A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, xunto co resto de plataformas de Galicia e SOS-SANIDADE PÚBLICA, convocan concentracións simultáneas en toda a comunidade autónoma o vindeiro 30 de novembro ás 8 da tarde.
Na Guarda a concentración realizarase na Praza Avelino Vicente (Ás de Copas).
A Plataforma fai un chamamento á sociedade para participar nesta mobilización, para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento.
Indican que os veciños sofren importantes limitacións para ser atendidos nos Centros de Saúde e no PAC, que soportan listas de espera de días ou semanas; a perda da prevención, rehabilitación e atención ás enfermidades crónicas; e o abandono da participación comunitaria.
Mentres o persoal dos centros de saúde e do PAC está sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos.
Por todo iso, convocan á cidadanía a que demostre o seu rexeitamento ao desmantelamento do Sistema Sanitario Público e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñen que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para por en valor a Atención Primaria.