Xoves, 13 Febreiro de 2025

O concerto de ‘La Patrulla’ abrirá o programa «Baiona. A mellor música en directo!» no que participarán 16 grupos dos máis diferentes estilos

Entre o 4 e 13 de decembro, Baiona encherase de jazz, blues, funk, flamenco, rock ou pop, nunha serie de concertos que terán como escenario único a Praza do Concello

Os baioneses ‘La Patrulla’ abrirán o vindeiro venres 4 de decembro ás 19:00 h na Praza do Concello de Baiona o ciclo Baiona. A mellor música en directo!, unha iniciativa da Concellería de Cultura que xestiona Miriam Costas co obxectivo de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Os concertos terán lugar o 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12 e 13 de decembro e neles participarán un total de 16 grupos con diferentes estilos que van dende o jazz ao pop pasando polo blues, funk, flamenco ou rock.

As actuacións, debido ás medidas de seguridade sanitaria adoptadas pola crise da COVID-19, celebraranse nesta edición nun único escenario, o instalado na Praza do Concello, coa intención de promocionar actividades de lecer nunha contorna segura. Nesa liña, o acceso e o aforo da carpa estará controlado e adoptaranse todas as medidas de seguridade pertinentes.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fai unha chamamento á responsabilidade nos eventos lembrando que o aforo será dun máximo de 75 persoas, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Costas aproveitou tamén a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e aos que se acheguen a gozar dos concertos xa que se vai contar con todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias”. O obxectivo, sinala, é combinar o lecer “coa redución ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, comenta a concelleira.