A convocatoria da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), para participar na primeira edición do premio de ‘Microteatro da Memoria’ encara os seus últimos días. O prazo para a presentación dos traballos comezou a contar o pasado 11 de novembro e é dun mes natural – ata ás 00:00 do último día-, polo que queda pouco máis dunha semana.
O certame, segundo explica a deputada María Ortega, pretende reflexionar sobre a memoria histórica a través de propostas dramáticas en formato breve, abrindo un espazo para que a dramaturxia visibilice unha temática ás veces esquecida.
As bases para participar están dispoñibles tanto na web da Deputación (depo.gal) como a da ESAD (https://esadgalicia.com/actividad/microteatro-da-memoria). Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe, achegando pezas curtas (cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara), de estilo libre e en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.
A entrega deberá ser telemática no correo electrónico [email protected] poñendo no asunto ‘Microteatro da memoria’. No mail deberán presentarse dous documentos: o primeiro arquivo deberá ir nomeado como ‘peza’ xunto ao título e ao pseudónimo, e un segundo arquivo nomeado como ‘plica’ xunto ao lema e/ou pseudónimo incorporando no contido os datos persoais (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico). O xurado estará conformado pola coordinadora de Normalización Lingüística da ESAD, unha persoa docente da ESAD e unha persoa que designe a Deputación. O certame, a través das entidades que o organizan, posuirá os dereitos da autoría para uso escénico no ano seguinte ao de saber a gañadora ou gañador, sempre no ámbito académico e sen prexuizo de outras cesións de uso.