O Concello do Rosal vén de rematar as obras de restauración da Fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e que está datado do ano 1891.
Operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos para a limpeza do ámbito da fonte. Revisouse a canalización que trae a auga, un sumidoiro de pedra que estaba en boas condicións, e melloráronse á súa vez as drenaxes da fonte.
Historicamente zona de rego, aproveitáronse os traballos de restauración para arranxar as canalizacións polas que se desvía a auga dende a fonte e o lavadoiro para que os veciños e veciñas da zona poidan continuar cos labores de regadío, sobre todo no verán.
Como complemento aos traballos no interior da fonte tamén se mellorou a accesibilidade creando unhas escaleiras e unha rampla, fixéronse muros de cachotería rústica de contención da estrada e construíuse unha varanda cunha fila de pedras rodeando a fonte. Ademais, preparouse un espazo de lecer e descanso con dous bancos para o uso e desfrute da veciñanza que se rematará coa colocación de elementos arbóreos. Trátase dunha das primeiras accións de recuperación que levará a cabo o goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares cos que conta o Rosal, como fontes e lavadoiros, tan importantes para a sociedade rosaleira durante moitos anos. “Pouco a pouco iremos recuperando este tipo de elementos patrimoniais, dos que temos moitos por todo o municipio”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.