15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloO Covelo executa as obras de mellora da casa social de San...

    O Covelo executa as obras de mellora da casa social de San Salvador de Prado

    O Concello de Covelo informa da execución das obras de mellora da casa social de Prado e da súa contorna, ubicada no lugar de Cende na parroquia de San Salvador de Prado. O proxecto conta co apoio da Deputación de Pontevedra que aportará 40.000,01 euros, sendo o orzamento total de 40.464,64 €.

    As obras  teñen como obxectivo principal garantir a accesibilidade, “é fundamental que todas as persoas, independentemente da súa condición física ou mental, poidan desfrutar das actividades, dos espazos ou dos servizos públicos e municipais e os nosos esforzos irán principalmente enfocados a facelo posible”, explica o alcalde Pablo Castillo.

    O proxecto contempla a mellora da accesibilidade aos aseos existentes no andar baixo da devandita casa social e no exterior co obxectivo de optimizar os espazos e o acceso ao parque infantil existente, a mellora da pavimentación, tamén da iluminación das instalacións, a creación de salas de reunión dos veciños e usuarios e a mellora da pista deportiva.

    Con esta intervención darase solución ás principais incomodidades que presenta o conxunto total como a entrada irregular que alterna zonas de firme con zonas de terra, a dificultade de acceso ao parque infantil, a dispersión dos xogos instalados, a falta de pintura e presenza de lixo na pista multideporte, a precariedade lumínica dos aseos ou a falta de conexión á rede de saneamento, ademais de retirar as portas estreitas e pratos de ducha con resalte para convertelos en aseos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

    Comprometidos coas necesidades da cidadanía, o alcalde Pablo Castillo salienta a importancia dos espazos de convivencia como o son as casas e centros culturais, “apoiar as iniciativas da veciñanza e potenciar as casas e centros culturais é indispensable para o desenvolvemento das actividades diarias das persoas do rural, xa que actúan como potentes elementos dinamizadores das relacións sociais e son lugares donde compartir o tempo de lecer”.

    Castillo sinala tamén que é fundamental planificar e deseñar pensando no perfil dos usuarios/as dos espazos públicos ademais de ofertar tamén servizos e infraestruturas que poidan atraer a nova veciñanza.

    A casa cultural atópase nunha parcela de 2,224 m², dos que 800 m² son de uso deportivo cunha pista multideporte.No resto da parcela hai, ademais, un parque infantíl e unha zona verde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.