Domingo, 1 Xuño de 2025

Arbo convoca un concurso de decoración navideña

0

Por primeiro ano, o Concello de Arbo, e co fin de avivar as tradicions ludico-festivo do Nadal, convoca o I Concurso de Decoración Navideña “Arbo no Nadal”. Este concurso está dirixido ás Asociacións, colectivos e particulares do municipio, co fin de dinamizar a participación activa dos cidadáns de Arbo, colaborar en infundir un ambiente do Nadal decorativo baseado en valores como o traballo en común, a fraternidade ou a cooperación, contribuír e dispoñer de elementos decorativos que acheguen á localidade unha contorna de Nadal acolledor e ilusionante, dar protagonismo activo aos cidadáns e colectivos como fonte de desenvolvemento e intervención comunitarios na localidade, fomentar aqueles valores locais que queden expostos nos distintos elementos decorativos do Nadal e apoiar ao comercio local.

O Concello de Arbo, destaca o alcalde Horacio Gil, “quere fomentar a participación cidadá na decoración de luces e decoración de Nadal nos fogares, coa idea de promover o ambiente festivo nas nosas festas de Nadal”.

Categorías

a) Familiar : Persoas que realicen a súa montaxe no seu balcón, xanela, porta, fachada de casa ou xardín exterior.

b) Colectiva: Poderán participar os comercios, asociacións, colectivos ou empresas privadas situadas en Arbo

 As propostas presentaranse no rexistro xeral do  Concello de Arbo sito na Praza Consistorio nº 1 36430 Arbo (Pontevedra) ou por correo electronico a [email protected] dende o o 27 de novembro de 2022 ata o día 19 de decembro de 2022.

As bases podén consultarse na páxina web do Concello de Arbo: www.concellodearbo.es.

Xurado

O xurado composto pola concelleira de Participación Cidadá ou persoa en quen delegue, un representante do Concello de Arbo, e dous representantes dos distintos ámbitos sociais e culturais.

A Deputación destaca o talento emprendedor no peche da I Aceleradora SmartPeme

Orgullosa polo músculo e “talento emprendedor” da provincia, a presidenta da Deputación Carmela Silva, xunto á directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, e a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, veñen de pechar na sede de Vigo a I Aceleradora multisectorial de empresas SmartPeme e de entregar os premios do II Concurso de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos. AC8 Arquitectura (Vigo), con 900 €, e ProPlantae (Nigrán), con 600 €, recibiron o primeiro e segundo premio respectivamente ás mellores iniciativas da aceleradora e Rurale (A Guarda) e AirCO2 (Pontevedra)  acadaron cadanseu galardón de 2.000 € no marco do concurso de innovación.  Todas as iniciativas, destacou a presidenta, teñen unha mirada “moi social, innovadora e comprometida, que fala de xente que quere crear empresas diferentes con valores centrados na sostibildiade, no coidado, no humanismo, que constrúen sociedades e fan que o mundo sexa mellor”.

“Somos unha provincia que avanza e avanza moito, e iso ten moito que ver coa nosa vinculación con grandes proxectos industriais e cunha universidade que fomenta moito o talento. Comezar o luns falando de innovación, emprendemento, talento, intelixencia, capacidade de crear riqueza e emprego, de intentar ser unha referencia nos novos retos aos que nos enfrontamos como sociedade é un chute de enerxía” asegurou Carmela Silva na xornada. A presidenta, amais de remarcar o compromiso do persoal implicado no programa SmartPeme, enxalzou o papel dos proxectos presentados tanto á aceleradora como ao concurso de solucións innovadoras: “Son todos únicos e moi importantes, vinculados ao medio ambiente, ao coidado do planeta, a dar vida ao rural, ao turismo sostible, aos coidados, a dar novas respostas a necesidades novas”. Tamén fixo fincapé na colaboración público-privada coa Fundación Roberto Rivas, entidade coa que a Deputación ten en marcha un convenio para impulsar estas iniciativas, que está a permitir “favorecer o desenvolvemento, impulsar o talento e a innovación en todo o territorio da provincia”. “Non hai posibilidades de avanzar –destacou- se non o facemos sumando sinerxías”.

Precisamente neste mesmo eido incidiu Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas, quen ademais subliñou que “cada vez se están a presentar proxectos máis innovadores e atractivos, que xeran emprego e autoemprego e contribúen a transformar o sector e a contorna e a xerar riqueza”.

A I Aceleradora multisectorial de empresas SmartPeme, que vén de pecharse coa entrega de premios ás mellores iniciativas aceleradas a AC8 Arquitectura e ProPlantae, desenvolveuse entre setembro e novembro coa participación de proxectos “recentemente nados”, que tiñan por obxectivo reorientar o seu negocio e poñer en marcha a súa actividade en liña. Para elo, durante este tempo, achegóuselle formación sobre o emprego das TIC, as redes sociais e a imaxe corporativa.

O gañador da I Aceleradora multisectorial de empresas foi Alexandre Cameselle con AC8 Arquitectura (Vigo), estudo de arquitectura especializado nos cambios de uso de locais a vivenda, co obxectivo de paliar a escaseza existente e os altos prezos, rexenerando ademais o mercado inmobiliario ao reconverter locais comerciais devaluados e sen demanda, de maneira rápida e ecolóxica. O segundo premio recalou en Vanesa Redondo con ProPlantae (Nigrán), un laboratorio biotecnolóxico cuxa misión é diagnosticar fungos e estudar a multiplicación de microorganismos antagonistas para producir extractos de plantas coa finalidade de empregar como bioestimulantes, biocidas ou outros produtos que incrementen o rendemento dos cultivos.

Xunto a AC8 Arquitectura e ProPlantae tamén participaron na aceleradora Rosa María Estévez con Marla Crianza (Ponteareas), proxecto baseado na dixitalización e venda en liña de produtos de puericultura e crianza respectuosa, que tamén imparte charlas e asesoramentos personalizados sobre lactación, porteo ou alimentación complementaria; María Soliño con Capptus (Vigo), startup turística que pretende facilitar a comunicación entre a axencia de viaxes, guía turística e persoas viaxeiras, para que sexa rápida, cómoda e en tempo real; e María Rivas Couceiro con Parque de Aromas Maruxío (Pontevedra) cun proxecto de agroturismo que oferta turismo de experiencias 360º a través de aloxamento e da  recuperación da cultura das plantas aromáticas, culinarias e medicinais.

II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras

Tamén se puxo fin ao II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras, que arrancou o 28 de outubro, coa entrega de premios a Rurale e AirCO2. Esta iniciativa, que se trata do cuarto reto tecnolóxico lanzado pola Deputación dende o 2019, tiña por obxectivo galardoar ás mellores iniciativas en impulsar solucións innovadoras a través da creación dunha aplicación móbil, web ou plataforma tecnolóxica que axudase a promover a sustentabilidade nas empresas e no medio rural, a contribuír na mellora da igualdade nas empresas e a impulsar o emprendemento.

No II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras déronse cita tres proxectos liderados por cinco mulleres e catro homes. Rurale (A Guarda) impulsado por Jarol Meléndez, Leticia Correa e Luis Eduardo Castro, ten como obxectivo sacar proveito a terreos en desuso a través dunha app para crear comunidade entre persoas propietarias dos terreos e persoas usuarias de xeito que as primeiras saquen rendemento e manteñan limpos as súas propiedades ao tempo que as usuarias dispoñen dun catálogo de terreos a bo prezo para o seu desfrute. AirCO2 (Pontevedra) liderado por Máximo Sánchez, Pío Iglesias e Estela Cardala pretende democratizar e facilitar a transición  ecolóxica axudando ás empresas a medir, reducir e compensar a pegada de carbono a través dunha aplicación que permite medir as emisións e compensalas asociándose con persoas propietarias de leiras en montes. MeetRural (Baiona) impulsado por Sandra Fontinha, Lucía Prado e Agustina Patiño trátase dunha plataforma con información tanto dos concellos rurais do sur de Galicia e norte de Portugal como dos negocios e profesionais que neles se sitúan, para fomentar o comercio de proximidade e o consumo local.

De Rurale e AirCO2, os proxectos vencedores do II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras o xurado valorou positivamente a innovación dos seus modelos de negocio, o impacto que xeran na provincia, a incorporación de elementos innovadores e tecnolóxicos, o feito de ser proxectos escalables dixitalmente e a inclusión de acción sostibles.

Abertas as inscricións no curso de autodefensa de Baiona

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para participar no Curso de “Autodefensa para mulleres ante situacións violentas”.

A actividade dirixida a mulleres, desenvolverase o sábado 17 de decembro en horario de maña e tarde ( de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h) no pavillón municipal de deportes.

O curso  enmárcase nas actividades que á Secretaría Xeral de igualdade, oferta aos Concellos da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Concello de Baiona forma parte.

O curso é impartido por especialistas da Federación Galega de loita e pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado .

Terán preferencia no acceso ás mulleres empadroadas en Baiona. Para inscrición ou más información contactar co Centro Municipal de Información á Muller de Baiona de forma presencial ou a través do teléfono 986 35 75 54 en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Culturgal réndese ao libro ‘Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores’, da colección Creadores Ponteareáns

Ponteareas volve amosar un anaco da súa historia, da súa arte e da súa literatura no Culturgal, a Feira de Industrias Culturais de Galicia, que esta fin de semana celebrou a súa décimo quinta edición no Pazo da Cultura de Pontevedra con grande éxito de participación. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o escritor Manrique Fernández acudiron este domingo para presentar ao público asistente o libro ‘Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores’, un novo volume de Creadores Ponteareáns, unha colección posta en marcha polo Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra co obxectivo de poñer en valor o traballo creactivo de figuras senlleiras da vila que destacan no eido das artes.

Coincidindo cos 100 anos do seu nacemento, o Concello de Ponteareas decidiu dedicar o libro de 2021 a Rogelio Lorenzo, un pintor que destacou durante a segunda metade do século XX e que expuxo, con grande éxito de público e crítica, na Sala Toisón de Madrid ou na I Bienal de Arte Contemporánea Español, celebrada no Museo Galliera de París. Tamén traballou como profesor de debuxo artístico na Escola de Canteiros de Poio durante 20 anos, deixando unha fonda pegada en varios dos seus alumnos e alumnas.

A rexedora sinalou que coa publicación deste libro o Concello buscaba render homenaxe “a un extraordinario pintor que, aínda non sendo de Ponteareas, levou sempre a vila no seu corazón”, xa que unha das súas primeiras exposicións foi no Centro Artístico Sportivo do municipio con só 11 anos.

Para o Concello de Ponteareas é un orgullo asistir a unha nova edición de Culturgal para presentar novas creacións, xa que “a creatividade sempre foi un valor en alza en Ponteareas, con moitas e moitos dos nosos veciños relacionados con diferentes facetas da arte, pontareás e pontareáns de recoñeñcido prestixio que non queremos que caian no esquecemento”.

Ampla oferta de cursos online á disposición da veciñanza na Aula Mentor de Oia

0

A Aula Mentor de Oia pon a disposición da veciñanza unha importante oferta formativa online dirixida a diversos ámbitos profesionais. Entre outras moitas propostas, o catálogo formativo abrangue ámbitos como informática, administración e xestión, comercio e marketing, hostalería e turismo, agraria, sanidade, téxtil e confección, vidro e cerámica, imaxe e son, electrónica e electricidade e mantemento; así como competencias en diversas linguas.

En todos os casos trátase de formación telemática non regrada, flexible e con titorías personalizadas. Os cursos pódense seguir desde a propia Aula Mentor de Oia (na aula de novas tecnoloxías situada nos baixos do Concello) ou ben desde a casa, cun ordenador conectado a internet. O catálogo de cursos está accesible na web https://www.aulamentor.es.

O programa Aula Mentor desenvólvese en Oia a través dun convenio asinado entre o Concello e o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Con esta iniciativa ponse a disposición da veciñanza unha serie de ferramentas para a mellora da empregabilidade, entre elas unha ampla oferta de cursos online e uns servizos de orientación profesional.

Matrícula

Para facer algún dos cursos incluídos na Aula Mentor cómpre, en primeiro lugar, realizar o proceso de matriculación. Para elo, as persoas interesadas poden contactar co Concello por teléfono (no 986362125 extensión 3) ou ben a través do correo electrónico [email protected].

Cada formación ten un custe de 24 euros ao mes e a duración habitual soe ser de dous meses. Coa superación do curso, a persoa usuaria obtén un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Elfos e paxes confían no bo facer do voluntariado de Covelo para ter todo listo para o Nadal

0

Elfos e paxes acordaron este ano confiar no bo facer das persoas voluntarias que se prestaron a ir preparando o desfile de Nadal. Ante a morea de peticións e desexos os e as axudantes máxicas de papá Noel e dos Reis Magos de Oriente decidiron depositar toda a súa confianza nestas persoas. Conscientes de que, ao igual ca eles, as persoas voluntarias son portadoras de ilusións e boas intencións, por unanimidade decidiron trasladar as directrices do deseño das carrozas para que todo estea listo para desfilar por Covelo.

Así, cada xoves pola tarde, as persoas voluntarias de Covelo reúnense no baixo do pavillón municipal e xuntos/as dan forma a cada elemento e vida a todo o atrezzo das carrozas.

De xeito colaborativo traballan en coordinación directa con Laponia e con Oriente e repoñen os folgos cun biscoito caseiro ou cun chocolate ben quente. Un pon a cafetera, outro a música, outro os doces … e así un por un poñen ritmo de traballo rumbo a un desfile que percorrerá todas as parroquias de Covelo e rematará cun desfile e festa na praza Mestre Cerviño o día 6 de xaneiro do, xa inmediato, ano 2023.

O Porriño dá os primeiros pasos para a implantación do transporte urbano

O Concello do Porriño vén de presentar á Xunta de Galicia o seu proxecto para a implantación do transporte urbano municipal incluído na Rede de Transporte Público de Galicia.

A proposta, que tivo unha boa acollida por parte da administración autonómica, inclúe varias liñas de autobuses que conectarán todas as parroquias do municipio e o centro urbano e darán servizo aos dous grandes polígonos industriais.  Estas estableceríanse grazas a un convenio entre o Concello do Porriño e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xestiona as concesións do transporte público de toda Galicia.

“Os veciños do Porriño, tanto das parroquias como do centro urbano, teñen que ter a posibilidade de moverse por todo o termo municipal facendo uso do transporte público”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A proxecto co que traballamos xa coa Xunta de Galicia inclúe varias liñas que conectarán as parroquias co centro urbano e tamén dúas lanzadeiras que darán servizo aos polígonos de As Gándaras e A Granxa con catro frecuencias, algo de vital importancia e moi reclamado polas empresas e traballadores da zona industrial”.

O rexedor agradeceu a disposición da “Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a posta en marcha deste bus urbano á maior brevidade posible. É un servizo do que non dispoñemos e que precisamos dende hai tempo”.  

Beneficios para os usuarios

Os usuarios e usuarias do bus urbano do Porriño beneficiaríanse de todas as vantaxes da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, TMG, disfrutando de de descontos, bonificacións e transbordos gratuítos en todo o territorio galego.

Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar totalmente gratis ao estar incluídas as liñas municipais na Tarxeta Xente Nova.

O Concello do Porriño traballa xa na aplicación dunha serie de bonificacións específicas a maiores para a súa poboación.

Éxito do “I Raid Serra de Groba-Bodegas Marqués de Vizhoja”

Esta fin de semana, do 25,26 e 27 de novembro de 2022, tivo lugar o “I Raid Serra de Groba-Bodegas Marqués de Vizhoja”, que se celebrou polos concellos da Guarda, o Rosal, Santa María de Oia e Baiona.

O evento comezou o venres 25 de novembro en Santa María de Oia coa recepción dos equipos e tivo o seu clausura o domingo 27 de novembro en Baiona.

Como todos os anos, chegaron equipos de diferentes comunidades autónomas para enfrontarse aos 150 km e 4800 metros de desnivel positivo que se escondían detrás dos mapas que o club lle preparou.

A carreira empezou cun trekking de orientación polo monte de Santa Tegra, para logo seguir desde a pasaxe ata O Rosal.

Unha vez chegados ao Rosal, os equipos empezaban co primeira BTT de orientación, que os levaba pola serra en dirección A Guarda, facendo un bucle e remantando en Loureza.

Xa no concello de Santa Maria de Oia, comezaba un esixente Treeking circular de 23 km onde todos os equipos atopábanse coa complicación de navegar na noite cos mapas. E volta ás bicis, onde unha bici rapida de 23 km achegábaos ao mosteiro de Oia, para aí rematar a etapa do sábado cun trekking de 10 km por Oia.

O domingo ás 08:30 da mañá daba comezo a etapa dúas, cun pequeno trekking de 3 km polas rúas de Santa Maria de Oia, e volta ás bicis para encarar unha dura btt de 33 km circulando polo roteiro máxica ata Baiona.

Unha vez en Baiona enfrontáronse os equipos cunha sección de kaiak de 6 km e remtando a carreira con 5 km de trekking polas rúas de Baiona.

A entrega de premios do evento contou coa participación de Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; xunto ao seu tenente alcalde, Germán Fernández; Cristina Correa, como alcaldesa de Oia; o seu concelleiro de deportes, Modesto Pereira; Carlos Gómez, como alcalde de Baiona; a concelleira de deportes de Baiona, Andrea Pérez; Pedro Álvarez, como director de carreira e Diego Fernández como representante de Bodegas Marqués de Vizhoja.

Os resultados do evento foron os seguintes

Élite

  1. BUDIÑORAID ATLAS / 211 (posición) / 15:27:49 (tempo)
  2. SILICE ITACA AVENTURA / 207 (posición) / 15:39:10 (tempo)
  3. ACTIONVERA.COM – ALTAIR / 198 (posición) / 16:05:16 (tempo)

Aventura mixto

  1. CDM XESTEIRAS – SPACIO SAÚDE / 230 (posición) / 15:42:04 (tempo)
  2. GALLAECIA GOCAN AVENTURA-CONSA / 220 (posición) / 15:42:28 (tempo)
  3. AROMON MISFITS / 207 (posición) / 15:45:22 (tempo)

Aventura feminino

  1. IPAR NESKAK / 160 (posición) / 15:36:13 (tempo)
  2. ITACA AVENTURA FEMININO / 157 (posición) / 15:43:30 (tempo)

Aventura masculino

  1. SÉ ORDES / 207 (posición) / 15:45:57 (tempo)
  2. ITACA AVENTURA MASCULINO / 205 (posición) / 15:37:25 (tempo)
  3. AROMON GALLAECIA RAID / 199 (posición) / 15:46:30 (tempo)

O evento foi organizado polo Club Marqués de Vizhoja-Cornelios.

Alcaldes do Condado-Paradanta e Salceda apoian medidas para implantar na sanidade pública

Os alcaldes do Condado-Paradanta e Salceda de Caselas amosan o seu total apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, integrada por organizacións sociais, sanitarias, de pacientes, sindicais e políticas, coa que se busca que o Parlamento Galego debata e aprobe unha serie de medidas urxentes a implantar en atención primaria.

“A nosa comarca está atravesando unha etapa de grandes dificultades no ámbito sanitario. Como alcaldes e alcaldesas somos coñecedoras da mingua da calidade asistencial que están padecendo as usuarias e usuarios dos nosos centros de saúde e dos PAC de referencia, Ponteareas, A Cañiza e O Porriño”, explican as e os rexedores asinantes: a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila; o rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; o de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo; o rexedor da Cañiza, Luis Gómez Piña; e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón.

Unha situación que xera “unha preocupación e malestar que vai en aumento” cada día, con pacientes nenas e nenos sen servizo de pediatría, veciños e veciñas sen médico asignado e listaxes de agarda con prazos inaceptábeis, ao que se suma a presión, inestabilidade e precariedade á que está sometido o persoal sanitario, incompatíbeis cunha atención de calidade aos pacientes.

O pasado mes de marzo, alcaldesas e alcaldes solicitaban unha xuntanza urxente coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para valorar a situación na que se atopaban os centros de saúde e avaliar posíbeis melloras, pero “oito meses despois, nin obtivemos resposta nin albiscamos melloras substanciais na atención primaria no conxunto do Condado-Paradanta e Salceda de Caselas”.

Por este motivo apoian de forma rotunda a ILP proposta pola Plataforma SOS Sanidade Pública, na que se solicita medidas de aplicación urxente como a volta á atención presencial do paciente; a reapertura das consultas, centros de saúde e PAC de urxencia pechados durante os últimos anos; ou incremento de persoal médico, de enfermaría e administrativo dos centros de saúde, redimensionando os cadros de persoal e incorporando novas categorías profesionais como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá, logopedia… desmedicalizando a atención e ofrecendo unha asistencia integrada.

Ademais, entre as medidas solicitadas tamén figura o establecemento duns ratios mínimos que permita salvagardar a atención ás e aos pacientes; acabar coa inestabilidade e precariedade do persoal; poñer en marcha o Consello de Saúde de Galicia e de Área Sanitaria para que a poboación teña capacidade real de planificar, decidir e avaliar a actividade dos centros; ou recuperar as Xerencias de Atención Primaria dotándoas de capacidade de planificación e autoxestión, converténdoas en elemento esencial da organización da atención primaria.

“Todas as medidas que recolle a ILP deberían aprobarse de maneira urxente polo Parlamento de Galicia, dada a gravidade da atención primaria, en risco de desmantelamento e privatización. E deberían ir acompañadas dun incremento do orzamento para a atención primaria ata alcanzar o 25% do total”, salientan rexedoras e rexedores.

Alcaldes e alcaldesa animan ademais a toda a veciñanza a participar nas diferentes accións que están a levar a cabo dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado para reclamar unha atención sanitaria digna. Rexedores e rexedoras entregarán esta declaración ao voceiros e voceiras da Plataforma SOS Sanidade Pública e da plataforma do Condado durante a concentración que se celebrará o vindeiro 30 de novembro en Ponteareas, onde presentarán a ILP e recollerán sinaturas de apoio entre veciños.

O Concello ampliará a ruta do ‘Nigránbus’

0

O Concello de Nigrán ampliará desde o 1 de decembro o percorrido da liña municipal ‘Nigránbus’ á Estrada pola Vía (Panxón e Prado) e Priegue para así dar resposta ás demandas recibidas. O cambio non afectará ás paradas e horarios establecidos actualmente porque só supón trocar a cabeceira actual desde o Centro Antena (Otero Pedrayo) ao cruce da rúa Don Marcial con Navás. Así, este punto de Priegue será o principio e fin da liña, que abarcará a Igrexa, Mestra Emérita, Torreiro e Estrada pola Vía ata enlazar co Centro Antena e continuar co percorrido xa implantado (e á inversa na volta).

“Escoitamos as demandas de veciños destas zonas e consideramos positivo facer este cambio.  O Nigranbus non é inamovible, faremos todos os trocos que sexan precisos segundo  o balance de usuarios e as peticións razoables”, explica o alcalde, Juan González. “A tenor das demandas de veciños da zona de Prado, Navás e A Mámoa consideramos que si era factible e lóxico poder conectar estas zonas peor comunicadas cos núcleos urbanos de Nigrán”, admite o rexedor. Co fin precisamente de realizar este troco, o edil de mobilidade, Diego García Moreira, mantivo onte unha reunión na Dirección Provincial de Mobilidade na que quedou aprobada a cuestión.

O Nigránbus é unha liña municipal que naceu con obxectivo de acabar coa desconexión histórica do transporte público de Nigrán coas  parroquias do interior. Este minibus as conecta desde novembro, sendo practicamente a única localidade en Galicia en contar con este servizo intramunicipal (descontando as grandes cidades). O vehículo comunica  o interior cos núcleos urbanos de Panxón, A Ramallosa, Nigrán e  Porto do Molle cumprindo unha demanda ancestral da veciñanza do rural, que ata agora dependía do transporte privado para todo. 

O servizo consta dunha liña que permite ao cidadáns de calquera parroquia do interior achegarse en máximo 45 minutos aos centros de saúde ou conectarse co autobús cara a Vigo-Baiona, con especial atención ao horario de enlace coa liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e Universidade.  Está operativo de luns a venres con saídas desde Chandebrito ás 7:45, 14:00, 16:15 e as de Panxón (Centro Antena) ás 10:30, 15:15 e 20:40 (a partir do 1 de decembro será Priegue, manténdose a hora de paso do Centro Antena).  “Deseñouse de xeito que, por exemplo, unha persoa chegue a tempo ao centro de saúde a facer unha analítica ou consulta médica e poida regresar a continuación para casa e tamén para conectar coa liña á Universidade ou Hoispital Álvaro Cunqueiro, tendo en conta ademais que abre á porta ao trasbordo para ir a Vigo ou Baiona”, incide García.

Este fito histórico é posible tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Isto significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un cánon anual de 80.000 € máximo á Xunta. O convenio é flexible, puidendo modificarse, ampliarse e adaptarse ás necesidades concretas que se detecten, como foi neste caso. Esta fórmula permite, a súa vez, que os viaxeiros se beneficien da Tarxeta de Transporte Metropolitano, é dicir, son gratis os transbordos e todo para menores de 21 anos ou hai as mesmas bonificacións a estudantes, xubilados ou desempregados (sen estes descontos sería 1,55 €). Compre subliñar que, a maiores, o Concello de Nigrán destina 50.967 € cada ano para bonificar o transporte metropolitano na área de Vigo aos seus veciños.

O vehículo provisional é de 22 prazas e a gasolina, pero tal e como solicitou o Concello, o definitivo será unha Mercedes Sprinter carrozada etiqueta ‘Eco’ co fin de aforrar emisións e tamén de 22 prazas máis unha adaptada.

Así será o novo edificio de Mos con piscina subacuática

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que se aprobou en Xunta de Goberno Local concederlle licenza a unha promoción residencial de 34 vivendas en Puxeiros (zona de Correos). Trátase dun edificio no Camiño Monte de Cabral que comezará a construirse o vindeiro verán e, segundo informan desde a promotora, Santerr Obras e Instalaciones, prevese que estea rematado nun prazo máximo de 2 anos.

A construción contempla, como se dixo, 34 vivendas dotadas de prazas de garaxe (de 3 metros de ancho cada praza) con patio inglés, que contan con ventilación e luz naturais. Contará con piscina comunitaria climatizada e subacuática, isto é, as paredes acristaladas do vaso dan aos garaxes, facendo as veces de ventás polas que entra tamén luz natural.

A promoción componse dun bloque aislado, en medio dunha finca de 2.300 m2 de uso exclusivo para a comunidade.

A edificación contará con instalación de enerxías renovables, aerotermia e fotovoltáica. Quentará as vivendas a través de solo radiante, o sistema elixido para elo é a aerotermia, que combinada cos paneis fotovoltaicos, reducirán os custes de produción de enerxía dun xeito moi notable, para que os residentes teñan que destinar a menor cantidade de recursos posible tanto a calefacción como auga quente sanitaria. Nas épocas de primavera e verán, nas que o consumo de calefacción baixa, e a producción de xeración de enerxías renovables a través dos paneis fotovoltaicos e a aerotermia aumenta, aproveitarase esa enerxía para climatizar a piscina comunitaria, para así poder ampliar os meses de uso desta mesma.

O edificio incluirá diferentes tipos de vivenda, entre eles, vivendas tipo dúplex.

Como se vén demostrando dende fai anos, Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de ahí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior.

Nidia Arévalo e José Areal consideran que “este novo edificio é unha demostración máis de que Mos é un Concello ideal para vivir. É notable o aumento do número de novas vivendas experimentado en Mos durante os últimos anos, o que se debe en gran parte ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017”.

“A existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican Arévalo e Areal.

Mos leva experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas o que demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial.

A familia de Fermín Bouza Brey doa ao Museo municipal mobles do ilustre historiador e escritor ponteareán

O Museo municipal de Ponteareas amplía a súa colección de obxectos pertencentes a Fermín Bouza Brey. As e os herdeiros do ilustre historiador, etnógrafo e escritor ponteareán vén de doar ao Concello de Ponteareas diversos mobles que pertenceron ao intelectual.

Trátase dunha mesa de despacho, dun armario e de catro cadeiras de gran valor histórico que xa están no museo municipal para que poidan ser observados por todas as persoas interesadas na vida e obra de Bouza Brey.

Estes obxectos súmanse así á doazón feita pola viúva do escritor hai xa uns anos ao Concello, ao que cedeu diverso material que na actualidade figura nunha vitrina dedicada especificamente a Bouza Brey, que naceu na Praza Maior de Ponteareas no ano 1931 e ao que no ano 1992 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quere agradecer en nome do Concello “a xenerosidade da familia de Fermín Bouza Brey, que con esta nova doazón permite aumentar o espazo dedicado ao escritor no noso museo municipal”.

Os Bolechas celebran “O aniversario do avó” este sábado en Mougás

0

Os Bolechas visitarán este sábado Oia co seu espectáculo “O aniversario do avó”, que se representará a partir das 17.00 horas na Casa Cultural de Mougás. Así, combinando aprendizaxe, xogo e diversión, a actividade permitirá gozar a toda a familia e non só á cativada.

“O aniversario do avó” é unha nova aventura protagonizada polos famosos personaxes Loli, Chispa, Tatá, Braulio, Sonia Pili e Carlos, creados por Pepe Carreiro. O espectáculo chega a Oia da man do Programa FalaRedes 2022 de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ademais, a actuación será a encargada de abrir a programación do magosto organizado pola Asociación de Veciños de Mougás para ese sábado. Despois do espectáculo dos Bolechas, haberá castañas asadas e viño (18.30 horas) así como outras propostas de lecer.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 2 e sábado 3 de decembro

0

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 2 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 3 de 10:15 h ás 15:00 h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

A Xunta da comezo ao dispositivo de vacinación da gripe dos nenos

A Dirección Xeral de Saúde da Consellería de Sanidade xa ten preparado o dispositivo para vacinar esta fin de semana aos nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses, no conxunto de hospitais galegos.

A Xunta de Galicia acordou estender este programa a todas as áreas sanitarias galegas despois dos bos resultados obtidos na pilotaxe de vacinación pediátrica levada a cabo, a pasada fin de semana na área sanitaria de Santiago e A Barbanza.

Así, o lugar e os horarios de vacinación serán comunicados vía SMS aos pais, nais ou titores dos menores. Os nenos e nenas poderán ser convocados para vacinarse ao longo do sábado nun dos 14 hospitais públicos da Comunidade, que será o máis próximo ao seu domicilio, segundo conste na súa tarxeta sanitaria. Ao longo da xornada do domingo, vacinarase nos hospitais de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra. O horario de vacinación será de 10 a 14,30 horas e de 15,30 a 20 horas, en ambas xornadas, agás no caso de Ourense (que na xornada do domingo só vacinará en horario de mañá).

En concreto, a vacinación pediátrica levarase a cabo nos seguintes puntos dos centros hospitalarios galegos:

  • Hospital Materno-infantil Teresa Herrera
  • Hospital Público Virxe da Xunqueira
  • Hospital Arquitecto Marcide
  • Hospital Provincial de Pontevedra
  • Hospital Público do Salnés
  • Hospital Universitario Lucus Augusti
  • Hospital Público da Mariña
  • Hospital Público de Monforte de Lemos
  • Hospital Álvaro Cunqueiro
  • Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
  • Hospital Público da Barbanza
  • Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
  • Hospital Público de Valdeorras
  • Hospital Público de Verín

Deste xeito, a Xunta pon a disposición das familias galegas unha nova alternativa de vacinación para que poidan previr e protexerse contra a gripe.

A vindeira semana realizarase balance deste proceso de vacinación.

30 de novembro, peche dos grande recintos de vacinación

Por outra banda, o vindeiro día 30 de novembro pecharase a vacinación simultánea da covid-19 e da gripe en grandes recintos, que estaba destinada destinada ás persoas adultas maiores de 60, e a poboación de risco.

A partir do día 1 de decembro, vacinarase nos hospitais a través do sistema de autocita.
Para elo, as axendas dos hospitais abriranse de luns a sábado (en horario de mañá), e tamén, dúas tardes á semana.

Así mesmo, no caso dos hospitais comarcais, abriranse as axendas tres días á semana pola mañá (un deles será o sábado), e unha tarde á semana.

A autocita pode solicitarse a través da páxina web www.sergas.es ou a través da aplicación SERGAS MOBIL.

Esta novas opcións de vacinación estarán activas ata o fin da campaña da gripe.

Galicia mantense como a comunidade autónoma coa mellor porcentaxe de persoas vacinadas coa segunda dose de reforzo da covid-19. Así, lidera a nivel nacional a vacinación nos tres grupos etarios deste ámbito -maiores de 80 anos; entre os 70 e os 79 anos, e 60 a 69 anos.

A transformación chega ao comercio local de Salceda a través do programa Da Túa Man

O comercio local de Salceda de Caselas é beneficiado polas actuacións do programa Da Túa Man. Programa posto en marcha con fondos europeos a través da sinatura dun convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.

Dito programa, solicitado pola Concellería de Comercio, que dirixe a propia alcaldesa Verónica Tourón, conta cun orzamento de  93.139,87 €, dos cales o concello de Salceda aporta 11.546,27 €.

As actuacións recollidas teñen como obxectivo fundamental  dinamizar o comercio local, na liña de potenciar as iniciativas que se veñen levando a cabo pola asociación de comerciantes ACISA e o Concello. Introducindo cambios que provoquen a modernización, sustentabilidade e transformación dixital dos negocios comerciais locais, colocando a veciñanza como a verdadeira protagonista dese impulso comercial que se pretende acadar a través do programa.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de Comercio: “resulta fundamental colaborar co comercio de proximidade para facilitarlle a adaptación aos novos retos da transformación, facendo da nosa vila un espazo comercial  de referencia na nosa comarca”.

O comercio local poderá transformarse dixitalmente coas actuacións de creación dun portal web único, campañas de comunicación, puntos de información e sensibilización sobre o tratamento de residuos, packing sostible e aplicacións que faciliten a oferta comercial

No tocante ao aspecto sostible, relacionado co fomento da economía circular no comercio local,  algunhas das actuacións iran encamilñadas a establecer sistemas de recollida  de pedidos de forma colaborativa, deseños de packaging reutilizable ou o subministro e instalación de illas ecolóxicas modulares para o depósito e tratamento de residuos.

As persoas propietarias e traballadoras dos comercios de Salceda tamén poderán adquirir formación que lles axude a coñecer e superar os retos da transformación dixital e como poden sacarlle o maior partido para o crecemento dos seus negocios.

A Guarda celebra a Semana Europea da redución de residuos

0

O Concello da Guarda sabe que o ano que ven e un ano moi importante en canto a xestión dos residuos, e esta semana celebrase a nivel Europeo a Semana da Redución de Residuos por iso queremos deixarvos uns pequenos consellos para poder axudar o Medio Ambiente e reducir os residuos que xeramos no noso día a día.

  • Usa para as túas compras bolsas de tea, xa que as podes lavar e usar moitas veces.
  • Usa a túa botella reutilizable , para evitar o uso de botellas de plástico.
  • Prioriza a compra de produtos a granel, por sorte na Guarda contamos con tendas a granel ou produtos de proximidade, praza de abastos, froiterías, carnicerías…
  • Non compres froita empaquetada, nin con adhesivos nin outro tipo de envase, o mellor envase e a súa propia pel.
  • Evita consumir roupa de moda rápida, que non teñen calidade e non dure mais que unha temporada, a boa roupa é eterna. A roupa que non te sirva e non queiras podes doala a coñecidos ou asociacións ou botala nos contedores da roupa.
  • Evitar comprar obxectos sobre empaquetados, como adoita a ser a comida lixo.
  • Recorda que podes usar o teu tupper para comprar en carnicerías, charcuterías e peixerías…

Recorda  que o mellor residuo e aquel que non se xera!

O deporte cañicense volve estar de noraboa

0

A Cañiza celebra o éxito dos deportistas na nova edición da Copa Xunta de Galicia de Técnica, celebrada o pasado 19 de novembro,  na que participaron máis de 522 deportistas de 34 clubes galegos. Entre eles 10 competidores da Cañiza.

O Clube Asociado cañicense conseguiu 5 medallas da man de Iker González, gañador da medalla de ouro na categoría de benxamín.  Marco Pérez, coa 3ª posición e medalla de bronce na categoría alevín competitiva.  María Cerviño, gañadora da medalla de prata en alevín amateur e Pedro Pedrouzo, medalla de bronce na mesma categoría e Elías Román que se alzou coa medalla de bronce na categoría de cadete infantil.

A Copa Xunta de Galicia de técnica (infantil e adultos) é un torneo que ten como obxectivo prioritario a promoción deste deporte, aínda que nos últimos anos inclúe a categoría competitiva, que outorga puntos para o ránking galego de técnica. Neste torneo participaron os deportistas que acadaron a clasificación nas fases provinciais, que se celebraron no mes de outubro coa participación de case 1.400 deportistas.

[su_image_carousel source=”media: 64320,64319,64317″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os 30 deportistas do Clube asociado da Cañiza, afiliado ao KIAP de Vigo, entrenan nas instalacións do ximnasio municipal, de luns a venres en horario de 16h a 18h e está coordinado polo entrenador nacional de taekwondo Fidel Rodríguez, traballador do Concello da Cañiza, adscrito ao servizo de deportes como monitor deportivo.

O alcalde da vila, Luis Piña, en nome de todos os cañicenses, felicitou a esta gran familia deportiva do Taekwondo Cañiza; alumnos, pais e adestradores, directiva e moi especialmente aos medallistas, polo esforzo e os logros acadados.

Ponteareas une a súa voz contra a violencia de xénero

O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha data de reivindicación, de unión para amosar a máis firme das repulsas contra unha realidade que deixa máis de 1.160 mulleres asasinadas pola súa parella ou ex parella dende que hai rexistro no ano 2003.

Por este motivo, membros da Corporación municipal leron este venres un manifesto conxunto no que puxeron de manifesto a necesidade de “intensificar esforzos para combater o machismo e condenar todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas”. Unha violencia que “segue forte na nosa sociedade” e que se reflicte nas 1.813 denuncias por violencia machista rexistradas nos xulgados galegos durante o segundo trimestre de 2022, como recolle o Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial.

“Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista é necesario que as administracións revalidemos o noso compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias”, expuxeron as e os participantes durante a concentración celebrada diante do Concello. No manifesto tamén se quixo recoñecer “a quen cada día dedica a súa vontade, compromiso, profesionalidade e acción nesta loita pola liberdade e seguridade para todas as mulleres en cada recuncho do noso país”.

Ante esta realidade, como recolle o manifesto, a Corporación municipal ratifica o seu compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a seguir traballando “na ruptura do silencio, a sensibilización e a concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista”. Ademais, insta a mellorar a coordinación continua entre os axentes sociais implicados e demandan a dotación de todos os recursos necesarios e “dar pulo “ao debate social para que o público deixe de ser privado”, xa que “os Concellos somos na maioría das veces o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en busca de reparo e denuncia da violencia que sofren”.

“Dende a Fenda” enche a sede da Deputación de arte feminista

A sede da Deputación en Vigo reivindica ata o vindeiro 15 de xaneiro a arte feita “desde as trincheiras do feminismo e o activismo social” a través das máis de 30 pezas que amosan dez das creadoras máis destacadas da arte galega actual para afondar na fenda de xénero. “Dende a Fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia” reúne traballos de Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Chelo Matesanz, Mery Pais, Mar Ramón, Nuria Ruibal e Neves Seara, todas unidas pola súa conexión coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra como alumnas ou docentes, e que ocupan as dúas salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro no marco da programación do 25N. O traballo destas artistas, como subliñou presidenta Carmela Silva, “é un novo exemplo do poder transformador da cultura para mover conciencias, nun momento en que debemos buscar alianzas fronte ao negacionismo”. A exposición tamén recolle a pegada da performance da artista Constance Hurlé coa que se inaugurou o evento.

“Cada unha destas creadoras –destacou a presidenta – coa súa ollada, coa súa técnica, co seu estilo, e co seu sentimento, amósannos unha forma de implicación social”. Deste xeito, o fío condutor que enche as salas é a brecha de xénero nunha mostra que recolle pezas tanto inéditas como o resultado doutras desenvolvidas nos últimos anos polas artistas na procura de ocupar os espazos públicos con olladas feministas desde a arte contemporánea. Obras de pintura, escultura, instalación, fotografía, videocreación, arte sonora, performance, debuxo, ilustración e gravado converten así a sede de Vigo da Deputación nunha plataforma para a visibilización e para a loita contra as violencias machistas e tamén un espazo de reflexión sobre o que supón ser muller e ser artista nestes momentos.

“Nesta mostra –subliñou Carmela Silva- facemos dúas preguntas:  Que lle achegan as artes plásticas e visuais á loita feminista? Pode ser a arte unha ferramenta transformadora cara un cambio social? En ambos casos a resposta é: moito.  Esta exposición supón unha alianza das mulleres da cultura en pro da igualdade. Nun momento en que os espazos públicos están sendo utilizados por algúns sectores como altofalantes de ‘vellas, novas’ e intolerables mensaxes de negación, ao tempo que seguen producíndose a diario brutais agresións ás mulleres, cremos que é o momento de establecer novas alianzas dende o feminismo, reforzar as xa existentes e sumar forzas para defender unha sociedade mais xusta. Por iso, os discursos reivindicativos que vemos nas obras destas salas son tan importantes. Esta sororidade artística seguro que vai mover conciencias e vai implicar á cidadanía que a visite. Falamos desde a arte e  “dende a fenda” para esixir o final desta brecha de xénero”. 

No acto de inauguración da mostra, comisariada por Paula Cabaleiro, a artista Constance Hurlé protagonizou a performance “Vísceras poéticas”, coa que quixo facer un percorrido “polas vísceras do que para min implica a palabra muller e ser muller”. A creadora traballou a expresión xestual con posicións absurdas como referencia ao tratamento das mulleres nas revistas de moda e tamén co imaxinario da bruxería, para terminar cunha acción de body painting no seu corpo con pintura vermella. Parte desa pintura quedou plasmada nun plástico que agora forma parte da exposición, e que amosa a frase: “Podo ser libre pola miña propia vontade. En min atópase as sementes da miña vida futura”.

Rebeca Lar, quixo incidir en que “no contexto político e social no que vivimos, ser muller e traballar no eido da arte é un acto de resistencia. E facer arte reivindicativa, feminista, máis”. “Pode parecer unha afirmación esaxerada no século XXI –engadiu-, pero sabemos que non o é. Sabemos que nas facultades de Belas Artes hai más alumnas que alumnos, e sabemos que, curiosamente, isto non é así en certames, congresos, feiras e exposicións. Logo esta mostra, formada por 10 creadoras bravas, constitúe tamén un acto de resistencia”.

Pola súa banda, Neves Seara, para quen a arte é “un vehículo de expresión e visibilidade de todas as cuestións relacionadas coa protesta social, fundamentalmente co movemento feminista” , explicou as dúas obras que expón na mostra. A primeira, un cartaz elaborado a partir dunha experiencia personal no ámbito xinecolóxico, “no que impera o patriarcado e a violencia obstétrica e emocional, con algunhas das frases que tiven que escoitar en 24 anos de busca de diagnostico e múltiples ingresos hospitalarios por situacións graves”. A segunda, Madrigueira, é unha instalación na que amosa varios camisóns e reflexiona “sobre  as diferentes violencias sexuais afectivas que vimos sufrindo as mulleres no seno das nosas familias ou parella, que se foron tapando década tras década e normalizándose e culpando á vítima, á muller ou nena violada ou violentada nos seus dereitos sexuais e reprodutivos, tales como violencia sexual, violacións, obriga de abortar ou impedimento para abortar, abuso sexual, menosprezo da sexualidade e do corpo feminino”.

‘#2pilgrims’ ou como concienciar sobre igualdade con grandes doses de humor

0

Concienciar, educar en igualdade e inculcar todos aqueles valores que nos permiten previr a violencia de xénero, especialmente entre as e os adolescentes. Ese é o obxectivo de ‘#2Pilgrims’, unha obra de Redrum Teatro que chega este sábado 26 de novembro ao auditorio municipal de Goián ao abeiro da programación cultural posta en marcha polo Concello de Tomiño dentro do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Un espectáculo dirixido por Alex Sampayo e protagonizado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo na que as e os espectadores viaxarán polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, a igualdade e as novas masculinidades. Pensada para chegar dun xeito directo especialmente ás novas xeracións, esta comedia conta con grandes doses de humor absurdo e afondará nun plantexamento crítico sobre o amor romántico e unha reflexión acerca do efecto das redes sociais nas relación persoais.

A alcaldesa, Sandra González, convida á veciñanza, especialmente á mocidade, a gozar deste espectáculo “que pon enriba da mesa a necesidade de reflexionar sobre igualdade e de concienciar fronte á violencia contra as mulleres dun xeito diferente co que chegar ás novas xeracións”. A obra representarase ás 21.00 horas e a entrada terá un prezo único de 3 euros.

‘#2pilgrims’ é a décimo quinta produción de Redrum Teatro, un espectáculo que encaixa no marco do denominado teatro social, unha liña de traballo que a compañía galega leva moitos anos desenvolvendo.

Gondomar pon en marcha o seu concurso de decoración de Nadal

0

O Concello de Gondomar abreo prazo de inscrición para unha nova edición do Concurso de Decoración de Nadal.

Establécense dúas categorías, a primeira está destinada ao pequeno comercio local, no que se poderá decorar o interior de calquera local comercial, o exterior ou os escaparates, con iluminación ou elementos de ornamentación.

A segunda categoría, aberta a toda a veciñanza de Gondomar, premiará a mellor decoración en vivendas particulares, con duas subcategorías; decoración de ventás ou balcóns e vivendas unifamiliares e xardíns.

Para poder optar aos premios a decoración tanto nos comercios como nas vivendas deberá permanecer instalada a lo menos dende o 2 de decembro ata o 7 de xaneiro.

O Concello repartirá un total de 1.000 euros en premios, para gastar no comercio local de Gondomar, cun primeiro premio de 200 euros e un segundo premio de 100 euros en cada unha das categorías convocadas.

Ademáis entre todos os participantes da categoría de viviendas levarase a cabo un sorteo de duas tarxetas prepago por valor de 50 euros cada unha para consumir no comercio local de Gondomar.

O xurado terá en conta diferentes aspectos na súa valoración como a temática, a orixinalidade, a utilización de materiais reciclados, a iluminación ou a extensión ocupada para determinar aos gañadores.

Todos aqueles establecementos comerciais ou particulares interesados en participar teñen a sua disposición toda a infromación e as bases do concurso na web municipal: concellodegondomar.gal

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de decembro. Mais info: [email protected] Tlf:986.38.40.20/658.540.991

O Concello da Guarda desminte ao xerente do camping Santa Tecla das acusacións de responsabilidade pola inundación nas súas instalacións

0

O camping Santa Tecla sufriu esta semana unha inundación que anegou o camping e que  afectou ás instalacións do mesmo, as declaracións da xerencia do camping falan de  metro e medio de fecais e pluviais  e que isto se debeu a falla de mantemento  do sistema de saneamento municipal. O xerente chega a afirmar que as arquetas da rede pública reventan cada dúas por tres, de xeito que lle entra un torrente de augas  fecais e pluviais, procedentes da rede, nas súas instalacións.

O Concello da Guarda, antes que nada, quere manifestar a nosa comprensión polo estado de ánimo e desgusto da xerencia do camping  posto de manifesto en diferentes medios de comunicación.

Sen embargo, consideramos necesario facer unhas puntualizacións ás súas manifestacións, cando se asegura que a inundación prodúcese como consecuencia do vertido dos pozos de rexistro do emisario que une O Rosal coa Guarda (instalado no seu día pola Xunta de Galicia) e que decorre pola pista  do exterior do camping non se está a dicir a verdade.

É certo, que a consecuencia de que o emisario entra en carga  en períodos de moita choiva, algunhas das tapas dos rexistros saltan e botan auga fóra, pero en ningún caso esta auga vai parar dentro do recinto do camping, e o xerente o sabe.

A realidade é que o camping Santa Tecla está situado na Xunqueira de Salcidos, unha paraxe inigualable e marabillosa, pero que en determinadas épocas, sobre todo en períodos de moita choiva, é unha zona inundable. Isto o saben todos os veciños e veciñas de Salcidos, dende sempre, cando as choivas coinciden con marea alta esa zona e o seu entorno  inúndanse, como foi o caso.

Polo tanto, a auga embalsada no interior do recinto do camping como noutros terreos da Xunqueira non é fecal, senón que é auga procedente da choiva e dos xuncais que rodean a zona.

Charlas e representacións teatrais para conmemorar o 25N en Mondariz

0

Este mes de novembro, a programación de actividades socioculturais do Concello de Mondariz está marcada un ano máis pola conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Despois da exitosa representación teatral da obra “Invisibles” o pasado 12 de novembro e da proxección de tres películas que promoven a reflexión sobre a violencia nas aulas (“Uno para todos”) e as violencias que sufren as mulleres (“Postre” e “Dios tiene nombre de mujer y se llama Petrunya”) ao longo deste mes, para estes últimos días de novembro están programadas varias actividades abertas e gratuítas que continúan chamando a atención sobre este tema desde diferentes perspectivas.

Charla-coloquio do historiador e escritor Rubén Martínez Alonso

Este venres, 25 de novembro, o historiador e escritor Rubén Martínez Alonso ofrecerá unha charla seguida de coloquio sobre os cambios socioculturais que tiveron lugar nas cidades desde finais do século XIX ata a segunda década do século XX a partir das 19:00 horas na biblioteca municipal de Mondariz. A conferencia leva por título “Do vals ao charlestón”, xa que estes foron os bailes que representaron o cambio sociocultural, e está relacionada coa obra “El Casino de Vigo: crónica ilustrada del histórico Casino de Vigo (1847-1936)” e coa exposición “Metrópole. Perspectiva urbana da arte galega”, comisariada polo mesmo autor no Museo Marco de Vigo. 

Representación teatral da obra “A señora de Forcadela”

Este sábado, 26 de novembro, Os Quinquilláns traen ao auditorio municipal de Mondariz a súa obra “A señora de Forcadela”, que está inspirada na historia real da mestra Josefa García Segret, represaliada durante a guerra civil e a ditadura franquista. A función comezará ás 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a cabida.

Presentación do libro “Calladita no eres más bonita”, de Nuria Prieto

Desde o 25 de novembro ata o 23 de decembro estará aberta ao público na biblioteca municipal de Mondariz a exposición de ilustracións do libro “Calladita no eres más bonita”, de Nuria Prieto. No marco desta actividade, incluída no programa “Sementando igualdade” que financia a Deputación de Pontevedra, tamén está programada a presentación do proxecto editorial de Nuria Prieto e unha charla da activista Esther Buela sobre violencia machista o día 30 de novembro no CPI de Mondariz. En “Calladita no eres más bonita”, Nuria Prieto sensibiliza sobre a violencia machista en mulleres novas. A divulgadora Esther Buela, pola súa banda, é sobrevivente de violencia machista e aproveita a súa experiencia persoal para promover unha maior conciencia social sobre este grave problema, especialmente entre a mocidade.

Nigrán ofrece este domingo o ‘VII Memorial Secundino Pérez Sanromán’

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal o ‘VII Memorial Secundino Pérez Sanromán’, adicado ao gran mestre de gaiteiros de Chandebrito falecido no ano 2014. No evento tocarán os seus ex-alumnos e os grupos folclóricos da comarca Ardelume de Baíña, Ecos e Agarimos de Peitieiros, Novos Aires de Coruxo, O Castro de Chandebrito, Aire Santes de Víncios e A Merced de Chaín, todos impulsados polo propio Secundino.

Para esta ocasión, o Concello editou unha revista grazas á colaboración desinteresada de Thays Cabaleiro, gaiteira de Priegue e ex-alumna. Esta publicación recolle a biografía de Secundino, imaxes de diferentes épocas, unha a transcripción dunha entrevista realizada no 2013 pola Comisión de Festas de Priegue, unha reseña sobre a charanga ‘Os Leóns de Camos’ da que formou parte e, adicionalmente, contén as partituras dalgunhas das súas pezas máis coñecidas: entre ellas, a muiñeira ‘Cinzas do Castro’, os pasodobres ‘O Torreiro de Priegue’ e ‘Olas de Nigrán’, a ‘Rumba de Chandebrito’, a ‘Troulada de Vilariño’ ou a ‘Xota Roquiña’. “Esta revista forma parte da nosa obsesión como  goberno de preservar e documentar a Historia de Nigrán. Secundino foi un gaiteiro mestre de mestres nacido en Chandebrito, temos o deber como concello de divulgar a súa vida e a súa obra, ese é o obxectivo”, resume o alcalde, Juan González.

Secundino naceu en xullo do 1931. Tivo o seu primeiro contacto coa música tradicional cunha frauta de cana aos oito anos. E poucos anos despois, tras regalarlle o seu pai unha gaita, comezou a tomar clases. Logo de moito ensallar foi collendo experiencia e destreza, e foi entón entrou a formar parte de “Os Leóns de Camos”, unha das primeiras charangas da comarca. Pero se por algo é coñecido Secundino é pola súa dedicación a ensinanza. Mestre de varias xeracións de músicos, compositor, creador de infinidade de grupos de gaitas como son o de Sabarís, A Ramallosa, Priegue, Peitieiros, Baíña, Couso, Chandebrito… foi un home de gran paciencia e bonito carácter.

Este sábado celébrase a II Xornada de Degustación de Boleardos en Tui

0

Este sábado, 26 de novembro, ás 17 h, na praza de San Fernando, ou en caso de choiva no cárcere vello na rúa Sanz, celebrarase a II Xornada de Degustación de Boleardos. Está organizada pola Asociación Cultural, Deportiva, Recreativa e Xuvenil San Telmo de Tui, coa colaboración do Concello de Tui.

As persoas que se acheguen a esta actividade poderán degustar esta sobremesa tradicional de Tui da que a asociación San Telmo garda a receita coma ouro en pano tras recuperala grazas a colaboración de distintas persoas maiores de Tui que lles transmitiron os ingredientes e a elaboración no ano 2014. Precisamente entre as peculiaridades da receita está o uso da fariña de millo pego e de trigo callobre. No ano 2016 realizaron xa unha primeira degustación de boleardos, que volverán levar a cabo este sábado coa colaboración da panadería Xulio para elaborar preto de 300 unidades desta sobremesa. Tamén estarán á venda en bolsiñas de tres unidades.

Non faltará nesta xornada a música tradicional con diferentes actuacións. A primeira delas será a do grupo de baile e pandeireta infantil, Alfándega. Seguidamente, terá lugar a presentación do grupo da asociación Queixumes do Aloia. Finalmente, actuarán os Carrapucheiros e Ferriñas Bravas de O Fiadeiro.  Tamén se proxectará un vídeo elaborado pola asociación no que se recolle todo o proceso dende a plantación do millo até a elaboración dos boleardos.

Quico Cadaval e Pablo Castaño luciranse en Ponteareas con ‘Ornitology’

A palabra e o jazz serán os grandes protagonistas esta fin de semana en Ponteareas. Quico Cadaval e Pablo Castaño súbense este sábado 26 de novembro ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal para facer gozar ao público con ‘Ornitology’, un espectáculo a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario partindo dun dos temas máis populares do xénero.

Trátase dunha proposta que, como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, “busca homenaxear a esta peza clásica de Charlie Parker e Benny Harrys favorecendo unha escoita activa por parte dos e das asistentes e convocando a dúas das personalidades galegas máis relevantes nos seus ámbitos: o narrador Quico Cadaval e o saxofonista Pablo Castaño”.

Partindo dun dos estándar de jazz máis populares e tocados ata o día de hoxe, Cadaval dará forma a un relato libre no que transparenta vivencias e curiosidades da vida, mito e personalidade sonora de Parker. Mentres, Castaño complementará as progresións do narrador o seu saxo alto, reinterpretando pasaxes musicais de varios clásicos. Groba anima a toda a veciñanza a achegarse á sala multiusos para mergullarse nun espectáculo “que ofrecerá ao público unha experiencia na que se suceden a improvisación oral e musical con aderezos humorísticos, poéticos, irónicos e virtuosísticos”. A representación será ás 20.00 horas con entrada libre ata completar aforo.

A Deputación comezará a programación de Nadal o 1 de decembro

Imaxe de arquivo

A Deputación ten xa todo preparado para acender o vindeiro xoves, 1 de decembro, as luces de Nadal coas que arranca unha potente programación que se espallará ata o día de Reis. Amais do alumeado do Pazo, da sede de Vigo, do Edificio Administrativo, do Palacete das Mendoza e de Príncipe Felipe, os Castelos de Soutomaior e, por vez primeira, o de Sobroso, tamén serán protagonistas do acendido e no caso de Soutomaior cunha ampla axenda de actividades que inclúe o tradicional mercadiño, así como visitas teatralizadas  e obradoiros con prazas limitadas que poderán reservarse a partir deste venres, 25 de novembro, en www.castelodesoutomaior.com.

O xoves, 1 de decembro, alumearanse as sedes de Vigo e Pontevedra. Ás 18.30 será a quenda da sede de Vigo, que contará con cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída na súa contorna e motivos de Nadal, tamén led, similares a folerpas de neve que estarán instalados na fachada principal de pedra do edificio. A partir das 20.00 horas do 1 de decembro alumearase o Pazo provincial, o Edificio Administrativo e o Palacete das Mendoza en Pontevedra. O Pazo contará con cortinas luminosas led con efecto flashing, ao igual que o Edificio Administrativo, e motivos de Nadal, similares a folerpas de neve.  As árbores do seu xardín engalanaranse con 400 metros de grilanda de cor branca cálida e o magnolio decorarase con 20 mallas de luz e 50 unidades de bolas 3D tamén iluminadas.  O Palacete das Mendoza contará con iluminación na cornixa superior das tres fachadas principais do edificio e cortinas luminosas con 1,5 metros de caída. Amais a árbore-escultura dun dos seus laterais terá unha grilanda microled de cor branca cálida e efecto flashing. Tamén o xoves ás 19.00 horas alumearase Príncipe Felipe que contará cun abeto natural e tres estruturas de árbores luminosas no seu acceso. O seu centro infantil decorarase cunha estrela con cola de 2,5 metros e disporanse cortinas de luz con efecto flashing de 1,5 metros. O centro Agarimo presentará catro estrelas na súa fachada e tamén cortinas de luz de 1,5metros. Pola súa banda, a Escola Fogar, amais da cortina de luces de 1,5 metros de caída con efecto flashing, decorarase con 3 conos luminosos tipo árbore de Nadal e 6 bolas de 30 centímetros no xardín de entrada.

Xa o venres 2 de decembro a partir das 18.30 terá lugar o acendido dos Castelos de Soutomaior e, por vez primeira, do de Sobroso. No caso de Soutomaior, a súa torre da homenaxe e a torre do Conde contarán con cortinas led de 1,5 , 6 e ata 9 metros de caída de cor branca cálida. Pola súa banda a Galería de Damas contará con cortinas luminosas de 1,5 metros que tamén alumearán a muralla exterior e a construción principal do castelo.  O Castelo de Sobroso incluirá cortinas luminosas led de 1,5 metros e tamén cervos que decorarán o recinto histórico.

Amais, a Deputación ten previsto unha “sorprendente” decoración de Nadal que converterá o Pazo provincial, a sede de Vigo e o Edificio Administrativo de Pontevedra en escenarios que serán “auténticas postais de Nadal”. O vestíbulo do  Pazo incluirá unha recreación dunha cabana do bosque, en madeira, rodeada de céspede natural, cun sendeiro de acceso alumeado e elementos decorativos típicos do Nadal. A cabana, cuxo interior será visitable, terá dous laterais troquelados coas siluetas do castelo de Soutomaior e da ponte de Rande. A traseira da cabana, que contará coa expresión “Bo Nadal” con luces retroiluminadas sobre  un banco, mais o seu interior, cunha hamaca e estufa antiga, serán espazos destinados a photocall. Amais da cabana do bosque, o Pazo contará con arranxos vexetais nos arcos do vestíbulo e na balaustrada do primeiro andar.

A sede de Vigo e o Edificio Administrativo seguirán a estela do Pazo. En ambos lugares recrearase a praza dun pobo, con representación de cabanas de madeira como fío condutor, e con letras retroiluminadas coa expresión “Bo Nadal” sobre un banco que servirá de photocall.  No Edificio Administrativo a recreación da praza presentarase no interior e na sede de Vigo no seu exterior.

Programación de Nadal no Castelo de Soutomaior

Para o Castelo de Soutomaior a Deputación ten prevista unha completa axenda de actividades de Nadal que comezarán o 2 de decembro, ás 18.30 horas, co acendido do alumeado. Amais das luces, terán lugar visitas teatralizadas dirixidas ás familias e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. A partir deste venres, 25 de novembro, será posible inscribirse en ambas actividades, que terán un custo de 8 euros por persoa, a través de www.castelodesoutomaior.com.

As visitas teatralizadas, a cargo de Troula, terán lugar os días 3, 4, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 23, 29 e 30 de decembro, ás 12 e 16.30 horas. Haberá 30 prazas por cada quenda. Nelas as familias deberán traballar arreo para axudar a recuperar o esplendor do Castelo onde o Nadal, dende que a Raíña de Corazóns o ten ocupado, non ten oco.

Os obradoiros, a cargo de “Donde viven los cuentos”, terán lugar os días 5, 7, 27 e 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro ás 16.30 h, con 30 prazas por día. Esta actividade, dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos e cunha duración de 60 minutos, estará baseada nos seres mitolóxicos de Galicia, como as pupeiriñas, o Apalpador, a moura ou os trasnos.  O primeiro obradoiro terá lugar o 5 de decembro co título “As pupeiriñas, obradoiro de pan galego”, para elaborar pan tradicional galego e deixar migas na fonte para as pupeiriñas; o día 7 terá lugar “O tesouro da moura. Escape-Room de Nadal”, cun percorrido polo castelo cheo de probas que servirán para coñecer as tradicións galegas; o 27 “Os trasnos. Obradoiro de moda de Nadal”, para deseñar roupa para regalar aos trasnos e evitar que molesten durante as festas, e o 28 de decembro “O Apalpador: contacontos solidarios”, con contos de Nadal, recollida de libros para doar e obradoiro artístico de decoración de agasallos. Xa en xaneiro terá lugar “O tizón de Nadal. Decoración de Nadal” o día 3, para crear elementos decorativos con elementos naturais, e o 4 o obradoiro “O Nubeiro. Experimentos de inverno” para fabricar neve e xogar con xeo, creando paisaxes de inverno.

Amais das visitas teatralizadas e dos obradoiros, haberá, ao igual que o pasado ano, un mercadiño de Nadal, con produtos de quilómetro cero, que estará aberto entre o 2 e o 8 de decembro, e un “Buzón de soños” para recoller os desexos dos nenos e nenas, e tamén das e dos maiores, que terá tamén réplica, por vez primeira, no castelo de Sobroso. Tamén abrirá as súas portas o muíño das Afreitas, para que todas e todos coñezan o seu funcionamento e desfruten da última moenda para facer os doces típicos do Nadal. O muíño contará coa presenza dunha “familia misteriosa” que aledará a visita das familias.

A proxección de dúas curtas sobre a sumisión química abriu o programa de actividades de Redondela con motivo do 25N

0

A Concellería de Igualdade, liderada por Iria Vilaboa, pon en marcha actividades dirixidas aos institutos redondeláns con motivo da programación do día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.

A proxección simultánea en streaming aos institutos de Redondela das curtametraxes ‘De azul a rojo’ de Ana Lorenz e ‘Suelta’ de Javier Pereira, destacou durante a terceira xornada de actividades que desenvolverá o Concello de Redondela con motivo do 25N.

Á proxección seguiu cunha charla coloquio na que participaron tamén a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e concelleira de Igualdade, que expuxo a rapaces e rapazas a importancia de previr e detectar as situacións machistas que se dan no día a día da mocidade. “Escollimos a temática da sumisión química porque consideramos que é un tema de actualidad que desgraciadamente está aumentando no número de casos detectados”, explica Rivas. De feito, o alumnado cualificou como ‘impactante’ a proxección de ‘suelta’, unha curta con posibilidades de Goya que ten como protagonista a unha rapaza víctima da sumisión química.

A rexidora local quere destacar a presenza dos 4 institutos de Redondela e da asociación Lenda. Puideron gozar das proxeccións cinematográficas mási de 400 rapaces e rapazas, tendo que dividilos en dous pases para non sobre pasar o aforo. O director de ‘Suelta’ (titulado en traballo social) estivo presente nos coloquios dos dous pases, aportando a súa perspectiva e deixando que participara o público. Os asistentes puideron preguntar as inquedanzas sobre a sumisión química entre as que se atopan dúbidas sobre o protocolo a seguir pola afectada e a xente que se atope preto.

 “O máis impactante foi ver o interese nos rapaces e rapazas, perdendo a vergoña para participar con preguntas que implican a sociedade e especialmente a ese rango de idade. Este é o futuro da nosa sociedade e queremos que estea libre de medo”, explica a alcaldesa.

Con esta iniciativa, salientou a alcaldesa, Digna Rivas, “poñemos o foco de atención sobre a etapa da adolescencia, momento importante e sensible na vida dunha persoa no que hai que comezar a educar en igualdade para ofrecer mellores oportunidades futuras”, conclúe Digna Rivas.

En toco caso, insistiu Digna Rivas, “a loita contra esta lacra social non é cousa de un só día, senón de 365 días” e nese sentido, engadiu a concelleira de Igualdade, “prestamos asistencia permanente ás mulleres que foron vítimas da violencia machista a través do CIM do mesmo xeito que se asesora a aquelas mulleres que sofren violencias físicas ou psicolóxicas e non saben que pasos dar para saír desa dolorosa encrucillada”.

Javier Pereira

Foi neno de San Ildefonso, chegando a cantar o primeiro premio do Sorteo Extraordinario de Nadal en dúas ocasións, 1993 e 1994. Comeza no mundo da televisión en series que seguro que este público non lembrará: O súper, Nada é para sempre, Ao saír de clase, O Comisario, Hospital Central, Aída, Doutor Mateo, e xa máis recentemente en Amar é para sempre, Cóntame como pasou, Alguén ten que morrer… e isto só son exemplos dalgunhas das series nas que interveu. Fixo unhas 20 películas, máis dunha ducia de curtametraxes e teatro.. Poucos foron os premios que lle outorgaron porque se merecía moitos máis. Un. Premio Goya no ano 2014 por Stockolm de Rodrigo Sorogoyen (director de As Bestas).. Recentemente traballou con Antonio Resines e agora está envolvido nunha serie para a plataforma Netflix que xa conta coa súa segunda tempada.

O Concello da Guarda solicita fondos Next Generation EU para a reforma integral da piscina municipal

0

A piscina climatizada municipal da Guarda foi deseñada fai máis de 25 anos cuns criterios  que pouco teñen que ver cos que se empregan hoxe en día para unha instalación deste tipo. Daquela non se lle daba a prioridade que hoxe teñen a criterios como a accesibilidade, eficiencia enerxética e optimización de espazos.

Por outra banda, moitos dos equipamentos e instalacións que ten a piscina necesitan ser renovados por outros máis modernos e eficientes. Nesta liña o concello xa acometeu, fai uns meses, as obras máis necesarias coa execución do proxecto de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal da Guarda, cun prezo de licitación de 85.000 €.

Dende o goberno municipal da Guarda, considerando e equipamento lúdico deportivo da piscina municipal de utilidade pública e conscientes da importancia que ten para a veciñanza da localidade e da comarca, encargaron os primeiros estudos para valorar a súa modernización no ano 2021. Entón elaborouse un informe técnico do estado da piscina para valorar a situación actual das instalacións e do edificio, e elaborouse tamén unha auditoría enerxética para coñecer canta enerxía se podería aforrar cun proxecto de eficiencia enerxética.

Aqueles estudos deron como resultado o proxecto, xa executado, de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal e outro proxecto, moito máis ambicioso, presentado aos fondos Next Generation EU dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) para entidades locais, neste caso dentro da liña 2 desta convocatoria. O concello xa presentara dentro da liña 1 do PIREP o proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña para a que conseguiu un financiamento de 385.754 €

O proxecto presentado aos Next Generation de Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal da Guarda ten un orzamento que ascende a 2.266.212 € e contempla entre outras cousas: Un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume na piscina, ao contemplar, illamento de fachadas e cubertas, iluminación LED, un sistema de renovación de aire con recuperación de calor e a optimización dos espazos; ademais leva a instalación de enerxías renovables, biomasa e fotovoltaica. Tamén se inclúen puntos de recarga eléctricos e mellora da accesibilidade coa incorporación dun ascensor. Coa optimización de espazos conséguese ampliar o ximnasio e o SPA, abrir un novo vaso na piscina para os cativos, e unha sala de usos múltiples. Todas estas melloras van acompañadas da correspondente renovación das instalacións e equipos, e dunha mellora estética do edificio e do entorno.

Este ambicioso proxecto permitirá a modernización e renovación total dun equipamento municipal dándolle unha segunda vida, como sucede no caso do pavillón municipal da Sangriña. Neste caso as instalacións da piscina, ademais de ser moi importante para a práctica para o deporte, tamén son un recurso para o mantemento e mellora da saúde.

A feira domininal de Mondariz acolle un pequeno mercado artesán de Nadal

0

Por segundo ano consecutivo, a Praza de Abastos de Mondariz acollerá un pequeno mercado artesán en vésperas de Nadal. Os postos de artesanía, malia estar ubicados dentro da remodelada Praza de Abastos, forman parte da tradicional feira dominical de Mondariz e estarán abertos ao público de 10h a 14 h, aproximadamente, mentres dure a feira e estea aberta a propia Praza de Abastos.

O mercado artesán de Mondariz será inaugurado o 27 de novembro e continuará aberto ao público os domingos 4, 11 e 18 de decembro. Trátase dunha iniciativa promovida por un grupo de artesáns da contorna que recibiu o apoio do Concello de Mondariz.

Apoiando a dinamización sociocultural da localidade

Un dos obxectivos do Goberno municipal, e da Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo que dirixe o propio alcalde, é dinamizar a localidade para atraer visitantes e tamén habitantes. Así pois, nos últimos anos vén apoiando diferentes iniciativas socioculturais vencelladas a Mondariz a través da programación de actividades (andainas, obradoiros de teatro, presentacións de libros, exposicións, charlas de emprendedores e emprendedoras,…), coa finalidade de darlles visibilidade e recoñecemento público ás persoas que emprenden os seus proxectos na localidade.

Dentro da estratexia política de dinamización local, a Praza de Abastos sempre foi un espazo público prioritario. Desde principios de ano, coa licitación do bar e a posta en marcha dun novo negocio de hostalaría, este importante lugar de encontro do centro urbano gañou protagonismo como eixe da actividade sociocultural da localidade, tanto nos meses de verán coma nos de inverno. Neste novo contexto de maior dinamización sociocultural da Praza de Abastos, actividades como a exposición de fotografías do GDR Condado Paradanta que está aberta actualmente ou o próximo mercado artesán contribúen a encher de contido sociocultural este espazo público tradicionalmente comercial.

O Concello de Baiona anima a decorar os escaparates en Nadal

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un Certame de Decoración de Nadal para os establecementos da vila.

A temática do concurso estará vinculada á decoración de Nadal durante os meses de decembro e xaneiro o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas datas de Nadal. Dende o Concello de Baiona premiarase aos negocios que, con motivo da Campaña do Nadal 2022-2023,mellor engalanen as fachadas, escaparates e o interior dos seus establecementos comerciais.

Haberá tres categorías de premios a repartir entre os establecementos participantes: 1º Premio de 500€, 2º Premio de 300 € y un 3º Premio de 200 €.

Poderán participar neste concurso todos os establecementos de Baiona (comercio polo miúdo, restauración, hostalería, etc. ) que o soliciten formalmente dentro do prazo establecido nas bases.

A inscrición para participar, xa se pode realizar na Oficina de Rexistro do Concello ata o 9 de decembro, inclusive, en horario de 9:00 a 14:00 horas ou a través da sede electrónica (www.baiona.gal) . As bases e a súa convocatoria publicaranse no Taboleiro de Anuncios, na páxina web do Concello de Baiona (https://www.baiona.gal/avisos-importantes/o-concello-de-baiona-anima-a-decorar-os-escaparates-en-nadal/), no BOPPO e na BDNS.

“O obxecto deste concurso é promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de decorar os establecementos comerciais e hostaleiros da Vila, para facelos máis atractivos ao consumidor/a,reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio no municipio de Baiona. Por elo, desde o Concello queremos animar e agradecer aos establecementos a participación neste concurso conseguindo na vila unha ambientación máis idónea para estas datas” sinala o alcalde, Carlos Gómez Prado.

O Covelo executa as obras de mellora da casa social de San Salvador de Prado

0

O Concello de Covelo informa da execución das obras de mellora da casa social de Prado e da súa contorna, ubicada no lugar de Cende na parroquia de San Salvador de Prado. O proxecto conta co apoio da Deputación de Pontevedra que aportará 40.000,01 euros, sendo o orzamento total de 40.464,64 €.

As obras  teñen como obxectivo principal garantir a accesibilidade, “é fundamental que todas as persoas, independentemente da súa condición física ou mental, poidan desfrutar das actividades, dos espazos ou dos servizos públicos e municipais e os nosos esforzos irán principalmente enfocados a facelo posible”, explica o alcalde Pablo Castillo.

O proxecto contempla a mellora da accesibilidade aos aseos existentes no andar baixo da devandita casa social e no exterior co obxectivo de optimizar os espazos e o acceso ao parque infantil existente, a mellora da pavimentación, tamén da iluminación das instalacións, a creación de salas de reunión dos veciños e usuarios e a mellora da pista deportiva.

Con esta intervención darase solución ás principais incomodidades que presenta o conxunto total como a entrada irregular que alterna zonas de firme con zonas de terra, a dificultade de acceso ao parque infantil, a dispersión dos xogos instalados, a falta de pintura e presenza de lixo na pista multideporte, a precariedade lumínica dos aseos ou a falta de conexión á rede de saneamento, ademais de retirar as portas estreitas e pratos de ducha con resalte para convertelos en aseos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Comprometidos coas necesidades da cidadanía, o alcalde Pablo Castillo salienta a importancia dos espazos de convivencia como o son as casas e centros culturais, “apoiar as iniciativas da veciñanza e potenciar as casas e centros culturais é indispensable para o desenvolvemento das actividades diarias das persoas do rural, xa que actúan como potentes elementos dinamizadores das relacións sociais e son lugares donde compartir o tempo de lecer”.

Castillo sinala tamén que é fundamental planificar e deseñar pensando no perfil dos usuarios/as dos espazos públicos ademais de ofertar tamén servizos e infraestruturas que poidan atraer a nova veciñanza.

A casa cultural atópase nunha parcela de 2,224 m², dos que 800 m² son de uso deportivo cunha pista multideporte.No resto da parcela hai, ademais, un parque infantíl e unha zona verde.

Salvaterra saca a concurso os postos para o mercado de abastos

O Concello de Salvaterra de Miño informa que acaba de saír publicada no Boletín Oficial da Provincia a licitación dos postos e Bancadas do Mercado Municipal de Abastos de Salvaterra de Miño.

O prazo para presentar as ofertas ábrese a partir de mañá durante 30 días naturais, as proposicións deberán ser entregadas no Rexistro de Licitacións do Concello.

Con esta nova licitación o Concello pretende dinamizar e darlle vida a praza de abastos, que se implementa coas obras de semipeatonalización que se están realizando nestes intres na zona e que permitirán darlle unha nova imaxe e vida a contorna da praza de abastos.

Pescaderías, conxelados, asados e comida elaborada, panadería/pastelería, charcutería, frutería, productos de alimentación ecolóxicos / delicatessen, carnicería e postos libres son as ofertas que ofrece o concello para todos aqueles que queiran emprender ou ampliar o seu negocio, coa concesión de domicio público por 20 anos, prorrogables por un periodo máximo de 5 anos, con un prezos moi asequibles co fin de facilitar a concesión dos postos. Para máis información consultar a sede electrónica do Concello de Salvaterra ou no perfil do Contratante do Concello de Salvaterra de Miño integrado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Os nenos do Porriño lideran a conmemoración do 25N

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, que dirixe Carolina González, no marco da campaña polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller, propón unha serie de actividades que chaman á reflexión contra este tipo de violencia abertas á participación de todo o tecido social do municipio.

Os actos comezarán hoxe con “Golpes”, un monólogo teatral contra a violencia machista producido pola compañía galega aAntena, interpretado pola actriz Estíbaliz Veiga. A peza, que pretende que o espectador e espectadora identifique todos e cada un dos comportamentos ou actitudes machistas propios e alleos  e sexa consciente de canto traballo hai por facer aínda para chegar a conseguir un mundo igualitario, escenificarase na Praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 19 h.

A xornada de mañá, 25 de novembro, acollerá o groso da programación. Dende as 12 h ata as 20 h, o Punto Violeta instalado na praza Arquitecto Palacios levará a cabo unha campaña de difusión e sensibilización para a eliminación da violencia contra a muller.

Xapola tarde, a partir das 19 h comezarán os actos centrais aos pés do Concello. Este ano os nenos e nenas serán os encargados de abanderar a loita. Tomando como referencia esta xornada, que se converteu nun día de reflexión e concienciación para expresar o máis profundo rexeitamento a todos os tipos de violencia contra as mulleres, os coles do Porriño presentarán os seus lemas contra a violencia de xénero, estandarte no seu centro durante todo o curso escolar.

De seguido, procederase á lectura homenaxe ás vítimas de violencia machista da que poderá participar toda a cidadanía.

Último contacontos para ás crianzas este domingo no Multiúsos Mercado de Sabarís

0

O Multiúsos Mercado de Sabarís acolle este domingo, 26 de novembro, ás 12:00 h o  contacontos “Travesias. Aventuras de Libros” de Raquel Queizas.

Todos aqueles nenos que se acheguen ata o recinto municipal pasarán unha mañá divertida. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Trátase da última actividade que forma parte da programación “Novembro Lila” organizada pola Concellería de Igualdade, ao fronte de Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trouxo consigo todo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona.

Ponteareas continúa resolvendo problemas da rede de saneamento

O Concello de Ponteareas continúa acometendo traballos extraordinarios de renovación de canalizacións e conducións de saneamento no centro urbano que afloran periodicamente mediante afundimentos en diferentes vieiros públicos. Nos últimos anos, o Concello afrontou importantes investimentos de centos de miles de euros para resolver estes problemas. Entre as actuacións realizadas destacan a executada no cruce entre a Avenida de Galicia e o Paseo Matutino, onde era habitual a saída de auga s fecais á superficie; na rúa Braña no cruce con Magnolio, onde se anegaban con augas residuais os garaxes e baixos desta rúa, ou no cruce de San Roque coa Avenida de Castelao, onde tamén se producían asolagamentos de garaxes.

O Goberno municipal lamenta ter que destinar recursos económicos a actuacións que se poderían ter evitado se a rede de saneamento se tivera realizado no seu día correctamente. O executivo local afirma que “estes problemas son consecuencia dunha nefasta planificación urbanística e dun desenvolvemento caótico da construción no centro urbano especialmente na década dos 90 e do 2000, sen que a administración municipal controlase a execución das conexións de saneamento dos novos edificios coa rede xeral, cun deixamento total das súas responsabilidades”.

“Cada vez que se abre o subsolo en calquera obra de humanización, descóbrense situacións incríbeis, con canalizacións paralelas; outras con orixe, destino ou finalidade descoñecidos; conexións mal feitas con enormes filtracións que van socavando o subsolo…”, afirman dende o goberno municipal. A realización de obras de reforma urbana como a de San Roque, a Praza Dr. Fernández Vega, Bugallal, Rúa Redondela ou agora Trobador Xoán García de Guillade están permitindo solucionar estes problemas mediante a renovación de todas as canalizacións. As obras de Trobador Xoán García permitiron comprobar que nesa rúa se atopaba o problema que provoca afundimentos na Avenida de Galicia, dende ese cruce até a rotonda con Rosalía de Castro. A pasada semana, produciuse un novo afundimento no cruce da rúa Castañal coa rúa Orotava que obrigou a cortar ese acceso e renovar as canalizacións, actuación que rematará nestes días.

O Concello agradece a comprensión veciñal ante problemas que causan trastornos e que son consecuencia dunha situación herdada que se está resolvendo para que no futuro non se volva repetir.

O Arealonga FS de Chapela prepárase para o seu vixésimo anisersario

0

“Se ofreces xogar no noso club, poderás conseguir xogadores e xogadoras. Se ofreces proxectos e traballo en equipo terás xogadores e xogadoras apaixonados”. Esta cita reflexa claramente o espírito do Arealonga FS de Chapela e, tal e como o propio club salienta “as nosas gañas de formar equipo e de que a nosa “pequena fortaleza” creza. Que día a día, todos e todas se sintan parte dun proxecto apaixoante e inspirador”.

O club Arealonga FS Chapela, foi fundado no ano 2003 da man de Iván J. Vázquez, actual presidente do mesmo, nacendo no CEIP de Laredo, na Praia de Arealonga en Chapela de aí o seu nome.

“A entidade, destaca polo seu traballo, a súa humildade e o seu compañeirismo, adxectivos que fan posible que funcionemos como unha gran familia, sendo esta a base do noso éxito”, explica a vicepresidenta Leticia Nigueira.

“Facemos unha clara aposta por tódolos cativos e cativas que desexen practicar esta modalidade deportiva no barrio, e de xeito especial, polo fútbol sala feminino, pois grazas a elas, fíxose posible algo tan fermoso”, engade.

En breve, o club estará de aniversario, cumprindo 20 anos de historia e o celebrará dun xeito moi especial. Por iso, se queres formar parte desta aventura, inda estás a tempo de facelo informándote a través do 662 111 339 ou no Pavillón Municipal de Chapela “Manuel González Soto” os martes e venres en horario de 17:00 a 19:00 horas.

Imponente segunda charla sobre a casa das clarisas

“En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual en Galicia”. Esa foi unha das principais conclusións que expuxo o especialista Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario da súa compra.

O doutor comezou explicando que a arqueoloxía da arquitectura foi a que permitiu ler e analizar nos muros das edificacións de Santa Clara as evolucións das construcións ao longo do tempo, utilizando para iso diferentes formas de datación: os elementos estilísticos, os tipos de construción de muros, o cruce con datos documentais e históricos, e tamén as análises técnicas con termoluminiscencia ou carbono 14, que nestes momentos se están a utilizar nos morteiros dos muros.

Posteriormente, e en base aos achados, Nodar presentou unha hipótese da evolución das diferentes etapas no convento. Segundo dixo, xa dende o primeiro momento, cunha simple ollada, a impresión da equipa investigadora foi que “había un mosteiro cun proxecto ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco”. A parte medieval, destacou, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares: a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII.

“Temos poucas testemuñas de edificacións medievais de claustro en Galicia. Aquí si temos. Moitas das igrexas que hai no rural galego orixinariamente eran de mosteiros,  mais os mosteiros non están porque se desamortizaron ou porque os monxes marcharon, porque estaban feitos de cachotería e ao mellor se arruinaron e so quedou a igrexa, ou non se conservan ou se conservan pouco, ou están moi modificados ou espoliados. Aquí tiñamos un convento bastante potente. Por iso estamos a estudar as subfases dentro do medieval, os séculos XIV e XV”, destacou.

Nodar explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando. Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria.

Posteriormente, no XVI o que fixeron as monxas, dixo Nodar, foi un ‘aggiornamento’, un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias, pero aproveitando os mesmos pavillóns medievais dándolle un “aire máis moderno”, con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas. No XVII, subliñou, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, mais xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba.

O XVIII é outro gran momento: constrúese o edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. O investigador subliñou que non se trata dunha ampliación, porque se trata dun proxecto buscado nun momento no que a comunidade non estaba medrando, de feito diminuíra o número de vocacións.

Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración. “O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes. Non tiran os pavillóns medievais –que ameazaban ruína-, reutilízanos como cortes ou adega, e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros. Todas as celas teñen o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias…”, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da ‘economía saneada’.

Finalmente, sobre as construcións feitas no século XX destacou que “foron un pouco desastre e agora hai que poñerlle remedio na restauración”.

A semana próxima seguirá o ciclo de  charlas en Santa Clara. O 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla a cargo da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento.

Arantxa Treus presenta a II Gala Sesé Mateo de Xornalismo Ético do Concello de Redondela

0

A xornalista Cristina García (O Grove) foi a galardoada co ‘II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético’ no tratamento da Violencia Machista convocado polo Concello de Redondela e co que se quere recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións tan sensibles como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e as persoas sobreviventes máis vulnerables.

Cristina García López recibirá o galardón polo capítulo ‘Mentres dormes’, do seu podcast ‘Superando a ficción’, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, García López explica os antecedentes deste tipo de violencia, da que comezamos a escoitar falar hai relativamente pouco tempo.

A gala de entrega do premio está aberta ao público e terá lugar no auditorio do multiúsos da Xunqueira de Redondela este vindeiro venres, 25 de novembro, ás 20 horas nun acto presentado pola actriz Arantxa Treus e que contará intervención da escritora Eva Mejuto e a actuación musical de Su Garrido Pombo. “Esta iniciativa é a nosa aportación no día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller”, explica  a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Ademáis contará coa lectura poética de Nuria Vil “As túas uñas gastadas: diálogo poético”, unha lectura na que se pon en diálogo a poesía de Sesé coa doutras autoras que coinciden no tempo e que centran o punto de conexión cos poemas que se inclúen no libro póstumo de Sesé Mateo ‘No camiño do vento’.

A resposta á convocatoria desta segunda edición do Premio Sesé Mateo de Ética Xornalística, foi cualificada pola alcaldesa como “todo un éxito” presentándose un total de 15 traballos xornalísticos chegados de todas partes de España.Da boa acollida deste premio “que nace con vocación de continuidade”, afirma a rexidora “fala o feito de que este ano aumentou o número de particiación e a diversidade de orixe dos traballos presentados que abranguen os tres medios de prensa: escrita, radio e televisión”.

Tamén quixo salientar “a dificultade que tivo o xurado” á hora de puntuar os traballos xa que todos eles “trataban a violencia machista fuxindo de matices sensacionalistas que, por desgraza, son buscados por algúns medios co único afán de incrementar os índices de audiencia o número de lectores”.O xurado estivo composto por Alfredo Estévez, xornalista e membro durante moitos anos do xornal dixital ‘Comarcas na Rede’; Patricia Costa, xornalista de Radio Nacional de España (RNE) e gañadora do ‘I Premio Sesé Mateo’; Eva Mejuto, escritora literaria e xornalista; e Paula Montes, xornalista de Radio Vigo Cadena SER e TeleVigo.

Redondela, lembrou a alcaldesa, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a continuidade destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”.

“Quero agradecer o traballo de Joshua Mateo, pilar importante para a creación, producción e continuidade destes premios”, conclúe Rivas.

Sesé Mateo

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar á súa familia durante meses.

A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, se non que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres. Coa creación deste premio queremos seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización.

A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. Así consta no estudo asinado pola xornalista Belén Puñal Rama que aparece ao final do libro No camiño do vento. Queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular.