O Centro Municipal de Remo do Concello de Tui vén de renovarse interiormente cunha achega de 58.000 euros da Deputación. As obras consistiron na climatización e renovación de aire, incluíndo a medición dos niveis de CO2 e a substitución completa do pavimento. Supoñen a terceira mellora destas instalacións dende o ano 2015, sempre con financiamento do Plan Concellos, e unha achega total que supera os 150.000 euros.
Os deputados de Cooperación, Santos Héctor, e Deportes, Gorka Gómez, comprobaron os resultados acompañados do alcalde, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e a directiva do Club Remo do Miño, encabezada polo seu presidente Manuel Ángel González.
O novo sistema de renovación de aire e climatización está dotado dun intercambiador de calor. Deste xeito, pasa a dispor dunha nova ventilación cun aire filtrado procedente do exterior. O equipo inclúe tamén medición dos niveis de dióxido de carbono, permitindo así un uso adecuado e o cumprimento das medidas de prevención no actual escenario de pandemia.
A maiores renovouse o piso de toda a instalación cunha tarima de madeira flotante. As obras no Centro Municipal de Remo optimizaron así o confort dunha instalación que conta cun ximnasio, unha sala de remoergómetros (máquinas de remo), dous vestiarios para deportistas, oficinas, sala de reunións e un galpón para embarcacións
Santos Héctor subliñou que o Centro Municipal de Remo conta agora cunhas condicións que optimizan a experiencia dos/as deportistas. “Esta era unha obra necesaria e que reforza a oferta deportiva do Concello de Tui, que aposta sempre polo deporte”. O deputado destacou que o Deporte é un eixe prioritario nas políticas públicas da Deputación e subliñou o valor de Tui como referente do deporte provincial.
Enrique Cabaleiro explicou que o Plan Concellos da Deputación está a permitir unha aposta sen precedentes polas instalacións deportivas “que doutro xeito sería materialmente imposible”. Así lembrou que tan só neste ano reformáronse os pavillóns Novo e Vello, está a modernizarse a iluminación de tódolos pavillóns e campos de fútbol de herba artificial para pasalas a tecnoloxía led e en breve comezará a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol Caldelas e a cuberta do Álvarez Durán.
Ademais, o Concello pretende abordar o Centro de Piragüismo Quique Míguez, no que hai que investir preto de 700.000 euros. “Todo isto demostra o compromiso do Goberno local coas instalacións deportivas porque o Deporte singulariza a Tui. Somos canteira de moitísimos deportistas de tódalas modalidades, de rango nacional e internacional e o mellor apoio que lles podemos dar é coidar os equipamentos que eles utilizan a diario”.
Finalmente, agradeceu o labor do Club Remo do Miño “que é un dos nosos sinais de identidade”. “O traballo das Administracións é importante, pero tamén o traballo altruísta dos responsables dos clubs”. Nesta mesma liña, o deputado Santos Héctor aproveitou a ocasión para destacar que Tui conta con tres remeiros de alto nivel que dispoñen de bolsa DepoDan da Deputación de Pontevedra, aos que este ano 2021 pode engadirse un cuarto.
Dende o ano 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos case 10 millóns de euros en Tui, que permitiron decenas de obras, fundamentalmente, ao amparo do Plan Concellos de financiamento regrado aos municipios de menos de 50.000 habitantes.
Para reestruturar o núcleo de Paramos, Tui beneficiouse, ademais, dun proxecto extraordinario, dentro do Plan DepoRemse, de mellora da seguridade nos viarios municipais, cunha asignación de case 425.000 euros. O Concello contratou tamén a preto de 101 persoas desempregadas para traballar temporalmente nos servizos municipais con cargo á Liña 3 do Plan Concellos. Este ano contará con 15 persoas máis.