12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaChega o Festival Sinsal á Illa de San Simón

    Chega o Festival Sinsal á Illa de San Simón

    O Festival Sinsal Son Estrella Galicia desenvolve desde mañá e ata o domingo unha nova edición na Illa de San Simón, bautizada como “esencial” e que ten como eixos da súa programación a vangarda, a sustentabilidade e a natureza. A Xunta de Galicia volve patrocinar o evento como unha das 13 citas adheridas á súa marca FEST Galicia, vinculada así mesmo á celebración do Xacobeo 21-22.

    A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiron este mediodía a un encontro institucional xunto ao codirector do Sinsal, Luis Campos, e os representantes doutras das entidades colaboradoras, onde reafirmaron o compromiso do Goberno galego cos festivais que integran a iniciativa FEST Galicia, creada para promover a nosa Comunidade

    como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade medioambiental e concienciación social.

    Aumento dos fondos para festivais

    Trátase dunha das principais vías de apoio autonómico aos encontros profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de 840.000 euros en 2021. De feito, FEST Galicia incrementou os seus fondos nun 25%, chegando aos 500.000 euros, e este ano retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.

    No caso do Festival Sinsal, o cartel segredo segue sendo un dos seus sinais de identidade, aínda que desta volta a organización desvelou que os grupos proceden de distintos puntos de Galicia e do resto de España, Portugal e Estados Unidos, así como que o 70% deles están liderados por mulleres ou compostos na súa totalidade por integrantes femininas.

    O escenario FEST Galicia Xacobeo 21-22 é un dos dous instalados na Illa de San Simón, aos que neste Sinsal Esencial se suma, ademais, un escenario virtual da man do colectivo Liveforevr. Esta proposta innovadora suporá a retransmisión aberta a todo o mundo dunha experiencia inmersiva, en colaboración cunha das artistas do festival, o sábado 24 a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr e Sinsal.

    Entradas esgotadas

    Coas entradas xa esgotadas, as tres xornadas de programación incluirán catro concertos, unha conversa sobre o futuro sostible da industria cultural e unha sesión de DJ para animar a despedida. Ademais, polas tardes os asistentes poderán coñecer de preto a memoria e a natureza que se atopa no arquipélago conformado por San Simón e San Antón.

    No marco das actividades paralelas, poderase ver por vez primeira un pequeno avance da nova curta documental da cineasta redondelá Diana Toucedo sobre o traballo das mulleres e homes do mar da ría de Vigo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.