O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, vén de expresar, unha vez máis, a súa postura contraria respecto a instalación dun parque eólico na Serra da Groba. O rexedor baionés quere deixar clara a súa oposición “a unha instalación que afectará ao monte de Baíña” xa que, lembra “un dos proxectos de execución está ideado no lugar coñecido como O alto da mata desta parroquia baionesa.
Para o alcalde de Baiona resulta “inaceptable” que a Xunta decidira de xeito unilateral a instalación e localización dese parque eólico “sen que se tivera en conta aos comuneiros, comuneiras, veciños e veciñas nunha decisión de vital importancia como é a desta instalación”.
“Estamos a favor das enerxías renovables –explica o rexedor local– pero non a calquera prezo” e afirma que o proxecto está enfocado “ao máximo aproveitamento e rendemento enerxético, ignorando calquera outra cautela de interese paisaxístico, patrimonial ou de biodeversidade”. “Non se busca o mínimo impacto ambiental, senón o máximo beneficio e isto é unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas”, afirma con rotundidade Carlos Gómez.
Así mesmo, Gómez fai mención a que “a zona alberga numerosos valores” que teñen que ser protexidos e insiste en que se está a falar dunha a conservar porque “queremos seguir tendo un referente paisaxístico, un rico patrimonio natural, xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia, pero tamén preferimos que continúe o aproveitamento multifuncional das comunidades de montes. Todo isto non se pode comprar con diñeiro”.
O alcalde de Baiona pon tamén o foco de atención sobre o convenio asinado entre o anterior Goberno municipal (PP) e a Xunta de Galicia “no que se investiu diñeiro público para a construción dun miradoiro de madeira con bancos na zona do Cortelliño para facer máis confortable o balcón natural do Val Miñor”.
“Pois ben –engade Carlos Gómez–, de levarse a cabo a instalación do eólico na zona prevista, o investimento deste diñeiro público quedaría sen a súa razón de ser: a de ofrecer as mellores vistas do Val Miñor” xa que puntualiza o alcalde “o proxecto contempla a implantación do eólico xusto diante do visitado miradoiro” polo que veciñanza e visitantes “quedarían privados unhas vistas privilexiadas dende as que se dividan, dunha sola ollada, a baía de Baiona, as Illas Estelas, as illas Cíes, as rías de Vigo e Pontevedra e, en días claros, a illa de Ons e a ría de Arousa”.
Finalmente Carlos Gómez sinalou que “a eólica poñería en perigo a estratexia de conservación do monte baionés supoñendo ademais un gran impacto paisaxístico no Espazo Natural da Serra dá Groba, un espazo que se debe protexer, coidar e que é un referente en Galicia”.