O Festival Sinsal Son Estrella Galicia desenvolve desde mañá e ata o domingo unha nova edición na Illa de San Simón, bautizada como “esencial” e que ten como eixos da súa programación a vangarda, a sustentabilidade e a natureza. A Xunta de Galicia volve patrocinar o evento como unha das 13 citas adheridas á súa marca FEST Galicia, vinculada así mesmo á celebración do Xacobeo 21-22.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiron este mediodía a un encontro institucional xunto ao codirector do Sinsal, Luis Campos, e os representantes doutras das entidades colaboradoras, onde reafirmaron o compromiso do Goberno galego cos festivais que integran a iniciativa FEST Galicia, creada para promover a nosa Comunidade
como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade medioambiental e concienciación social.
Aumento dos fondos para festivais
Trátase dunha das principais vías de apoio autonómico aos encontros profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de 840.000 euros en 2021. De feito, FEST Galicia incrementou os seus fondos nun 25%, chegando aos 500.000 euros, e este ano retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.
No caso do Festival Sinsal, o cartel segredo segue sendo un dos seus sinais de identidade, aínda que desta volta a organización desvelou que os grupos proceden de distintos puntos de Galicia e do resto de España, Portugal e Estados Unidos, así como que o 70% deles están liderados por mulleres ou compostos na súa totalidade por integrantes femininas.
O escenario FEST Galicia Xacobeo 21-22 é un dos dous instalados na Illa de San Simón, aos que neste Sinsal Esencial se suma, ademais, un escenario virtual da man do colectivo Liveforevr. Esta proposta innovadora suporá a retransmisión aberta a todo o mundo dunha experiencia inmersiva, en colaboración cunha das artistas do festival, o sábado 24 a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr e Sinsal.
Entradas esgotadas
Coas entradas xa esgotadas, as tres xornadas de programación incluirán catro concertos, unha conversa sobre o futuro sostible da industria cultural e unha sesión de DJ para animar a despedida. Ademais, polas tardes os asistentes poderán coñecer de preto a memoria e a natureza que se atopa no arquipélago conformado por San Simón e San Antón.
No marco das actividades paralelas, poderase ver por vez primeira un pequeno avance da nova curta documental da cineasta redondelá Diana Toucedo sobre o traballo das mulleres e homes do mar da ría de Vigo.
Ponteareas pode xa desfrutar dun renovado anel urbano de equipamentos, 35.000 metros cadrados de actuación que permitiron recuperar espazos para as persoas na contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde, potenciando a mobilidade amable e a seguridade viaria. Unhas obras de mellora que tiñan por obxectivo renovar o espazo público, mellorar a mobilidade peonil e transformar unha das portas de entrada a Ponteareas, que estaba moi degradada e visualmente desordenada.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitaron este mércores esta contorna remodelada, na que se investiron máis de 400.000 euros financiados nun 20% por fondos propios municipais e nun 80% ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) do organismo provincial. “É un claro exemplo do que se pode conseguir para a veciñanza unificando forzas e esforzos por parte de dúas administracións públicas”, salientou a rexedora.
Con esta acción de recuperación do espazo público para as persoas regulouse a mobilidade da contorna do complexo deportivo e do centro de saúde, que permitiu “gañar máis espazos para o lecer e o esparexemento e favorecer espazos de convivencia dando seguridade á veciñanza que percorre o lugar a pé ou en bicicleta, fomentando un xeito de vida máis san e coidando o medio ambiente, xa que diminuímos o uso de vehículos e a emisión de CO2”. De feito, a zona conta agora con aparcadoiros de bicicleta para fomentar outro tipo de mobilidade. Ademais, a renovación foi acompañada dun traballo de mellora da iluminación e da apertura de amplas zonas axardinadas, con numeroso arborado que garante a sombra, novo mobiliario urbano e zonas de estancia con bancos, o que permitirá desfrutar á veciñanza desfrutar da contorna.
Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a mellora da contorna camiña na senda da “mobilidade amable, promovendo que os protagonistas do espazo público sexa a propia veciñanza”. “Aquí desenvolvéronse valores de mobilidade sostible cunha estética que fai moi atractivo para calquera persoa achegarse ata a zona. Porque temos que pasar do discurso da sostibilidade á acción”, asegurou.
Esta actuación conecta dunha forma segura e amábel a senda do Regato da Venda coa Senda do Tea e incluíu a creación dunha senda de arredor de 700 metros na rúa Canteiro Xosé Cerviño que chega ata o barrio da Cachada, favorecendo a mobilidade peonil e ciclábel.
Para afondar na mellora da mobilidade, os traballos de remodelación da zona foron acompañados dun Plan de Mobilidade específico que permitiu a reordenación do tráfico mantendo as prazas de aparcamento e a implementación dunha zona de estacionamento por tempo limitado que multiplicará as prazas de estacionamento dispoñibles na contorna. Ademais, na zona de servizos que rodea o complexo deportivo Álvaro Pino creáronse 5 prazas de estacionamento de máximo 10 minutos dirixidas a facilitar que os veciños e veciñas poidan realizar as súas xestións nos diferentes servizos existentes na zona.
Alcaldesa e presidenta estiveron acompañadas na visita polo deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor; o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; a edil de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera; e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.
O Concello de Nigrán e o centro Juan María veñen de asinar por segundo ano consecutivo un convenio para financiar o proxecto ‘Lecer para todos 2021’ (campamento urbano) por importe de 2.500 € e como parte do programa municipal ‘Un Nigrán para todos’.
Así, durante as tres primeiras semanas do mes de agosto, un total de 28 persoas con discapacidade intelectual repartidas en quendas semanais e grupos burbulla beneficiaranse deste programa de actividades de lecer e tempo libre en horario de 10:00 h a 14:00 horas de luns a venres.
Tal e como sinalan no propio CEE Juan María, debido a crise sanitaria a necesidade desta alternativa de ocio aumenta considerablemente para as persoas con discapacidade e as súas familias. O obxectivo é ofrecer un servizo de apoio que favoreza a conciliación e, ao mesmo tempo, ofrecer ao usuario unha ferramenta que mellore o desenvolvemento persoal e a participación na vida social.
Os campamentos incluirán actividades tales como saídas á praia, roteiros de sendeirismo, visitas culturais, obradoiros…
O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral do Concello de Tui xestionou no primeiro semestre deste ano 200 ofertas de emprego. Na Bolsa de Emprego Municipal posta en marcha neste 2021 inscribíronse 91 persoas das que 27 se incorporaron ao mercado laboral a través da xestión das ofertas realizadas dende este departamento municipal, que ten a súa sede no Centro Municipal de Formación, en Guillarei.
Unha das accións levadas a cabo é o deseño de itinerarios personalizados cunha metodoloxía centrada no autocoñecemento, nas necesidades e intereses persoais así como no grao de compromiso coa búsqueda de emprego. Aqueles que acoden a este servizo tamén atopan recursos para mellorar a empregabilidade, ao tempo que se acompaña ás persoas desempregadas na busca de ofertas axeitadas as súas necesidades. Amais dende este Servizo lévase a cabo un traballo proactivo de prospección e intermediación en colaboración co tecido empresarial que canaliza as necesidades de persoal con respostas axeitadas de persoas en procura de emprego do Concello de Tui.
De xeito complementario, o Servizo de Orientación municipal desenvolve mensualmente obradoiros de emprego como método de reciclaxe e actualización ante as novas necesidades do mercado laboral. Amais realiza, quincenalmente, en colaboración coa Radio Municipal de Tui, o “Club de emprego”, un espazo radiofónico no que se achega información sobre o mercado laboral, oportunidades de emprego, profesións emerxentes e noticias de interese para as persoas que están buscando emprego.
Este departamento está xa traballando en novos obradoiros a impartir até decembro dirixidos a desempregadas e desempregados empadroados no municipio. Aquelas persoas interesadas en realizar este obradoiro ou en inscribirse na Bolsa Municipal de Emprego poden solicitar cita no Servizo de Orientación no teléfono 986 60 32 28 ou co correo orientació[email protected].
A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui, Ana María Núñez, indica que “o emprego no actual contexto é un compromiso para todas as administracións e para este goberno é unha prioridade polo que continuaremos traballando por contribuír a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas ó entender que o emprego dignifica a vida das persoas e as integra socialmente”. Nese senso sinala que se pechou o mes de xuño con 1.158 persoas desempregadas, cando en febreiro a cifra era de 1.309, o que di son “datos moi esperanzadores tras a pandemia”.
A mesma pessoa, em dois períodos de vida distintos. O Município de Vila Nova de Cerveira e a Zet Gallery inauguram, este sábado, uma pintura mural de homenagem ao artista Henrique Silva pela ligação umbilical à Bienal Internacional de Arte de Cerveira. Com esta obra da autoria de Juan Domingues, plasmada numa das fachadas do Cineteatro de Cerveira – Marreca Gonçalves, completa-se a trilogia de eternização dos fundadores da Bienal e do conceito de ‘Vila das Artes’, através da arte interventiva e interativa com a comunidade.
À entrada da vila, num edifício histórico e junto ao rosto do Mestre José Rodrigues, surge um novo mural de 10m, com dois rostos do carismático artista Henrique Silva, na juventude e na atualidade. Em progresso desde o dia 10 de julho, e com inauguração agendada para este sábado, às 10h00, o artista plástico venezuelano, filho de emigrantes portugueses, inspirou-se no livro de Paula Alcântara Carreira, intitulado “Henrique – As múltiplas vidas de um homem só, uma biografia possível do pintor Henrique Silva”, para retratar o passado e o presente daquele que considera ser ‘o eterno mestre dos inquietos’, captando-lhe o olhar sincero e inquieto, e uma eterna incapacidade de resignação.
Atualmente, com 88 anos de idade, Henrique Silva foi um dos impulsionadores das bienais de Cerveira, tendo sido diretor das Bienais de Cerveira entre 1995 e 2007. Em dezembro de 2013 foi nomeado vice-presidente da FBAC e coordenador cultural, tendo também assumido funções de diretor artístico da XVIII Bienal de Cerveira (2015). Com uma vida dedicada às artes, Henrique Silva tem um vasto e meritório percurso artístico espalhado pelo mundo, assim como na partilha de conhecimentos e experiências na área da educação ao nível superior.
A presente pintura mural ‘Homenagem ao Eterno Mestre dos Inquietos’ integra um projeto inédito em Portugal, consubstanciado na maior rede de residências artísticas que abrange os 24 municípios representados pelas três Comunidades intermunicipais da região do Minho, numa estratégia concertada que se destina a reforçar a identidade cultural do Minho e, desta forma, a dinamizar o território do ponto de vista artístico e turístico. A candidatura lançada pelo consórcio Minho Inovação, sob a marca “Amar o Minho”, obteve o apoio do Norte 2020 e dos FEEI.
De sublinhar que, com esta inauguração, o Município de Vila Nova de Cerveira completa a trilogia de homenagem aos três fundadores da Bienal de Cerveira em espaços públicos. O primeiro trabalho artístico remonta a 2016, com o artista brasileiro Elton Hipólito a evocar o mestre José Rodrigues num mural, com oito metros, intitulado de “Lacunas da Memória”, a ocupar uma fachada do Cineteatro de Cerveira; e desde 2017, a fachada principal da Casa do Artista exalta o pintor Jaime Isidoro com uma intervenção artística da autoria de Ana Torrie, onde surge o pintor, acompanhado do seu gato de estimação.
O Rosal continúa a denunciar novos pasos que afondan na precariedade que está a sufrir o servizo de Atención Primaria no municipio, que sufre un progresivo desmantelamento dende hai tempo agravado dende o inicio da actual situación sanitaria. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública asegura que nestes intres é imposible pedir cita médica para acudir ao centro de saúde rosaleiro, xa que Sergas e Xunta non están a substituír ao persoal de baixa ou de vacacións, o que obriga a bloquear dúas axendas médicas, a non dar novas citas e a que os rosaleiros e rosaleiras soamente podan acudir ao médico por urxencias.
Dende a Plataforma esíxese ademais que se regrese á atención presencial das e dos pacientes, xa que a actual situación de atención telefónica prioritaria sen reforzo do persoal sanitario está a causar grandes prexuízos tanto ás e aos profesionais como á veciñanza.
Para tentar frear o desmantelamento do servizo de Atención Primaria, a Plataforma puxo en marcha unha serie de accións de denuncia, como informar diariamente aos rosaleiros e rosaleiras do persoal sanitario do que dispón o centro de saúde, que reflicte cada día a precariedade do servizo. Ademais, nas últimas semanas a Plataforma recolleu xa máis de 1.100 sinaturas pedindo que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do Sergas.
O Concello de Nigrán, ante a previsión de choiva, vese na obriga de adiar novamente o festival ‘Solpor Monteferro’ previsto para este xoves 22 e venres 23 e o concerto do tenor José Manuel Zapata programado este sábado 24 no CPI Arquitecto Palacios. O primeiro trasladarase para o 16 e 17 de agosto e o segundo para o 4 de setembro. En ambos casos o Concello anunciará máis adiante a apertura dun novo prazo de inscrición ao ser un aforo limitado con entrada de balde.
“Trátase de dous eventos con aforo entre as 200 e 500 persoas e non podemos trasladalo ao interior por motivos sanitarios pero tamén porque perderían toda a súa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen considera que debido ao segundo adiamente do Solpor e a que Zapata pasará a setembro, o convinte é abrir novas inscricións xa preto da data.
En principio, o Concello si mantén as festas de Santiago de Parada esta fin de semana a través do seu programa municipal #MúsicaNasParroquias e o concerto da Banda de Música o domingo 25 de xullo ás 20:00 na Alameda de San Campio e ‘El azote de los vagos’ ás 22:00 horas con motivo da festividade de Galicia e de San Campio de Lonxe.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Can, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, anunciaron onte a posta en marcha dunha campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.
Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña ponse en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detéctase que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explicaron rexedora local e edil de Medio Ambiente.
A campaña consiste en que o Concello de Mos asumirá o 50% do custe da colocación do microchip a cada can en cuestión, polo que os seus donos só terán que asumir a metade restante.
Os representantes municipais informaron a este respecto de que “desde a administración local mosense vense de iniciar o procedemento de contratación da empresa veterinaria que ofrecerá o servizo aos veciños/as beneficiarios da axuda”.
Os particulares mosenses, donos de cans, que estean interesados en optar a estas axudas, poden inscribirse xa no Rexistro Xeral do Concello de Mos, pois o prazo de inscrición atópase xa aberto e a implantación dos chips está previsto que comece a partir do día 1 de setembro. A concesión das axudas será por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal.
Día Mundial do Can
Cada 21 de xullo homenaxéase a un animal de catro patas fiel e incondicional, considerado o mellor amigo do home. Esta efeméride mundial foi creada no ano 2004, motivada pola inmensa importancia destes animais no diario vivir dos seres humanos.
Foi ideada para concientizar e sensibilizar sobre os malos tratos e o abandoo do que son vítimas en moitas ocasións, a pesar de non merecelo nunca. Non se sabe de certo por que se elixiu esta data para conmemorar tal ocasión, con todo moitos cren que se debe ao incremento de abandono de cans durante o verán.
A intención do Día Mundial do Can non é só lembrarnos a un dos mellores amigos do home. Preténdese tamén concienciar ás persoas sobre os abandoos e aimportancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…
O verán cultural de Tomiño segue desenvolvéndose con éxito. O ciclo de cine ao aire libre, propón para este venres “O bosque animado”, na Praza do Seixo ás 22.30 horas e para todos os públicos.
No bosque conviven en paz animais e árbores cando aparece un novo e estraño veciño: o poste.
Cando a harmonía do entorno é alterada pola man do home, os moradores do monte loitarán para recuperala. Primeira longametraxe con animación 3D de Europa.
Por outra banda, A Escola do Rock de Paredes de Coura, actuará en concerto o martes 27 de xullo no auditorio do Espazo Fortaleza de Goián.
A 1ª parte do concerto (40 minutos) comezará ás 20 horas e estará a cargo dun conxunto da Agrupación Musical del Goián, recaendo a segunda parte na Escola do Rock Paredes de Coura, que actuará durante 60 minutos a partir das 21.00 horas.
Nadaen 2014 do icónico festival da mesma vila portuguesa, a escola organiza todos os anos un tour con concertos reunindo no escenario a alumnado e profesorado. Organizado pola Câmara Municipal de Paredes de Coura e o Concello de Tomiño, este singular espectáculo é para todo público, con entrada de balde.
É preciso reservar as entradas, tanto para o cine ao aire libre, como para o concerto, chamando ao 986622001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].
O Concello da Guarda ven de entregar os Premios de Educación 2020-21, unha iniciativa que se realizou co ánimo de incentivar o estudo e reforzar actitudes e hábitos relacionados co traballo, esforzo, participación e convivencia entre as persoas mozas.
Os premios estiveron dirixidos nesta convocatoria ao alumnado de cursos de fin de ciclo de Primaria, Secundaria, Bacherelato e Ciclos de Formación Profesional dos centros públicos e concertados de primaria ou secundaria da localidade de A Guarda durante o curso 2020-2021, e se estableceu un máximo de 23 premios consistentes en material informático.
Foron requisitos o ter obtido unha nota media mínima de 8, salvo naqueles casos nos que se propuxo ao alumnado o recoñecemento polo seu traballo, esforzo e participación, unha nova categoría que se engadiu nesta edición.
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, informa de que a partir de hoxe será necesaria a inscrición previa para acudir ás actuacións gratuítas, que terá lugar no recinto habilitado no Parque de A Palma, que forman parte da axenda cultural Baiverán organizadas polo consistorio.
A tradicional oferta cultural de verán organizada desde a Concejalíde de Cultura adáptase á situación sanitaria actual mediante o sistema de reserva previa de entradas a través da páxina web oficial do Concello de Baiona: www.baiona.gal.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a Concelleira de Cultura, Miriam Costas, tomaron esta decisión tras as novas medidas acordadas polo comité clínico.
“Non debemos baixar a garda #ante a situación sanitaria actual, por iso tomamos esta decisión. O acceso aos recintos onde se celebren as distintas actividades que forman parte da programación cultural realizarase mediante a reserva previa de entradas. Desde que comezou esta programación o control dos aforos e as garantías de cumprimento das medidas de protección e seguridade sanitarias xa estaban garantidas pero ante a situación sanitaria actual queremos ir un paso máis aló”, sinala o rexedor.
O sistema de cita previa, que o Concello de Baiona, puxo en funcionamento nas actividades culturais que se celebrarán en “A Palma” esta medida, e será necesaria unha inscrición que se abrirá sete días antes do día de celebración de cada unha das actividades. con sete días de antelación.
Desde o Concello de Baiona apélase á responsabilidade individual de cada persoa para evitar que a evolución epidemiolóxica empeore no municipio.
“Desde o comportamento exemplar que demostraron os nosos veciños e veciñas ata o de agora, temos que seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”, indica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. Ao mesmo tempo que sinala que “o importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor.
Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias.
Sistema de inscrición nas actividades
Para a participación nas actividades e eventos do Concello de Baiona en recitindo habiliatdo no Parque de “A Palma”, atópase dispoñible na páxina web oficial da Corporación, un novo sistema de inscrición, o cal foi actualizado e púxose en funcionamento hoxe mesmo.
Trátase dun sistema dinámico e práctico, no cal se observan os días das diferentes actividades, co horario e unha pequena descrición das mesmas. Unha inscrición que reza: “Sistema de inscrición previa obrigatorio na actividade”
Cabe destacar que as inscricións para as actividades de mañá e pasadomañá xa están dispoñibles a partir de hoxe a través de https://www.baiona.gal/calendario/.
Información importante
Os eventos serán sentados en cadeiras de 2 en 2 mantendo a distancia de seguridade entre asistentes, o uso de máscara é obrigatorio en todo o recinto e está prohibido bebidas alcohólicas e fumar . Serán aplicables a maiores as medidas por covid-19 vixentes no momento da celebración do evento. LISTA ACTUACIÓNS “Sistema de inscrición previa obriglatorio na actividade” :
CONCERTO: TRES PESOS
CONCERTO HOMENAXE DÍA DE GALICIA “GUADI GALEGO”
BAIONA CON HUMOR: Rafa Durán. “Duranadas”
CONCERTO: “SPANISH CASTLE MAGIC”. TRIBUTO A JIMI HENDRIX
ESPECTÁCULO FAMILIAR: “PAIO E Ou PODER DÁ MÚSICA-Ou MUSICAL”
CONCERTO: “TRIBUTO A SABINA”
“BAIONA CON HUMOR”: David Amor “Love está no aire”
“Os segredos da noite de Mondariz: petróglifos e estrelas” é unha saída seminocturna guiada aos petróglifos de Gargamala que forma parte do programa “MONDARIZ NATURA”.
Terá lugar o vindeiro 6 de agosto, ás 20:00 horas, e o período de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas deben contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz antes do 4 de agosto por correo electrónico ([email protected]) ou teléfono (680 964 461).
Esta actividade, dunhas 3 horas de duración aproximada, ten un percorrido de 5-6 km e está recomendada para persoas maiores de 12 anos. As menores de idade, con todo, deberán ir acompañadas por algunha persoa adulta.
Co programa “MONDARIZ NATURA”, o Concello de Mondariz busca achegar o seu patrimonio natural e cultural a todas as persoas interesadas durante os meses de verán. En xullo xa se realizaron actividades como unha xornada de observación astronómica desde o campo municipal de fútbol da Lagoa e unha saída en piragua polo río Tea que tiveron unha gran demanda.
Dentro deste mesmo programa de actividades, o 30 de xullo tamén está programada unha saída familiar pola contorna do río Tea desde a praia fluvial do Val a partir das 18:00 horas. Para inscribirse, hai que contactar coa biblioteca municipal de Mondariz a través de correo electrónico ([email protected]) ou teléfono (986 664 333) en horario de 09:00 a 14:00 horas.
O obradoiro de teatro veciñal de Oia volve este ano cun formato adaptado ás circunstancias derivadas da COVID-19. Grupos reducidos e representacións en espazos onde se poidan delimitar os correspondentes aforos son algunhas das novidades que incorpora a iniciativa deste ano. Así, a representación das distintas pezas dramáticas elaboradas polas persoas participantes no obradoiro desenvolverase o 25 de setembro no interior do Mosteiro de Oia.
Co obxectivo de garantir a máximas medidas de seguridade no contexto actual de pandemia, o obradoiro incorporará unha serie de cambios respecto a edicións anteriores: celebraranse distintas sesións con grupos reducidos (en función das restricións en vigor en cada momento) e a formación e ensaios concentraranse os venres e sábados do mes de setembro (4-5, 11-12, 18-19 e 24-25) no Centro Sociocultural de Pedornes.
As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro deberán presentar unha solicitude no Rexistro do Concello de Oia. As prazas son limitadas e o prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de agosto.
“6×6 Punto de encontro”
O obradoiro de teatro veciñal enmárcase no proxecto “6×6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” organizado polo Concello de Oia e que forma parte do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Na edición deste 2021, que se desenvolverá baixo a coordinación de A Artística, as temáticas do obradoiro xirarán arredor da posta en valor do patrimonio local, o Camiño de Santiago e a visibilización das mulleres ao longo da historia.
A representación das pezas resultantes no obradoiro, en formato de visita dramatizada, terá lugar no interior do Mosteiro de Oia e o aforo será limitado. A xornada de representacións será o 25 de setembro, no marco das festas locais de San Cosme e San Damián.
Ademais do obradoiro as representacións no Mosteiro, a programación cultural do proxecto 6×6 Punto de Encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” incluirá, como actividade complementaria, un paseo con guía oficial polo barrio histórico, onde se darán a coñecer diferentes momentos da historia local protagonizados por mulleres.
O Concello de Gondomar suma un novo desfibrilador semiautomático nas súas instalacións, concretamente non Centro de Desenvolvemento Local (CDL). Este novo equipo foi cedido pola Sociedade Atlética do Val Miñor, que se adestra en dependencias municipais do Concello de Gondomar.
Desta forma a localidade suma un total de 5 sistemas de Recuperación Cardiopulmonar cubrindo a totalidade de zonas que son empregadas por un número considerable de persoas de diferentes rando de idade, dotándoas así deste material que é indispensable e que permite preveer calquera continxencia que poida ocorrer.
Así neste momento están equipados con desfibrilador, e correctamente sinalado, o Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, os campos de fútbol municipais de As Cercas e As Gaiandas, o Auditorio Municipal- Conservatorio e o CDL, aos que desde o concello de Gondomar espérase poder sumar novos dispositivos en breve.
Está demostrado que o uso dos desfibriladores nun período máximo de dez minutos posteriormente ao inicio da parada, pode aumentar as posibilidades de supervivencia ata un 70%. Así mesmo confíase en poder continuar cos cursos de RCP e primeiros auxilios que se viron interrompidos como consecuencia da pandemia, estudando xa a posibilidade de poder poñelos en marcha en canto as medidas sanitarias actuais permítano.
O Concello do Rosal vén de rematar as obras de mellora do asfaltado e do firme dun tramo do Camiño do Río, en San Bartolomeu das Eiras, unha estrada que comunica a zona da ribeira entre Eiras e Tabagón e dá acceso á propia praia das Eiras.
Tratábanse duns traballos necesarios para dar solución aos problemas que presentaba a estrada e mellorar así a seguridade para a circulación de vehículos, xa que “o paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o tráfico rodado foron deteriorando o firme e a súa capacidade portante, dando lugar a gretas, perdas de pavimento e formación de fochas. Era necesario acometer estas obras e frear así o progresivo deterioro da vía”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.
O concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, na visita realizada ao Camiño do Río
A rexedora e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron o remate das obras, que contaron cun investimento de máis de 40.000 euros, dos que case 14.000 euros foron financiados a través de fondos propios municipais e outros 26.700 ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A actuación comezou coa limpeza de toda a superficie do pavimento mediante un cepillo de arame e a limpeza das cunetas co desbroce da vexetación existente. Unha vez rematada esta parte procedeuse a asfaltar o tramo do camiño cunha capa de 5 centímetros para regularizar a capa de rodadura, “o que supón unha evidente mellora no firme, cun incremento substancial da adherencia dos pneumáticos dos vehículos ao pavimento e da seguridade viaria”. Os traballo terminaron co realce de tapas de rexistro en calzada no tramo mellorado.
Nestes días darán comezo en Salceda as obras de cambio de tella do CDL O Torrón, en Entenza. Un centro dedicado á promoción económica, emprego e formación.
Os traballos consisten na desmontaxe da tella cerámica, cumbreiras, limas, brocas, e demais puntos singulares da cuberta. A nova cuberta será de tella cerámica curva envellecida 40×15 cm., en dúas fases. Instalarase tamén un sistema de recollida de augas pluviais nos beirados da cuberta.
O proxecto ascende a 39.984 euros máis IVE que asumirá o concello con fondos propios, con cargo ao orzamento municipal, dentro do plan de mantemento e conservación de edificios municipais.
Próximamente tamén se farán investimentos nos sistemas informáticos do centro coa montaxe dun servidor.
Esta obra de mellora súmase á instalación do sistema de climatización en todas as estancias do centro, que na actualidade conta con distintas aulas: unha polivalente, aula de informática, aula de cociña e de ebanistería. Ademais de despachos de emprendedores/as, salas de xuntas e salón de actos. Este centro acolle ademais o servizo de orientación laboral, con dúas persoas e un técnico de emprego. Ao longo destes últimos tempos desenvolvéronse varios cursos de formación como atención sociosanitaria ou operario/a de automoción, ademais dun programa integrado de emprego con 100 persoas desempregadas e cursos de formación da Aula Mentor.
Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de emprego e formación, “estamos a facer investimentos importantes neste centro de desenvolvemento local que acolle o servizo municipal de promoción económica que xa é referente na comarca. Un servizo prioritario que atende máis de 2000 consultas anuais”.
Ponteareas acollerá esta fin de semana unha nova cita musical. Este domingo 25 de xullo, día do Apóstolo Santiago, patrón de Galicia, o programa Cultura24 levará ao terreiro de Fozara o son de Naiama, unha asociación cultural dedicada a fomentar a cultura galega recuperando pezas da música tradicional.
A actuación será ás 12.30 horas, de balde e cumprindo con todas as medidas de prevención necesarias ante a actual situación sanitaria.
A través deste programa a Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, procura levar a actividade cultural e de lecer ás 24 parroquias do municipio, dinamizando os centros culturais e o propio tecido creativo da vila. O Cultura24 continuará coa súa oferta de actuacións en diferentes puntos do concello ata o vindeiro mes de outubro.
Este pasado luns iniciouse a segunda quenda do programa de conciliación que, durante os meses de xullo e agosto, ofrece o Concello de Redondela para que veciñas e veciños teñan a oportunidade de conciliar a vida laboral e familiar durante os meses das vacacións estivais dos rapaces e rapazas. Esta segunda quenda alongarase ata o día 30 de xullo para, posteriormente, iniciarse as dúas correspondentes ao mes de agosto.
Os campamentos de conciliación ofertan un total de 240 prazas para xullo e outras tantas agosto e, de cara a facilitar a participación de nenos e nenas, desenvolvese no CEIP de Cedeira (30 prazas), CEIP de Laredo (40 prazas); CEIP Outeiro das Penas (40 prazas), CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro (40 prazas), CEIP Plurilingüe Quintela (20 prazas), CEIP Plurilingüe de Reboreda (30 prazas) e IES Mendiño (40 prazas). O límite de prazas estará suxeito, en todo caso, ás restricións que marquen as autoridades sanitarias segundo evolucione a situación da pandemia da COVID-19.
Os nenos e nenas con necesidades educativas especiais terán praza nos centros de Redondela (IES Mendiño) e Chapela (CEIP Laredo).
Amais de estender as actividades a dous meses, buscouse tamén “flexibilizar” os períodos de inscrición que, o pasado ano eran de mes enteiro e, este ano, poden facerse por quincenas. Con este sistema, explicaba a alcaldesa Digna Rivas, “posibilítase a participación dun maior número de nenas e nenas e, polo tanto, facilitamos que un maior número de familias poidan conciliar mellor a súa vida laboral”.
A nova normativa para a celebración destes campamentos de conciliación foi moi ben acollida pola cidadanía, tanto así que cubríronse case que na súa totalidade as prazas habilitadas para cada quenda. “Para as familias non só é importante conciliar a súa vida laboral e familiar, senón tamén saber que os seus fillos e fillas están realizando actividades lúdico educativas baixo a supervisión de persoal cualificado e con todas as condicións de seguridade sanitaria esixibles”, conclúe a alcaldesa redondelá.
A Deputación de Pontevedra expresou hoxe o seu apoio ao Concello da Guarda no proxecto da variante do acceso sur do Porto como o mellor trazado posible para unha obra clave no desenvolvemento da vila do Baixo Miño. Nunha reunión celebrada na institución provincial, á que asistiu a presidenta Carmela Silva, o alcalde Antonio Lomba explicou que esta alternativa de trazado é a mellor valorada desde todos os puntos de vista, a que escolleu desde un principio o persoal técnico da Deputación e do Concello, e tendo en conta factores tan importantes como a afección ao medio humano ou o impacto medioambiental xa que non afectaría ás vivendas, nin ao litoral o que permitirá manter como principal o uso peonil e ciclista da senda litoral, reducindo o tráfico de vehículos.
O alcalde trasladou á Deputación a necesidade da implicación da Xunta de Galicia no desenvolvemento deste trazado polo que adiantou que convidará ás tres administracións a unha xuntanza para poder avanzar. A presidenta Carmela Silva xa mostrou a disposición da institución para participar na reunión tripartita e, incluso, “aínda que non son competencias provinciais, poderíamos avaliar a opción de coparticipar na financiación ao tratarse dun proxecto clave para o municipio, que cumpre todos os parámetros do noso modelo de recuperación de espazo público e mobilidade amable e sustentable. “Amais, recordou, a eliminación do tráfico do centro permitiría por fin, e como sempre foi a nosa intención, que a rúa Concepción Arenal que xa humanizamos poida ter un uso peonil”. O proxecto do acceso sur foi redactado pola Deputación a solicitude do Concello no ano 2018, e actualmente se sigue traballando con Patrimonio desde un punto de vista técnico para adaptalo ás súas suxestións e poder continuar co procedemento, xa que dispón do resto dos informes sectoriais. O alcalde guardés lembrou que a obra é prioritaria cara á necesaria reactivación do Porto, eliminar o tránsito de vehículos nas rúas do centro e conseguir un bo acceso á principal zona turística e de restauración da Guarda.
Mondariz recibe este mércores, 21 de xullo, un orixinal e innovador espectáculo internacional de Le PianO du Lac que xa ten deleitado a público de diferentes países europeos. O río Tea, ao seu paso pola praia fluvial do Val, será o escenario natural de cinco concertos flotantes do PedalOpiano, unha singular plataforma construída con flotadores ciclopropulsados sobre a que descansa un piano e un equipo artístico que combina música e danza.
Nos concertos flotantes de Mondariz, programados para as 20:00 horas dos días 21, 22, 23, 24 e 25 de xullo, actuarán a pianista Violette Prevost, a multiinstrumentista Solenne Garnier, o trompetista Damien Bajard e a bailarina Mónica Cofiño. A cabida do recinto estará limitada a 400 persoas por motivos de seguridade sanitaria, polo que é recomendable realizar reservas a través do sitio web habilitado pola compañía: https://www.billetweb.fr/mondariz-playa-fluvial-do-val.
Estritamente, non é un evento gratuíto, como se informara anteriormente, senón que existe unha taquilla voluntaria que estará aberta no mesmo lugar dos concertos a partir das 19:00 horas (días 21, 22 e 23 de xullo) e a partir das 18:00 horas (días 24 e 25 de xullo). No sitio web http://www.pianodulac.eu/taquilla2021/, a compañía ofrece toda a información relativa a esta taquilla voluntaria e recomenda unha aportación de 10 euros. Non haberá cadeiras porque a praia fluvial do Val é un espazo natural, pero é posible acudir con cadeiras propias ou coxíns persoais para sentar no chan.
Como espectáculo, a proposta creativa de Le pianO du Lac vai máis aló do concerto clásico e presenta un innovador enfoque de transhumancia sonora que fusiona música, teatro e danza en escenarios naturais. O piano descansa sobre dous flotadores ciclopropulsados que permiten unha inusual mecánica pianística a pedais. O equipo técnico e artístico inclúe varios pianistas capaces de interpretar e mesturar diferentes tradicións sonoras. No entorno natural do concerto, ademais, a experiencia sensorial enriquécese cos sons da auga, do vento, da fauna salvaxe,…
“Para o Concello de Mondariz, acoller un espectáculo internacional desta calidade técnica e artística é todo un orgullo. Valoriza a nosa axenda cultural e demostra que temos moito potencial desde o punto de vista turístico, grazas o patrimonio natural e cultural que atesouramos”, afirma o alcalde, Xosé Emilio Barros.
Estes concertos son os primeiros que realizará Le PianO du Lac en Galicia no marco da súa xira xacobea de 2021, que comezou o pasado 13 de xullo na provincia de León e fará tan só tres paradas nas provincias galegas: Mondariz, Marín e Dumbría. Para o público das provincias de Pontevedra e Ourense, sobre todo, os concertos de Mondariz, que coinciden coa festividade do Día de Galicia, son unha oportunidade de ver en acción o PedalOpiano e disfrutar dunha experiencia única.
En apenas dous días dará comezo en Galicia a cuadraxésimo sexta edición dunha das regatas máis lonxevas e carismáticas do panorama náutico español, o Trofeo Conde de Gondomar, que o Monte Real Club de Yates saca a escena neste 2021 baixo o nome de Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell en honra ao tándem de patrocinadores.
Do 23 ao 25 de xullo, algúns dos mellores barcos e os patróns máis destacados participarán na regata de altura por excelencia en Galicia, unha proba que non perdeu tirón co paso dos anos e que espera reunir uns 40 barcos nas Rías Baixas, atraídos por unha das competicións máis emocionantes da vela actual e a máis antiga do histórico Monte Real.
Na presentación oficial do trofeo, celebrada este martes en Baiona, o presidente do club de iates, José Luis Álvarez, auguráballe un gran éxito ao evento porque “se manteñen os seus principais atractivos: a mítica subida ao Carrumeiro Mozo, a súa celebración en torno ao 25 de xullo (día grande de Galicia) e a participación dalgunhas das mellores tripulacións do país”. Destacou tamén Álvarez a alianza das dúas grandes empresas – Zelnova Zeltia e Banco Sabadell – que se uniron no patrocinio da competición “manifestando así claramente a súa aposta polo deporte da vela”.
Tras unha xornada previa, mañá xoves 22, destinada a ultimar preparativos, pechar de inscricións, facer revisións e entregar instrucións, o 46º Trofeo Conde de Gondomar dará comezo o venres 23, ás once da mañá, coa considerada gran proba da competición, o mítico percorrido Baiona-Carrumeiro Mozo-Baiona, próximo ás 100 millas de distancia. Aínda que nun principio barallouse a posibilidade de introducir cambios na proba entre Baiona e o Carrumeiro Mozo (dividíndoa en dúas etapas con parada intermedia en Portosín para facelo máis accesible a barcos máis pequenos), o club decidiu finalmente atender a petición de os armadores que pedían manter o trazado intacto. “O que buscabamos con esa posible modificación -asegura o comodoro do Monte Real, Ignacio Sánchez Otaegui- era abrila proba a máis tripulacións que poderían aventurarse cunha regata de menor distancia, pero tiñamos claro tamén que iso implicaría unha perda de atractivo para a proba estrela da competición; e despois de avalialo no club e de consultalo con patróns e armadores, decidimos manter o percorrido tradicional”.
Intervención de Pedro Gonzalez Director Xeral de Zelnova Zeltia – Foto Leticia Acero
Tras a xornada inaugural e a navegación ata o Carrumeiro (Regata Conde de Gondomar), a xornada do sábado 24 estará protagonizada pola Regata Erizana, na que participarán o resto de veleiros. Dará comezo ás doce do mediodía e, dependendo das condicións meteorolóxicas, as tripulacións poderán disputarse unha volta ao arquipélago das Ons (32 millas) ou o percorrido Baiona- Camouco-Baiona (29 millas).
O domingo 25, día grande de Galicia, disputarase a etapa decisiva da competición. Dúas probas técnicas do tipo barlovento-sotavento no fondeadoiro das Illas Cíes decidirán aos gañadores da cuadraxésima edición do trofeo, que recibirán os seus galardóns na cerimonia de entrega de premios programada ese mesmo día ás seis e media da tarde.
Ao evento está previsto que asista o director xeral de Zelnova Zeltia, Pedro González, quen este mércores, na presentación oficial da competición, agradecía ao Monte Real a oportunidade de colaborar co trofeo “vinculando a nosa imaxe corporativa cos valores do deporte e máis concretamente cos da vela, destacando dos mesmos o traballo en equipo, o esforzo, a tradición e a competitividade, todos eles -dixo- estreitamente ligados coa nosa visión e forma de entender o mundo empresarial no Grupo Zelnova Zeltia”.
Nesa idea tamén incidiu o director xeral de SabadellGallego, Pablo Junceda, ao asegurar que no Conde de Gondomar únense “a cultura do mar, o compromiso do traballo en equipo e da superación para vencer, uns valores polos que tamén apostan -dixo- en Banco Sabadell”. “Somos empresa, apoiamos ás empresas de Galicia e estamos presentes na vida social desta terra”, concluíu Junceda.
Xunto con González e Junceda, como patrocinadores da competición, na presentación oficial do evento tamén estiveron representadas as administracións local, provincial e autonómica. Desde Baiona, o tenente de alcalde da vila mariñeira, Óscar Martínez, agradeceu o traballo do Monte Real durante este ano e o anterior. “Sodes o representante do deporte Baionés e facedes que Baiona traspase as nosas fronteiras e chegue a nivel internacional. Sabemos que o ano pasado foi moi complicado manter a actividade, e vós fixéstelo, e por iso merecedes un aplauso e que vos deamos as grazas”, dixo.
Para a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias “é un orgullo que probas como esta celébrense na nosa provincia, porque nos dan a oportunidade de mostrar o incribles que son as nosas rías, e de todo o que a xente pode ver, facer e gozar en elas”.
Intervención de José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte
O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia dixo que “para a Xunta de Galicia o sector da náutica é un sector estratéxico e, aínda que está profundamente arraigado á esencia do noso pobo, sempre falamos do seu gran potencial de crecemento”. Segundo José Ramón Lete Lasa “o mundo da vela goza dunha excelente saúde, con 2000 licenzas e sendo unha das modaliades deportivas que máis éxito deunos. Alégrome -continuou dicindo- de que o Trofeo Conde de Gondomar celebrouse ininterrompidamente durante estas 46 edicións, e é que o deporte da vela é, sen dúbida, un deporte seguro”.
Aínda que o prazo de inscrición non está pechado e a varios días vista é difícil concretar un número final de participantes, desde a organización esperan contar cuns 40 barcos. Entre eles haberá un equipo de mulleres do proxecto Vela en Feminino do Monte Real Club de Iates, co que o club busca impulsar a presenza de mulleres nas competicións náuticas; e estarán, case con toda probabilidade, os vencedores da última edición.
En 2020, no marco dun escenario COVID, o Conde de Gondomar celebrouse con amplas medidas de seguridade e levaron os loureiros o Magical de Julio Rodríguez, do Real Club Náutico de Vigo (gran premio do trofeo); o Yess Too de Rui Ramada, do Monte Real Club de Iates (vencedor da etapa do Carrumeiro en tempo real); o Deep Blue 2.0 de Vicente Cid, do Real Club Náutico de Vigo (ouro na Regata Erizana); o Alboroto de Juan Ameneiro (número uno na clase J80); e o Serralleiras de Patricio de Feixe (líder entre os Fígaros).
As artes de rúa conquistan esta fin de semana a Eurocidade Tui-Valença coa primeira edición do Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença. Dende este venres, 23 de xullo, ao domingo 25 de xullo, haberá un total de 24 espectáculos para público familiar no Jardim Municipal, no Jardim das Amoreiras e no Governo Miitar en Valença e na praza do Concello, o Paseo da Corredoira e o Paseo Fluvial de Tui.
A presentación deste festival tivo lugar a primeira da tarde de onte na Pousa de San Teotonio en Valença, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Câmara de Valença, Manuel Lopes; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “este festival é o xerme de algo que se vai converter en moi importante nos próximos anos” engadindo que “vai marcar un antes e un despois no que é a produción de eventos na Eurocidade” e que definirá a futura axenda compartida entre os dous municipios. Salientou unha vez máis Enrique Cabaleiro o singular e único da programación conxunta de Tui e Valença.
Concluía o rexedor tudense destacando que “van ser tres días moi intensos de actividades na rúa, encamiñados a seguir promocionando a cultura en diversos ámbitos, e que tamén vai servir para pór en valor o rico e extenso patrimonio das dúas cidades, e vai atraer ás nosas localidades a moitas persoas o que vai ser positivo para o tecido comercial e de servizo de Valença e de Tui”.
Mentres o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, salientou a estreita vinculación entre os dous municipio afirmando que “non somos quen de nos identificar sen a nosa veciña de Tui, e viceversa”. Sinalou que esa unión foi a que propiciou este desafío de levar adiante un festival de rúa para público familiar e accesible. Un evento que “vai aportar vivacidade aos noso comercio, industria e hostalería”.
Todos coincidiron en amosar o seu agradecemento o equipo que fixo posible levar adiante este evento.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosouse orgulllosa do traballo realizado nun festival pensando para as familias do que dicía “é o primeiro cativo da Eurocidade, estamos moi orgullosos”. Amosou o seu convencemento na boa acollida que terá esta innovadora proposta.
O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou que este será un dos festivais que marcarán este verán cun novo formato, con interacción con público e ao aire libre. Será dicía “un programa mixto no que a arte e a cultura percorrerán as dúas cidades” dirixido a público familiar.
O I Festival Internacional de Artes de Rúa está organizado conxuntamente pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui estando subvencionado polo programa UNICIDADE Interreg España-Portugal.
A Eurocidade acollerá dende o venres 23 ao domingo 25 quince espectáculos e 24 funcións con aforo limitado e para as que será preciso facer reserva previa de entrada, de forma gratuíta, en www.tui.gal ou en www.visitvalenca.com dende mañá mércores ás 12 h.
Teatro, música, maxia, malabares, clown, … serán algunhas disciplinas das que o público poderá gozar na fin de semana na Eurocidade con A Gramola Gominola, Antón Coucheiro, Artenio Baruffi, BrassDass, Circo Chosco, Clown Enano, Comédias do Mimho, Daniel Gonçalves, Farra Fanfarra, Fredi&Cia, Mamá Cabra, O Pulpiño Viascón, Pajarito, Pedaçao Mau e Troula Animación.
O programa Cultura24 continúa levando actividades de lecer ás parroquias de Ponteareas. A Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar da música e animación da charanga SDK, que levará o ritmo este venres 23 ao Centro Cultural de Bugarín. A actuación será a partir das 21.00 horas.
A actividade será de balde e realizarase cumprindo con todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para garantir a saúde de todos e todas.
Fernando Groba anima a toda a veciñanza a gozar desta nova actividade do Cultura24, que busca “achegar a actividade cultural ás vinte e catro parroquias que compoñen o concello ponteareán, ao tempo que se dinamizan os centros culturais e o tecido creativo do propio municipio, colaborando para promocionar a súa arte, potenciar o seu funcionamento e contribuíndo ao seu mantemento”.
Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego, retoman o sábado 7 de agosto décima edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca.
Despois do parón en 2020, obrigado pola pandemia, volven as probas populares pero facendo un chamamento a responsabiliade colectiva. Nesta ocasión, por parte da organización optouse por unha saída dos maiores moito antes do habitual (ás 10:00 horas) para que os corredores non teñan que cruzarse con paseantes pola praia.
Está aberta a tódalas categorías e terá saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km dende ás 11:00, o sub 14 farán 1500 desde ás 11:15, os sub 12 un kilómetro ás 11:30, os sub 10 percorrerán 300 metros ás 11:40, os sub 8 farán 200 metros ás 11:50 e rematarán a xornada atlética os máis pequenos que farán 100 metros de xeito simbólico.
O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo e será o protocolo de esta federación o que se terá en conta a hora de tomar medidas contra a covid. Este protocolo obriga a que as saídas sexan escalonadas (máximo 10 atletas e cunha separación mínima de 1,5 m ) e así se desenvolverán tódalas probas da matinal. Na meta ofrecerase máscara e non haberá duchas nen servicio de guardaroupa debido ao protocolo establecido.
Os tempos serán recollidos por chip e farase unha clasificación en función dos tempos que reflicta ese chip que vai na zapatilla.
Terá avituallamente ao remate, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes. De igual xeito entregarase unha camiseta conmemorativa.
As inscricións poden realizarse a través da web da FGA adicada as carreiras populares www.carreirasgalegas.com (acceder a través da sección calendario).
O programa Mocidade Viva prepara unha nova actividade coa que promover un lecer saudábel e alternativo para rapaces e rapazas maiores de 12 anos. Este venres 23 de xullo a partir das 20.00 horas, mozos e mozas poderán participar nas Xornadas de Voleibol, unhas horas nas que coñecer ou achegarse un pouco máis a este divertido deporte cheo de beneficios para corpo e mente.
As xornadas desenvolveranse nas pistas polideportivas da Freixa e, en caso de choiva, trasladaranse ao xoves 29 de xullo. A actividade será de balde e desenvolverase con todas as medidas sanitarias de seguridade. Pódese solicitar máis información ou inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].
O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a toda a rapazada a participar nesta actividade e en todas as organizadas este verán ao abeiro da iniciativa Mocidade Viva, un programa estábel de actividades lúdicas e formativas dirixidas á mocidade, ofrecéndolles espazos de lecer e socialización seguros e saudábeis.
O Concello de Ponteareas presentou a programación cultural para os meses de verán, unha carteleira con máis de medio cento de actividades para completar unha oferta de lecer cunha proposta estable, ampla, para todos os públicos e en todos os espazos da vila.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Cultura, Fernando Groba; e o de Eventos, Miguel Bouzó, repasaron as diferentes actividades previstas no programa, coas que se busca levar a actividade cultural e festiva ás rúas sempre con todas as medidas de prevención e seguridades marcadas pola situación sanitaria. “Un ano máis deseñamos unha oferta cultural ampla e variada na que calquera grupo de idade poderá atopar actividades do seu agrado combinadas con eventos que poñan en valor a nosa cultura e o noso patrimonio artístico”, sinalou a rexedora.
A programación de verán desde 2021 mantén os eventos máis salientables da vila, como o Festival Internacional de Teatro de Rúa, co que a veciñanza volverá desfrutar este agosto do circo, o clown, a música, o teatro ou os monicreques polas rúas e prazas de Ponteareas.
Cita imprescindible será tamén o Festival Groba, un encontro xa consolidado como unha referencia no panorama musical galego e que cada edición ofrece ao público “o privilexio de gozar das composicións do mestre Rogelio Groba da man dos mellores músicos do panorama estatal e internacional”.
As rúas ponteareás serán tamén escenario dunha nova edición de ‘Cine na rúa’ e de ‘Noites ao vivo’, un programa que achegará unha morea de propostas culturais de diferentes estilos. Ademais, a programación cultural continúa visitando as parroquias grazas ao programa Cultura24, que tras un ano complicado por mor da pandemia cede o protagonismo ás agrupacións musicais ponteareás para promocionar a súa arte, potenciar o seu funcionamento e contribuír ao seu mantemento.
Rock in Río Tea visitará de novo en agosto as rúas de Ponteareas, os obradoiros para nenos e nenas encherán de vida o mercado municipal e os xogos tradicionais volverán a distintos recunchos da vila.
Hoxe o alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado dun técnico da Deputación Provincial e do Técnico de Urbanismo do Concello, recepcionou esta 1ª Fase do Plan de Sectorización 2012 de promoción privada do Vieiro.
Esta Iª fase cun investimento de 481.996,54 €, desarrollou 20.534, 92 m2 do proxecto, é dicir, o 34,3% da obra total, permitindo xa que se poidera edificar na parcela 1, a 2 e casi na totalidade da 4.
A urbanización atópase situada nun enclave privilexiado, a menos de 200 m do acceso a Autovía A52 Rías Baixas con conexión a Vigo e Ourense e a menos de 500 m. do casco urbano da Cañiza. Conta con 4 viais e conecta directamente coa estrada provincial 5005 pola zona sureste.
Pavimentouse a totalidad o estacionamento así como os primeiros 156,09 m. do vial 1 e 81,44 m. do vial 2, ademáis de desbrozar o terreo e executar o rasanteo da explanada, Finalmente construíronse dúas rotondas para asegurar a funcionalidade desta Fase. A primeira rotonda cun radio total de 8 m e a segunda de 9,5 m.
Construíronse os drenaxes e saneamentos necesarios, executáronse sumidoiros, pozos, colectores, redes separativas de pluviais e saneamento. Tamén os regos e abastecementos e rede eléctrica e alumeado público así como todo o sistema de telecomunicacións.
A partires deste momento xa se pode comenzar co desarrollo dos 23.496,52 m2 da II Fase tamén cun prazo de execución de 12 meses e que supón o 39,2 % da obra total, permitindo que xa se poida urbanizar na parcela 1, na 6, gran parte da parcela 5 e na metade da 7 ( esta última destinada a dotación pública).
Na II fase cun investimento de 429.701,43 € pavimentarase o resto do vial 1, a totalidade da rotonda, os primeiros 86,17 m do vial 3 así como os primeros 69,64 m do vial 4. Na parte de servizos tamén se desenvolverán as correspondentes obras de saneamentos, abastecementos, rede eléctrica e alumeado público e telecomunicacións.
Xa na execución da Fase III, tamén con 12 meses de prazo, desenvolvéranse os 15.866,84 m2 finais, o 26,5% da obra total, poidendo ser urbanizadas todas as parcelas e cun investimento de 621.897,14 €.
A axenda cultural de verán regresa esta fin de semana ao Rosal cunha cita dobre. Este sábado 24 de xullo a Praza do Calvario acollerá dous concertos nos que a maxia e a música tradicional camiñarán da man.
Leilía chegará ás 21.00 horas co seu espectacular traballo, no que apostan por recuperar a tradición galega ao son das pandeiretas, incorporando instrumentos e polifonías non tradicionais para dar continuidade ao pasado a través do presente. Seis voces femininas que fan recollidas de coplas tradicionais galegas con interpretacións moi respectuosas coas versións tradicionais na letra e na execución vocal.
E tras o meigallo destas seis artistas será a quenda dos Carunchos. Ás 23.00 horas este grupo de tradición oral subirase ao escenario coa súa mestura de cantigas e melodías de nova composición con antigos romances e pezas populares. Presentarán o seu novo disco, ‘Lingua de Xigantes’.
O Museo do Mar de Galicia acolle este xoves o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia, no marco do ciclo O País das Bandas promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. A actuación será ás 20,30 horas, con entrada de balde ata completar a cabida.
A Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia naceu no 1931 da man de Severino Alonso Mallo. Na actualidade está dirixida por Pedro Villaroel González. O programa previsto inclúe as pezas Sangre de artista, de Jaime Teixidor, First suite in EB for military band, de Gustav Holst, Alborada galega, de Pascual Veiga, e Pilgrims Surise, de Shaun Davey. Soarán tamén Non te namores meniña, con arranxos de Ernesto Campos, Lenda de Montelongo, de Bernardo del Río, e Noites de lúa na praia de Ernesto Campos e Represas, e con Jandro Barciela como gaiteiro solista.
Trátase do cuarto e último concerto que acolle o Museo do Mar no marco do ciclo que, con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións, está a percorrer Galicia nos meses de xullo a setembro. Previamente, actuaron neste espazo a Unión Musical de Valadares, a Unión Musical de Coruxo, e o Ateneo Musical de Bembrive. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega. A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.
O Concello de Redondela vén de esixir á Xunta de Galicia unha “solución urxente” á paralización do servizo de transporte de viaxeiros entre o casco urbano de Redondela e a praia de Cesantes, unha competencia autonómica e que, nestes momentos, non está operativo “por desacordos entre a propia Xunta de Galicia e a empresa de transporte”.
A alcaldesa Digna Rivas asegurou que “non e de recibo” que en plena época estival a veciñanza, que regularmente utiliza este servizo que une Redondela coa praia de Cesantes estea suspendido “ata que se resolvan as diferencias que manteñen as dúas partes e que, cunha mínima previsión, terían que estar previstas e resoltas antes da chegada do verán”.
Cómpre salientar que, pola súa proximidade, a praia de Cesantes é unha das máis utilizadas pola veciñanza do casco urbano e parroquias próximas polo que a suspensión do servizo de transporte, “supón un grave problema para centos de veciños e veciñas”, explica a rexedora local.
O Concello da Guarda continúa coa experiencia cos Quinquilláns despois do éxito acadado en pasadas edicións, ofertando nos meses de xullo e agosto de 2021 “Teatro no Trega”, a cargo da compañía Os Quinquilláns, as primeiras sesións foron un éxito e este mércores día 21 terá lugar a terceira sesión.
Nesta edición realizase a actividade no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en [email protected], indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de convivintes), o punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os Lugares santos… Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.
O Porriño será de novo parte esencial do “Rallye Recalvi Rías Baixas” que acadará a súa 54ª edición despois do forzoso parón ocasionado pola pandemia en 2020. O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.
O sábado 24, a mediodía, terá lugar na peonil, o reagrupamento de vehículos participantes que accederán ao recinto pechado pola rúa Pío XII. A Policía Local do Porriño prestará apoio, organizando o tráfico e restrinxindo o estacionamento.
Ademais, para los aficionados ao motor, varios tramos da xornada do sábado transcorrerán polo termo municipal porriñés. “Como sempre o treito de baixada por Chenlo será dos máis espectaculares e vistosos para os espectadores”, manifestou Fernando Mouriño, presidente de la Escudaría Rías Baixas e responsable da organización, durante a presentación celebrada este mediodía na praza do Concello.
Desde o punto de vista da participación, Mouriño subliñou que ao pasar o Rías Baixas a ser proba puntúable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto, “acadamos os 73 equipos participantes con pilotos de tanta sona como José Antonio Suárez, alcumado ‘Cohete” que ven de gañar en Ourense, Sergio Vallejo, actualmente primeiro da clasificación xeral da Copa de España e Oscar Palacios, que vai segundo”, indicou.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, David Alonso, expresou no nome do Concello “a ledicia que nos produce recuperar a celebración de esta proba e renovar o noso vínculo”. Por último Alonso Bargiela recalcou a importancia do Rally Rías Baixas como elemento de dinamización do turismo no noso concello e na contorna e polo que supón de promoción económica para o sector da hostalería que está a pasar unha situación moi complicada”.
O vindeiro xoves día 22 de xullo ás 20:00h a Casa dos Alonso acolle a presentación do Libro “Páxinas da Guarda”.
Este libro nace durante o confinamento coa idea de facer un libro que abarcase a historia da Guarda e da Comarca, recopilando aqueles artigos de Antonio Martínez, Celso Fariñas e José Ángel Gándara que se publicaron nos distintos libros de festas locais de diferentes municipios do Baixo Miño.
Procedeuse ao escaneado deses artigos publicados ao longo dos anos, para amosalos nesta publicación que está realizada a proposta de Infomaxe, baixo o patrocinio do Concello da Guarda.
Para asistir ao acto de presentación é preciso unha inscrición previa a través do correo electrónico [email protected].
O ‘sendeyak’ volve este verán ao río Tea. Ao abeiro do programa Mocidade Viva, a Concellaría de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó organiza este xoves 22 de xullo (17:00 horas) unha nova edición desta actividade que combina sendeirismo con descenso en kayak ao longo dunha ruta de 3 quilómetros polos bosque autóctonos do Tea, observando todos os seus recursos, e facendo o camiño de volta en kayak vivindo unha experiencia deportiva divertida e diferente. Así, as persoas participantes sairán a pé da praia fluvial da Freiza para realizar a andaina ata a Poza do Barco e regresar dende ese punto navegando.
Trátase dunha novidosa oferta deportiva e lúdica coa que o Concello de Ponteareas busca “promover entre os mozos e mozas hábitos de vida saudábeis ao tempo que se achega ao noso patrimonio natural”. A actividade vai dirixida a rapaces e rapazas maiores de 12 anos, que no caso de ser menores deben ir acompañados dunha persoa adulta. As e os interesados poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a [email protected].
O Concello bonifica unha parte do custo da actividade, que terá un prezo final para as persoas participantes de 15 euros e que incluirá todos os materiais necesarios para realizala, así como os seguros necesarios e os monitores que guiarán aos participantes.
O edil anima a todos os mozos e mozas a participar nesta experiencia deportiva que se desenvolverá con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.
O Concello de Nigrán bonificará novamente o 75% do imposto de terrazas ante a persistencia da crise do Covid-19. Así, o alcalde de Nigrán, Juan González, asinou co presidente da asociación de empresarios Ovalmi, José Ángel González, unha prórroga do convenio de colaboración firmado no 2020 que contempla esta rebaixa e, ao mesmo tempo, a flexibilización da súa ampliación para garantir a seguridade sanitaria que obrigan ao distanciamento social.
“Gustaríanos bonificar o 100% do imposto de terrazas pero é legalmente imposible, o máximo permitido é o 75%. Igualmente, reiteramos a nosa petición a Costas do Estado e da Xunta para que realicen estes descontos porque a eles lles corresponden as terrazas do paseo marítimo de Panxón e do peirao”, sinala o alcalde, Juan González, quen indica que “se manteñen todos os motivos para continuar apoiando a hostalaría ante a crise do Covid-19 que tamén limita o traballo do sector”.
A maiores, o Concello de Nigrán suma 240.000 € en fondos propios aprobados en tres liñas de axudas directas compatibles entre si para suavizar os efectos da crise económica na hostalaría e no taxi . Paralelamente, ofrece o servizo de reparto gratuíto para todos os negocios do municipio ata o 10 de outubro como fórmula de apoio ao comercio local. O Concello asume as custas do envío a domicilio mediante a contratación propia do servizo no termo municipal. Este funciona de mércores a sábados de 13:00 a 15:00 horas e de 21:00 a 23:00 horas e os domingos de 13:00 a 15:00 horas, coa novidade de que mércores e xoves inclúe non só ao sector da restauración, se non calquera tipo de negocio de Nigrán aínda que non sexa hostaleiro (volumen transportable no caixón dunha moto).
Como nas anteriores ocasións, os pedidos mínimos son de 15 € e cínguense ao termo municipal sen inclúir a xestión dos cobros nin envíos de pedidos contratados a través de plataformas privadas. Os negocios interesados en sumarse deben solicitalo no correo [email protected].
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ás bases que rexerán a concesión de subvencións a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro para este ano 2021. A institución provincial destina un orzamento total para estas achegas de 80.000 euros, e están dirixidas a subvencionar os gastos correntes e de persoal das escolas de música dependentes de asociación e fundacións radicadas na provincia que teñan entre os seus obxectivos a formación musical.
A presidenta provincial Carmela Silva destacou estas axudas como unha aposta pola cultura: “Apostamos pola formación musical, que é un dereito e nós queremos democratizala para que chegue a todos os nenos/as e mozos/as da provincia”.
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva e entre os criterios obxectivos de reparto que se terán en conta figuran o número de alumnos/as matriculados; número de docentes; o orzamento de gastos da escola de música e as especialidades impartidas. As entidades deberán presentar as súas solicitudes a través dun formulario da sede electrónica da Deputación e poderán facelo desde o día seguinte ao da publicación das bases no BOPPO, con data límite do 30 de setembro.
No ano 2020 estas axudas foron concedidas a 20 escolas de 15 concellos da provincia.
O pasado venres tivo lugar a clausura da actual temporada do programa Cultiva a Mente promovido polo Concello de Tui e AFAGA para promover un envellecemento activo e saudable. Dende o pasado mes de setembro participaron no mesmo máis de 60 mulleres e homes distribuídos nos grupos que semanalmente se reunían en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns.
No acto de clausura, deste mediodía, na Ribeira de Caldelas, os e as asistentes do programa recibiron os seus diplomas da man do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e do presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez. Cultiva a Mente volveu a actividade presencial en xuño tras varios meses no que se impartiu de xeito telemático, pola situación sanitaria, enviando o material a través de distintas plataformas ou a domicilio.
A valoración da actividade é moi positiva tanto polo número de persoas participantes coma pola consecución dos obxectivos fixados para esta iniciativa.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro sinalou no acto de clausura que “para o Concello de Tui era unha prioridade trasladar a atención psicosocial ao mundo rural xa que a maioría deste tipo de servizos atópanse nos centros urbanos das cidades, así que asumimos o compromiso de estendelo ás parroquias de Tui”. Indicaba o rexedor que “dedicarán cantos recursos sexan necesarios para que este servicio poida ampliarse máis días e máis horas” desexando que “o ano que ven poida haber máis dunha centena de participantes”.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou na súa intervención que “a aposta por este programa é total por parte do concello”. Salientou que o programa está baseado no traballo en grupo pero, por mor da pandemia, durante moitos meses non se puideron celebrar actividades de grupo, pero si mantivo o contacto cos participantes de xeito individual.
Pola súa banda o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, felicitou aos asistentes pola súa participación no programa a pesar das restricións, coas dificultades que supuxo para eles esta situación, e congratulouse de que Concello de Tui apostara por Cultiva a Mente. Indicaba amais que “a través dos recursos de proximidade do entorno e de novos procesos e proxectos na cidade de Tui imos crear unha estrutura de apoio aos coidadores, as persoas maiores, e as persoas que teñan algún grao de vulnerabilidade na cidade”. Durante hora e media á semana nos centros culturais de Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns, os participantes neste programa preventivo coñeceron coma funciona o noso cerebro, técnicas de aprendizaxe de mellora, estimulación de distintas funcións cognitivas coma memoria, atención ou linguaxe. Ademais Cultiva a Mente tamén fomenta a sociabilidade ao ser unha actividade grupal.
O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “MELLORA do VIAL SAN SALVADOR DE TEBRA” que consistirán na renovación completa do vial SST-001, de titularidade municipal, no tramo 0-0,2km.
O Concello pretende acometer, dando tamén resposta á unha demanda veciñal, a renovación da urbanización do tramo inicial do vial ata o cruzamento onde está situado o centro social e a igrexa parroquial. Debido ao mal estado de conservación da estrada, sobre todo, no espazo destinado a beirarrúas de uso peonil, se aproveitará para renovar tamén a estética do vial, creando unha nova senda para peóns.
As obras, que terán un custe de 107.366,02 euros, incluirán a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e de vehículos.
Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.
Ademais, dotarase de pavimentos e arborado novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética, uniformándoa coas actuacións realizadas na contorna da igrexa e do centro social de Sal Salvador de Tebra.
“Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopa na actualidade”, precisa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha dun metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Nesta, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta que as condicións meteorolóxicas que se veñen dando dende a noite do sábado, coa aparición das denominadas “néboas de advección”, favorecen a novas infeccións de mildio así como de black rot naquelas viñas nas que xa está presente.
Ademais, debido ao carácter miúdo do orballo que pode formarse, o persoal da EFA tamén avisa de que pode aparecer oídio nas viñas. Dende a Estación recomendan que para combater estas infeccións se renoven as intervencións naquelas viñas que non están ben protexidas.
Aspecto gromo terminal testemuña a primeira hora da mañá
Este novo aviso chega tras o cambio nas condicións meteorolóxicas que se produciu esta fin de semana xa que o venres pasado, cando non se prevían novas precipitacións no que restaba de mes, todo apuntaba a que a estabilidade no tempo axudaría a manter os acios sans e que acadasen o estado non susceptible (o pintado) sen maiores problemas.
A Feira do Libro de Ponteareas baixou onte domingo o pano cun grande éxito de público, que se achegou á Praza Maior para gozar da ampla programación a pesar da vaga de calor dos últimos días. Concello e librarías fan un balance positivo desta quinta edición, que conseguiu aglutinar 22 presentacións e sinaturas de libros, máis da metade creados por autoras e autores ponteareáns. “Estamos moi contentos co resultado e coa boa acollida por parte da veciñanza, que desfrutou dunha feira segura, con moita vida e todas as medidas de prevención necesarias nos intres nos que estamos”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
A quinta edición da feira pechaba o domingo as súas portas por todo o alto, coa presentación de Palabra de Martes, unha obra que recolle unha recompilación de textos escritos polo alumnado do obradoiro de escritura creativa organizado polo Concello de Ponteareas e que está coordinada pola propia formadora do curso, a escritora e actriz María Lado. Para o edil de Cultura “é un orgullo ver como o traballo que estamos a facer dende o Concello repercute na nosa sociedade de forma tan positiva e como nos permite achegar a novos nomes ao noso panorama literario”.
Palabra de Martes aglutina arredor de medio cento de textos escritos por 13 autores e autoras: Teresa Ríos Noya, Evaluna Stark, Javier Ogando Bautista, Hortensia Bautista, Ana Belén Fernández, Carmen Lemos González, David Fernández Columna, Laura Domínguez Meiriño, Pilar Alonso Suárez, Marta González Alonso, Daniel Eireos Quinteiro, Sara Cabaleiro García e Lome. A presentación contou coa participación da alcaldesa, Cristina Fernández Davila; do concelleiro de Cultura, Fernando Groba; da coordinadora do libro, María Lado e das e dos escritores.
Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira ofertou ademais de presentacións e sinaturas un amplo programa de animación dirixido a todos os públicos.
Ademais do pregón e da actuación musical inicial, foron moitos os cativos e cativas que participaron nos obradoiros organizados polas mañás na Praza Maior ao abeiro da feira. Destaca tamén a alta participación no certame ‘Remata o conto’, unha iniciativa da Concellaría de Cultura en colaboración co Centro Comercial Aberto Banastra coa que se buscaba fomentar a escritura en galego.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.