algunhas das reivindicacións destas persoas que non se poden ver afectadas pola situación sanitaria actual.

Concentración e minuto silencio en memoria de Soledad Rey Valverde, veciña do municipio de Gondomar

0

Este mércores unha veciña da parroquia de Mañufe, en Gondomar, foi asasinada polo seu marido que, posteriormente, intentou quitarse a vida. Con ela, xa son tres as mulleres vítimas mortais a causa da violencia de xénero na comunidade galega no que levamos de 2020, tralos crimes machistas rexistrados a principios de ano na Pastoriza e en Lugo. A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia (ASOCIM) mostra a súa repulsa polo ocorrido e traslada o seu pesar por este novo asasinato machista co que ascenden a 42 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas este ano, 1.075 desde que existen rexistros, ano 2003.

ASOCIM pon o foco na necesidade de contar con Centros de Información á Muller fortes que permitan atender dignamente ás vítimas de violencia machista con todas as garantías. Nesta liña, leva tempo denunciando a falta de persoal nos CIM e a necesidade de máis perfís profesionais para xestionar en condicións óptimas o horario de atención de cada centro segundo as súas especificidades, tendo en conta a súa localización e se se ocupan de asistir a varios municipios de forma conxunta e/ou a zonas moi poboadas.

A corporación municipal de Gondomar concentrouse este xoves 03 de decembro ás 12 horas ante o Concello para gardar un minuto de silencio en memoria de Soledad Rey Valverde, veciña da parroquia de Mañufe, que foi presuntamente asasinada pola súa parella.

O goberno local decretou tres días de loito oficial e suspende os actos previstos neses días en memoria de Soledad Rey Valverde e, unha vez máis, quere amosar o seu máis rotundo rexeitamento e repulsa á violencia de xénero, que se cobrou no que levamos de ano a vida de 42 mulleres.

A importancia dos CIM

Os Centros de Información á Muller son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM e da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos.

Redondela presenta unha programación de Nadal na que “cambian as formas de chegar pero non a ilusión como obxectivo”

0

O programa de Nadal de Redondela “reinvéntase” obrigado pola crise sanitaria e as medidas de seguridade que esta situación leva aparellada. Unha programación, ampla e variada que “cambia nas formas de chegar pero non na ilusión como obxectivo”, tal e como sinalou a alcaldesa Digna Rivas na presentación do programa, acto no que estivo acompañada pola concelleira de Eventos, Marta Alonso e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa.

Maxia, teatro e música teñen especial protagonismo nunha programación que se desenvolverá nos auditorios de Redondela e Chapela e que aposta, maioritariamente, polos artistas, grupos e compañías locais porque, insistiu a alcaldesa, “a aposta pola cultura local é un dos eixos fundamentais da nosa idea política e a contratación directa convértese nunha liña de axuda nestes momento tan complicados que vive todo o sector relacionado coa cultura”.

No programa presentado hoxe, as nenas e nenos terán numerosas actividades dirixidas especialmente a elas e eles que son os que con máis intensidade e emoción viven estas festas. Así, na presentación dábase resposta a unha das preguntas que se fai a infancia redondelá: como será a visita de Papa Noel e os Reis Magos.

Nenos e nenas poderán gozar de Papa Noel , unha das figuras máis esperadas do Nadal, de tres xeitos diferentes. Por unha banda estará fisicamente na Alameda de Castelao de Redondela e na Alameda Rosaía de Castro de Chapela. En Redondela o fará dende o 15 ao 24 de decembro en horario de –de 17 h a 19:30 horas do 15 ao 23 de decembro e de 11:00 h a 14 h e de 16:30 h a 19 h o día 24– e en Chapela os días 20 e 23 (de 17: h a 20 h) e o 24 de decembro de 10:30 h a 14 h.

Doutra banda, e por primeira vez, Papa Noel visitará as parroquias de Redondela facendo pasarrúas por todas elas, de xeito que os nenos e nenas poidan gozar da súa visita, no seu propio entorno e sen ter que desprazarse.

Finalmente, rapaces e rapazas poderán gozar de Papa Noel de xeito interactivo a través dun saúdo moi especial, realizado en Redondela, e que os máis pequenos poderán ver, a partir do día 10 de decembro en www.nadalenredondela.com.

A visita dos Reis Magos tamén tivo que reinventarse neste Nadal 2020 e, para que as crianzas poidan gozar dos Magos de Oriente e, ao mesmo tempo respectar de xeito estrito as medidas de seguridade sanitaria, a tradicional Cabalgata, cámbase por unha Cabalgata estática, en horario de mañá e tarde –11 h a 14:30 h e de 16 h ao peche–, con aforo controlado e as anteditas medidas de seguridade. Así, haberá persoal para controlar o aforo e vixiar o cumprimento das medidas sanitarias.

Pola súa banda, Chapela tamén contará con cabalgata estática que se desenvolverá na Alameda de Rosalía de Castro, no mesmo horario e que, neste caso conta coa colaboración do Círculo Cultural e Recreativo de Chapela.

Cómpre salientar que, en ámbolos dous casos, o programa de man con toda a programación de Nadal, que se repartirá entre a veciñanza, ten planos das rutas de entrada e saída para as cabalgatas estáticas tanto de Redondela coma de Chapela.

Ao igual que Papá Noel, os Reis Magos percorrerán todas e cada unha das parroquias o día 5 de xaneiro dende as 16 horas e saudarán, dende unha caravana de coches clásicos, aos nenos e nenas que están a esperar pola súa visita.

Finalmente este ano poñerase en marcha unha novidade que “promete chegar para quedarse” segundo sinalou Digna Rivas na presentación, como é a videochamada que os reis de Oriente farán a todos os nenos e nenas que así o desexen. Para utilizar este servizo, basta entrar na web www.barafundaanimacion.com, cubrir o formulario, introducir o código REDONDELA, e unha vez confirmado, seleccionar o día e a hora na que desexamos recibir á chamada dos Magos de Oriente.

En suma o programa tal e como sinalaron Digna Rivas, Marta Alonso e Daniel Boullosa, é “amplo, variado, novidoso en moitas das súas actividades e que estará marcado por un estrito protocolo sanitario que non impedirá que os máis pequenos e pequenas, poidan manter a ilusión por estas datas”.

A exposición “Benjamín de Tudela, un viajero en el tiempo” pode visitarse en Tui até o 12 deste mes

0

A exposición de fotografías “Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo” chega a Tui ata o vindeiro 12 de decembro, dentro da súa itinerancia polas cidades que integran a Red de Juderías de España. A mostra está conformada por 54 fotografías de Jesús Álvarez tomadas nunha viaxe que emulou o que describe nos seus escritos o propio Benjamín de Tudela e que o levaron a coñecer numerosas comunidades sefardís por todo o Mediterráneo e por Europa.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui, Laureano Alonso, esta exposición permite achegarnos a un percorrido pola “ruta do viaxeiro máis internacional da Idade Media: de Tudela a Xerusalén pasando por Roma, Alexandría, Constantinopla ou Francia”. A exposición recolle o estado actual das xuderías e dos países que Benjamín de Tudela visitou entre 1163 e 1174, impresións recollidas posteriormente no seu Libro de Viaxes publicado en Constantinopla en 1543.

[su_image_carousel source=”media: 26409,26408,26404,26406,26407″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Laureano Alonso sinala como esta exposición é unha das actividades programadas pola Red de Juderías entre os seus socios para a promoción e difusión do legado da cultura xudía, que ten en Tui un dos lugares sobranceiros no Noroeste peninsular.

A exposición pode visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 21.30 h e os sábados de 9 a 14 h.

Benjamín de Tudela

Benjamín de Tudela viviu na segunda metade do s. XII e foi o viaxeiro xudeu medieval máis importante. A única fonte de que dispomos é a súa obra Libro de Viaxes. Aínda que escritores non xudeus titúlanlle frecuentemente como rabí, non existen probas de que o fose, se se exceptúa a abreviatura convencional fixada ao seu nome nas fontes hebreas. Fillo do rabí Jonás e home preparado, pois tiña formación en historia, ademais de ser coñecedor do hebreo, arameo, grego, latín e árabe.

Podería fixarse o inicio das súas viaxes entre 1159 e 1167 (reinando en Navarra Sancho VI o Sabio) e o seu regreso en 1172-1173 (ano 4933 do calendario xudeu). Segundo isto, as súas viaxes tiveron unha duración mínima de cinco anos e unha máxima de catorce. Esta última hipótese parece a máis probable, dado que a súa última etapa -desde que abandona Exipto e chega a España- durou polo menos un ano.

Tampouco se coñece a finalidade destas viaxes, aínda que parece que Benjamín de Tudela puidese ser comerciante en pedras preciosas xa que consta que en máis dunha ocasión mostrou vivo interese polo comercio da coral. Na súa viaxe tomou contacto coas comunidades xudías que se ía atopando.

En total, visitou 190 cidades de Europa e Oriente, converténdose nunha das primeiras fontes da demografía xudía. O seu interese de centrou nos xudeus e a súa situación, describindo personalidades, centros de estudos, poboación, formas de vida, dificultades e éxitos. Tamén fala dos grandes acontecementos políticos e históricos da súa época.

O seu Libro de Viaxes (Sefer Maasaot), publicado en hebreo en Constantinopla en 1543, baséase nas notas e impresións recollidas durante o seu longo periplo. Desde Tudela descende polo val do Ebro: Zaragoza, Tortosa, Tarragona, Barcelona e penetra en Provenza a través de Girona. Embárcase en Marsella e viaxa a Xénova, Pisa, Lucca e Roma, cidade na que debeu deterse durante un tempo, a xulgar polo minucioso relato que ofrece dos seus monumentos.

Deixa Roma e encamíñase cara ao sur, onde chega a Salerno. Embarca novamente en Otranto, pasa pola illa grega Corfú, no mar Xónico e Arta. Atravesa Grecia e detense en Constantinopla, da que ofrece unha viva descrición, de gran importancia para o coñecemento das condicións e situación socioeconómica dos seus habitantes naquel momento.

Cruza o mar Exeo (illas Mytilene, Chíos, Samos, Rodas) até Chipre. Xa en terra firme, pasa por Antioquía, Sidón e Tiro, entrando en Israel por Acre, naqueles momentos en mans dos Cruzados. Percorre o país e describe detalladamente os Santos Lugares deixando un documento de especial interese para o coñecemento de Palestina daquela época.

De camiño cara ao Norte, pasa por Tiberíades, Damasco, Alepo e Mosul, cun itinerario difícil de precisar. Chega a Bagdad, cidade que describe con maior extensión que calquera outra. É probable que viaxase ao longo e ancho de Mesopotamia e Persia, aínda que nestes relatos abundan os materiais lendarios. É improbable que se aventurase a traspasar estes ámbitos xeográficos, aínda que se esforzou por reunir noticias sobre as comunidades xudías de lugares aos que non viaxou, como Arabia, Persia, Asia central, India ou Ceilán, e mesmo menciona a existencia da xudaría de Kai Fong en China.

Xa de volta, fai unha admirable descrición de Exipto e en especial, da vida dos xudeus no Cairo e Alexandría, cidade na que embarca para chegar a Sicilia. Dános unha descrición coidadosa e pintoresca de Palermo. De alí, probablemente, regresa a España por mar, aínda que o itinerario finaliza cunha idealizada visión da vida xudía de Alemaña e do norte de Francia, baseada talvez en relatos que chegaron aos seus oídos.

Datos extraídos de:

  • Libro de viaxes de Benjamín de Tudela. Riopiedras Edicións, 1982.
  • Versión castelá, introdución e notas de José Ramón Magdalena Nom de Déu

Tomiño realiza labores de adecuación nas instalacións deportivas

0

O Concello de Tomiño vén de acometer varias intervencións de acondicionamento e reparación en diversas instalacións deportivas do municipio. Recentemente foi feita unha intervención nas instalacións de Calistenia do complexo deportivo do Mosteiro, reparándoas e reubicándoas nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando ultimamente os practicantes deste deporte no municipio.

A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos tamén se levaron a cabo reparacións de desperfectos, humidades e pintado na súa sede, ampliando as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas. Con esta intervención darase solución a unha das demandas do clube de contar cun espazo de adestramento cuberto para os días de choiva nos que non sexa posible a saída ao río.

[su_image_carousel source=”media: 26397,26399,26396″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ademais leváronse a cabo importantes obras de reforma no pavillón de deportes de Goián, algo que levaba tempo sendo moi demandado polos usarios do pavillón, facendo un cambio completo das instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas. Realizáronse tamén accións de mellora nos baños e instaláronse pulsadores nas duchas que contribuirán ao aforro de auga e enerxía.

Neste conxunto de accións de reparación e adecuación foron investidos un total de 12.000 euros.

Recentemente reiniciáronse tamén as obras de reforma do Campo de Fútbol do Alivio, onde se instalaron xa as torres de iluminación con focos LED de baixo consumo e está previsto que proximamente se inicie xa o proceso de instalación do céspede artificial.

Baiona organiza por primeira vez unha campaña solidaria de ‘recollida virtual’ de alimentos para a ONG local ‘Axuda ao Mundo Necesitado’

0

O Concello de Baiona organiza por primeira vez unha campaña solidaria de recollida virtual de alimentos en colaboración cos supermercados con establecementos no municipio. Os fondos de toda a recadación da campaña irán destinados integramente á compra de alimentos por parte da ONG de Baiona ‘Axuda ao Mundo Necesitado’.

Debido ás situación provocada pola COVID-19 e ante a imposibilidade de realizar a campaña en supermercados da forma habitual, a recollida vai desenvolverse nun novo formato de doazón máis seguro para as e os participantes. Ao non poderse recoller comida de maneira física nos supermercados adheridos á campaña, todas as doazóns serán económicas ao pasar por caixa, ao longo do próximos quince días do mes de decembro, do 1 ao 15. Os cartos recollidos quedarán nun fondo a nome da ONG, en cada un dos establecementos, para que a entidade adquira os produtos alimenticios necesarios para a súa repartición entre as familias menos favorecidas do municipio.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse cos responsables de zona das tres grandes superficies con establecementos en Baiona para facerlles chegar a proposta desta campaña pioneira no municipio, hipermercados que amosaron a súa total colaboración e non dubidaron en apoiar a iniciativa.

O alcalde de Baiona, na presentación da iniciativa que se desenvolverá baixo o lema Este nadal, merca con corazón, a túa solidaridade, ou mellor agasallo, dixo que “todos temos algo que achegar a ela; desde a administración facendo este tipo de iniciativas e achegando o noso granito de area cunha achega e aí, estou seguro da solidariedade dos baioneses e baionesas, que non me cabe dúbida será abafadora. Está máis que demostrado que somos unha vila solidaria”.

O rexedor quixo destacar o gran labor que se fai desde a ONG de Baiona ‘Axuda ao Mundo Necesitado’ así como o papel fundamental da súa presidenta Juana Alonso: “Na actualidade e coa nova crise derivada da pandemia do COVID-19, a presidenta e os seus grupo de voluntarios viron aumentar notablemente o número de familias que demandan a súa axuda. Un importante número de familias reciben comida desta entidade sen ánimo de lucro, que non traballa con diñeiro senón con alimentos, roupa e xoguetes. Desde o Concello ideamos esta campaña co fin de axudarlles a encher os andeis de alimentos para esas familias menos favorecidas”.

Pola súa banda a presidenta Juana Alonso mostrouse moi entusiasmada coa campaña e agradeceu ao Concello de Baiona a súa posta en marcha neste momento tan necesario. Alonso tamén a animado aos veciños e veciñas a participar agradecendo de antemán a súa participación.

Gómez lembrou que “desde o Concello seguimos remando cos veciños e veciñas menos desfavorecidos porque xuntos, sumamos. De aí, que no orzamento para o ano 2021 aumentouse a partida en emerxencia social nun 110 %. Unha partida que se destinarán a veciños e veciñas con dificultades e sobre a que non se descarta unha ampliación do montante en función das circunstancias”.

O alcalde de Baiona pediu solidariedade a todos os veciños e veciñas da localidade para que participen nesta campaña. Tamén expresou que esta recollida “é máis necesaria que nunca debido á grave crise sanitaria na que nos atopamos, que está a azoutar a moitas familias na nosa localidade e que fixo que o Concello estea a incrementar os recursos destinados ás persoas máis vulnerables”.

Gómez mostrou o agradecemento e recoñecemento por parte do Concello de Baiona a todas as persoas implicadas na campaña, e a todas as que participarán na “polo seu papel crucial para paliar o máximo posible as necesidades alimentarias de moitos dos nosos concidadáns e concidadás en circunstancias tan adversas como nas que nos atopamos actualmente pola COVID-19”.

Tamén quixo mostrar o seu agradecemento ás persoas implicadas noutras campañas de recollida de alimentos tradicionais anteriores e que mostraron o seu apoio á campaña pioneira presentada esta mañá. Agradecementos dirixidos á Concellería de Deportes, ACEBA e Mercado Praza de Abastos de Baiona, á directora da oficina de CaixaBank de Baiona, Yolanda Pérez, pola súa implicación e colaboración desde a súa chegada ao cargo, á os clubs deportivos e ás escolas deportivas da vila, á Concellería de Comercio e por suposto, aos supermercados.

Alerta laranxa por episodio adverso costeiro en Galicia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa da chegada dun fenómeno adverso no mar que deixará ventos fortes ondas de ata oito metros en todo o litoral de Galicia. Deste xeito, actívase a alerta de nivel laranxa a partir de hoxe, día 3 de decembro.

Non obstante, este adverso está previsto que se inicie a partir do mediodía no litoral de Lugo e Noroeste e Oeste da Coruña, ampliándose durante a tarde ao litoral de Pontevedra e Suroeste da Coruña.

Con fin de reducir posibles riscos, recoméndase adoptar estas medidas preventivas

Espérase un fenómeno meteorolóxico adverso no mar que require da adopción de medidas de autoprotección, xa que, o máis probable é que se produza unha forte ondada e vento no litoral. 

Por iso, o que nos podemos atopar é:

  • Pequenas embarcacións ou outras estruturas marítimas á deriva
  • Desbordamenteos puntuais polo suba da marea
  • Obxectos e mobiliario urbano próximo ao mar que pode ser arrastrado

Para tratar de paliar estes efectos da situación meteorolóxica adversa, cómpre adoptar as seguintes medidas de autoprotección:

  • Afastarse de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques
  • Evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos
  • Non deterse a sacar fotografías
  • Aseguar a embarcación

A Guarda vestirase de Nadal este venres co acendido do alumeado e o arranque das actividades programadas para estas festas

0

A Casa dos Alonso acolleu este mércores, 2 de decembro, a presentación da Campaña de Nadal 2020 nun acto presidido polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, acompañado pola concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez e o concelleiro de Turismo, Festas e Festexos Populares, Rafa Álvarez. O programa arrancará xa este venres día 4 de decembro ás 18:15 h co acendido do Alumeado de Nadal e animación polas rúa da vila con ‘A Luz do Camiño’.

A luz e a cor branca son os protagonistas do pasarrúas, onde ó ritmo da percusión, as fadas luminosas e unha gran bicicleta xigante, transportarán aos nenos a un mundo de fantasía. Dende o Concello se pide á poboación evitar a aglomeración de persoas durante este pasarrúas, mantendo sempre a distancia de seguridade interpersoal.

A programación continúa na xornada do sábado día 5 de decembro ás 11:30 h coa charla de Fernando Rego no Salón de Plenos e posterior concerto na Praza do calvario do grupo Helen & Shanna. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected]

O venres 11 de decembro a programación de Nadal prosegue coa representación teatral de ‘Running polo Camiño’, que terá lugar ás 20:30 h no Centro Cultural. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 611 850 (en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 20:00 h) ou no enderezo electrónico [email protected]

O sábado 12 de decembro ás 12:00 h chega o momento dá música con Cantos de Nadal, un evento musical no que participan pandereteiras da vila, que amenizarán a Praza de Avelino Vicente con cántigas tradicionais e de nadal.

Seguindo coas actuacións musicais, o xoves día 17 de decembro ás 17:00 h na Praza do Reló, será a quenda do concerto do Coro Infantil do Conservatorio de Música Elemental de A Guarda. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 20:00 h) ou no enderezo electrónico [email protected]

[su_image_carousel source=”media: 26382,26383,26384,26386″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O venres 18 de decembro ás 17:00 h as rúas da Guarda encheranse dun divertido repertorio especial de Nadal con ‘O Belén de Pulpiño’ do Pulpiño Viascón, para todos os públicos. Polas rúas da vila a partir das 17:00 horas

O sábado 19 de decembro ás 12:00h nova sesión de Cantos de Nadal, e ás 17:30 h o Centro Cultural será o escenario do Espectáculo de maxia ‘O Cinematólogo’. Emoción, recordos, risas e moita ilusión nos agardan neste novo espectáculo do noso mago infantil favorito. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 611 850 (en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 20:00 h) ou no enderezo electrónico [email protected]

O martes 22, mércores 23 e xoves 24 decembro ‘Os carteiros do Nadal’ estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas(22 e 23 en horario: 17:00h a 20:00h horas e 24 en horario: 10:30h a 13:30h).

O derradeiro evento do ano terá lugar o sábado 26 de decembro co Espectáculo infantil ‘Zona en obras’ de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O evento terá lugar no Centro Cultural ás 17:30 horas. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 20:00 h) ou no enderezo electrónico [email protected]

Xa no mes de xaneiro o sábado día 2 de xaneiro o Centro Cultural acolle ás 17:30 h a obra de Teatro Infantil ‘O Crebanoces’ de Larraitz Urruzola. Unha representación teatral infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.

Os ‘carteiros do nadal’ regresan o sábado 2, luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda(2 e 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h)

O martes 5 xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartirán entre os nenos os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, serán repartidaspara que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas nas fachadas das casas.

Ponteareas, Redondela, O Porriño e Tui, entre os 14 concellos galegos incluídos no nivel de máxima restricción pola COVID

Pese á suavización das medidas restritivas anunciada hoxe polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e que entrarán en vigor ás 00 horas do vindeiro venres, Redondela, Ponteareas, O Porriño e Tui forman parte dos 14 concellos de toda Galicia con máis de 10.000 habitantes que inclúense dentro do ‘Nivel de máxima restricción’ e que ven dado ao marcar unha incidencia acumulada de casos durante 14 días igual ou maior de 250.

Nestes concellos, a hostalaría só poderá abrir terradas ata o 50 % da capacidade, cunha agrupación máxima de catro persoas, convivintes ou nón e cun horario de peche establecido nas 17 horas.

Pola súa banda Mos e A Guarda, como concellos individuales de menos de 10.000 habitantes e Mos, Nigrán e Gondomar por estar incluídos na ‘améndoa’ de Vigo –sen que ninguén saiba con certeza a que ven ese cualificativo– atópanse no nivel de restrición medio-alto, permitíndose neste caso que a hostalaría teña un 30 % de aforo no interior e un 50 % nas terrazas, manténdose tamén o peche ás 17 horas e a agrupación máxima de catro persoas sexan ou non convivintes.

En relación coa mobilidade, o presidente da Xunta sinalou que se pedirá á Delegación do Goberno que se restrinxa a mobilidade con Portugal durante a ponte o que poderá conlevar, se fose necesario, establecer o peche perimetral da Comunidade.

No tocante á mobilidade interna, o criterio seguirá como ata agora: nas zonas con máximas restricións, debuxarase un perímetro do que non se poderá entrar ou saír agás por razóns xustificadas; e, nos ámbitos restantes, haberá liberdade de movementos.

Cómpre salientar ademais que: non se introducen cambios no interior dos comercios, onde seguirá habendo aforos do 50 %; tampouco no transporte público, que manterá as mesmas condicións vixentes nas últimas semanas; e tampouco no horario nocturno, xa que se mantén as 23 horas como tope máximo de volta ao domicilio.

O concerto de ‘La Patrulla’ abrirá o programa «Baiona. A mellor música en directo!» no que participarán 16 grupos dos máis diferentes estilos

0

Os baioneses ‘La Patrulla’ abrirán o vindeiro venres 4 de decembro ás 19:00 h na Praza do Concello de Baiona o ciclo Baiona. A mellor música en directo!, unha iniciativa da Concellería de Cultura que xestiona Miriam Costas co obxectivo de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Os concertos terán lugar o 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12 e 13 de decembro e neles participarán un total de 16 grupos con diferentes estilos que van dende o jazz ao pop pasando polo blues, funk, flamenco ou rock.

As actuacións, debido ás medidas de seguridade sanitaria adoptadas pola crise da COVID-19, celebraranse nesta edición nun único escenario, o instalado na Praza do Concello, coa intención de promocionar actividades de lecer nunha contorna segura. Nesa liña, o acceso e o aforo da carpa estará controlado e adoptaranse todas as medidas de seguridade pertinentes.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fai unha chamamento á responsabilidade nos eventos lembrando que o aforo será dun máximo de 75 persoas, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Costas aproveitou tamén a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e aos que se acheguen a gozar dos concertos xa que se vai contar con todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias”. O obxectivo, sinala, é combinar o lecer “coa redución ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, comenta a concelleira.

Ás claves para o turismo do futuro: intelixente, sostible, cun sector ‘dixitalizado’ e alianzas público-privadas

A III xornada TurisTIC organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrada en formato on line, con recoñecidas e recoñecidos participantes e representación paritaria de mulleres e homes, consolídase como referente no debate sobre a situación actual do sector turístico e a súa recuperación a través do uso das novas tecnoloxías. A xornada, moderada pola xornalista Yolanda Vázquez, foi seguida por máis de 1.100 persoas ao través da canle de Youtube e das redes sociais da Deputación, conseguindo unha media de visualización de ate 57 minutos por persoa. Nunha intensa mañá de intercambio de ideas trazáronse os retos, tendencias e oportunidades de futuro, que pasan por un turismo intelixente no que a sostibilidade será fundamental, e pola dixitalización plena do sector para chegar con máis eficacia ás viaxeiras e viaxeiros e ofrecer mellores servizos a través das novas tecnoloxías. No novo escenario tamén resultan imprescindibles as sinerxias e a transversalidade para ofertar paquetes de produtos entre distintos axentes e segmentos da cadea turística; coordinación das entidades públicas e privadas e, nesta liña, as alianzas para innovar e optar aos importantes recursos europeos destinados á recuperación da economía.

“As administracións debemos ser axentes do cambio a partir das demandas do sector, que representa un 11 % do PIB. Hai que escoitalos e apostar por un desenvolvemento turístico intelixente”, explicou na apertura a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen subliñou que a tecnoloxía é hoxe o instrumento fundamental para organizar calquera actividade turística. “Tomamos todas as decisións con elementos tecnolóxicos, decidimos as nosas viaxes no teléfono móbil”, afirmou, para resaltar que tamén os destinos turísticos deben ser integramente intelixentes, pois o turismo repercute de maneira directa no territorio. “Hai máis consumo de auga, xeración de residuos, necesidade de oferta cultural, de seguridade sanitaria. Debemos tomar decisións para recuperar a confianza, cambiar o modelo, ampliar a oferta e adaptala á Axenda 2030, e cooperar entre todas e todos tendo en conta os fondos europeos: é un momento durísimo pero nunca houbo tantos recursos públicos”, proclamou.

Carmela Silva: “Hai que cooperar para recuperar a confianza, cambiar o modelo, ampliar a oferta, adaptala á Axenda 2030 e ter en conta os fondos europeos: é un momento durísimo pero nunca houbo tantos recursos”

Carmela Silva considera indispensable crear alianzas entre as administracións e o sector. “Os fondos para a reactivación supoñen unha grande oportunidade e resulta necesario reforzar a cooperación público-privada coa participación do mundo local, as comunidades autónomas, o estado e os organismos internacionais”, relatou. A presidenta adianta que a Deputación tomará nota de todas as reflexións e conclusións de TurisTIC para incorporalas á súa acción e estratexia en materia turística.

Un sector rendible e con futuro

O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, cree prioritario “identificar os retos do futuro, no que as TIC serán fundamentais nas nosas vidas”. Chamou a “aproveitar estas ferramentas tecnolóxicas” e destacou a importancia de crear espazos virtuais para, por unha banda, aportar instrumentos que permitan mellorar a competitividade do sector e a creación de sinerxias, e por outra ofrecer servizos turísticos directamente ás viaxeiras e viaxeiros. “O sector é rendible, estratéxico e con proxectos de futuro pero vive un momento dificilísimo e debe ter un soporte mínimo vital de axuda. Os meses por diante serán claves; e as TICS, imprescindibles na definición do futuro”, indicou. Pola súa banda, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, puxo o foco en que o sector turístico debe contar “con independencia tecnolóxica, e non estar en mans das grandes empresas comercializadoras”. Del Corral remarca que a pandemia, pese ao seu impacto, tamén abriu “unha fiestra de oportunidade” a través das alianzas, os fondos europeos e a colaboración. “Desde o Clúster TIC daremos todo o noso apoio e cooperación. Hai que apostar por crear proxectos ambiciosos, coas tecnoloxías e servizos correctos. É preciso que os axentes, o sector, se agrupe, e estar tamén moi atentos ao 5G”. Neste sentido, plantexa a idea de que cada empresa conte co seu propio servizo de intelixencia artificial, o que lles permitiría ser máis competitivas. “Quizáis non o poden facer de maneira individual, pero si uníndose”, expuxo Del Corral, quen cita tendencias surxidas durante a pandemia nas que as empresas se dirixen dunha forma aberta e directa ante o seu público a través de vídeos ou outros formatos na súa web. “Isto confírelles un factor de autenticidade e chegan mellor ás usuarias e usuarios: empresas que o empregaron multiplicaron por catro as súas ventas”, sintetizou, para resaltar a importancia de “chegar aos móbiles, porque aí está o 80% da compra, e para iso requírese unha infraestrutura que permita ás empresas enviar a súa propia mensaxe”.

Natalia Bayona: “Innovación e sustentabilidade deben estar unidas”

A directora de Innovación, Educación e Investimentos da Organización Mundial de Turismo (OMT), Natalia Bayona, e fixo fincapé en que “a innovación e a sustentabilidade teñen que estar unidas se queremos un turismo máis impactante”. Bayona explicou que “os retos que existían antes da Covid-19 son os mesmos que hoxe, pero aceleráronse”. A estratexia para un sector forte no futuro que ademais apoie ás partes máis vulnerables como o turismo rural, persoas emprendedoras ou autónomas, pasa pola “sustentabilidade, a tecnoloxía, a educación dixital, e a promoción de investimentos verdes e sustentables”. A directora aposta polo big data para tomar decisións eficientes en materia ambiental e para por en práctica un marketing microsegmentado e “moito máis intelixente”. Outra das prioridades é a dixitalización. “Temos que desenvolver habilidades cada vez máis dixitais para aprender a entender a tecnoloxía e ter as habilidades nas plataformas para entender mellor o turismo”.

“Retos do turismo na era Covid”

A primeira mesa redonda, moderada pola xornalista Nani Arenas, contou coa participación de Kin Martínez, CEO de Esmerarte e presidente da Federación da Música de España; Lucía Freitas, chef e propietaria do restaurante A Tafona (con Estrela Michelín); Marían Gómez Alonso, xerente e propietaria de Casa A Pedreira; e Ana Trevisani, directora da Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos (OPC) de Galicia.

Kin Martínez incidiu en que “é fundamental estar máis unidos que nunca e armar un plan, sen barreiras sectoriais e políticas. Ten que haber aperturismo, colaboración e coordinación por riba de todo”. Como estratexia para mellorar o rendemento da experiencia turística avoga por “paquetizar” produtos. “Ten que ofertarse unha experiencia completa, segura e atractiva. Se os sectores, empresas e institucións traballamos co mesmo discurso sairemos reforzados”, asegura. Trevisani admite que a pandemia “foi un cambio radical que nos noqueou, pero hai que reinventarse e adaptarse con novos códigos e formas”. Neste sentido explica que a situación serviu para unir e coordinar máis ao sector da organización de eventos. “Hoteis, recintos feriais, pazos de congresos e OPC mantivemos conversas, creamos platós virtuais para que os clientes se comunicasen co público, vía virtual ou híbrida, e aquí somos referentes nesta experiencia”. Marián Gómez reflexionou sobre o feito de que a pandemia acelerou a dixitalización e mudou hábitos. “A nivel de check-in e outras xestións xa case nin se tocan os papeis”, comenta, para advertir de que “é imprescindible apostar pola innovación e traballar nas plataformas on line para atraer ao público”. “Debemos crear sinerxias e produtos potentes para que a xente vexa que o turismo é seguro”. Lucía Freitas expuxo que a situación obrigou a cambiar formatos na restauración e propiciou a implantación de novas fórmulas para manter a conexión co público. “É un bo exercicio reciclarse e intentar variar a oferta para estar na mente dos clientes, nunca deixar de pensar en positivo e abrir novas liñas de negocio”.

“A tecnoloxía ao servizo dos novos modelos turísticos”

A segunda mesa estivo moderada por Paco Nadal, xornalista especializado en viaxes, e participaron Raúl Jiménez. CEO de Minube; Álvaro Carrillo. Director Xeral do Instituto Tecnológico Hotelero (ITH); Cristina del Castillo. Responsable de HORECA de Too Good To Go; e Jordi Agustí. CEO de Waynabox.

Jiménez avanzou a súa opinión de que a recuperación será diferente segundo os segmentos turísticos. “Será difícil que o turismo de negocios volva pronto á situación anterior, e tamén o de adultos verase moi afectado polo efecto medo. O gran beneficiado será o turismo mozo, de 25 a 45 anos. Hai unha demanda durmida que espertará con moita forza e son os máis ligados ás novas tecnoloxías”. Jiménez reflexiona que a pandemia acelerou a dixitalización ata o punto de que “incluso as persoas de máis de 60 anos manexan as tecnoloxías”. Neste sentido avoga por “adaptar a estratexia e mensaxes para distintos mercados e públicos, facer unha hiperpersonalización, con escoita activa, para crear o produto de futuro”. Álvaro Carrillo ampliou neste sentido que “probablemente a demanda de produto do futuro será similar á anterior á pandemia, en esencia ás persoas que viaxan a España buscan un break vacacional con atributos de cultura, deporte… pero as circunstancias cambiarán polos condicionantes da seguridade sanitaria. Ademais, considera necesario implementar ferramentas dixitais no control da seguridade sanitaria nos desprazamentos a fin de evitar demoras. “A tecnoloxía pode aportar moito neste escenario”. Cristina del Castillo apuntou que “estamos ante un claro cambio de tendencia de consumo, cunha sociedade concienciada co medio ambiente”. Neste sentido indicou que tamén os sectores tradicionais tiveron que adaptarse ao novo escenario. “Os establecementos de restauración ou alimentación non imaxinaban vender os seus excedentes chegando ao público a través das novas tecnoloxías. A tecnoloxía fainos máis rendibles”. Jordi Agustí resaltou o alto valor da sustentabilidade entre as viaxeiras e viaxeiros, o que debe levar ás empresas do sector a integrar medidas que respondan a esta circunstancia. “Todos temos que adaptarnos e comunicar ao cliente de que maneira estamos aplicando esta sustentabilidade”.

“Boas prácticas en turismo sostible”

A terceira mesa, moderada por Clara Soler, contou con Marcos Pérez Gulin, Director Fundación Galicia Sostible e do Mercado de la Cosecha; Natalia Rodríguez. Responsable de comunicación de Bodega Señorío de Rubiós e Nande Hotel da Natureza; Mar Rodríguez. CEO e fundadora de Tee Travel; e Iván Luarca. CEO de Eccocar.

Natalia Rodríguez explicou que “o éxito da oferta dun turismo sostible e responsable ten que ver con dar resposta ás necesidades da sociedade, que agora busca un turismo non masificado e disfrutar da natureza e o entorno”. “Hoxe hai unha boa oferta de experiencias turísticas para satisfacer esa demanda”, comentou. Marcos Pérez apunta pola súa banda que o sector turístico debe contribuír en todo o posible á sostibilidade e explicou que a súa experiencia baséase en centrarse no local. “Son proxectos máis controlables e facilmente escalables. En situacións adversas podemos manter mellor un estilo de funcionamento”. Mar Rodríguez indica que “hai unha forte demanda de turismo sostible e unha filosofía moi respectuosa co medio ambiente entre o público”, para agregar que “as novas tecnoloxías serven de escaparate e medio para transmitir esa oferta e contactar cos e as clientes”. Iván Luarca destacou desde a súa experiencia a crecente sensibilidade ambiental en materia de mobilidade e indicou que crece a demanda de vehículos respectuosos co medio.

Datos a gran escala

Previamente á clausura da xornada pola deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, a última ponencia correu a cargo do xornalista, conferenciante e analista de turismo Fernando Gallardo, quen subliñou que “estamos no tempo de redefinir os produtos e os destinos turísticos”. Neste sentido citou na súa intervención que “é moi importante coñecer as demandas das persoas, e xa hai empresas e colectivos con capacidade para manexar datos a gran escala e conformar modelos predictivos”. “Non é ciencia ficción. Acontece xa, e é o primeiro paso para coñecer quen vai vir no 2021, 2022… Hai que telo moi en conta. Podemos desenvolver intelixencia artificial aplicada ao turismo que nos permita ir moito máis lonxe”.

Maica Larriba e Juan González visitan a empresa nigranesa Efimob tras ser elixida para integrar o proxecto MOVES

0

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe as instalacións da empresa Efimob Efficient Solutions, radicada no Porto do Molle, en Nigrán, logo de que un dos seus proxectos resultase galardoado no marco do Programa MOVES-Proxectos Singulares, que promove o Instituto para a Diversificación do Aforro e da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Acompañaron á subdelegada na súa visita, o alcalde de Nigrán, Juan González, e o director da compañía, Pedro Rodríguez.

En primeiro lugar, Maica Larriba quixo trasladar a súa felicitación aos directivos da empresa por acadar a financiación do IDAE para desenvolver o seu proxecto tecnolóxico de recarga de vehículos eléctricos. A subdelegada subliñou a investigación que desenvolve esta empresa desde Porto do Molle sobre os vehículos eléctricos, convertendo a provincia de Pontevedra nun pulo de innovación en novos sistemas de mobilidade.

Efimob é a única representante galega entre os 25 proxectos que, a nivel nacional, contarán con financiación do IDAE dentro da primeira convocatoria do Programa MOVES-Proxectos Singulares, dotado con 15 millóns de euros. O programa ten como obxectivo financiar proxectos innovadores de electro-mobilidade ou proxectos integrados de mobilidade en contornas urbanas con alto grao de contaminación, situados en illas ou que alberguen bens rexistrados na lista de Patrimonio Mundial da Unesco.

O proxecto de “Balanceo local intelixente para cargadores rápidos y convencionais” desenvolvido polo equipo de Efimob obtivo, ao resultar seleccionado, unha achega económica de 154.504 euros coa que financiará o 55 % do custo total do proxecto, que ascende a 343.342 euros.

Tal e como explicaron os representantes da empresa á subdelegada, “o proxecto consiste no desenvolvemento dun sistema de balanceo de potencia intelixente para a recarga dos vehículos eléctricos. O sistema permitirá que, cunha mesma potencia contratada coa empresa eléctrica de distribución, sexa posible instalar un maior número de cargadores nun punto de recarga e deste xeito dar servizo a máis vehículos eléctricos cun custo menor”. Ademais, este sistema será compatible coa maioría dos equipos de recarga do mercado, independentemente do fabricante.

Por último, Larriba destacou o importante rol que xoga a automoción na dinamización e innovación do tecido produtivo da provincia, “grazas a iniciativas como esta” e reivindicou o compromiso do Goberno coa transición verde e coa transformación e impulso deste sector.

Máis de dez mil millóns para reactivar o sector

A pasada semana, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciaba que o Goberno mobilizará en tres anos 10.000 millóns de euros do novo mecanismo Next Generation EU para reactivar a industria da automoción, o que supón destinar a este sector o 14% do orzamento total que recibirá España (72.000 millóns).

Entre os proxectos que o Executivo vai pór en marcha nos próximos anos destaca o Plan de choque de mobilidade sustentable, segura e conectada en contornas urbanas e metropolitanas, cun orzamento de máis de 6.000 millóns de euros; a folla de Ruta do Hidróxeno renovable, que mobilizará 1.500 millóns de euros; e a liña de apoio a proxectos estratéxicos para a transición industrial dotada con máis de 1.200 millóns de euros.

Pulo á innovación

Segundo explicaron os seus responsables á subdelegada, o equipo de Efimob está integrado por case unha trintena de traballadores altamente cualificados. Entre outros servizos de mobilidade verde, están especializados no deseño, desenvolvemento, xestión e monitorización de puntos de recarga de vehículos eléctricos. Nacida hai seis anos e con clientes en España en Portugal, na actualidade xestionan, entre outros, os máis de douscentos puntos de recarga de coches eléctricos situados nos aparcamentos da empresa Empark.

A Deputación e a Academia de Ciencias pechan este xoves cunha dobre webinar o Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

A dobre charla da catedrática de Bioloxía Concepción Herrero López e da profesora de Investigación Isabel Medina porá fin este xoves 3 de decembro á primeira edición do Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra ven desenvolvendo coa Real Academia Galega de Ciencias para achegar a ciencia á sociedade. Ao igual que o resto das sesións, celebrarase en formato webinar a partir das 19 horas e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do formulario habilitado na web da institución provincial (www.depo.gal).

A conferencia comezará coa intervención de Concepción Herrero López, que abordará o tema das “Microalgas: microfactorías verdes”. A experta é catedrática de Bioloxía do Departamento de Microbioloxía da Universidade da Coruña. Seguidamente, Isabel Medina Méndez, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo e coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC, ofrecerá unha charla baixo o título “O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura”. Trala intervención das relatoras, abrirase un coloquio coas persoas asistentes.

Nesta primeira edición do Ciclo Aida Fernández Ríos abordáronse a través de distintas webinars cuestións como os avances na sanidade, a controversia sobre o cambio de hora, a intelixencia artificial, a tecnoloxía das cadeas de bloques ou a incerteza do ciclo económico. Entre os obxectivos desta iniciativa, amais de divulgar a ciencia entre a sociedade, tamén figuraba visibilizar as mulleres científicas galegas, de xeito que varias delas impartiron algunhas das charlas programadas, así como estimular futuras vocacións neste ámbito, a través da celebración de diferentes charlas de expertos en centros escolares da provincia. Estas outras sesións, que se celebran de modo presencial, finalizarán tamén esta semana.

Así, este xoves 3 de decembro, Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago, estará no IES Chano Piñeiro de Forcarei para ofrecer a charla “A que altura está o ceo?”. Nela, contaralle ao alumnado o percorrido histórico das respostas á pregunta sobre cal é o tamaño do universo no que vivimos. Finalmente o  venres 4 de decembro Fernando Pérez González, catedrático de Teoría da Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ofrecerá no IES Audiovisual de Vigo a conferencia “Detectives de imaxes”. O tamén académico da Real Academia Galega de Ciencias presentará algunhas das ferramentas que se desenvolven na investigación da Escola de Enxeñería de Telecomunicación que permiten facer de “detectives de imaxes”. Deste xeito, os e as estudantes verán algúns divertidos exemplos de manipulacións e o experto explicaralles como funciona o popular Deepfake, co que se poden construír vídeos falsos que semellan ser verosímiles e que están a facer as persoas investigadoras para detectalo. A presentación incluirá demostracións con casos reais.

A Guarda pon en marcha un Banco municipal de voluntariado

0

Esta acción nace coa intención de crear unha bolsa de persoas voluntarias dependente do Concello da Guarda, que sexa unha ferramenta estable que acolla a toda persoa que por decisión propia e libre teña diversas inquedanzas para colaborar coa comunidade de forma desinteresada.

Durante a situación vivida durante o confinamento da poboación provocado pola crise sanitaria da Covid-19, o Concello da Guarda tratou de dar resposta a diversas circunstancias que se puxeron de manifesto, como a vulnerabilidade de moitos sectores da poboación con apoios sociais máis reducidos ou limitados, desenvolvendo un programa de apoio telefónico a persoas maiores que  viven soas. Esta pequena acción visibilizou a necesidade de procurar unha rede de apoio constante e comunitaria que se podería realizar dende o voluntariado.

A persoa voluntaria debe ter en conta que poderá participar en moitas e diversas actuacións como: acompañamento a persoas (maiores e/ou menores) accións medioambientais, eventos puntuais e tamén voluntariado en entidades ou asociacións municipais. As persoas interesadas poden solicitar información na OMIX do Concello da Guarda a través das redes sociais ou do mail [email protected].

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lanza a campaña de promoción da doazón de médula ósea

Cada ano son diagnosticadas 6.400 persoas de leucemia en España. Moitas delas precisarán dun transplante de medula ósea para poder superar a enfermidade.

O transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH), máis coñecido coma transplante de medula ósea, é a única esperanza para moitos afectados de leucemia e outras enfermidades do sangue. Consiste en substituír as células enfermas do paciente por células sas dun doador. En relación á fonte de proxenitores empregada, estes poden ser de medula ósea, de sangue periférico ou de sangue do cordón umbilical, aínda que hoxe en día o 99% das veces utilízase sangue periférico.

Só un de cada catro pacientes que necesitan un transplante teñen un familiar compatible. Por este motivo creáronse os rexistros nacionais de doadores de proxenitores hematopoéticos, de tal forma que, cando un paciente necesita un transplante e non ten familiar compatible, recórrese ao Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea (REDMO), e no caso de non se atopar un doador compatible no REDMO, este conecta de forma automática co resto de rexistros internacionais de doadores de medula ósea que se atopa agrupado no Bone Marrow Donors Worldwide (BMDW). Cantas máis persoas se inscriban no Rexistro de Doadores de Medula Ósea  (REDMO), máis posibilidades haberá de que pacientes de leucemia de todo o mundo poidan atopar un doante compatible para salvar a sua vida.

Colaboración con ASOTRAME

En Galicia, a día de hoxe, temos 12.277 persoas inscritas, preparadas para ser doadores se así se require. No ano 2019, seis desas persoas chegaron a ser doadores reais e puideron salvar a vida doutros tantos pacientes cos que eran compatibles.

Para poder seguir aumentando o número de inscritos, ADOS, en colaboración coa Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea(ASOTRAME), lanza unha campaña de sensibilización nas redes sociais e nos puntos de doazón de sangue co lema: Doa medula ósea.

Durante toda a campaña universitaria coa doazón de sangue entrégase unha caixa cunha peza de froita, nesta caixa, deseñada cara a campaña, atópase un código QR con  información sobre a doazón de medula ósea.

Ademais, en colaboración con ASOTRAME, farase un vídeo, para as redes sociais, coa  participación de persoas que recibiron un transplante e xa superaron a enfermidade.

Pode ser doador de medula ósea toda aquela persoa con idade comprendida entre os 18 e 40 anos que estea sa. Para facerse doador pódese chamar ao teléfono gratuíto de ADOS 900 100 828. Recibirán información detallada acerca de que consiste a doazón de medula ósea e lles resolverán todas as dúbidas. Tamén poden conseguir información nos puntos de doazón de sangue e a través da páxina http://galicia.medulaosea.org.

Últimos días para participar no premio de ‘Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD

A convocatoria da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), para participar na primeira edición do premio de ‘Microteatro da Memoria’ encara os seus últimos días. O prazo para a presentación dos traballos comezou a contar o pasado 11 de novembro e é dun mes natural – ata ás 00:00 do último día-, polo que queda pouco máis dunha semana.

 O certame, segundo explica a deputada María Ortega, pretende reflexionar sobre a memoria histórica a través de propostas dramáticas en formato breve, abrindo un espazo para que a dramaturxia visibilice unha temática ás veces esquecida.

As bases para participar están dispoñibles tanto na web da Deputación (depo.gal) como a da ESAD (https://esadgalicia.com/actividad/microteatro-da-memoria). Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe, achegando pezas curtas (cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara), de estilo libre e en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.

A entrega deberá ser telemática no correo electrónico [email protected] poñendo no asunto ‘Microteatro da memoria’. No mail deberán presentarse dous documentos: o primeiro arquivo deberá ir nomeado como ‘peza’ xunto ao título e ao pseudónimo, e un segundo arquivo nomeado como ‘plica’ xunto ao lema e/ou pseudónimo incorporando no contido os datos persoais (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico). O xurado estará conformado pola coordinadora de Normalización Lingüística da ESAD, unha persoa docente da ESAD e unha persoa que designe a Deputación. O certame, a través das entidades que o organizan, posuirá os dereitos da autoría para uso escénico no ano seguinte ao de saber a gañadora ou gañador, sempre no ámbito académico e sen prexuizo de outras cesións de uso.

Os casos activos por coronavirus en Galicia sitúanse en 7.537

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.537 deles 1.575 son da área da Coruña, 911 da de Lugo, 436 da de Ourense, 1.122 da de Pontevedra, 1.984 da área de Vigo, 834 da de Santiago, e 675 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 67 están en UCI, 364 en unidades de hospitalización e 7.106 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 44.086 persoas curadas, rexistrándose 1.221 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 911.063.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Guarda máis preto da apertura da rúa Baixo Muro

0

No pleno celebrado o pasado venres 27 de novembro a corporación municipal deu luz verde a aprobación provisional da modificación puntual nº 5 do plan xeral de ordenación urbana, un trámite necesario para a futura apertura da conexión entre a rúa Baixo Muro e rúa Ireira.

Despois de superar a aprobación inicial e a aprobación provisional, a modificación puntual pasa a mans da Xunta de Galicia que será a encargada de darlle a aprobación definitiva para ser incluída no rexistro de planeamento.

Na actualidade o concello está redactando tamén o proxecto histórico arqueolóxico esixido por patrimonio da Xunta como documento previo ao proxecto de urbanización.

A partir do momento en que a modificación puntual teña a aprobación definitiva o concello redactará o proxecto de urbanización para definir e valorar as obras que hai que acometer para proceder definitivamente a apertura do Baixo Muro.

Esta conexión permitirá dar accesibilidade á rúa Baixo Muro á que na actualidade só se pode acceder salvando escaleiras. Por outra banda permitirá un acceso fácil e directo á muralla medieval da Guarda, un dos elementos patrimoniais máis importantes da vila. Ademais disto esta conexión permitirá un acceso directo dende unha ampla zona do casco vello (rúa Hernán Cortés, rúa Oliva, …) á zona comercial, mellorando de forma considerable a comunicación dentro do casco urbano.

Unha persoa sofre queimaduras por un lume na cociña

O 112 Galicia rexistrou un incendio pouco antes da medianoite no Porriño, no que foi necesaria a asistencia médica para a ocupante da vivenda, pois presentaba queimaduras nun brazo.

Segundo explicaron os Bombeiros do Baixo Miño, o lume empezou nunha tixola e rematou por afectar a varios mobles da cociña. Igualmente, o intenso fume inundou toda a vivenda.

Este operativo completouse cos axentes da Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á ferida ao PAC da vila. 

Cómpre sinalar que o incendio produciuse nun piso da Rúa Polígono de Torneiros. 

O Concello de Redondela mercará xoguetes para as nenas e nenos das familias máis desfavorecidas

0

O Concello de Redondela mercará, por primeira vez, xoguetes novos para distribuír entre os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas. A iniciativa, que parte da Concellería de Servizos Sociais que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, busca que “todos os nenos e nenas, independentemente da situación económica das súas familias, poidan gozar dun Nadal máis feliz”.

Rivas subliñou que a iniciativa “é unha aposta pola solidariedade e non pola caridade” e nese sentido insistiu en que non se trata dunha recollida de xoguetes “senón da compra de xoguetes novos e que se realizará nos comercios locais”.

Buscase con esta actuación que a situación económica das familias neste tempos de crise sanitaria e económica, repercuta no menos posible na ilusión dos máis pequenos e pequenas da casa nunhas datas tan especiais.

Os xoguetes, que se mercarán no comercio local, serán igualitarios e non sexistas de cara a fomentar a igualdade dende as idades máis temperás “facendo que esta campaña teña a transversalidade que sempre buscamos nas actuacións do Concello e, neste caso, coa Concellería de Igualdade”, engade a rexedora local.

Así pois a campaña posta en marcha polo comercio, que ten como obxectivo primordial que nenos e nenas poidan gozar dunhas festas o máis felices posibles, cumpre outros dous obxectivos como son contribuír a fomentar a igualdade a través dos xoguetes non sexistas e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización do comercio local.

O proxecto “Atinando Recordos” emociona a cativos e maiores

0

Un total de 41 alumnos contactan de forma mensual cos maiores de Afaga, a través das cartas vanse coñecendo e construíndo lazos de unión. Esta é una actividade entrañable que permite traballar aspectos tan importantes como a empatía, o cariño, o respecto o que se convirte nunha experiencia inesquecible para ambas partes.

A alcaldesa Nidia Arévalo, xunto coas concelleiras Julia Loureiro e Sara Cebreiro, fixeron  entrega nesta mañá  no  CEIP de Atín Mos, dun buzón  para darlle visibilidade a o Proxecto “Atinando Recordos”.

Nesta entrega estiveron presentes por parte de AFAGA, o seu presidente; Juan Carlos Rodríguez, e a coordinadora do Centro de Día de Mos e deste proxecto Diana Rodríguez.

Por parte do Centro Educativo estiveron acompañando aos cativos na recepción das cartas o director, Armindo Lorenzo e as mestras de 5º e 6º de primaria responsables de este proxecto  Joana e Fani.

Esta iniciativa ten dous obxectivos principais: fomentar a estimulación cognitiva das persoas que teñen alzhéimer ou outra demencia, e estreitar lazos de unión entre nenos e maiores, fomentando valores como o respecto e o agarimo cara aos avós e avoas. Os usuarios e usuarias que participan neste proxecto son as persoas que reciben estimulación nos centros de AFAGA. Cada maior ten asignado un alumno ou alumna do colexio Atín –Cela Mos, e entre eles se cartean, é dicir, sempre é o mesmo neno/a que escribe a un mesmo avó/a e viceversa. Desta forma hai continuidade nas historias e mellores resultados a nivel terapéutico.

Diana Rodríguez, traballadora social de Afaga e coordinadora do proxecto, explica que “a través das cartas, os maiores esfórzanse por atopar na súa memoria eses recordos pasados, esas anécdotas, os xogos, as tradicións, para poder contarllas ao seu alumno ou alumna. Así traballan a memoria e sérvelles de estimulación cognitiva e funcional, xa que son eles mesmos quen escribe as cartas a man”.

Pola súa banda, Joana Pereiro, profesora de quinto de Primaria e responsable do proxecto por parte do CEIP, sinala que a finalidade é “poñer en valor aos nosos maiores, facendo que os alumnos se interesen por coñecer o seu pasado achegándoos así ás nosas tradicións. Os nenos poderán aprender como xogaban antigamente, como era o ensino, as festas, mesmo o seu propio pobo. Cremos que é importante unir a estas dúas xeracións, e xa que o momento actual obrigounos a distanciarnos fisicamente, isto é unha forma de poder achegalos. Ademais, con este proxecto poñemos en marcha un costume cada vez máis en desuso, comunicarse por carta, a emoción de escribilas e recibilas”.

A alcaldesa Nidia Arévalo, felicitou as mestras e os cativos tanto pola excelente iniciativa, como por que se manteña no tempo. Os nenos e nenas mostráronse moi emocionados ao recibir a carta de hoxe, que esperaban con moitísimo entusiasmo.

O Rosal inaugura o alumeado de Nadal este venres na Praza do Calvario

0

O Nadal inaugúrase no Rosal este mesmo venres 4. A Praza do Calvario será o escenario elixido para celebrar o acendido do alumeado ás 19:00 horas, un acto que agochará algunhas sorpresas das que a veciñanza poderá desfrutar durante todas estas datas.

O Concello organizará ademais durante toda esa tarde na contorna da praza varias actividades pensadas para todos os públicos. Así, ás 17:00 horas Títeres Cachirulo estarán no Salón de Exposicións do Concello co seu espectáculo ‘A Guerra das Galicsias’, unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas de Galicia.

Pequenos e maiores poderán tamén desfrutar no mesmo espazo da exposición ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha mostra da Mesa pola Normalización Lingüística que traerá moitos recordos a diferentes xeracións e a través da que as persoas interesadas poderán colaborar coa súa sinatura na posta en marcha dunha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle con programación infantil e xuvenil en galego.

A xornada dará o pistoletazo de saída a unha campaña de Nadal cunha programación cultural para todos os públicos coa que propiciar a participación da veciñanza e fomentar o comercio local, sempre con todas medidas de seguridade necesarias.

Xunto con outras iniciativas que se darán a coñecer nos vindeiros días, este ano O Rosal contará coa colaboración activa na campaña de Nadal dos centros de ensino do Rosal, que prepararán os adornos que decorarán escaparates e interiores dos establecementos comerciais da contorna do Calvario que desexen participar.

Nigrán acende hoxe o alumeado de Nadal e estrea un vídeo cunha mensaxe sorpresa dos Reis Magos enviada dende Oriente

0

O Concello de Nigrán acenderá o alumeado de Nadal hoxe mércores, 2 de decembro, ás 19:00 horas nunha xornada na que se estará proxectando en bucle –desde as 17:00 h ás 20:00 horas no Auditorio Municipal– unha mensaxe sorpresa dos Reis Magos aos nenos e nenas de Nigrán. Trátase dun vídeo de 2 minutos de duración elaborado exprofeso desde Oriente por Melchor, Gaspar e Baltasar para a infancia de Nigrán, a quenes as Súas Maxestades desexan comunicar de viva voz os seus plans para o 5 de xaneiro no municipio. O obxectivo de estar proxectándoo repetidamente no Auditorio é respectar sempre o aforo ao non concentrar o visionado nun único momento. O vídeo será posteriormente subido ás redes sociais do Concello.

Paralelamente, o Concello de Nigrán arrancará a programación oficial de Nadal este venres co concerto de Cherry Sweet ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co aforo que estea permitido nese intre polas autoridades sanitarias. Cherry Sweet felicitará as festas co máis elegante e glamuroso Swing ao estilo dos anos 50. Contrabaixo, batería, guitarra e as voces harmonizadas das súas tres cantantes, propias dos arranxos do estilo, farán un percorrido por algunha das máis famosas melodías de Nadal: Santa Claus is coming to town, Gingle bells rock, All I want for Christmas is you, White Christmas e outros clásicos son parte da súa proposta para levar moita alegría e swing ao público.

Cherry Sweet

A programación cultural completa será anunciada esta semana despois de encaixar no calendario as propostas recibidas por parte de artistas de Nigrán para participar na liña de axudas municipal ao respecto (consiste na contratación dos mesmos para estas datas).

“Adicamos este día do acendido aos nenos e nenas de Nigrán cunha mensaxe moi especial que nos enviaron para eles desde Oriente as Súas Maxestades. Sempre festexamos este día e este ano non quixemos deixar de facelo, simplemente buscamos unha alternativa axeitada ás circunstancias”, incide o rexedor, Juan González, quen recalca que o goberno local non considerou retirar o alumeado nestas festas ao ser un Concello con superávit nas contas. “Mantemos a mesma iluminación que o ano pasado porque é importante para o comercio local ter as rúas con vida e xerar un clima festivo que nos axude a desconectar, a infancia tamén o merece”, explica.

O conservatorio de Gondomar acolle o I Curso de Perfeccionamento Instrumental ‘Conchita Quintas’

0

Ao redor de 40 alumnas e alumnos da comarca do Val Miñor participarán durante unha semana no I Curso de Perfeccionamento Instrumental ‘Conchita Quintas’, organizado polo Conservatorio Municipal de Gondomar e bautizado con este nome en honra da muller que durante tres décadas estivo á fronte do centro desde a súa creación en 1983.

Os estudantes de cinco especialidades instrumentais –violín, guitarra, clarinete, saxofón e piano– recibirán masterclass de grandes músicos e mestres como son Eva Gonzalez, coa que este luns arrancou o curso para os nenos/as que cursan violín. Ao longo da semana pasarán polo conservatorio de Gondomar, o guitarrista e docente no Conservatorio Profesional de Ourense, Agustín Lage; o músico Felipe Agell (saxofón e clarinete) e o pianista Maider Ordozgoiti, amos docentes no Conservatorio Profesional de Vigo.

O curso que se clausurará este mércores, está enmarcado dentro do programa Outono Musical, actividade organizada pola Concellería de Educación de Gondomar e financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra.