13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Concello ampliará a ruta do 'Nigránbus'

    O Concello ampliará a ruta do ‘Nigránbus’

    O Concello de Nigrán ampliará desde o 1 de decembro o percorrido da liña municipal ‘Nigránbus’ á Estrada pola Vía (Panxón e Prado) e Priegue para así dar resposta ás demandas recibidas. O cambio non afectará ás paradas e horarios establecidos actualmente porque só supón trocar a cabeceira actual desde o Centro Antena (Otero Pedrayo) ao cruce da rúa Don Marcial con Navás. Así, este punto de Priegue será o principio e fin da liña, que abarcará a Igrexa, Mestra Emérita, Torreiro e Estrada pola Vía ata enlazar co Centro Antena e continuar co percorrido xa implantado (e á inversa na volta).

    “Escoitamos as demandas de veciños destas zonas e consideramos positivo facer este cambio.  O Nigranbus non é inamovible, faremos todos os trocos que sexan precisos segundo  o balance de usuarios e as peticións razoables”, explica o alcalde, Juan González. “A tenor das demandas de veciños da zona de Prado, Navás e A Mámoa consideramos que si era factible e lóxico poder conectar estas zonas peor comunicadas cos núcleos urbanos de Nigrán”, admite o rexedor. Co fin precisamente de realizar este troco, o edil de mobilidade, Diego García Moreira, mantivo onte unha reunión na Dirección Provincial de Mobilidade na que quedou aprobada a cuestión.

    O Nigránbus é unha liña municipal que naceu con obxectivo de acabar coa desconexión histórica do transporte público de Nigrán coas  parroquias do interior. Este minibus as conecta desde novembro, sendo practicamente a única localidade en Galicia en contar con este servizo intramunicipal (descontando as grandes cidades). O vehículo comunica  o interior cos núcleos urbanos de Panxón, A Ramallosa, Nigrán e  Porto do Molle cumprindo unha demanda ancestral da veciñanza do rural, que ata agora dependía do transporte privado para todo. 

    O servizo consta dunha liña que permite ao cidadáns de calquera parroquia do interior achegarse en máximo 45 minutos aos centros de saúde ou conectarse co autobús cara a Vigo-Baiona, con especial atención ao horario de enlace coa liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e Universidade.  Está operativo de luns a venres con saídas desde Chandebrito ás 7:45, 14:00, 16:15 e as de Panxón (Centro Antena) ás 10:30, 15:15 e 20:40 (a partir do 1 de decembro será Priegue, manténdose a hora de paso do Centro Antena).  “Deseñouse de xeito que, por exemplo, unha persoa chegue a tempo ao centro de saúde a facer unha analítica ou consulta médica e poida regresar a continuación para casa e tamén para conectar coa liña á Universidade ou Hoispital Álvaro Cunqueiro, tendo en conta ademais que abre á porta ao trasbordo para ir a Vigo ou Baiona”, incide García.

    Este fito histórico é posible tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Isto significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un cánon anual de 80.000 € máximo á Xunta. O convenio é flexible, puidendo modificarse, ampliarse e adaptarse ás necesidades concretas que se detecten, como foi neste caso. Esta fórmula permite, a súa vez, que os viaxeiros se beneficien da Tarxeta de Transporte Metropolitano, é dicir, son gratis os transbordos e todo para menores de 21 anos ou hai as mesmas bonificacións a estudantes, xubilados ou desempregados (sen estes descontos sería 1,55 €). Compre subliñar que, a maiores, o Concello de Nigrán destina 50.967 € cada ano para bonificar o transporte metropolitano na área de Vigo aos seus veciños.

    O vehículo provisional é de 22 prazas e a gasolina, pero tal e como solicitou o Concello, o definitivo será unha Mercedes Sprinter carrozada etiqueta ‘Eco’ co fin de aforrar emisións e tamén de 22 prazas máis unha adaptada.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.