15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas inicia os trámites para a transformación urbanística da área de Granitos...

    Ponteareas inicia os trámites para a transformación urbanística da área de Granitos de Galicia e Aceros del Tea

    O Concello de Ponteareas iniciou a tramitación do desenvolvemento urbanístico da área de reparto nº 10 do PXOM, de case 17.000 m2, onde se asentaba Granitos de Galicia e Aceros del Tea. O primeiro trámite foi a aprobación por parte da Xunta de Goberno da delimitación poligonal da área urbanística, como consecuencia da solicitude realizada pola sociedade mercantil propietaria dos terreos.

    Con esta aprobación ponse en marcha un proceso que implicará, por unha banda, a cesión en propiedade a favor do Concello e para uso público de máis de 7.000 m2 de terreo, onde se inclúen o actual aparcadoiro e as naves de Aceros del Tea, que se destinará a un grande equipamento sociocultural con financiamento europeo. Por outra banda, a sociedade mercantil propietaria dos terreos impulsará o desenvolvemento urbano do resto da superficie para destinar a usos comerciais e de servizos.

    O Goberno municipal salienta que grazas ao PXOM aprobado o pasado ano este antigo espazo industrial, hoxe abandonado e degradado, se transformará nunha área urbana de calidade, con grandes espazos abertos e instalacións públicas, que cambiará por completo a fisionomía da vila cun novo urbanismo racional e sustentábel.

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicou que o PXOM está sendo un motor para o crecemento económico e creación de emprego en Ponteareas e a área urbanística de Granitos é un bo exemplo. “Transformar toda esta zona con novas instalacións e servizos públicos e con novos usos comerciais e de servizos suporá unha grande inxección económica para as pequenas e medianas empresas de Ponteareas e creará moito emprego en sectores como a construción ou o comercio”, destacou.

    Pola súa banda, a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, lembrou que “o PXOM que aprobamos o pasado ano supón un antes e un despois para Ponteareas e o paso dun urbanismo descontrolado a outro equilibrado que fai medrar a nosa vila de maneira razoábel, protexendo o interese xeral e buscando o beneficio para a sociedade mediante a obtención de terreos e instalacións para o Concello sen ningún custo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.