8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránMaica Larriba e Juan González visitan a empresa nigranesa Efimob tras ser...

    Maica Larriba e Juan González visitan a empresa nigranesa Efimob tras ser elixida para integrar o proxecto MOVES

    A subdelegada do Goberno subliñou a importancia da mobilidade eficiente e sostible como factor clave na modernización do modelo produtivo e destacou o labor de innovación realizado pola empresa desde Nigrán

    A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe as instalacións da empresa Efimob Efficient Solutions, radicada no Porto do Molle, en Nigrán, logo de que un dos seus proxectos resultase galardoado no marco do Programa MOVES-Proxectos Singulares, que promove o Instituto para a Diversificación do Aforro e da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Acompañaron á subdelegada na súa visita, o alcalde de Nigrán, Juan González, e o director da compañía, Pedro Rodríguez.

    En primeiro lugar, Maica Larriba quixo trasladar a súa felicitación aos directivos da empresa por acadar a financiación do IDAE para desenvolver o seu proxecto tecnolóxico de recarga de vehículos eléctricos. A subdelegada subliñou a investigación que desenvolve esta empresa desde Porto do Molle sobre os vehículos eléctricos, convertendo a provincia de Pontevedra nun pulo de innovación en novos sistemas de mobilidade.

    Efimob é a única representante galega entre os 25 proxectos que, a nivel nacional, contarán con financiación do IDAE dentro da primeira convocatoria do Programa MOVES-Proxectos Singulares, dotado con 15 millóns de euros. O programa ten como obxectivo financiar proxectos innovadores de electro-mobilidade ou proxectos integrados de mobilidade en contornas urbanas con alto grao de contaminación, situados en illas ou que alberguen bens rexistrados na lista de Patrimonio Mundial da Unesco.

    O proxecto de “Balanceo local intelixente para cargadores rápidos y convencionais” desenvolvido polo equipo de Efimob obtivo, ao resultar seleccionado, unha achega económica de 154.504 euros coa que financiará o 55 % do custo total do proxecto, que ascende a 343.342 euros.

    Tal e como explicaron os representantes da empresa á subdelegada, “o proxecto consiste no desenvolvemento dun sistema de balanceo de potencia intelixente para a recarga dos vehículos eléctricos. O sistema permitirá que, cunha mesma potencia contratada coa empresa eléctrica de distribución, sexa posible instalar un maior número de cargadores nun punto de recarga e deste xeito dar servizo a máis vehículos eléctricos cun custo menor”. Ademais, este sistema será compatible coa maioría dos equipos de recarga do mercado, independentemente do fabricante.

    Por último, Larriba destacou o importante rol que xoga a automoción na dinamización e innovación do tecido produtivo da provincia, “grazas a iniciativas como esta” e reivindicou o compromiso do Goberno coa transición verde e coa transformación e impulso deste sector.

    Máis de dez mil millóns para reactivar o sector

    A pasada semana, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciaba que o Goberno mobilizará en tres anos 10.000 millóns de euros do novo mecanismo Next Generation EU para reactivar a industria da automoción, o que supón destinar a este sector o 14% do orzamento total que recibirá España (72.000 millóns).

    Entre os proxectos que o Executivo vai pór en marcha nos próximos anos destaca o Plan de choque de mobilidade sustentable, segura e conectada en contornas urbanas e metropolitanas, cun orzamento de máis de 6.000 millóns de euros; a folla de Ruta do Hidróxeno renovable, que mobilizará 1.500 millóns de euros; e a liña de apoio a proxectos estratéxicos para a transición industrial dotada con máis de 1.200 millóns de euros.

    Pulo á innovación

    Segundo explicaron os seus responsables á subdelegada, o equipo de Efimob está integrado por case unha trintena de traballadores altamente cualificados. Entre outros servizos de mobilidade verde, están especializados no deseño, desenvolvemento, xestión e monitorización de puntos de recarga de vehículos eléctricos. Nacida hai seis anos e con clientes en España en Portugal, na actualidade xestionan, entre outros, os máis de douscentos puntos de recarga de coches eléctricos situados nos aparcamentos da empresa Empark.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.