Sábado, 20 Setembro de 2025

Últimos días para achegarse á mostra “Estampas Anagrámicas” de Rafael García Sánchez, en Tui

0

Últimos días para visitar na Sala Municipal de Exposición a mostra  “Estampas anagrámicas” que rematará este sábado, 15 de maio.

A mostra está integrada por 72 láminas do ilustrador e debuxante tudense Rafael García Sánchez coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, pero asombrosamente esa combinación de letras logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.

Dende a súa inauguración, o pasado 7 de abril,  achegáronse até a mostra preto de 600 persoas, tanto persoas individuais como diversos grupos escolares para descubrir a este ilustrador tudense, da primeira metade do século XX, e que ata agora permanecía no descoñecemento do público. Esta mesma exhibiuse en Tui hai 87 anos no Casino tudense, no ano 1934, cando se celebraron as festas de San Telmo no mes de xuño.

Apuntes biográficos de RAFAEL GARCÍA SÁNCHEZ

Son escasos os datos biográficos que coñecemos.

Nace en Tui nos anos oitenta do século XIX. Foron seus pais Ignacio García e Generosa Sánchez e os seus irmáns José García Sánchez, afamado avogado tudense e correspondente do Faro de Vigo moitos anos, Manuel, médico militar, Ignacio, comisario de policía, e Purificación, casada co militar portugués Isidoro Pereira Padín. Rafael García Sánchez estivo solteiro.

En 1911 como empregado dunha casa industrial e traballando en Portugal foi detido en Régoa, acusado de conspiración contra a recentemente proclamada República portuguesa, e encarcerado en Porto e Lisboa durante once meses, liberado coa obriga de abandonar Portugal tras as xestións do ministro plenipotenciario na legación de España en Lisboa, Rodrigo de Saavedra y Vinent, II marqués de Villalobar.

Posteriormente na súa actividade profesional foi oficial de Facenda, adscrito a cidade de Tui, logo destinado, a petición propia, á Aduana de Behovía – Irún onte traballou ata a súa xubilación.

Dedicado dende novo ao mundo da ilustración, colabora en diversas publicacións como “Vida gallega” (1920), “Faro de Vigo” (1925) ou a revista tudense “La Semana” (1925).

Cultivou tamén a “cisografia”, técnica consistente no debuxo de persoas ou escenas recortadas en cartolina negra colocadas sobre un fondo luminoso; realizando diversas exposicións con esta técnica.

Rafael García Sánchez forma parte dunha xeración de ilustradores tudenses de alta calidade que abrangue a Eduardo Padín Rodríguez (Tui 1886 – Vigo 1979), José Izquierdo Durán “Yzquierdo” (Tui 1890 – Madrid 1930), Guillermo Taboada Infante (Tui 1909 – Madrid 2006) e José Castro Arines (Tui 1911 – Madrid 1997).

Esta colección foi entregada ao Concello de Tui no ano 2019 pola familia Arean Pereira e houbo que agardar ata agora para poder realizar esta exposición inaugurada coincidindo coas festas patronais de San Telmo.

EXPOSICIÓN ESTAMPAS ANAGRÁMICAS

Esta exposición “Estampas anagrámicas” foi inaugurada, por vez primeira, no “Lar Gallego” de San Sebastián coincidindo coa festa do apóstolo Santiago do ano 1932.

En xuño do ano 1934 realiza de novo esta exposición no Casino de Tui, enviando a colección de estampas ao presidente de la Liga de Amigos de Tuy, don Rosendo Troncoso Bugarín, para ‘amenizar el programa de festejos de San Telmo. Habiamos admirado ya en otras ocasiones algunas de las sugestivas creaciones de este “verdadero artista” del lápiz y la pluma que le otorgaban con indiscutible derecho el titulo de gran dibujante’ sinala o correspondente de El Pueblo Gallego.

No ano seguinte, nos meses de outubro e novembro de 1935, esta mostra foi presentada en Vigo nos salón de “Amigos del Arte”.

Mos dá a benvida á nova normalidade cun programa estival de actividades ao aire libre

0

Tras ter retomado a actividade ao aire libre para maiores mediante o programa municipal no Paseo do Louro e no parque biosaudable da Pateira titulado ‘Activa – mos – nos’, o Concello de Mos traballa, coincidindo co fin do Estado de Alarma o vindeiro domingo 9 de maio, nunha programación deportiva e cultural para a volta á ‘nova normalidade’ da veciñanza de cara ao vindeiro mes de xuño, que será cando se inicien as actividades.

Mos volve así á vida municipal activa, pero sempre primando e garantindo todos os protocolos e medidas anti Covid-19: desenvolvemento en exteriores, mantemento das distancias de seguridade, aforos reducidos, uso de mascarilla, desinfección e hixiene… etc.

Esta iniciativa nace da colaboración entre as concellerías de Cultura, Participación Cidadá e Benestar Social que dirixe Sara Cebreiro, Deportes dirixida por José Areal, e Medio Ambiente e Mocidade a cargo de Leo Costas; e foi presentada esta mañá no parque biosaudable de Sanguiñeda pola alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada dos membros do equipo de goberno local.

O pasado mes de abril daba comezo o programa ‘Activa – mos – nos’ de actividade física para maiores que se imparte en grupos de 4 persoas con monitor deportivo cumprindo con todas as medidas anti Covid-19 en 2 sesións á semana de 1 hora de duración. Iniciouse esta actividade vista a necesidade de ofrecerlle aos maiores diferentes actividades nas que o deporte e o exercizo físico sexan o núcleo fundamental.

Agora o Concello fai extensivo este obxectivo á poboación xeral e prepárase para promocionar unha vida saudable  ao aire libre  e nas instalacións públicas exteriores durante todo o verán.

Deste xeito organizaranse clases de pilates no parque de Sanguiñeda, de zumba en Costoias (Tameiga) e de aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio.

Así mesmo levaranse a cabo andainas tanto medioambientais como culturais.

As medioambientais discorrerán por montes e carreiros das parroquias. Realizaranse de xuño a outubro polas parroquias de Pereiras, Cela, Mos, Torroso e Louredo. Todas terán un percorrido mínimo de 5 km e máximo de 8,5 km. Son de percorrido moderado apto para todas as idades, e ademais poderanse realizar acompañadas de mascotas sempre que estas saiban convivir con máis animais e en compañía de persoas. Contarán coa presenza de Protección Civil, indicacións nos cruces para que ninguén se perda… etc. Todas se celebrarán durante as mañás dos domingos.

Desde a concellería de Medio Ambiente estase a traballar tamén nun programa de sendas e percorridos por Mos para dar a coñecer os recunchos do concello, que se poderán consultar na web municipal e simplemente consiste en que a xente se descargue no móbil a aplicación Wikiloc e grave o seu roteiro, ten que ser sempre por espazos públicos e de libre tránsito, e envialo ao Concello que se encargará de subilo a esta plataforma creada na web.

As andainas culturais levarán por título ‘Coñece a túa parroquia’. Discorrerán polas parroquias de Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Dornelas e Guizán e os camiñantes participantes irán acompañados dun guía que lles explique os recursos patrimoniais, arquitectónicos, escultóricos, históricos e culturais que vaian atopando na súa ruta por cada unha das mencionadas parroquias.

Deste xeito nas andainas culturais visitaranse os sitios emblemáticos de cada parroquia: lugares, monumentos, igrexas, aspectos de flora e fauna, etc. Vincularase ás persoas da parroquia respectiva que queiran colaborar e teñan coñecemento profundo dela, así como aos curas párrocos para poder visitar as igrexas/ermidas respectivas.

A Deputación financiará gastos correntes en Gondomar, Mondariz, As Neves Nigrán e Redondela

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos para dotar de recursos aos municipios da provincia, neste caso cun investimento de 508.131 euros ao abeiro da Liña 2, destinada a financiar amortizacións, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades socioculturais. En concreto, repartiranse 22 achegas que beneficiarán a 15 concellos: Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, A Estrada, Gondomar, O Grove, Lalín, Mondariz, As Neves, Nigrán, Pontecesures, Redondela, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

No caso da financiación de gastos correntes, as achegas de maior contía son para Cerdedo-Cotobade e a Dozón, que recibirán 128.102€ e 76.875€ para sufragar respectivamente o servizo municipal de iluminación pública e o de recollida de lixo. Doutra banda, Bueu recibirá 67.308€ para costear o servizo de iluminación, mentres que Lalín percibirá 47.600€ para costear o pintado de rúas e pasos de peóns, e O Grove a cantidade de 35.593€ para financiar subministro de enerxía eléctrica. Outras achegas irán para  Redondela, que contará cunha axuda de 20.211€ para o servizo de seguridade privada nas oficinas de Servizos Sociais de Redondela e Chapela; así como para As Neves, que poderá actualizar a web municipal e poñer en marcha a plataforma web Vive nas Neves (29.000€). Pontecesures recibirá 11.011€ para a contratación e asesoramento para a implementación da RPT aprobada, e Vilaboa, un total de 11.658€ para abordar o gasto do tratamento de residuos sólidos urbanos.

Amais, aprobáronse 12 achegas para financiar actividades socioculturais, entre elas a XLVIII Festa do Salmón da Estrada (12.680€). Nigrán recibirá tres achegas para financiar o Solpor Monteferro (8.000€), o Parrulas Fest (5.000€) e a Música nas Parroquias (12.000€), mentres que o Concello de Mondariz  financiará o programa Mondariz de Cine (4.200€), as Escolas de Hípica (3.000€) e Piragüismo e Deporte Multiaventura (2.580€), así como a proba de orientación nocturna Orientatea (1.000€).

As actividades de Ocio Saudable e Scape Room en Lalín (7.000€) ou o Proxecto Educación Emocional coa Adolescencia – Afrontamento ante a pandemia en Vilagarcía, (5.000€) son outras actividades que recibirán achegas da Deputación, ao igual que o Proxecto Eco-Aprendo de Cuntis (14.520€) e o ciclo de charlas obradoiro Falamos, en Gondomar (4.647€).

Un veciño de Arbo gaña o premio á Mellor Foto do Ano 2020

0

Rodrigo Novoa, veciño da parroquia de  Barcela, en Arbo, recibía o pasado 26 de abril, na I Gala de Calidade Turística no Destino Sicted Condado-Paradanta, o primeiro e segundo premio na categoría foto diurna e o premio á “Mellor foto do ano 2020” do II Concurso Fotográfica do Condado Paradanta, con fotografías da vila de Arbo.

Rodrigo Novoa, veciño de Arbo, é un afeccionado á fotografía e colaborador do Concello de Arbo, realizando fotos polo municipio arbense para dar a coñecer as belezas que esta vila fronteiriza con Portugal ofrece ao visitantes.

As súas tres fotografías premiadas foron tomadas dende o Mirador de San Fins en Arbo, un lugar ideal dende donde se pode ver todo o municipio e parte da comarca.

“Sempre me gustou as fotografía, presenteime o concurso animado por uns amigos e tamén para mostrar con orgullo o meu pobo”, afirma o gañador, Rodrigo Novoa. “Gañar foi algo que non me esperaba e agradezo a todos e todas as que me votaron e conseguiron que acadase estos tres premios”.

Rodrigo recibía o premio á mellor fotografía 2020, da man de Alfonso Rueda, Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

“É un orgullo como alcalde que tres fotos de Arbo fosen as gañadoras e que o premio recaíse sobre Rodri, un veciño arbense, que ademáis é colaborador do Concello de Arbo”, manifesta o alcalde, Horacio Gil.

“Para o Concello e os arbenses é unha ledicia ver como a xuventude, mostra interese  por ensinar o lugar tan fermoso no que temos o pracer de virvir”, remata o rexedor, Horacio Gil. Rodrigo Novoa tamén colaborou este ano con fotografías e un artigo no libro que cada ano edita o Concello de Arbo, co gallo da Festa da Lamprea.

Galicia rexistra un total de 2.984 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.984, deles 709 son da área da Coruña, 222 da de Lugo, 253 da de Ourense, 482 da de Pontevedra, 825 da área de Vigo, 406 da de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 163 en unidades de hospitalización e 2.775 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 118.528 persoas curadas, rexistrándose 2.394 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.126.018.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.429.586.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Satisfacción no Club Bádminton Tui tras os resultados obtidos

0

Este domingo tivo lugar en As Neves o TTE SUB11-Asbsoluto, organizado polo mesmo equipo anfitrión, o Club Bádminton As Neves, no que participou o Club Bádminton Tui.

Desde o Club Bádminton Tui, están moi satisfeitos polo comportamento e o xogo desenvolvido por todos os seus deportistas e, tamén, polos resultados obtidos.

En categoría absoluta cabe destacar o bronce logrado por Daniela Sanz en individual feminino, así como o bo xogo do resto do equipo: Fabián Barreiro, Bruno Fernández e Jessica Santos.

En categoría Sub11 todos os xogadores fixeron un fantástico torneo conseguindo así para Tui un bo número de medallas:

? OURO para Iago Díaz-Fierros y Mikel Martínez, en Dobres M

? PRATA para Mariña García y Alexia Pérez, en Dobres F

? BRONCE para Mariña García, en Individual F

? BRONCE para Alexia Pérez, en Individual F

? BRONCE para Mariña García y Mikel Martínez, en Dobres mixto

? BRONCE para Alexia Pérez y Martín Gándara, en Dobres mixto

Desde o Club Bádminton Tui queren agradecer o esforzo e a entregas dos xogadores, e tamén queren agradecer ás familias pola confianza depositada e o apoio.

Iván Roade e Natalia Sierpes triunfan no IV Trail Muíños do Folón

0

Iván Roade e Natalia Sierpes foron os gañadores, nas categorías masculina e feminina, do IV Trail Muíños do Folón que se disputou no Rosal. Sobre unha distancia de 15 quilómetros ambos demostraron ser os mellores. A competición reuniu a máis de 400 participantes e disputouse cun esixente protocolo de medidas de seguridade sanitarias. Foi tamén a primeira carreira da Pontevedra Trail Ligue. Restan outras dúas por celebrarse. O IV Trail Muiños do Folón disputouse un escenario emblemático e volveu confirmar a expectación que xera. As prazas dispoñibles esgotáronse en moi pouco tempo. O Concello do Rosal, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra colaboraron directamente coa organización.

“Había moitas ganas de competir e gozar”. Foi a frase que máis se escoitou ao longo de toda a mañanaen O Rosal. Iván Roade, do Adas Proinor, foi o que dominou a proba en todo momento. Demostrou ademais atoparse nun gran momento de forma. Avantaxou en case dez minutos a Rubén Insua, do Sar Vermu Petroni. O terceiro na clasificación final foi Anxo Álvarez, do Cornelios. Ismael Fontán, Miguel Ángel Fernández, Roberto Garrido, Maxi Oubiña, Fernando Bianchi, Francisco Tosar Asorey e Darío Comesaña ocuparon o resto de postos ata o décimo.

Na categoría feminina foi Natalia Sierpes Pereira, do Tribo Trail de Baiona, a que impuxo o seu ritmo na proba. Chegou con gran vantaxe á liña de chegada sobre Sara Varela Espiñeira, a atleta ferrolá. Notei Gómez, do Mais que Auga de Vigo, ocupou unha traballada terceira posición. Superou no sprint a Marisela Fernández, tamén de Vigo. Vitoria Cerqueira, Leticia Trabazos Rodríguez, Ana Barreiro, Pilar Vila, Tania Domínguez e Arantza Domínguez foron os restantes que ocuparon as dez primeiras clasificadas.

[su_image_carousel source=”media: 36533,36534,36531″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os dous atletas que se poderían considerar como favoritos cumpriron cos prognósticos. Os organizadores tíñanlles preparada unha sorpresa para esta cuarta edición. O percorrido variou nun oitenta por cento en canto ao de anos anteriores. Aínda que non houbo excesivos tramos de dificultade, os 15 quilómetros convertéronse nun esixente exame. Ademais dos vencedores na categoría sénior, tamén moitos veteranos completaron todo o circuíto.

O IV Trail Muíños do Folón tamén supón o inicio oficial e de competición da Pontevedra Trail Ligue. Consta dunha serie de tres probas. A primeira foi no Rosal e xa están convocadas outra en Tui e A Guarda. O atleta máis regular será o vencedor final. En todas as competicións seguirase un estrito control en canto ás medidas de seguridade sanitarias. Neste sentido, os organizadores son pioneiros en aplicar este esixente e coidadoso protocolo.

Gonzalo Caballero reclama á Xunta “un plan de reapertura dos pequenos negocios que pecharon por mor da pandemia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu onte que a Xunta “ten que actuar para favorecer a reactivación económica de Galicia cando comezamos a camiñar cara á nova normalidade”. Así, o líder socialista reclamou ao Goberno galego a posta en marcha “dun plan de reapertura dos pequenos negocios que tiveron que pechar por mor da pandemia”.

“A Xunta non pode seguir de brazos caídos: as pequenas empresas e os autónomos necesitan respaldo para poder reabrir, xerar emprego e posibilitar que as familias teñan ingresos mes a mes”, reivindicou Gonzalo Caballero.

De feito, contrastou esa “actitude pasiva” da Xunta coa actuación do goberno de España, que destina aos pequenos negocios de Galicia máis de 200 millóns de euros en axudas directas.

A Deputación súmase á celebración do Día de Europa

Cun chamamento “para contribuír todas e todos” ao crecemento dunha Europa máis igualitaria, ecolóxica, cohesionada e dixitalizada “como o mellor instrumento para saír máis fortes desta crise”, a Deputación de Pontevedra conmemorou esta fin de semana o Día de Europa, que se celebrou este domingo 9 de maio, aniversario da histórica declaración de 1950 de Robert Schuman considerada o xerme da Unión Europea.

“Europa ten que seguir a ser o centro das decisións que garantan dereitos para todas as persoas, non só no territorio europeo senón no conxunto do mundo”. Nun audiovisual co que a institución celebrará este día nas redes institucionais, a presidenta Carmela Silva fai recoñecemento ao “gran avance que a Unión Europea foi para a humanidade. Permitiunos vivir o período máis longo de paz da nosa historia”, recorda, e xuntos e xuntas debemos seguir avanzando cara unha Europa máis xusta na que as persoas sexan o centro de todo”. ”Ademais, remata a presidenta provincial, nestes últimos meses vimos que somos máis fortes, temos máis recursos e podemos facer fronte ás consecuencias da pandemia grazas á Unión Europa”.

Co gallo desta conmemoración, desde a noite do pasado venres e ata o próximo luns, a Deputación está a proxectar na explanada situada fronte ao Pazo Provincial de Pontevedra a imaxe da bandeira europea xunto ao lema ‘Día de Europa’.

O Concello de Arbo inicia o reparto de trampas contra a vespa velutina

0

O Concello de Arbo, para frear a expansión da vespa asiática, emprendeu unha campaña de loita e erradicación deste insecto pondo a disposición dos veciños e veciñas un total de cincoenta trampas e 100 botes de cebo. O Concello que preside Horacio Gil considera frear a expansión da vespa asiática “unha tarefa prioritaria”, xa que este insecto invasor incrementou a súa presenza en Galicia desde o ano 2014 .

As primeiras 50 trampas están sendo entregadas polo concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Bernardo Vazquez Pérez e o alcalde Horacio Gil.

A especie invasora chegou a Europa nun cargamento de China desembarcado en Bordeus. No ano 2010 entrou en Euskadi e dous anos máis tarde apareceu en Viana do Castelo (Portugal). A súa seguinte parada xa foi Galicia e desde entón non parou de expandirse. Os datos máis alarmantes chegaron no 2017, ano no que xa se desactivaron 23.791 niños de avespa asiática. O informe do 2018 lanzou un resultado superior, con máis de 26.000 colonias eliminadas e no recentemente terminado 2019 os datos oficiais baixan ata os 22.023 niños erradicados.

Esta é a época para a colocación destas trampas, para evitar a formación de niños e dende o Goberno “estamos a disposición dos veciños e veciñas de Arbo para coa súa colaboración, evitar a proliferación desta especie, ubicando as trampas dentro das súas propiedades”, explica o alcalde Horacio Gil que sinala a “coordinación e colaboración entre o Concello e os voluntarios e voluntarias que queren participar neste proxecto tan importante”. O obxectivo “é redobrar esforzos e concentrar os recursos” insiste Gil.

A entrega de trampas velutinas polos concellos e a súa colocación e control coa colaboración de veciños e veciñas voluntarios e voluntarias , é unha practica moi usada que se esta adoptando nos últimos meses por moitos municipios de Galicia e que esta acadando un bo resultado.

A Guarda concede subvencións por máis de 140.000 € a entidades locais de carácter social, cultural e deportivo

0

O importe total das subvencións nominativas concedidas polo Concello da Guarda a entidades de carácter social, cultural ou deportivo acada un total de 116.400 €. Deste importa global, 17.100 € van destinados  a entidades de carácter social; 29.300 € para as relacionadas coa Cultura e 70.000 € para as entidades deportivas.

Entidades de carácter social

Dentro deste apartado achegaránse 9.000 € ao centro San Xerome Emiliani; 4.300 € á asociación Erguete de prevención das drogodependencias e educación e promoción da saúde; 3.000 € para a asociación Avelaíña,  de axuda a persoas  con problemas de saúde mental e 800 € para a fundación As Samaritanas.

Cultura

Para as entidades de carácter cultural a cantidade total será distribuída entre a Banda Musical da Guarda con 7.440 € e o apoio a todas as comisións de festas patronais  da localidade, entre outras.

Deporte

No ámbito deportivo, o importe total é de 70.000 € dos que 35.000 € irán para o Club de Balonmán; 19.800 € para o Sporting Guardés; 13.200 € para o club de remo Robaleira e 2.000 € para a club de fútbol feminino, Unión Guardesa.

O alcalde, Antonio Lomba, subliñou que durante este mandato “se está facendo un esforzo para estar ao lado das diferentes entidades e asociacións  que miran polo desenvolvemento  cultural, social e deportivo da localidade e dos seus veciños e veciñas”.

O rexedor local quixo trasladar, de xeito expreso, o apoio do concello da Guarda “ao asociacionismo que posibilita acadar un alto nivel  no eido deportivo,  a proxección cultural da localidade e se presta, por medio destas entidades,   unha atención aos problemas de carácter económico ou de saúde das persoas da nosa veciñanza”.

O concello da Guarda tamén vai outorgar subvencións en concorrencia competitiva entre entidades e asociacións da localidade para a realización de actividades neste 2021. O importe total destas subvencións  é de 31.760 €, ás que poderán acceder  en canto estean  publicadas as bases reguladoras das mesmas.

Para poder acceder a estas subvencións as  entidades ou asociacións  terán que estar inscritas no Rexistro de Asociacións do concello da Guarda. Con estas subvencións o alcalde, Antonio Lomba, reforza o compromiso coas asociacións que teñan como obxectivo  a realización de actividades, proxectos ou iniciativas nos ámbitos   cultural,  deportivo, social ou formativo.

Dous mariscadores de Baiona doan á Casa da Navegación unha áncora lítica atopada na zona de Silleiro

0

A Casa da Navegación de Baiona conta nas súas instalacións cunha nova peza de alto valor histórico grazas á entrega, por parte de dúas cuidadanos baioneses, dunha áncora lítica. Trátase dunha áncora de granito que foi recuperada dos fondos mariños do municipio, –na zona da Carral en Cabo Silleiro– o pasado mes de novembro polos mariscadores José M. Durán Vicente e Iván González Rodríguez. A peza foi descuberta polo mergullador Iván González mentres faneaban ao ourizo.

A peza en cuestión ten dous buracos, polo superior atábase o cabo e os buracos inferiores eran para pasar unhas uñas de madeira, elementos co que o aparello afianzábase no fondo mariño. Ao ser de material perecedoiro, estas uñas non se conservaron.

Recoñécense varios modos de colocalos: simplemente encaixadas a presión, fixadas con pequenas cuñas no bordo ou mesmo apúntase a posibilidade de ningunha fixación a maiores, posto que a madeira mollada inchábase impedindo que se soltase. O feito de ter un pouco de folgura evitaría a súa rotura no caso de que se produza un tirón do barco.

Desde a Casa da Navegación sinalan que este tipo de pezas eran utilizadas por navegantes desde a protohistoria, fenicios e púnicos, anteriores aos romanos, en embarcacións de madeira semellantes á representada no petróglifo de Auga dous Cebros (Santa María de Oia). Ambos os elementos (áncoras líticas e petróglifo de barco) son exemplo da navegación antiga polas nosas costas desde hai máis de 3.000 anos.

En canto ás dimensións da áncora, ten 65 cm de longo; un ancho máximo 35 e mínimo de 26; un espesor de 15,5 e un peso de 60 Kg.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, quixeron agradecer a José M. Durán Vicente e Iván González Rodríguez esta achega, que foi rexistrada xa nos inventarios e catálogos do Museo, deixando constancia da súa procedencia para calquera estudo no cal se mencione esta peza.

O alcalde destacou a doazón, xa que “é grazas á vontade e sensibilidade de persoas como José M. e Iván podemos estudarla, restaurala e poñer en valor unha parte da nosa historia para o goce público. Esta peza contribuirá a ter unha visión máis ampla do que foi a historia mariñeira de Baiona”.

Coñécense máis de cen exemplares localizados nas costas galegas pero é a primeira destas características nesta zona.

A áncora lítica atopada no mar por J. Manuel e Iván xa loce na exposición da Casa da Navegación, acompañada do debuxo do barco de Pedornes pois ambos están próximos no tempo. A riqueza histórica deste territorio vén de lonxe.

Este venres 7 de maio celebrouse o 820 aniversario da fundación de Baiona e para celebrar esta efeméride desde o Concello elixiuse esta fin de semana tan especial para escenificar a doazón da áncora lítica. Tamén para conmemorar esta data a Casa da Navegación de Baiona proporcionou a entrada libre e unha visita comentada polas súas instalacións ás 12.00 para a cal foi necesario apuntarse, debido ás condicións de aforo.

A Cañiza continúa so seu programa de reforma e modernización do alumeado público de Valeixe

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou e repasou cun dos técnicos da empresa adxudicataria as obras de modernización do alumeado público que se están a desenvolver en Valeixe. Os traballos comezaron no pasado mes de abril e permitirán a substitución de 298 luminarias –44 en Taín, 46 en Barreiros, 17 en Chans, 27 en Abelán, 37 na Cruz, 17 en Paradela, 18 en Lameira, 38 en Cabo de Vila-Raxeira, 24 na Laranxeira, 15 na Chan e 6 en Carracedo–. Todas as luminarias son do modelo Laia de Isosi de 30 watios capaz de proxectar unha luz branca a 130 luminos/watio, de clase 2 en ador 4000K.

Ademáis tamén se instalaron 18 módulos de contadores de última xeneración e se cambiaron os 2 existentes e xa se iniciaron as xestións coa Distribuidora eléctrica para solicitar a alta. Deste xeito cambiarase o modelo de facturación de alzado a contador, rebaixando notablemente a factura da luz xa que o modelo de alzado contaba cun elevado importe de penalización.

O concello da Cañiza un investimento de 445.700,00 € nestas actuacións que cambiarán por completo a instalación eléctrica de todo o alumeado público da parroquia e que contempla a substitución de máis de 800 luminarias, o despregue de 13 quilómetros de novo cable no tendido eléctrico, a substitución de máis de 40 báculos en mal estado e a colocación de 10 novos báculos do modelo Cañiza no centro da parroquia, na Miñoteira.

Cadros eléctricos intelixentes

Cómpre salientar que ao abeiro destas obras, tamén se está procedendo á instalación de 20 novos cadros de contadores eléctricos intelixentes, que veñen a sumarse aos 5 existentes nos lugares de Touzosas, Anxo da Garda, Almuiña, Súa Hermida e Miñoteira.

Click para ampliar

A práctica inexistencia de contadores na parroquia, unha das máis poboadas do Municipio, provocaba que a subministradora facturara o consumo por alzado, un tipo de facturación que aplica unha elevada porcentaxe de penalización, polo que a colocación destes 20 contadores novos axudará a baixar significativamente o coste da luz pública.

Solo no último ano os 5 contadores existentes en toda a parroquia (Touzosas, Anxo da Garda, Almuiña, Súa Hermida e Miñoteira), arroxaron uns consumos cuns costes de 15.963,09 € e a facturación por alzado 62.595,90, co inconveniente de non saber con exactitude cales son os consumos de cada zona porque a facturación en alzado é estimatoria para todo o Municipio.

Ademáis o feito de non contar con contadores está penalizado pola empresa que fai unha estimación á alza. De ahí a importancia de cambiar o tipo de facturación que xunto coa nova instalación de LED reducirá os consumos ademáis de ofrecer un servizo de maior calidade e menos contaminante.

O alcalde de Baiona amosa o seu rexeitamento á instalación do parque eólico previsto na Serra da Groba

0

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, vén de expresar, unha vez máis, a súa postura contraria respecto a instalación dun parque eólico na Serra da Groba. O rexedor baionés quere deixar clara a súa oposición “a unha instalación que afectará ao monte de Baíña” xa que, lembra “un dos proxectos de execución está ideado no lugar coñecido como O alto da mata desta parroquia baionesa.

Para o alcalde de Baiona resulta “inaceptable” que a Xunta decidira de xeito unilateral a instalación e localización dese parque eólico “sen que se tivera en conta aos comuneiros, comuneiras, veciños e veciñas nunha decisión de vital importancia como é a desta instalación”.

“Estamos a favor das enerxías renovables –explica o rexedor local– pero non a calquera prezo” e afirma que o proxecto está enfocado “ao máximo aproveitamento e rendemento enerxético, ignorando calquera outra cautela de interese paisaxístico, patrimonial ou de biodeversidade”. “Non se busca o mínimo impacto ambiental, senón o máximo beneficio e isto é unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas”, afirma con rotundidade Carlos Gómez.

Estas vistas da baía de Baiona, Cíes, Estelas, rías de Vigo e Pontevedra e, con boa visibilidade, illa de Ons e ría de Arousa, poderían pasar a ser historia de construirse o proxectado parque eólico

Así mesmo, Gómez fai mención a que “a zona alberga numerosos valores” que teñen que ser protexidos e insiste en que se está a falar dunha a conservar porque “queremos seguir tendo un referente paisaxístico, un rico patrimonio natural, xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia, pero tamén preferimos que continúe o aproveitamento multifuncional das comunidades de montes. Todo isto non se pode comprar con diñeiro”.

O alcalde de Baiona pon tamén o foco de atención sobre o convenio asinado entre o anterior Goberno municipal (PP) e a Xunta de Galicia “no que se investiu diñeiro público para a construción dun miradoiro de madeira con bancos na zona do Cortelliño para facer máis confortable o balcón natural do Val Miñor”.

“Pois ben –engade Carlos Gómez–, de levarse a cabo a instalación do eólico na zona prevista, o investimento deste diñeiro público quedaría sen a súa razón de ser: a de ofrecer as mellores vistas do Val Miñor” xa que puntualiza o alcalde “o proxecto contempla a implantación do eólico xusto diante do visitado miradoiro” polo que veciñanza e visitantes “quedarían privados unhas vistas privilexiadas dende as que se dividan, dunha sola ollada, a baía de Baiona, as Illas Estelas, as illas Cíes, as rías de Vigo e Pontevedra e, en días claros, a illa de Ons e a ría de Arousa”.

Finalmente Carlos Gómez sinalou que “a eólica poñería en perigo a estratexia de conservación do monte baionés supoñendo ademais un gran impacto paisaxístico no Espazo Natural da Serra dá Groba, un espazo que se debe protexer, coidar e que é un referente en Galicia”.

Bea Sanfa, unha visión moi persoal de plans, receitas, viaxes e moito máis

A día de hoxe podemos dicir que contamos no noso xornal cunha nova colaboración moi interesante e auténtica a cargo da soberina Bea Sanfa.

Para nós é unha ledicia poder contar con esta sección que de seguro vos axudará nestes tempos que estamos a vivir. Poderemos aprender a cociñar, saber os mellores lugar que visitar e facer plans para romper a nosa rutina. Esperamos que gocedes desta colaboración tanto coma nos.

Deixámosvos xa con Bea Sanfa, benvida!

Mi nombre es Bea y, a partir de este mes de mayo, formaré parte de esta sección tan especial de “Comarcas na Rede”.

Aunque en mi DNI consto como nacida en Sober (Lugo), siempre he vivido en Vigo, lo que me enorgullece y hace que me sienta una viguesa más. Eso sí, siempre tengo presente mis raíces.

Respecto a mis estudios, soy licenciada en ADE y, tras años trabajando en la empresa privada, decidí reorientar mi vida hacia otro camino. Actualmente, aquí estoy, preparando con ilusión las oposiciones para ser profesora de FP.

Parte de mi tiempo libre (razón por la que escribo aquí) la dedico a mi perfil de Instagram. En él comparto mi día a día con recomendaciones de todo tipo, además de mantener mis colaboraciones con diferentes empresas.

Hace aproximadamente un año que preferí emprender este camino yo sola y puedo decir que el cambio no pudo ir a mejor: he conocido a gente maravillosa, he podido colaborar con excelentes marcas y personas y, psicológicamente, me ha ayudado mucho en estos tiempos de pandemia. Es una forma de entretenimiento en la que el feedback que recibo es positivo y que me lleva a aprender muchas cosas.

Así que, después de mi breve presentación, espero que os guste lo que escribo y os aporte “esas cosas buenas”, buenrollismo y positividad que todos necesitamos. La sección se llama “Cuando sube la marea” y en ella encontraréis todo tipo de contenido, desde un plan de fin de semana, pasando por textos motivadores, hasta una receta deliciosa de esas que tanto me gustan. Me despido y nos leemos muy pronto.

Nee Barros Fernández, «Identidade»

«Identidade» é unha peza teatral que chega a nós como o primeiro traballo de Nee Barros, e nos presenta a un autor ao que haberá que prestar atención na súa andaina polas nosas letras. Poderiamos falar, de primeiras, de que é un texto preñado de sinceridade e rotundidade, pois o título é bastante contundente e, por se houbese algúnha dúbida, leva un subtítulo aínda máis aclaratorio: «A normalidade do non-común». E tal é o alicerce sobre o que se constrúe a súa historia: a revelación da normalidade na construción dunha identidade.

Para entendelo mellor, haberá que aclarar que o protagonista desta peza é Zé, un mozo que anda na procura da súa identidade nun entorno que non acaba de entender que, nacendo María como naceu, agora pretenda asumir un rol diferente ao que lle foi asignado por unha tradición difícil de quebrar. Poucos ao seu arredor comprenden que, nacendo muller, se comporte coma se fose un rapaz e ata pretenda trocar o seu nome orixinario. Pero Zé mantense firme nunha convicción que, aos poucos, terá que transmitir ao seu entorno para que a convivencia sexa o máis cómoda posible para todos.

A historia en si é toda unha reivindicación da liberdade de elección e da necesidade de sentirse cómodo con un mesmo, pense o entorno o que queira pensar. Zé vese marcado por un nacemento no que, obviamente, nada tivo que dicir, pero que determinou o comportamento do seu entorno cara a el e mesmo o seu propio xeito de se comportar. E non estamos a falar de identidade sexual, senón de algo que transcende esas limitacións e afecta ao noso comportamento como persoas, capaces de superar as barreiras de xénero e de aceptar que mesmo esas identidades non-comúns que se citan no subtítulo, poden converterse en normais se lles damos a oportunidade. No fondo, é aquela máxima de “Vive e deixa vivir” que a sabedoría popular atribúe ao poeta F. von Schiller.

Sendo este o verdadeiro valor do texto, ten outros moitos que considero de interese e que teñen que ver cos prantexamentos teatrais desta peza. O acerto de simbolizar a cegueira da sociedade cara ao que Zé sente a través de vendas negras que tapan os ollos dos actores e que os protagonistas terán que axudar a tirar, coido que é un dos máis relevantes. Mais non é o único e a construción de moitas das 35 pequenas escenas nas que se constrúe a obra ao longo dos seus cinco actos, fálannos dun autor que semella coñecer ben a fondo os recursos teatrais habituais e que mesmo é capaz de crear algúns novos cos que darle forma á súa mensaxe.

En resumo, unha peza teatral moi contemporánea en prantexamento temático e estrutural e claramente reivindicativa, que agocha un interesante tratamento  dramático, con escenas certamente memorables que ficarán por moito tempo na mente do lector e máis aínda na do espectador cando a peza sexa representada. Por iso manteño que o de Nee Barros é un nome ao que haberá que prestarlle moita atención no futuro.

Nee Barros Fernández

Identidade

Galaxia

As Bibliotecas Municipais de Redondela premian ás e aos Mellores Lectores do Ano

0

Con motivo das celebracións en torno ao  Día  do Libro e do Libro Infantil  as Bibliotecas Municipais de Redondela distinguiron, como en edicións anteriores, aos lectores, menores e maiores de 14 anos, que maior uso realizaron do servizo de préstamo no pasado ano, atendendo aos datos que rexistraron as súas estatísticas.

[su_image_carousel source=”media: 36477,36475,36474,36473″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os lectores e lectoras galardoados son: María Cristina Alfaya  e Iria, de 8 anos, na Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela e Manuel Dionisio Rodríguez e Uxío, de 9 anos, na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela (Redondela).

Os galardóns fanos merecedores dun premio para a adquisición de libros nunha librería do municipio e do nomeamento como Socios de Honra polo que  poderán  retirar en préstamo un maior número de obras.

Esta iniciativa ten por obxectivo fomentar a lectura e premiar a fidelidade dos usuarios.

O Centro Municipal de Remo de Tui gaña en confort cun novo equipo de climatización con medidor de CO2 e novo pavimento

0

O Centro Municipal de Remo do Concello de Tui vén de renovarse interiormente cunha achega de 58.000 euros da Deputación. As obras consistiron na climatización e renovación de aire, incluíndo a medición dos niveis de CO2 e a substitución completa do pavimento. Supoñen a terceira mellora destas instalacións dende o ano 2015, sempre con financiamento do Plan Concellos, e unha achega total que supera os 150.000 euros.

Os deputados de Cooperación, Santos Héctor, e Deportes, Gorka Gómez, comprobaron os resultados acompañados do alcalde, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e a directiva do Club Remo do Miño, encabezada polo seu presidente Manuel Ángel González.

O novo sistema de renovación de aire e climatización está dotado dun intercambiador de calor. Deste xeito, pasa a dispor dunha nova ventilación cun aire filtrado procedente do exterior. O equipo inclúe tamén medición dos niveis de dióxido de carbono, permitindo así un uso adecuado e o cumprimento das medidas de prevención no actual escenario de pandemia.

A maiores renovouse o piso de toda a instalación cunha tarima de madeira flotante. As obras no Centro Municipal de Remo optimizaron así o confort dunha instalación que conta cun ximnasio, unha sala de remoergómetros (máquinas de remo), dous vestiarios para deportistas, oficinas, sala de reunións e un galpón para embarcacións

Santos Héctor subliñou que o Centro Municipal de Remo conta agora cunhas condicións que optimizan a experiencia dos/as deportistas. “Esta era unha obra necesaria e que reforza a oferta deportiva do Concello de Tui, que aposta sempre polo deporte”. O deputado destacou que o Deporte é un eixe prioritario nas políticas públicas da Deputación e subliñou o valor de Tui como referente do deporte provincial.

Enrique Cabaleiro explicou que o Plan Concellos da Deputación está a permitir unha aposta sen precedentes polas instalacións deportivas “que doutro xeito sería materialmente imposible”. Así lembrou que tan só neste ano reformáronse os pavillóns Novo e Vello, está a modernizarse a iluminación de tódolos pavillóns e campos de fútbol de herba artificial para pasalas a tecnoloxía led e en breve comezará a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol Caldelas e a cuberta do Álvarez Durán.

Ademais, o Concello pretende abordar o Centro de Piragüismo Quique Míguez, no que hai que investir preto de 700.000 euros. “Todo isto demostra o compromiso do Goberno local coas instalacións deportivas porque o Deporte singulariza a Tui. Somos canteira de moitísimos deportistas de tódalas modalidades, de rango nacional e internacional e o mellor apoio que lles podemos dar é coidar os equipamentos que eles utilizan a diario”.

Finalmente, agradeceu o labor do Club Remo do Miño “que é un dos nosos sinais de identidade”. “O traballo das Administracións é importante, pero tamén o traballo altruísta dos responsables dos clubs”. Nesta mesma liña, o deputado Santos Héctor aproveitou a ocasión para destacar que Tui conta con tres remeiros de alto nivel que dispoñen de bolsa DepoDan da Deputación de Pontevedra, aos que este ano 2021 pode engadirse un cuarto.

Dende o ano 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos case 10 millóns de euros en Tui, que permitiron decenas de obras, fundamentalmente, ao amparo do Plan Concellos de financiamento regrado aos municipios de menos de 50.000 habitantes.

Para reestruturar o núcleo de Paramos, Tui beneficiouse, ademais, dun proxecto extraordinario, dentro do Plan DepoRemse, de mellora da seguridade nos viarios municipais, cunha asignación de case 425.000 euros. O Concello contratou tamén a preto de 101 persoas desempregadas para traballar temporalmente nos servizos municipais con cargo á Liña 3 do Plan Concellos. Este ano contará con 15 persoas máis.

Abertas as inscricións para a obra de teatro “32m2 – Unha xira confinada” na Guarda

0

O vindeiro sábado día 15 continúa a programación do mes de maio ás 20:00h no Centro Cultural coa representación teatral de “32M2 – Unha xira confinada”. Esta obra de teatro, creada pola plataforma ButacaZero, trata sobre o absurdo do confinamento, coa finalidade de provocar nos asistentes unha catarsis colectiva ante un acontecemento que ten marcado, e marcará, a vida da sociedade. Unha comedia de enredo sobre a nosa realidade máis recente coa que público sentirase seguramente identificado.

O prazo para a reserva de entradas está aberto xa dende o venres 7 de maio a través do mail [email protected].

O aforo estará limitado e tomaránse todas as medias establecidas polo protocolo da Covid19.

Sinopse

Mar e Xan son unha parella fóra do común, coma todas. Viven tan tranquilamente no seu pisiño de 32m². A vida pasa e o mundo xira, volta e volta, coma un filete. Pero un día, o mundo esmendréllase. O que era unha Nación convértese nunha HiberNación e hai que facer todo o que di Simón. Mar non recoñece a súa vida. Xan non recoñece á súa parella. O mundo redúcese a catro paredes e xa ninguén entende nada. 32m² é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés.

A mocidade de Tomiño traslada as súas propostas á Xunta

0

O Consello da Infancia de Tomiño, Voces Novas, participou este xoves nunha reunión telemática promovida por UNICEF xunto con representantes de organismos homónimos de concellos galegos como Teo, Cabanas, Moeche, Redondela, O Porriño, Moaña e Castrelo de Miño. Alejandro Pereira e Alejandra Villa, representantes tomiñeses de 11 e 12 anos respectivamente, trasladaron xunto con outros 14 nenos e nenas as súas inquedanzas e propostas ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre.

Na reunión explicáronlle a Rey o funcionamento e labor dos consellos, comentando as iniciativas levadas a cabo, pondo en valor a importancia de que a mocidade e a infancia conte con espazos de participación nos seus municipios nos que sexan escoitados e tidos en conta polas institucións.

A súa principal demanda é a de materializar a creación dun Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia, un proxecto polo que desde UNICEF se leva pelexando desde fai varios anos. o director aproveitou a reunión para comunicar que a creación deste consello autonómico xa está en marcha, con previsión de que se materialice ao longo do presente ano.

“A creación deste ente ten unha importancia fundamental para afondar na implantación de mecanismos de participación da infancia e a adolescencia, non só por poder contar cunha comunicación directa coas institucións autonómicas que amplifique a voz da mocidade, senón tamén pola oportunidade de compartir experiencias, propostas e iniciativas entre os distintos consellos existentes en Galicia e tamén noutros lugares do Estado”, declarou Fátima Rodríguez, concelleira de Mocidade e Participación Infantil.

Benigno Campos, este domingo, no showcooking das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela

0

O cociñeiro de Larpeiros, Benigno Campos, será o invitado de honra no showcooking que o domingo se desenvolverá na carpa situada diante da Casa do Concello de Redondela e dentro das actividades das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela.

Benigno Campos amosará os segredos de preparar uns extraordinarios Chocos con patacas e tirabeques contanco cun produto de excelencia como é o choco da baía de San Simón.

Os showcooking comezaban o venres da man de Pucho Barciela, Gilda Pires, para continuar o sábado coa participación de Manuel Conde e José Manuel Durán.

Durante tres días e en directo, veciñas e veciños poden aprender distintas formas de cociñar un produto único como é o choco da baía de San Simón da man de recoñecidos profesionais.

A actividade, que tivo unha extraordinaria acollida por parte do público, forma parte do programa das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, que continúan esta semana nos 11 establecementos hostaleiros que ofrecen as súas especiais formas de preparar os chocos.

Salvaterra conmemora o día das Letras Galegas con actividades dirixidas ás nenas e nenos do concello

Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, o Concello de Salvaterra de Miño conta con dúas actividades, unha presencial –Unha tarde con Xela– e outra en liña –Caderno de Xela Arias para facer o meu conto–, dirixidas aos nenos e nenas do municipio.

A primeira Unha tarde con Xela será o día 13 de maio no parque A Canuda, en horario de 18:00 h a 19:00 h e consistirá nunha xincana onde, en pequenos, grupos os nenos e nenas farán un pequeno percorrido e deberán pasar por diferentes postos onde estarán as animadoras e animadores, algúns caracterizados de escritores ou escritoras ás que tamén se lles adicou o día das Letras Galegas.

En cada posto terán que superar unha proba diferente de destreza, habilidade, enxeño… si superan a proba, entrégaselles un anaco dun poema de Xela Arias. Cando teñan todos os anacos, terán que lograr reconstruír dito poema. Todas e todos os participantes recibirán un agasallo dun conto ilustrado en galego.

A segunda actividade leva por título Caderno de Xela Arias para facer o meu conto e se desenvolverá o 14 de maio ás 17:30h.

Para visualizalo se colocará un enlace, na páxina web e no Facebook do Concello, para que cativas e cativos, familias e inclusive centros escolares, poidan visualizalo no horario que lles vaia ben. Estará dispoñible un mes.

O Obradoiro será elaborar un caderno con elementos cotiás e material de refugallo. A actividade será online. Son, polo tanto, dúas propostas interesantes para que as máis pequenas e pequenos domunicipio tomen contacto non só coa importancia do Día das Letras Galegas, senón coa figura de Xela Arias como homenaxeada.

Nigrán inicia unha nova fase de escavación no Castro de Chandebrito

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana, coa colaboración da Comunidade de Montes, unha nova fase de escavación e musealización do Castro de Chandebrito destinada a conservar, consolidar e restaurar a muralla superior do primeiro recinto (datada no VIII a.C) e cuxa intervención se estima nun mes. Con este obxectivo, o Concello conta cunha subvención de 13.000 € da Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Adicionalmente, o goberno local levará ao vindeiro pleno a consignación de 11.000 € do remanente de Tesourería para a redacción dun proxecto que contemple a exhumación de 400 metros cadrados de terreo ubicado entre esta muralla e a seguinte inferior, o que permitirá deixar ao descuberto moitas máis estrututas (principalmente vivendas) e consolidar ambas fortificacións.

Deste xeito, o Concello comprométese coa Comunidade de Montes de Chandebrito para avanzar radicalmente nas escavacións iniciadas no 2019 a través da cooperativa Árbore Arqueoloxía (encargada tamén da intervención actual). “A meta é situar este castro como un referente etnográfico en toda Galicia, o potencial é enorme e non queremos desaproveitalo”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña que “é o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca”.

Esta segunda actuación, na que xa se está a traballar conforme á propia autorización de Patrimonio, suporá restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello no 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros, onde se atoparon tres construcións diferentes e outras dúas murallas a maiores. Polo tanto, a nova exhumación permitirá apreciar mellor a natureza do Castro como recinto típicamente fortificado.

“Desde abaixo apreciase como un muro totalmente vertical dificilmente expugnable, pero unha vez que te achegas a él podes ver que é máis ben un socalco onde amoreaban as pedras, estamos seguros de que os seus habitantes xogaron con esta perspectiva ao seu favor á hora de construílo”, sinalan os arqueólogos de Árbore, que traballarán ao longo de 20 días nun equipo composto por cinco expertos e dous bolseiros restauradores. “Esta nova escavación quedará totalmente á vista, polo que dará unha idea clara ao visitante de como era o Castro na súa orixe, que segundo os diferentes achados podemos situar no S. VIII”, explica Benito Vilas, un dos arqueólogos responsables.

“Todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man, por iso desde o goberno local apostamos por facer investimentos como a musealización deste espazo único polo seu significado histórico e pola situacón con incríbles vistas á ría de Vigo e á comarca”, destaca o rexedor, quen apunta á creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito como outro dos grandes “proxectos estrela’ do goberno municipal.

Historia do Castro

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, la e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa). Así, a pesares da creencia popular de ser unha sociedade eminentemente guerreira, os antigos habitantes de Chandebrito vivían da agricultura y da gandeiría.

O Rosal e Paredes de Coura, escenarios do segundo Foro da Cultura Transfronteiriza

0

O Rosal e Paredes de Coura serán os dous escenarios nos que transcorran os encontros da segunda edición do Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo, II Culturmiño, organizado polo AECT Río Minho da man da CIM Alto Minho e do Centro de Esturos Eurorrexionais (CEER) e que se prolongará durante todo o mes de maio e xuño co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.

Dende o venres 7, axentes culturais privados, creadores do territorio galego e portugués e persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais de ambas as dúas beiras da raia reuniranse para debater sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver para mobilizar público conxunto. Nas primeiras xornadas de traballo, este venres en Paredes de Coura e o vindeiro 14 de maio no Centro Social Polivalente do Rosal, afondarase no desing thinking aplicado á creación de proxectos culturais no río Miño transfronteirizo.

O seguinte aspecto a abordar serán os proxectos de estruturación para o financiamento, tratando os aspectos críticos no desenvolvemento e xestión en Paredes de Coura e o orzamento, financiamento e comunicación no Rosal nas sesións que se desenvolverán o 21 de maio. Para finalizar , o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e falarase sobre as redes internacionais para a creación e xestión de redes e proxectos europeos.

O 18 de xuño será o peche e conclusión do II Culturmiño no Rosal, onde se presentarán os proxectos deseñados polas e polos axentes culturais para, unha vez examinados e valorados, ver a posibilidade de que algún opte a fondos europeos. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.

Dous miradoiros con vistas ao río Miño en Arbo

0

Os miradoiros do Bravo e a Amieira, sobre o río Miño en Arbo, son puntos estratéxicos de encontro visual coa natureza que tiveron moitas transformación ao longo do tempo. Os  novos miradoiros sitos no Sendeiro de Pescadores, integrados na paisaxe da Ribeira do Miño, son postos en valor pola colocación de dous bancos, que non rompen a naturalidade do entorno e que permiten contemplar a paisaxe, percibir unicamente o son das augas do río e relaxarse sentindo o aire no rostro.

Son moitas as formas de coñecer e desfrutar Arbo para renovar enerxías en contacto coa natureza. Percorrer sendeiros cheos de vida que descobren un Arbo máxico, abondoso de historia e de recunchos únicos.

O Miradoiro do Bravo e o Miradoiro de Amieira,  son balcóns naturais que permiten contemplar a beleza que as augas do Miño deixan ao seu paso. Uns lugares ideais estes dous miradores para desconectar, relaxarse e soñar.

Miradoiro do Bravo

Para o alcalde do Concello de Arbo, “Arbo é patrimonio. Cun paseo ao longo do Miño, polo Sendeiro de Pescadores,  descubriremos ás  pesqueiras, exemplos de arquitectura popular usadas aínda hoxe para a pesca artesanal da  lamprea” e este sentimento o quere transmitir a Galicia, España….. e ofrecer ao visitante novos recursos turisticos.

Camiñando río arriba,  polas ribeiras do Miño das augas bravas, permite localizar e converter as pesqueiras e a súa onomástica nunha aula interpretativa de xeografía, historia, lingua e cultura: un espazo de convivencias galego-portuguesas que compre recuperar, protexer e revitalizar e no Miradoiro do Bravo e o Miradoiro de Amieira se poderán descubrir novas formas de contemplar e amar a natureza.

“O Concello acaba de rematar a mellora do Sendeiro de Pescadores, e están en marcha algún proxecto máis de recuperación do patrimonio histórico e cultural deste municipio. Arbo, é o lugar ideal que atrae cada ano a miles de visitantes, atraídos polo patrimonio, natureza, deporte, gastronomía…. e dende o Concello debemos seguir pondo en valor todo este patrimonio” remata o rexedor arbense, Horacio Gil.

O Concello de Oia mostra as súas pinturas murais a través de rutas guiadas de arte urbana e historia

0

As diversas obras de pintura mural coas que, ao longo dos últimos anos, se teñen ido embelecendo distintos espazos públicos de Oia son as protagonistas dunha serie de rutas turísticas que se desenvolverán os próximos 15 de maio e 20 de xuño, organizadas polo Concello de Oia. O itinerario afonda sobre os detalles destas orixinais e coloridas mostras de arte urbana, elaboradas polo artista venezolano Flix, e tamén na historia local.

A programación destas visitas guiadas de arte urbana e historia en Oia celebraranse seguindo as restricións derivadas da situación da COVID-19. Tanto o sábado 15 de abril como o domingo 20 de xuño haberá dispoñibles dous horarios: as 12.00 e as 16.30 horas.

O itinerario da ruta incluirá os dous murais de Flix na rúa Párroco Claudio Rodal Fandiño (a baixada ao Mosteiro), as pinturas exteriores e interiores no CEIP Mestre Manuel García e a das gradas do campo de fútbol municipal.

As visitas requiren reserva previa e serán desenvolvidas polo guía oficial especializado Borja Concheiro. Para máis información e realizar as reservas pódese consultar a seguinte web: https://www.vigoturistico.com/primera-ruta-de-arte-urbano-concello-de-oia/.

Pintura mural en Oia

Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.

A vontade do Concello de Oia é a de continuar esta frutífera colaboración artística, á fin de seguir embelecendo o municipio a través das orixinais e coloridas creacións de Flix.

A Asociación de Comerciantes de Tomiño lanza a campaña “Quérote Moito”

0

O próximo luns día 10 dará comezo a campaña “Quérote Moito” da man da Asociación de Comenrciantes de Tomiño, que se estenderá ata o 20 de maio. Os establecementos participantes estarán identificados coa correspondente cartelería e os clientes que fagan as súas compras en ditos establecementos recibirán papeletas para o sorteo dun vale de compra por valor de 100€.

O sorteo terá lugar o día 22 de maio e o número premiado publicarase tanto nas redes sociais como na web da asociación.

Os comerciantes confían en seguir contando co apoio e confianza dos clientes que se mantiveron fieis durante esta difícil situación que se leva vivindo no último ano, e esperan con optimismo as novas medidas flexibilizadoras que virán nos próximos días.

ADETO presenta ademais, con esta campaña, nova imaxe corporativa do centro comercial aberto, unha imaxe renovada e actual na que se troca o lema “O natural é mercar aquí” por “Xuntos medramos”, resumindo en dúas palabras os beneficios de consumir no comercio local.

A Xunta convoca as axudas complementarias do programa Erasmus+ para o alumnado de ensinanzas artísticas

A Xunta de Galicia destina un orzamento de 40.000€ ás axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participa neste programa de mobilidade no curso 2020/2021. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria, da que se poden beneficiar todos os estudantes galegos que tivesen dereito este curso ás axudas europeas. No curso 2019/2020 beneficiáronse delas un total de 38 estudantes.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Islandia, Irlanda, Luxemburgo, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein e Noruega), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Austria, Bélxica, Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Países Baixos, Malta e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Croacia, República Checa, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, República de Macedonia do Norte e Turquía).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

O obxectivo desta convocatoria é facilitar a mobilidade do alumnado das ensinanzas artísticas, promovendo que adquiran experiencias formativas enriquecedoras en países diferentes do de orixe.

Prazo de solicitudes

A solicitude da axuda deberá realizarse obrigatoriamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo para tramitalas estará aberto ata o 7 de xuño.

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2020/2021 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores de Galicia e ser beneficiario dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste mesmo ano académico  xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e máis o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Comezan os showcooking das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela

0

Pucho Barciela e Gilda Pires, foron os encargados de abrir, onte venres 7 de maio, as actividades do showcooking das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela que terán a súa continuidade hoxe sábado e pasado mañá domingo. Na carpa situada diante da Casa do Concello veciñas e veciños poden aprender de man de profesionais de recoñecido prestixio, diversas formas de preparar un produto que, na baía de San Simón, acada niveis de excelencia.

Neste primeiro showcooking no que participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, Pucho Barciela e Gilda Pires amosaron como preparar uns espectaculares Chocos guisados e unhas Arepas recheas de choco.

Mañá sábado e pasado mañá domingo, ás 11 horas, continuarán estas actividades de cociña en directo. O sábado 8 de maio, serán Manuel Conde e José Manuel Durán os que amosen os segredos da elaboración dunha boa Tortilla de Chocos e uns espectaculares Chocos á galega.

Finalmente, o domingo 9 de maio, os showcooking pecharán a súa andaina da man de Benigno Campos que, coa axuda de Raúl, prepararán uns Chocos con patacas e tirabeques.

As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, continuarán durante toda a semana na que 11 establecementos hostaleiros ofrecerán as súas especiais formas de preparar os chocos. Nalgúns casos poderán degustarse no propio local ou facendo pedidos para levar a casa, mentres que outros dispoñerán de servizo a domicilio, totalmente gratuíto para o cliente, a cargo da empresa redondela Roombo.

78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen ao abeiro destas xornadas gastronómicas menús nos que poñen toda a súa sabiduría culinaria e, respectando o choco, constrúen deliciosos menús

A clientela destas Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela tamén terán premio. Xa que poderán participar no sorteo de dous interesantes agasallos. Dunha banda unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e, por outra banda, un Lote de viños Capellán, mencía e godello. Para participar non teñen máis que solicitar os cupóns de participación que estarán á disposición dos clientes dos menús nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

As Xornadas, organizadas polo Concello de Redondela a través da Concellería de Promoción Económica que xestiona María Castro e coa colaboración da Confraría de Pescadores de Redondela, ceden o protagonismo ao choco, como produto estrela, e ao sector da hostalaría que, tal e como sinalaba a alcaldesa Digna Rivas na presentación desta iniciativa, “foi o sector máis duramente golpeado pola crise e, pese a iso, souberon aguantar e cando as normas sanitarias o permitían, seguir amosando o seu alto grao de profesionalidade”

O Rosal acollerá o mércores 12 de maio a unidade móbil de doazón de sangue

0

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase ata o concello do Rosal este mes de maio. Será o vindeiro mércores 12, día no que o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Calvario aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.

Para o Centro de Transfusión a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada dos e das doantes.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

O Centro de Transfusión lembra que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar agardar dúas horas para facer a doazón. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

O Concello da Cañiza lembra á veciñanza a obriga de manter limpos os montes e fincas lindeiros con vía pública

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña asinou onte o un Bando de Alcaldía para requirir aos titulares de terreos que limiten coas pistas municipais, “que procedan á realización das tarefas de rozado, limpeza, retirada de maleza, así como tala ou clareo/ poda de árbores, observando as medidas de seguridade establecidas pola normativa aplicable”.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, salientou que unha parte dos viais da rede municipal “está afectada polas raíces das árbores situadas nas parcelas, montes e fincas privadas lindeiros cos camiños e pistas, que provocan un grave deterioro no firme destas calzadas”.

O rexedor local fai especial fincapé na necesidade “de contar co compromiso de todos e todas especialmente daqueles veciños propietarios de parcelas con árbores lindeiros coas pistas municipais que teñen a obriga de manter libres de maleza e árbores ata unha franxa de 5 metros dende a marxe da vía”.

Esta obriga está recollida no Artigo 18 da Ordenanza Municipal para a limpeza, mantemento, conservación e ornato de espazos públicos, que establece que os propietarios dos terreos lindeiros con vías públicas municipais, deben manter libres de maleza ou árbores o espazo de 5 metros medidos horizontalmente dende a marxe da vía de acordo coa relación de especies establecida na Disposición Adicional  Terceira da Lei 3/2007 do 9 abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, eucalipto e acacia).

O non cumprimento desta disposición, provoca que parte da nosa rede de viais municipais esté afectada polas raíces que deterioran e deforman o firme da calzada, ocasionando graves prexuízos  económicos ao conxunto do Concello.

A importancia da rede viaria da Cañiza

O Concello da Cañiza conta cunha rede viaria de preto dos 400 quilómetros, sendo un dos concellos con máis extensión en quilómetros cadrados e maios taxa de diseminación de núcleos de poboación.

Os custes de mantemento e mellora dos viais municipais, explica o alcalde, “son dos máis do concello”. Nese sentido Piña engade que “o asfaltado de cada quilómetro de vía cunha capa de 5 cm de espesor pode chegar ata os 50.000 €”.

O alcalde da Cañiza remata reafirmando o compromiso do Goberno local de “continuar traballando para manter as nosas pistas no mellor estado posible, pero primeiro os propietarios das parcelas afectadas terán que cumprir coas súas responsabilidades”.

O programa Mocidade Viva propón unha actividade de patinaxe hoxe sábado en Ponteareas

A Concellería de Mocidade de Ponteareas, que dirixe Miguel Bouzó, ten programada, para hoxe sábado 8 de maio, unha actividade de patinaxe libre no Complexo Deportivo Álvaro Pino.

Esta actividade, que se celebrará dende as 20:00 horas, forma parte do programa “Mocidade Viva”, un programa estable de actividades lúdicas e formativas dirixidas á mocidade, ofrecéndolles espazos de lecer e socialización seguros e saudables.

A Concellería convida, a toda a mocidade, a coller os seus patíns e gozar libremente da patinaxe. Cabe resaltae que a actividade levarase a cabo cumprindo as distancias e normativas de seguridade sanitaria vixentes.

A Piscina Municipal de Vila Nova de Cerveira reabre o 10 de maio só para baños libres

Despois de máis dun ano pechada por mor da Covid-19, a Piscina Municipal de Vila Nova de Cerveira reabre o próximo luns, 10 de maio, pero exclusivamente para baños libres.

O horario de  funcionamento foi ampliado. A instalación permanecerá aberta ao público de luns a venres, de 08.05 a 12.40 horas, e de 16.05 a 20.40, sendo necesario realizar inscrición previa chamando ao teléfono 00 351 251 708 025.

O proceso de reapertura, aínda que restrinxido, implica un conxunto de regras emanadas da Dirección-Xeral da Saúde (DGS), da Organización Mundial de Saúde (OMS) e do Centro Europeo de Prevención e Control de Doenzas (ECDC), co fin de ser un local seguro para usuarios e profesionais.

Para poder desinfectar o complexo correctamente e responder ao necesario distanciamento social, nesta primeira fase, só serán permitidos baños libres cunha duración máxima de 40 minutos e unha ocupación máxima dun usuario por pista (no total de sete pistas). Entre as regras máis específicas, pasa a ser prohibida a utilización de material de auxilio ao nado e a ser obrigatorio a reserva previa, estando limitadas ás prazas existentes a dúas sesións por usuario por semana.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifesta a súa satisfacción pola apertura da piscina de Cerveira, á que acoden moitos veciños e veciñas tomiñeses. Así mesmo, a rexedora prega á cidadanía facer un uso responsable das instalacións transfronteirizas, de xeito de evitar contaxios.

‘365 días en galego’, a aposta da Deputación para reivindicar a lingua propia nas letras galegas

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe a programación que desenvolverá para conmemorar as Letras Galegas 2021 baixo o lema ‘365 días en galego’ con actividades durante todo o ano dirixidas principalmente á xente moza. O seu obxectivo: reivindicar a lingua propia como identidade e espertar a responsabilidade persoal da cidadanía para que non deixe de falar en galego, así como de todas as institucións para que cumpran a súa obriga de fomentalo.

A presentación das actividades, que irán dende espectáculos, exposicións, obradoiros para o ensino ata accións escénica, correu da man da presidenta provincial Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e de Cultura Victoria Alonso, que estiveron acompañadas pola poeta e especialista en Xela Arias, Tamara Andrés, e o viúvo e fotógrafo da autora, Xulio Gil.

Como mestra de cerimonias, a titular da área de Lingua María Ortega subliñou que este 2021 o país ten a honra de camiñar na compaña de Xela Arias, a quen definiu como “unha muller brava que acubilla adxectivos como excéntrica, pioneira, rupturista, inconformista, transgresora e que defendía a liberdade (ben entendida, non deturpada como agora se fai uso desa palabra), e que xurdiu como unha nova voz na poesía galega nos anos 80 para seguir hoxe igual de vixente para a xente moza”.

Ortega aproveitou a ocasión para facer unha reflexión sobre a lingua e a necesidade de responsabilidade individual para defendela non deixando de falala e de consumir cultura, productos e música en galego. Tamén fixo referencia á responsabilidade institucional co idioma propio, que debe ir máis alá dos actos simbólicos e ser un eixo transversal das diferentes áreas das administracións e non só dos departamentos de Lingua e Cultura. “Esa responsabilidade que nós exercemos de xeito consciente dende a Deputación, pedimos a outras administracións que tamén a exerzan”, reivindicou.

Pola súa parte, Silva insistiu en que a Deputación “bota a casa pola ventá” nestas Letras Galegas e “moito máis” neste 2021, “porque celebramos a nosa lingua e a nosa cultura e a unha muller”, tras citar que nos últimos 50 anos só houbo 5 galardoadas. E insistiu en que tamén é un momento de “reivindicación de todo o que as mulleres teñen aportado a este pobo e a esta cultura”.

A presidenta provincial destacou que a programación da institución “é un compromiso real coa lingua e a cultura e a igualdade” e recolle amais as propostas “dos construtores e construtoras de cultura en Galicia, que veñen a propoñernos cousas e a falarnos a falarnos daquela intelixencia e talento creativo que hai fora dos despachos. E as tomamos como propias, o que fala dunha forma diferente de facer as cousas, aínda que temos que seguir mellorando”.

“Con este día reivindicamos o noso –manifestou Carmela Silva-, aquelo que nos fai auténticas e auténticos, nos identifica e nos constrúe como pobo. Temos que reivindicar a nosa lingua, a nosa cultura, das máis potentes do mundo. Creo que é un paso adiante o presumir do noso e sentirnos moi importantes en relación a outras moitas cultura as que apreciamos e coas que nos relacionamos”.

Neste senso, a presidenta engadiu que “Xela Arias representa como ninguén ese compromiso lingua cultura e coa igualdade” e cualificouna como “un monumento a todo aquelo que queremos construír”. “Era unha grande feminista, cando selo era mais difícil que agora –dixo-. Era unha muller absolutamente comprometida, empoderada, que estaba de pé e se poñía no centro que é algo que temos que seguir a facer hoxe; temos que ser reivindicativas”, sinalou.

A presidenta leu varios textos da autora nos que quedou patente o seu compromiso co feminismo e a lingua e subliñou que grazas a autora, “hoxe está a haber unha gran revolución cultural en Galicia con nome de muller, sobre todo na escrita, onde as mulleres están ocupando os mellores postos, tanto na narrativa, poesía, no teatro, na divulgación e ela ten moito que ver con estes nomes”. E rematou lendo unha das súas citas e subliñando que “nos rouban a alma cando nos rouban a lingua”.

Pola súa banda o fotógrafo e viúvo de Xela Arias, Xulio Gil, agradeceu no seu nome e do resto da familia da autora o traballo de difusión sobre a súa figura e a súa obra, que segundo dixo xa quedarán recoñecidas de maneira atemporal. Gil fixo un repaso do traballo en conxunto entre a poeta e el como fotógrafo subliñando a importancia do ambiente cultural e de liberdade que se vivía no Vigo dos anos 80 para que puidera terse producido.

Quixo tamén abogar polo uso do galego e lembrar a teoría de que na emigración nunha porcentaxe alta dos suicidios teñen como marca principal o despoxo da lingua. “Isto tamén nos pasa cando nos depoxan da lingua aínda que non esteamos a quilómetros de distancia. Temos que consumir productos de Galicia e en galego. E unha das mellores maneiras é que todos os xestos simbólicos que se fagan co idioma –en relación á programación da Deputación- sexan homologables e de calidade para que a xente nova diga ‘isto mola’”, explicou.

Programación completa: espectáculos, exposicións, obradoiros e escena

En canto á programación completa, a deputada de Lingua explicou que está enfocada á mocidade principalmente e prolongarase durante todo este ano. As primeiras actividades serán un espectáculo multidisciplinar en Vigo e Pontevedra os vindeiros xoves 13 e venres 14 de maio ás 19.30 da tarde titulado ‘X Xela’, nos que todo xirará en torno a obra da autora misturando tres formatos: música, poesía e fotografía, como ela mesma facía. “Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular. Para asistir será preciso solicitar convite no correo [email protected]”, apuntou Ortega.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicarán poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero; a parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria; e a parte de poesía está comisariada por Tamara Andrés.

Foi a mesma Tamara Andrés a que explicou que a parte poética de ‘X Xela’ contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: “Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro’, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente”, subliñou a comisaria.

Por outra parte, a deputada de Lingua tamén anunciou unha parte educativa en colaboración coa AELG, grazas á que se realizarán en diferentes centros de ensino de Primaria e Secundaria 20 obradoiros sobre Xela Arias. A xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal será a encargada da parte de 3º e 4º da ESO, mentres o obradoiro ‘Xelapalabra’ correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase a 4º, 5º e 6º de Primaria, actuando como se fose un concurso televisivo no que as probas supéranse adiviñando pistas ou definicións de palabras relacionadas con Xela Arias. Celebraranse nas vindeiras semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos, Oia e Agolada, onde os centros xa esgotaron as prazas da AELG, que teñen unha longa lista de agarda.

A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, incidiu en que as actividades programadas desde o seu departamento abranguerán todo o ano. Haberá dúas exposicións, a primeira titulada ‘Lebres como gacelas’, que “é un proxecto multidisciplinar que integra palabra e imaxes, poesía e fotografía”. Está inspirada en “Tigres como cabalos” a obra de Arias con fotografías de Xulio Gil. Neste caso recollerá as imaxes da fotógrafa Eva Díaz e o fotógrafo Fran Herbello, así como poemas de nova creación baseados nelas a cargo de recoñecidas poetas galegas como Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns, “coa idea de poñer en valor a figura de Xela Arias”. Esta mostra servirá de base para o concurso de fotografía e poesía que se lanzará, dirixido ao alumnado Secundaria e Bacharelato.

A outra exposición será ‘Xela Arias, a poesía do retrato’, en colaboración co Concello de Vigo, que reunirá poemas da autora xunto a retratos realizados por Xulio Gil durante os anos 80 e 90, “co obxectivo de achegarnos á figura máis intima de Xela”.

Doutra banda, a Deputación apoiará ás editoriais a través de varios libros vinculados á homenaxeada, en concreto tres da autora lanzados por Xerais, ‘Darío a diario’, ‘Poesía reunida’ e ‘Intermpériome’, así como outros sobre a escritora: ‘Xela Arias. Poeta e tradutora’, de Anxo X. Rajó Pazó. (Editorial Ir Indo) e ‘Xela quixo ser ela’ de Yolanda Castaño (Editorial Xerais).

Por último, programarase unha acción escénica no Castelo de Soutomaior para vincular a figura de Xela Arias coa de María Vinyals. Trátase de ‘Vencerse é unha cousa de se tratar’, unha proposta de Fernando Abreu na que participa Monica de nut, Pablo Carrera e Roi Fernández e baixo a direccion de Avelino González.

Ponteareas, punto de saída o sábado da quinta ‘Challenge As Rías Baixas’ de ciclismo

Este sábado 8 de maio Ponteareas acolle a primeira das tres etapas que compoñen a V Challenge As Rías Baixas, que organiza o club ciclista “Master da Louriña” e coa que o Concello de Ponteareas colabora. A proba, de rango estatal, terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio nos concellos de Ponteareas, Mos e O Porriño.

A etapa ponteareá trátase dunha contrarreloxo individual de 8 quilómetros que terá lugar integramente na parroquia de Guláns, con saída e chegada no Parque da Avisoureira dende as 10 h.

Na presentación da proba, o concelleiro de Deportes ponteareán, Miguel Bouzó, puxo en valor “a enorme vinculación de Ponteareas co ciclismo” e agradeceu á organización “que contasen un ano máis coa nosa vila para a celebración dunha proba que chega á súa quinta edición nun momento complicado a nivel social e sanitario, que fai aínda máis valiosa a valentía da organización para enfrontarse a este reto e lograr desenvolver unha proba destas características con toda a seguridade”

“A música e Mondariz”, un libro que valoriza a tradición musical da vila

0

O Auditorio do Centro Social de Mondariz acolle este sábado, 8 de maio, a presentación do libro “A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións”, escrito por Chiqui Bernárdez, Raquel Faro e Félix Rodríguez e editado por Dos Acordes.

Trátase dun ensaio de 156 páxinas no que se diserta sobre a gran tradición musical do pobo de Mondariz. Segundo os seus propios autores, busca poñer en valor a cultura popular, reivindicando a importancia da memoria e da transmisión de coñecementos entre xeracións.

Os tres autores comparten unha longa experiencia na música folk da comarca do Condado. Chiqui Bernárdez, como guitarrista, formou parte de varias agrupacións galegas desde a súa xuventude. Nos anos noventa foi membro do grupo “Trisquel”, co que gravou tres discos. Unha vez disolta esta agrupación, continuou innovando musicalmente xunto a antigos compañeiros en grupos como “Valigai”, co que gravou o seu cuarto traballo discográfico, e “Pédêpötè”, do que forma parte actualmente. Raquel Faro, como percusionista, tamén ten unha extensa traxectoria en agrupacións de música tradicional galega e grupos de música folk como “Boureo”, “Volta e dalle”, “Folieiros de Lavadores” e “Pédêpötè”. Félix Rodríguez, que domina varios instrumentos e composición de arranxos, foi integrante de “Aturuxo Folk”, “Boureo”, “Irmandiños de Vincios” e o “Coro Tradicional Cantares de Brión”, donde exerceu como subdirector.

O libro xurdiu dun traballo de documentación iniciado por Chiqui Bernárdez hai máis de dez anos. Ao proxecto foron sumándose Raquel Faro e Félix Rodríguez, compañeiros de aventuras musicais con inquedanzas compartidas. “En maio de 2016 creamos un blogue (https://amusicaemondariz.blogspot.com) e a partir de xaneiro de 2017 comezamos a darlle forma ao libro, transcribindo partituras, documentando e redactando”, explica Chiqui Bernárdez.

“A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións” dedica o seu primeiro capítulo a presentar a tradición musical de Mondariz. De seguido, profunda na contribución de Benjamín Fernández Pazos e da Sociedad Artística del Tea durante as primeiras décadas do século XX, tan relevantes na historia de Mondariz e Mondariz-Balneario. Este labor divulgativo compleméntase coa recopilación de partituras e fotografías da época.

A edición desta obra recibiu apoio do Concello de Mondariz. “A localidade ten unha fonda tradición musical. É un orgullo que os veciños e as veciñas emprendan proxectos de recuperación cultural como estes”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O evento de presentación comezará ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo permitido. Contará coa presenza dos tres autores e do editor, Javier Jurado.

O paseo do río Maceiras, en Redondela, pechado entre o 10 e 14 de maio por obras menores

0

Dentro do plan anual de mantemento das zonas fluviais do Concello de Redondela, nos vindeiros días pecharáse ao acceso público o paseo do río Maceiras para realizar obras menores consistentes na recolocación dos muros de contención que sufriron danos polos enchentes do inverno e o acondicionamento do firme.

Estas actuacións veñen englobadas dentro da declaración responsable que ten otorgada o Concello de Redondela por Augas de Galicia para a limpeza e o mantemento dos ríos do municipio.

Os traballos realizaranse dentro das pautas marcadas no acordo entre administracións:

  • Evitarase o toldamento das augas pola demolición de materiais ou operacións complementarias que teñan lugar nas proximidades do leito do río.
  • Prohibirase a corta ou destrución da vexetación arbustiva ou arbórea de ribeira, agásque conte con autorización específica para estes traballos.
  • Deixarase en todo momento expedita a zona de servidume para uso público,consistente nunha banda de 5 m de ancho, medidos a partir do bordo ocupado polas augas nas máximas enchentes ordinarias.
  • Durante a fase de construción extremaranse as precaucións coa retirada de todo tipo de cascallos e material de refugallo das marxe, co obxecto de reducir posibles alteracións na calidade da auga circulante ou na capacidade hidráulica da canle.
  • De xeito especial, prohíbese expresamente verter no propio leito do río restos deformigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramenta que estiveran en contacto coneles, así como cambio de aceite de maquinaria de construción.
  • Non se depositarán na zona de servidume nin en lugares próximos ningún tipo dematerial que poida incorporarse ao río por escorrentas ou cheas.
  • Os residuos xerados durante a construcón terán que ser trasladados a vertedoiro deresiduos de construción autorizado.
  • Unha vez rematadas as obras ou durante a súa execución, en todas aquelas zonasque dalgún xeito sufrisen unha degradación (tránsito de maquinaria pola zona depolicía) procederase á súa rehabilitación, descontaminando a terra e, se fora preciso,aportando terra vexetal, sementando, plantando, etc. ata conseguir a súa situación primitiva.
  • Rematadas as obras, comunicaráselle ao Concello de Redondela, que procederá ásúa comunicación a Augas de Galicia para o seu recoñecemento final nos casos que se consideren oportunos.

O PSOE de Tomiño lamenta que se achaque a “temas políticos” a dimisión do Concelleiro de Tráfico

0

Ante a publicación dun post nas redes sociais no que se involucraba supostamente ao concelleiro de Tráfico de Tomiño en diversos incidentes –acontecementos que remataron coa dimisión do edil– e as acusacións, totalmente carentes de fundamento, de ser unha campaña orquestada polo PSOE tomiñés, as e os socialistas do municipio veñen de facer unha serie de matizacións de cara a clarificar os feitos.

A agrupación socialista foi coñecedora dos acontecementos nos que estaba presuntamente involucrado o concelleiro de Tráfico “a noite do 14 de abril a través dunha publicación subida ás redes sociais”. Os feitos relatados, engade a Agrupación Socialista de Tomiño, “non foron desmentidos nin de maneira persoal nin oficial” e, ante o malestar e preocupación da veciñanza por ditos incidentes “fixemos pública a nosa intención de pedir explicacións en sede plenaria” e, de non darse ou ser insuficientes, as e os socialistas pedirían “que se asuman as responsabilidades pertinentes” algo que, recalca o PSOE, “non é máis que cumprir coa nosa obriga de darlle voz aos veciños e veciñas que así o demandan”.

En todo caso, “as responsabilidades neste turbio asunto son exclusivamente da persoa ou persoas implicadas”, polo que lamentan que se lle bote a culpa a “motivos políticos” xa que a súa dimisión “ven motivada por uns supostos feitos e non por unha suposta polémica política”.

O certo é que nas redes aparecen publicadas “unha serie de posibles infraccións que nin foron desmentidas publicamente nin se teñen presentado probas da súa falsedade”.

O PSOE tomiñés cualifica cando menos de “curioso” que 20 días despois dos feitos que deron orixe á dimisión do concelleiro “resulte que a culpable é a oposición” o que leva a preguntar “en base a que, e con que fundamentos, probas ou evidencias, faise esta acusación?”

Doutra banda as e os socialistas botan en falta “un comunicado oficial da Alcaldía, ante a evidencia de ter aceptada a dimisión do seu edil” e lembran que os cargos públicos e políticos “debemos dimitir se hai razóns para elo, asumindo as responsabilidades e consecuencias dos nosos actos” pero apuntan que “o que non é normal en democracia é culpar á oposición dos erros propios”.

Finalmente entenden que Alcaldía de Tomiño “está contribuíndo a esta anormalidade democrática, cando permite que se vertan este tipo de acusacións falsas e infundadas co único fin de desviar a atención”.

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos necesarios para as obras da estrada PO-403 en Ponteareas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca nos meses de xuño e de setembro ao propietarios dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.

O levantamento de actas previas levarase a cabo o vindeiro 17 de xuño no salón de plenos da Casa do Concello de Ponteareas, entre as 10 e as 14 horas. A formalización das actas de ocupación terá lugar o 23 de setembro, no mesmo lugar e con igual horario. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/vs0v2.

O orzamento destinado polo Goberno galego a este proxecto rolda os 650.000 euros, nos que se inclúen os preto de 61.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar esta actuación. 

Esta intervención enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos comprenden un tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

As intervencións consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.

Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Concretamente, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

O Delegado do Goberno en Galicia vista as instalacións militares de Cabo Silleiro en Baiona

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, recibiu hoxe ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na que foi a primeira visita institucional ao Concello de Baiona.

O encontro institucional materializouse cunha visita ás emblemáticas instalacións militares de Cabo Silleiro que están en vías de pasar a titularidade municipal.

O alcalde e o delegado percorreron parte das instalacións acompañados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba e o subdelegado de Defensa na provincia, coronel Miguel Constantino Cortés, onde mostrou sobre o terreo os plans que ten o goberno local nas dependencias e informarlle da situación dos trámites.

José Miñones felicitou ao alcalde de Baiona pola súa xestión e puxo en valor a sensibilidade do Ministerio de Defensa para facer a transacción. Sobre este proceso, o delegado confirmou que o Ministerio de Defensa está a realizar os trámites necesarios para poder escriturar a propiedade a nome do Concello e mostrou a súa confianza de que estes trámites finalicen o antes posible.

Así mesmo, o rexedor baionés informou da reunión mantida con representantes do colexio de arquitectos co obxectivo de iniciar, o máis axiña posible, os preparativos para o concurso de ideas que o rexedor prometeu para seleccionar un proxecto de reforma das instalacións.

“Queremos que sexa un espazo para diferentes actividades, multiocio. E poñelo en valor desde o punto de vista paisaxístico, ambiental e histórico”, sinala o alcalde. “Temos que facer o mellor proxecto do mundo porque o sitio meréceo”, defende Gómez, e por iso o goberno local aposta por convocar un concurso de ideas que posibilite proxectar o maior potencial deste espazo.

Batería de Cabo Silleiro

O Ministerio de Defensa puxo á venda a batería de Cabo Silleiro xunto con outras instalacións e bens inmobles no ano 2013, dentro do Plan de Racionalización de Bens Inmobiliarios do Ministerio. O prezo inicial da venda superaba os 500.000 euros. Finalmente, o acordo alcanzado o pasado mes de marzo rebaixa a cifra ata os 369.060 euros.

Esta batería formaba parte, xunto ás baterías J1 do Cabo de San Vicente, J2 de Udra, J3 Monteferro, J5 Baixo e J6 A Guarda, dunha armazón de fortificacións do século XX que tiña por obxecto blindar a costa sur da provincia de Pontevedra.

Os terreos onde se asenta a Batería de Costa de Cabo Silleiro foron ocupados cara a 1940, mentres que as obras máis significativas de infraestruturas e instalacións tiveron lugar entre 1945 e 1969.

Trátase dun complexo militar formado por varios edificios, canóns e túneles que a día de hoxe atópase en estado ruinoso.

A superficie aproximada da batería adquirida polo Concello de Baiona é de 98.000 metros cadrados. Dispón de 4 canóns de artillería Vickers de 1943 –cun alcance de 16 quilómetros- aliñados na ladeira do monte, e que nunca foron usados. Estes canóns están unidos por túneles escavados no granito. En total, a ladeira do monte está atravesada por 200 metros de pasadizos que, orixinalmente, tiñan raíles para posibilitar o transporte da munición. No seu interior tamén se construíu un búnker de telemetría que se reabriu no 2002 para observar a marea negra do Prestige.