19.9 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos dá a benvida á nova normalidade cun programa estival de actividades...

    Mos dá a benvida á nova normalidade cun programa estival de actividades ao aire libre

    Coincidindo co fin do Estado de Alarma o Concello traballa nunha programación para todos os públicos que comezará o vindeiro mes de xuño cumprindo escrupulosamente todos os protocolos e medidas anti Covid-19

    Tras ter retomado a actividade ao aire libre para maiores mediante o programa municipal no Paseo do Louro e no parque biosaudable da Pateira titulado ‘Activa – mos – nos’, o Concello de Mos traballa, coincidindo co fin do Estado de Alarma o vindeiro domingo 9 de maio, nunha programación deportiva e cultural para a volta á ‘nova normalidade’ da veciñanza de cara ao vindeiro mes de xuño, que será cando se inicien as actividades.

    Mos volve así á vida municipal activa, pero sempre primando e garantindo todos os protocolos e medidas anti Covid-19: desenvolvemento en exteriores, mantemento das distancias de seguridade, aforos reducidos, uso de mascarilla, desinfección e hixiene… etc.

    Esta iniciativa nace da colaboración entre as concellerías de Cultura, Participación Cidadá e Benestar Social que dirixe Sara Cebreiro, Deportes dirixida por José Areal, e Medio Ambiente e Mocidade a cargo de Leo Costas; e foi presentada esta mañá no parque biosaudable de Sanguiñeda pola alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada dos membros do equipo de goberno local.

    O pasado mes de abril daba comezo o programa ‘Activa – mos – nos’ de actividade física para maiores que se imparte en grupos de 4 persoas con monitor deportivo cumprindo con todas as medidas anti Covid-19 en 2 sesións á semana de 1 hora de duración. Iniciouse esta actividade vista a necesidade de ofrecerlle aos maiores diferentes actividades nas que o deporte e o exercizo físico sexan o núcleo fundamental.

    Agora o Concello fai extensivo este obxectivo á poboación xeral e prepárase para promocionar unha vida saudable  ao aire libre  e nas instalacións públicas exteriores durante todo o verán.

    Deste xeito organizaranse clases de pilates no parque de Sanguiñeda, de zumba en Costoias (Tameiga) e de aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio.

    Así mesmo levaranse a cabo andainas tanto medioambientais como culturais.

    As medioambientais discorrerán por montes e carreiros das parroquias. Realizaranse de xuño a outubro polas parroquias de Pereiras, Cela, Mos, Torroso e Louredo. Todas terán un percorrido mínimo de 5 km e máximo de 8,5 km. Son de percorrido moderado apto para todas as idades, e ademais poderanse realizar acompañadas de mascotas sempre que estas saiban convivir con máis animais e en compañía de persoas. Contarán coa presenza de Protección Civil, indicacións nos cruces para que ninguén se perda… etc. Todas se celebrarán durante as mañás dos domingos.

    Desde a concellería de Medio Ambiente estase a traballar tamén nun programa de sendas e percorridos por Mos para dar a coñecer os recunchos do concello, que se poderán consultar na web municipal e simplemente consiste en que a xente se descargue no móbil a aplicación Wikiloc e grave o seu roteiro, ten que ser sempre por espazos públicos e de libre tránsito, e envialo ao Concello que se encargará de subilo a esta plataforma creada na web.

    As andainas culturais levarán por título ‘Coñece a túa parroquia’. Discorrerán polas parroquias de Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Dornelas e Guizán e os camiñantes participantes irán acompañados dun guía que lles explique os recursos patrimoniais, arquitectónicos, escultóricos, históricos e culturais que vaian atopando na súa ruta por cada unha das mencionadas parroquias.

    Deste xeito nas andainas culturais visitaranse os sitios emblemáticos de cada parroquia: lugares, monumentos, igrexas, aspectos de flora e fauna, etc. Vincularase ás persoas da parroquia respectiva que queiran colaborar e teñan coñecemento profundo dela, así como aos curas párrocos para poder visitar as igrexas/ermidas respectivas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.