O Nadal inaugúrase no Rosal este mesmo venres 4. A Praza do Calvario será o escenario elixido para celebrar o acendido do alumeado ás 19:00 horas, un acto que agochará algunhas sorpresas das que a veciñanza poderá desfrutar durante todas estas datas.
O Concello organizará ademais durante toda esa tarde na contorna da praza varias actividades pensadas para todos os públicos. Así, ás 17:00 horas Títeres Cachirulo estarán no Salón de Exposicións do Concello co seu espectáculo ‘A Guerra das Galicsias’, unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas de Galicia.
Pequenos e maiores poderán tamén desfrutar no mesmo espazo da exposición ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha mostra da Mesa pola Normalización Lingüística que traerá moitos recordos a diferentes xeracións e a través da que as persoas interesadas poderán colaborar coa súa sinatura na posta en marcha dunha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle con programación infantil e xuvenil en galego.
A xornada dará o pistoletazo de saída a unha campaña de Nadal cunha programación cultural para todos os públicos coa que propiciar a participación da veciñanza e fomentar o comercio local, sempre con todas medidas de seguridade necesarias.
Xunto con outras iniciativas que se darán a coñecer nos vindeiros días, este ano O Rosal contará coa colaboración activa na campaña de Nadal dos centros de ensino do Rosal, que prepararán os adornos que decorarán escaparates e interiores dos establecementos comerciais da contorna do Calvario que desexen participar.