8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránA tempada de lobos mariños adiántase este ano co rescate dos dous...

    A tempada de lobos mariños adiántase este ano co rescate dos dous primeiros exemplares na costa galega

    ‘Rube’ e ‘Pabbar’, dous cachorros que apareceron en Valdoviño e Malpica, respectivamente, recupéranse en Nigrán antes de poder regresar a mar aberto

    A tempada de avistamentos de lobos mariños na costa galega acaba de empezar, o que supón un pequeno adianto con respecto ao ocorrido nos últimos anos. Así o constata a aparición nas últimas tres semanas de dous cachorros desta especie, que nestes momentos se recuperan das súas feridas nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) en Nigrán.

    O primeiro dos lobos mariños localizados na tempada 2020-2021 foi Rube, fotografado por primeira vez o pasado 15 de novembro na praia de Vilarrube, en Valdoviño, na Ría de Cedeira. Trátase dun cachorro macho de poucas semanas de tan só 11 kg e que arribou á costa galega procedente das colonias do norte de Europa, probablemente de Irlanda.

    Dous días despois de que fora avistado, Rube quedou atrapado nun palangrillo do barco Meixón, desde onde foi trasladado con varias feridas no corpo, moi desnutrido e cunha pequena afección respiratoria á UCI do centro de coordinación en Nigrán da Rede de Varamentos de Galicia, o plan de actuación avalado pola Xunta para xestionar este tipo de casos e que ten como única entidade autorizada para o control, seguimento e rescate dos animais á Cemma.

    O segundo exemplar foi identificado a fin de semana pasada na praia de Barizo, en Malpica, e aínda que nun principio mantívose baixo seguimento para ver se regresaba pola súa conta ao mar, na tarde do sábado 28 decidiuse trasladalo nunha unidade móbil á UCI de Nigrán. Nomeado como Pabbar, trátase dun macho de menos de dous meses e 19 kg de peso, con limitación de mobilidade do terzo posterior do corpo por luxación articular, moi deshidratado e cunha pequena obstrución dixestiva. Neste momento aínda se atopa en situación crítica.

    Persoal do Cemma ocúpase da atención e coidado de ambos animais en virtude dun convenio de colaboración subscrito desde hai varios anos coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para participar e coordinar a Rede de Varamentos de Galicia, xa que os animais aos que tratan son especies protexidas e require das pertinentes autorizacións.

    As unidades móbiles da Coordinadora manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos por se fose necesario prestar asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso, conta cun número activo as 24 horas do día (686989008) e cunha conexión directa co teléfono de emerxencias 112-SOS Galicia.

    Rube e Pabbar permanecerán nas instalacións de Nigrán ata que se recuperen das súas feridas e vaian gañando peso, momento no que serán trasladados previsiblemente ao Instituto de Formación Acuícola da Illa de Arousa, onde contan con espazo e piscinas ao aire libre. Finalmente e cando estean en condicións de valerse por si mesmos, a Xunta e a Cemma contarán solicitarán a colaboración dalgún arrastreiro da flota galega que faena no Gran Sol para levalos para a súa liberación probablemente en augas irlandesas.

    Consellos ante posibles avistamentos

    Atopar algún lobo mariño na franxa costeira que discorre entre as praias de Fisterra a Ribadeo durante a tempada invernal (normalmente, desde finais de ano ata o mes de marzo) non é algo tan excepcional, polo que cómpre trasladar á poboación unha serie de consellos e indicacións sobre como actuar ante posibles avistamentos.

    Así, en caso de detectar algún exemplar nas praias, aconséllase non achegarse para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden reaccionar agresivamente; non bloquearlle a vía de fuxida cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar; se se vai pola praia cun can, atalo e procurar que non se achegue ou ataque aos animais mariños; manter silencio para non poñelos en alerta; e avisar canto antes ao 112, colaborando co persoal da Rede de Varamentos. Cómpre lembrar que estes animais chegan directamente dende as colonias de cría do norte de Europa, tras cubrir longas distancias e, polo tanto, adoitan estar moi cansos, polo que poden baixar á terra tan só a descansar. Moitos deles son cachorros con poucos meses de vida e polo tanto, sen medo ás novidades, máis inexpertos e que ás veces non saben reaccionar ante as adversidades nin alimentarse ben. Neste sentido, non todos os animais que recalan na costa precisan ser recollidos: só aqueles que están feridos ou enfermos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.