10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasGonzalo Caballero, "opoñerse aos Orzamentos do Estado e poñerse en contra da...

    Gonzalo Caballero, “opoñerse aos Orzamentos do Estado e poñerse en contra da suba das pensións e da rebaixa das peaxes da AP-9”

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Pontevedra para avaliar xunto ao secretario provincial do PSOE de Pontevedra, David Regades, os orzamentos para o ano 2021. No día no que se aprobaron os Orzamentos Xerais do Estado no Congreso, Gonzalo Caballero criticou a posición de PP e BNG, xa que “poñerse en contra” destas contas “é poñerse en contra da suba das pensións, do incremento dos salarios dos empregados públicos ou da rebaixa histórica das peaxes da AP-9”.

    Lamentou a falla de “corresponsabilidade” do BNG ao non votar “coas forzas progresistas” e converterse “nun elemento que fai o caldo gordo a PP e VOX”. Así, sinalou que opoñerse aos orzamentos é “quedar fóra de xogo” en moitas cuestións.

    O líder socialista destacou uns orzamentos “que benefician a Galicia” e “invisten por galego máis do que invisten por madrileño, catalán, andaluz ou valenciano”.

    Ademais, subliñou que “saldan unha débeda histórica” coa rebaixa da AP-9, que supón unha consignación de 63 millóns de euros, “un feito histórico para o transporte en Galicia, que vai levar o selo de identidade do PSOE e de Pedro Sánchez”.

    Neste senso, sinalou o nivel de investimento para a provincia de Pontevedra, que “implica un incremento de máis dun 25% e resolverá asuntos moi importantes para Pontevedra”, como o nudo de bombeiros, a circunvalación da cidade, o Arquivo Histórico Provincial ou a rebaixa “histórica” da AP-9. O líder socialista incidiu en que estes orzamentos se fixeron cun “claro compoñente progresista e social” e “para que ninguén quede atrás”.

    Orzamentos da Xunta

    En canto aos orzamentos da Xunta, Caballero lamentou que “non haxa proxecto para a recuperación”, xa que as contas presentadas polo goberno galego “carecen de impulso e liñas de orientación mestra”. Así, destacou a caída “de peso relativo no conxunto dos gastos” de áreas como Sanidade ou Educación, ademais doutras partidas, “o que non pode ser de recibo”, tendo en conta que “reciben máis de 1.100 millóns de euros extra do Estado”.

    Neste senso, criticou a diminución na partida de Xuventude, así como os fondos dedicados aos concellos de Galicia, “os que están, dende o primeiro momento, axudando e apoiando á cidadanía fronte a esta crise”.

    “Pedímoslle a Feijóo que busque proxecto e lle dea rumbo a unhas contas que teñen unha compoñente expansiva grazas ás medidas do goberno de España, pero que carecen de acción estratéxica para o futuro do país” por parte da Xunta de Galicia, aseverou.

    Pontevedra “a gran prexudicada”

    O secretario xeral do PSOE pola provincia de Pontevedra, David Regades, aplaudiu tamén a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, “que cren na provincia de Pontevedra”, e entre as que destacou partidas de “60 millóns de euros en Industria” en comparanza cos 1,5 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta reserva como única partida destinada ao desenvolvemento industrial da provincia.

    Regades apelou á súa condición de delegado do Consorcio da Zona Franca para defender unha aposta decidida pola industrialización da provincia, como fórmula para crear unha economía máis resistente en situacións como a actual.

    “O futuro está en mans de todos e algúns, no Congreso, terían que arrimar máis o ombreiro, aportar máis, e deixar de facer demagoxia”, aseverou en relación ao voto negativo do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado.

    En canto aos orzamentos da Xunta, Regades criticou que “Pontevedra volve a ser a gran prexudicada”, sendo a provincia “máis castigada e a que menos recibe por habitante, escasamente 125 euros por persoa”. Así, lamentou o “maltrato” do goberno galego nas inversións ou na partida de Sanidade, e advertiu do “déficit de Feijóo pola falta de crenza en Galicia e en Pontevedra”.

    Neste senso, incidiu en que o Hospital Álvaro Cunqueiro, “ese hospital privado”, é “negocio para algúns e déficit sanitario para os veciños e veciñas” e criticou que “Feijóo prometera inaugurar o Hospital Montecelo en 2014”, pero nos Orzamentos deste ano “dalle unha patada para adiante e di que con sorte podería estar en 2024”.

    En canto ao Hospital do Salnés, destacou que “escasamente ten unha partida de un millón de euros”, o que supón “a peor dotación prevista para todos os hospitais de Galicia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.