16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelNee Barros Fernández, «Identidade»

    Nee Barros Fernández, «Identidade»

    «Identidade» é unha peza teatral que chega a nós como o primeiro traballo de Nee Barros, e nos presenta a un autor ao que haberá que prestar atención na súa andaina polas nosas letras. Poderiamos falar, de primeiras, de que é un texto preñado de sinceridade e rotundidade, pois o título é bastante contundente e, por se houbese algúnha dúbida, leva un subtítulo aínda máis aclaratorio: «A normalidade do non-común». E tal é o alicerce sobre o que se constrúe a súa historia: a revelación da normalidade na construción dunha identidade.

    Para entendelo mellor, haberá que aclarar que o protagonista desta peza é Zé, un mozo que anda na procura da súa identidade nun entorno que non acaba de entender que, nacendo María como naceu, agora pretenda asumir un rol diferente ao que lle foi asignado por unha tradición difícil de quebrar. Poucos ao seu arredor comprenden que, nacendo muller, se comporte coma se fose un rapaz e ata pretenda trocar o seu nome orixinario. Pero Zé mantense firme nunha convicción que, aos poucos, terá que transmitir ao seu entorno para que a convivencia sexa o máis cómoda posible para todos.

    A historia en si é toda unha reivindicación da liberdade de elección e da necesidade de sentirse cómodo con un mesmo, pense o entorno o que queira pensar. Zé vese marcado por un nacemento no que, obviamente, nada tivo que dicir, pero que determinou o comportamento do seu entorno cara a el e mesmo o seu propio xeito de se comportar. E non estamos a falar de identidade sexual, senón de algo que transcende esas limitacións e afecta ao noso comportamento como persoas, capaces de superar as barreiras de xénero e de aceptar que mesmo esas identidades non-comúns que se citan no subtítulo, poden converterse en normais se lles damos a oportunidade. No fondo, é aquela máxima de “Vive e deixa vivir” que a sabedoría popular atribúe ao poeta F. von Schiller.

    Sendo este o verdadeiro valor do texto, ten outros moitos que considero de interese e que teñen que ver cos prantexamentos teatrais desta peza. O acerto de simbolizar a cegueira da sociedade cara ao que Zé sente a través de vendas negras que tapan os ollos dos actores e que os protagonistas terán que axudar a tirar, coido que é un dos máis relevantes. Mais non é o único e a construción de moitas das 35 pequenas escenas nas que se constrúe a obra ao longo dos seus cinco actos, fálannos dun autor que semella coñecer ben a fondo os recursos teatrais habituais e que mesmo é capaz de crear algúns novos cos que darle forma á súa mensaxe.

    En resumo, unha peza teatral moi contemporánea en prantexamento temático e estrutural e claramente reivindicativa, que agocha un interesante tratamento  dramático, con escenas certamente memorables que ficarán por moito tempo na mente do lector e máis aínda na do espectador cando a peza sexa representada. Por iso manteño que o de Nee Barros é un nome ao que haberá que prestarlle moita atención no futuro.

    Nee Barros Fernández

    Identidade

    Galaxia