Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O Concello celebra a través de ‘Un Nigrán para todos’ unha gala virtual de talentos para conmemorar o Día Internacional da Discapacidade

Ante a imposibilidade de repetir o acto presencial do ano pasado no Auditorio, durante toda a semana se subirán ás redes sociais vídeos que poñen en valor as capacidades das persoas con diversidade

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo ‘Un Nigrán para todos’, conmemorará como cada ano este 3 de decembro o Día Internacional da Discapacidade de xeito ‘virtual’. Nesta edición, ante a imposibilidade de repetir a gala presencial ‘Un Nigrán de Talentos’ do ano pasado, celebrarase durante toda a semana subindo vídeos ás redes do Concello onde persoas con diversidade funcional amosarán os seus talentos, capacidades e habilidades.  O obxectivo é visibilizar, a través deles como protagonistas e baixo o hashtag #UnNigránDeTalentos, as diferentes aptitudes nas que cada un destaca.  “Todas as persoas, absolutamente todas, temos un talento especial, e no caso das persoas con diversidade existe unha tendencia a non recoñecelo socialmente, polo que desde o Concello queremos rachar con esta falsedade e estereotipo erróneo”, subliña o alcalde, Juan González.

Paralelamente, a Casa Consistorial iluminarase esta semana de verde (cor que representa a discapacidade) e o goberno local xunta ao grupo interdisciplinar ‘Un Nigrán para todos’ participará un ano máis no reto  viral #BaixoUnMesmoParaugas e anima á veciñanza que tamén o faga. Esta iniciativa une cada 3 de decembro a máis de 80 entidades sociais de Galicia e consiste en facer unha foto cunha mensaxe positiva “Abro o paraugas por…” e compartila nas redes sociais co hastag #BaixoOMesmoParaugas e etiquetando ao colectivo, @galiciadiversa.

A educación inclusiva, o acceso ao mercado laboral en condicións de igualdade, o dereito a ter unha vida independente… son algunhas das reivindicacións destas persoas que non se poden ver afectadas pola situación sanitaria actual.