Luns, 24 Marzo de 2025

‘Noites na Rúa’ ou como dinamizar o comercio e a hostalaría de Salceda en tempos complicados

Dende o pasado mes de outubro, a primeira fin de semana de cada mes ten un sabor especial en Salceda coa celebración de ‘Noites de Rúa’ unha iniciativa, tan novidosa como imaxinativa, do Concello de Salceda, –a través da Concellería de Comercio– e de ACISA, na que hostalaría e comercio camiñan da man co claro obxectivo de impulsar a súa actividade a través da dinamización das rúas.

Se a primeira semana o venres era momento para a dinamización infantil e o sábado para a música co concerto de ‘El Patio’ esta fin de semana, co Nadal as portas, o cartel non é menos atractivo. Así, o venres 4 de decembro a animación correrá a cargo do DJ Fernando Collazo. E, os máis pequenos e pequenas, poderán entregar as súas cartas a Papá Noel a partir das 18 horas. O sábado 5 de decembro a partir das 20 horas, Club Naval encherá de música a Praza do Concello.

Nos dous días, o comercio ampliará o seu horario ata as 21 horas e ofrecerá interesantes descontos que poden superar o 25 %. Mentre a hostalaría tamén ampliará o seu horario ata as 22 horas ofrecendo a ‘oferta’ de pincho e consumición por dous euros.

En total serán 25 os establecementos que participen nesta primeira edición de ‘Noites na Rúa’ –19 comercios de distintos sectores e 9 locais de hostalería– que, nesta primeira fin de semana de decembro, ten a súa segunda cita.

Premer na imaxe para ampliar

Aínda que Salceda atópase no nivel mínimo de restrición pola COVID, nin o Concello nin os organizadores da iniciativa están pola labor de relaxar as medidas de seguridade sanitaria de xeito que os locais comerciais e hostaleiros, convértense en lugares seguros e cumpridores de todas as medidas sanitarias establecidas.

O obxectivo de Noites na Rúa é claro e preciso; comercio, hostelería e Concello queren ir da man nun momento complexo para o pequeno comercio, fomentando o consumo no pobo e atraendo ao mesmo tempo a posible clientela que poida achegarse dende outros puntos.