A dobre charla da catedrática de Bioloxía Concepción Herrero López e da profesora de Investigación Isabel Medina porá fin este xoves 3 de decembro á primeira edición do Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra ven desenvolvendo coa Real Academia Galega de Ciencias para achegar a ciencia á sociedade. Ao igual que o resto das sesións, celebrarase en formato webinar a partir das 19 horas e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do formulario habilitado na web da institución provincial (www.depo.gal).
A conferencia comezará coa intervención de Concepción Herrero López, que abordará o tema das “Microalgas: microfactorías verdes”. A experta é catedrática de Bioloxía do Departamento de Microbioloxía da Universidade da Coruña. Seguidamente, Isabel Medina Méndez, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo e coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC, ofrecerá unha charla baixo o título “O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura”. Trala intervención das relatoras, abrirase un coloquio coas persoas asistentes.
Nesta primeira edición do Ciclo Aida Fernández Ríos abordáronse a través de distintas webinars cuestións como os avances na sanidade, a controversia sobre o cambio de hora, a intelixencia artificial, a tecnoloxía das cadeas de bloques ou a incerteza do ciclo económico. Entre os obxectivos desta iniciativa, amais de divulgar a ciencia entre a sociedade, tamén figuraba visibilizar as mulleres científicas galegas, de xeito que varias delas impartiron algunhas das charlas programadas, así como estimular futuras vocacións neste ámbito, a través da celebración de diferentes charlas de expertos en centros escolares da provincia. Estas outras sesións, que se celebran de modo presencial, finalizarán tamén esta semana.
Así, este xoves 3 de decembro, Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago, estará no IES Chano Piñeiro de Forcarei para ofrecer a charla “A que altura está o ceo?”. Nela, contaralle ao alumnado o percorrido histórico das respostas á pregunta sobre cal é o tamaño do universo no que vivimos. Finalmente o venres 4 de decembro Fernando Pérez González, catedrático de Teoría da Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ofrecerá no IES Audiovisual de Vigo a conferencia “Detectives de imaxes”. O tamén académico da Real Academia Galega de Ciencias presentará algunhas das ferramentas que se desenvolven na investigación da Escola de Enxeñería de Telecomunicación que permiten facer de “detectives de imaxes”. Deste xeito, os e as estudantes verán algúns divertidos exemplos de manipulacións e o experto explicaralles como funciona o popular Deepfake, co que se poden construír vídeos falsos que semellan ser verosímiles e que están a facer as persoas investigadoras para detectalo. A presentación incluirá demostracións con casos reais.