7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondariz"A música e Mondariz", un libro que valoriza a tradición musical da...

    “A música e Mondariz”, un libro que valoriza a tradición musical da vila

    A presentación está programada para este sábado, 8 de maio, no Auditorio do Centro Social de Mondariz

    O Auditorio do Centro Social de Mondariz acolle este sábado, 8 de maio, a presentación do libro “A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións”, escrito por Chiqui Bernárdez, Raquel Faro e Félix Rodríguez e editado por Dos Acordes.

    Trátase dun ensaio de 156 páxinas no que se diserta sobre a gran tradición musical do pobo de Mondariz. Segundo os seus propios autores, busca poñer en valor a cultura popular, reivindicando a importancia da memoria e da transmisión de coñecementos entre xeracións.

    Os tres autores comparten unha longa experiencia na música folk da comarca do Condado. Chiqui Bernárdez, como guitarrista, formou parte de varias agrupacións galegas desde a súa xuventude. Nos anos noventa foi membro do grupo “Trisquel”, co que gravou tres discos. Unha vez disolta esta agrupación, continuou innovando musicalmente xunto a antigos compañeiros en grupos como “Valigai”, co que gravou o seu cuarto traballo discográfico, e “Pédêpötè”, do que forma parte actualmente. Raquel Faro, como percusionista, tamén ten unha extensa traxectoria en agrupacións de música tradicional galega e grupos de música folk como “Boureo”, “Volta e dalle”, “Folieiros de Lavadores” e “Pédêpötè”. Félix Rodríguez, que domina varios instrumentos e composición de arranxos, foi integrante de “Aturuxo Folk”, “Boureo”, “Irmandiños de Vincios” e o “Coro Tradicional Cantares de Brión”, donde exerceu como subdirector.

    O libro xurdiu dun traballo de documentación iniciado por Chiqui Bernárdez hai máis de dez anos. Ao proxecto foron sumándose Raquel Faro e Félix Rodríguez, compañeiros de aventuras musicais con inquedanzas compartidas. “En maio de 2016 creamos un blogue (https://amusicaemondariz.blogspot.com) e a partir de xaneiro de 2017 comezamos a darlle forma ao libro, transcribindo partituras, documentando e redactando”, explica Chiqui Bernárdez.

    “A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións” dedica o seu primeiro capítulo a presentar a tradición musical de Mondariz. De seguido, profunda na contribución de Benjamín Fernández Pazos e da Sociedad Artística del Tea durante as primeiras décadas do século XX, tan relevantes na historia de Mondariz e Mondariz-Balneario. Este labor divulgativo compleméntase coa recopilación de partituras e fotografías da época.

    A edición desta obra recibiu apoio do Concello de Mondariz. “A localidade ten unha fonda tradición musical. É un orgullo que os veciños e as veciñas emprendan proxectos de recuperación cultural como estes”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    O evento de presentación comezará ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo permitido. Contará coa presenza dos tres autores e do editor, Javier Jurado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.