12.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Servizo de Orientación para o Emprego xestionou no primeiro semestre do...

    O Servizo de Orientación para o Emprego xestionou no primeiro semestre do ano preto de 200 ofertas de emprego

    Noventa e unha persoas inscribíronse na Bolsa de Emprego Municipal, das que 27 se incorporaron xa o mercado laboral

    O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral do Concello de Tui xestionou no primeiro semestre deste ano 200 ofertas de emprego. Na Bolsa de Emprego Municipal posta en marcha neste 2021 inscribíronse 91 persoas das que 27 se incorporaron ao mercado laboral a través da xestión das ofertas realizadas dende este departamento municipal, que ten a súa sede no Centro Municipal de Formación, en Guillarei.

    Unha das accións levadas a cabo é o deseño de itinerarios personalizados cunha metodoloxía centrada no autocoñecemento, nas necesidades e intereses persoais así como no grao de compromiso coa búsqueda de emprego. Aqueles que acoden a este servizo tamén atopan recursos para mellorar a empregabilidade, ao tempo que se acompaña ás persoas desempregadas na busca de ofertas axeitadas as súas necesidades. Amais dende este Servizo lévase a cabo un traballo proactivo de prospección e intermediación en colaboración co tecido empresarial que canaliza as necesidades de persoal con respostas axeitadas de persoas en procura de emprego do Concello de Tui.

    De xeito complementario, o Servizo de Orientación municipal desenvolve mensualmente obradoiros de emprego como método de reciclaxe e actualización ante as novas necesidades do mercado laboral. Amais realiza, quincenalmente, en colaboración coa Radio Municipal de Tui, o “Club de emprego”, un espazo radiofónico no que se achega información sobre o mercado laboral, oportunidades de emprego, profesións emerxentes e noticias de interese para as persoas que están buscando emprego.

    Este departamento está xa traballando en novos obradoiros a impartir até decembro dirixidos a desempregadas e desempregados empadroados no municipio. Aquelas persoas interesadas en realizar este obradoiro ou en inscribirse na Bolsa Municipal de Emprego poden solicitar cita no Servizo de Orientación no teléfono 986 60 32 28 ou co correo orientación@tui.gal.

    A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui, Ana María Núñez, indica que “o emprego no actual contexto é un compromiso para todas as administracións e para este goberno é unha prioridade polo que continuaremos traballando por contribuír a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas ó entender que o emprego dignifica a vida das persoas e as integra socialmente”. Nese senso sinala que se pechou o mes de xuño con 1.158 persoas desempregadas, cando en febreiro a cifra era de 1.309, o que di son “datos moi esperanzadores tras a pandemia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.