11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaO Delegado do Goberno en Galicia vista as instalacións militares de Cabo...

    O Delegado do Goberno en Galicia vista as instalacións militares de Cabo Silleiro en Baiona

    O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, recibiu hoxe ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na que foi a primeira visita institucional ao Concello de Baiona.

    O encontro institucional materializouse cunha visita ás emblemáticas instalacións militares de Cabo Silleiro que están en vías de pasar a titularidade municipal.

    O alcalde e o delegado percorreron parte das instalacións acompañados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba e o subdelegado de Defensa na provincia, coronel Miguel Constantino Cortés, onde mostrou sobre o terreo os plans que ten o goberno local nas dependencias e informarlle da situación dos trámites.

    José Miñones felicitou ao alcalde de Baiona pola súa xestión e puxo en valor a sensibilidade do Ministerio de Defensa para facer a transacción. Sobre este proceso, o delegado confirmou que o Ministerio de Defensa está a realizar os trámites necesarios para poder escriturar a propiedade a nome do Concello e mostrou a súa confianza de que estes trámites finalicen o antes posible.

    Así mesmo, o rexedor baionés informou da reunión mantida con representantes do colexio de arquitectos co obxectivo de iniciar, o máis axiña posible, os preparativos para o concurso de ideas que o rexedor prometeu para seleccionar un proxecto de reforma das instalacións.

    “Queremos que sexa un espazo para diferentes actividades, multiocio. E poñelo en valor desde o punto de vista paisaxístico, ambiental e histórico”, sinala o alcalde. “Temos que facer o mellor proxecto do mundo porque o sitio meréceo”, defende Gómez, e por iso o goberno local aposta por convocar un concurso de ideas que posibilite proxectar o maior potencial deste espazo.

    Batería de Cabo Silleiro

    O Ministerio de Defensa puxo á venda a batería de Cabo Silleiro xunto con outras instalacións e bens inmobles no ano 2013, dentro do Plan de Racionalización de Bens Inmobiliarios do Ministerio. O prezo inicial da venda superaba os 500.000 euros. Finalmente, o acordo alcanzado o pasado mes de marzo rebaixa a cifra ata os 369.060 euros.

    Esta batería formaba parte, xunto ás baterías J1 do Cabo de San Vicente, J2 de Udra, J3 Monteferro, J5 Baixo e J6 A Guarda, dunha armazón de fortificacións do século XX que tiña por obxecto blindar a costa sur da provincia de Pontevedra.

    Os terreos onde se asenta a Batería de Costa de Cabo Silleiro foron ocupados cara a 1940, mentres que as obras máis significativas de infraestruturas e instalacións tiveron lugar entre 1945 e 1969.

    Trátase dun complexo militar formado por varios edificios, canóns e túneles que a día de hoxe atópase en estado ruinoso.

    A superficie aproximada da batería adquirida polo Concello de Baiona é de 98.000 metros cadrados. Dispón de 4 canóns de artillería Vickers de 1943 –cun alcance de 16 quilómetros- aliñados na ladeira do monte, e que nunca foron usados. Estes canóns están unidos por túneles escavados no granito. En total, a ladeira do monte está atravesada por 200 metros de pasadizos que, orixinalmente, tiñan raíles para posibilitar o transporte da munición. No seu interior tamén se construíu un búnker de telemetría que se reabriu no 2002 para observar a marea negra do Prestige.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.