As artes de rúa conquistan esta fin de semana a Eurocidade Tui-Valença coa primeira edición do Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença. Dende este venres, 23 de xullo, ao domingo 25 de xullo, haberá un total de 24 espectáculos para público familiar no Jardim Municipal, no Jardim das Amoreiras e no Governo Miitar en Valença e na praza do Concello, o Paseo da Corredoira e o Paseo Fluvial de Tui.
A presentación deste festival tivo lugar a primeira da tarde de onte na Pousa de San Teotonio en Valença, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Câmara de Valença, Manuel Lopes; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “este festival é o xerme de algo que se vai converter en moi importante nos próximos anos” engadindo que “vai marcar un antes e un despois no que é a produción de eventos na Eurocidade” e que definirá a futura axenda compartida entre os dous municipios. Salientou unha vez máis Enrique Cabaleiro o singular e único da programación conxunta de Tui e Valença.
Concluía o rexedor tudense destacando que “van ser tres días moi intensos de actividades na rúa, encamiñados a seguir promocionando a cultura en diversos ámbitos, e que tamén vai servir para pór en valor o rico e extenso patrimonio das dúas cidades, e vai atraer ás nosas localidades a moitas persoas o que vai ser positivo para o tecido comercial e de servizo de Valença e de Tui”.
Mentres o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, salientou a estreita vinculación entre os dous municipio afirmando que “non somos quen de nos identificar sen a nosa veciña de Tui, e viceversa”. Sinalou que esa unión foi a que propiciou este desafío de levar adiante un festival de rúa para público familiar e accesible. Un evento que “vai aportar vivacidade aos noso comercio, industria e hostalería”.
Todos coincidiron en amosar o seu agradecemento o equipo que fixo posible levar adiante este evento.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosouse orgulllosa do traballo realizado nun festival pensando para as familias do que dicía “é o primeiro cativo da Eurocidade, estamos moi orgullosos”. Amosou o seu convencemento na boa acollida que terá esta innovadora proposta.
O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou que este será un dos festivais que marcarán este verán cun novo formato, con interacción con público e ao aire libre. Será dicía “un programa mixto no que a arte e a cultura percorrerán as dúas cidades” dirixido a público familiar.
O I Festival Internacional de Artes de Rúa está organizado conxuntamente pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui estando subvencionado polo programa UNICIDADE Interreg España-Portugal.
A Eurocidade acollerá dende o venres 23 ao domingo 25 quince espectáculos e 24 funcións con aforo limitado e para as que será preciso facer reserva previa de entrada, de forma gratuíta, en www.tui.gal ou en www.visitvalenca.com dende mañá mércores ás 12 h.
Teatro, música, maxia, malabares, clown, … serán algunhas disciplinas das que o público poderá gozar na fin de semana na Eurocidade con A Gramola Gominola, Antón Coucheiro, Artenio Baruffi, BrassDass, Circo Chosco, Clown Enano, Comédias do Mimho, Daniel Gonçalves, Farra Fanfarra, Fredi&Cia, Mamá Cabra, O Pulpiño Viascón, Pajarito, Pedaçao Mau e Troula Animación.