Tomiño realiza labores de adecuación nas instalacións deportivas

O Concello realizou labores de adecuación nas instalacións do Club Deportivo Miño-Teixugos, no complexo deportivo do Mosteiro e no pavillón de deportes de Goián

O Concello de Tomiño vén de acometer varias intervencións de acondicionamento e reparación en diversas instalacións deportivas do municipio. Recentemente foi feita unha intervención nas instalacións de Calistenia do complexo deportivo do Mosteiro, reparándoas e reubicándoas nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando ultimamente os practicantes deste deporte no municipio.

A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos tamén se levaron a cabo reparacións de desperfectos, humidades e pintado na súa sede, ampliando as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas. Con esta intervención darase solución a unha das demandas do clube de contar cun espazo de adestramento cuberto para os días de choiva nos que non sexa posible a saída ao río.

Ademais leváronse a cabo importantes obras de reforma no pavillón de deportes de Goián, algo que levaba tempo sendo moi demandado polos usarios do pavillón, facendo un cambio completo das instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas. Realizáronse tamén accións de mellora nos baños e instaláronse pulsadores nas duchas que contribuirán ao aforro de auga e enerxía.

Neste conxunto de accións de reparación e adecuación foron investidos un total de 12.000 euros.

Recentemente reiniciáronse tamén as obras de reforma do Campo de Fútbol do Alivio, onde se instalaron xa as torres de iluminación con focos LED de baixo consumo e está previsto que proximamente se inicie xa o proceso de instalación do céspede artificial.