9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO Concello da Guarda solicita fondos Next Generation EU para a reforma...

    O Concello da Guarda solicita fondos Next Generation EU para a reforma integral da piscina municipal

    A piscina climatizada municipal da Guarda foi deseñada fai máis de 25 anos cuns criterios  que pouco teñen que ver cos que se empregan hoxe en día para unha instalación deste tipo. Daquela non se lle daba a prioridade que hoxe teñen a criterios como a accesibilidade, eficiencia enerxética e optimización de espazos.

    Por outra banda, moitos dos equipamentos e instalacións que ten a piscina necesitan ser renovados por outros máis modernos e eficientes. Nesta liña o concello xa acometeu, fai uns meses, as obras máis necesarias coa execución do proxecto de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal da Guarda, cun prezo de licitación de 85.000 €.

    Dende o goberno municipal da Guarda, considerando e equipamento lúdico deportivo da piscina municipal de utilidade pública e conscientes da importancia que ten para a veciñanza da localidade e da comarca, encargaron os primeiros estudos para valorar a súa modernización no ano 2021. Entón elaborouse un informe técnico do estado da piscina para valorar a situación actual das instalacións e do edificio, e elaborouse tamén unha auditoría enerxética para coñecer canta enerxía se podería aforrar cun proxecto de eficiencia enerxética.

    Aqueles estudos deron como resultado o proxecto, xa executado, de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal e outro proxecto, moito máis ambicioso, presentado aos fondos Next Generation EU dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) para entidades locais, neste caso dentro da liña 2 desta convocatoria. O concello xa presentara dentro da liña 1 do PIREP o proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña para a que conseguiu un financiamento de 385.754 €

    O proxecto presentado aos Next Generation de Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal da Guarda ten un orzamento que ascende a 2.266.212 € e contempla entre outras cousas: Un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume na piscina, ao contemplar, illamento de fachadas e cubertas, iluminación LED, un sistema de renovación de aire con recuperación de calor e a optimización dos espazos; ademais leva a instalación de enerxías renovables, biomasa e fotovoltaica. Tamén se inclúen puntos de recarga eléctricos e mellora da accesibilidade coa incorporación dun ascensor. Coa optimización de espazos conséguese ampliar o ximnasio e o SPA, abrir un novo vaso na piscina para os cativos, e unha sala de usos múltiples. Todas estas melloras van acompañadas da correspondente renovación das instalacións e equipos, e dunha mellora estética do edificio e do entorno.

    Este ambicioso proxecto permitirá a modernización e renovación total dun equipamento municipal dándolle unha segunda vida, como sucede no caso do pavillón municipal da Sangriña. Neste caso as instalacións da piscina, ademais de ser moi importante para a práctica para o deporte, tamén son un recurso para o mantemento e mellora da saúde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.