O Concello de Redondela celebrará, este vindeiro sábado 25 de xullo, diversos actos conmemorativos do Día de Galicia e no que, o tradicional concerto, correrá a cargo da recoñecida e premiada cantante Guadi Galego.
Precisamente, “polo seu compromiso coas mulleres, a cutura e o idioma galego” a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibirá á cantante na Casa do Concello onde Guadi Galego será convidada a deixar escritas unhas palabras no Libro de Honra do Concello redondelán.
Rivas subliño que “Guadi ten demostrado sempre un gran amor pola cultura galega e unha implicación decidida na loita feminsta”. Por iso, dende o Concello de Redondela, quérese “recoñecer ese traballo e trasladarlle a nosa forza para que acade máis éxito no futuro porque serán, en definitiva, éxitos para Galicia”.
O acto institucional comezará ás 21 horas na Alameda de Castelao, a carón do palco da música, onde nenos e nenas de Redondela tomará a palabra para falar sobre a Xeración Nós da que, este ano, se celebra o centenario.
Posteriormente tomarán a palabra o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e a alcaldesa Digna Rivas para rematar o acto co izado da bandeira de Galicia que ondeará, dende ese día, na Alameda redondelá.
A xornada rematará co concerto que Guadi Galego ofrecerá no Campo da Feira a partir das 22 horas, unha cita que a cantante aproveitará para presentar o seu último traballo.
O Concello de Mos está a traballar para que de cara á súa reapertura en setembro, as tres Escolas Infantís da Rede A Galiña Azul, da Porteliña, Cototorrón e Veigadaña, estean en perfecto estado e con todas as medidas de seguridade ante a COVID-19 instaladas.
Durante todo o vindeiro mes de agosto acometeranse nas 3 Escolas Infantís Municipais da Galiña Azul obras de mantemento e reparacións necesarias derivadas do habitual uso das instalacións, así como labores de acondicionamento dos xardíns e outras actuacións como cambio de parte da grifería para adaptala á nova normativa anti COVID-19 e dos dosificadores de papel polo mesmo motivo.
Deste xeito todas as dependencias quedarán adaptadas aos novos protocolos de uso das mesmas, onde se impartirán as clases en grupos burbulla, grupos dun número reducido de nenos/as.
Para detectar e contrastar as necesidades de cada centro a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, participou este mes no Consello Escolar das 3 escolas infantís, nas que ademais da dirección dos centros tamén estiveron presentes membros das ANPAs e, durante o mesmo, recolléronse todas as necesidades das escolas e informouse dos novos protocolos de métodos e productos de limpeza que se instaurarán nos centros educativos a partir de setembro, e que son diferentes aos existentes ata o de agora.
Para ultimar detalles, repasar e confirmar in situ as necesidades das escolas infantís e coordinar os prazos de execución dos traballos a realizar en agosto, a concelleira de Política Social Sara Cebreiro, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, visitaron esta mañá as instalacións das 3 Escolas Infantís A Galiña Azul mosenses: Porteliña, Cototorrón e Veigadaña.
As elevadas temperaturas das últimas semanas dispararon o consumo de auga en Tui, rexistrando valores moi elevados de ata 110 litros por segundo nas horas punta, que poderían poñer en risco o abastecemento á poboación se se rexistrase algunha avaría nas conducións.
Por mor deste elevado consumo, o Consorcio de Augas do Louro e o Concello de Tui, fan un chamamento ao uso responsable da auga, limitándoo ao estritamente necesario e restrinxindo os usos secundarios como regas, baldeos ou enchido de piscinas.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, mantiveron onte, na Casa do Concello, unha xuntanza coas ANPAS do municipio para analizar polo miúdo a grave situación que se producirá no caso de que a Xunta de Galicia manteña o protocolo anunciado para o vindeiro curso escolar “que non garante nin as medidas de distanciamento obrigatorias, nin rebaixar o ratio nas aulas nin reforzar o persoa docente”.
Tanto as ANPAS como a alcaldesa e a concelleira aseguraron que dito protocolo é, “cando menos, temerario” xa que nel non se contemplan as máis elementais medidas de seguridade sanitaria para o alumnado”.
De feito a Xunta non ten previsto ningunha medida para regular a ratio de alumnos por grupo e clase “que permitiría o distanciamento de seguridade que é unha medida que se esixe ao resto da sociedade en calquera lugar e circunstancia”, explico a concelleira de Ensino.
Olga García, apuntou a necesidade de que a administración educativa “poña en marcha, de xeito urxente, unha reforma tecnolóxica de cara a un posible novo confinamento” e que de darse esa situación “a responsabilidade non caia novamente sobre os concellos asumindo unha competencia que non é súa e que supón un enorme esforzo económico”.
“Un protocolo deste calibre e que afecta á seguridade dos nosos nenos e nenas –sinalou a alcaldesa Digna Rivas– ten que ser digno e negociado” polo que considera absolutamente lamentable que “a administración educativa non escoita nin informa non só ao Concello, senón tamén ás nais e pais e ao profesorado”.
A alcaldesa informou ás ANPAS que o Concello “leva meses pedindo de xeito insistente” unha reunión urxente tanto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares como co xefe territorial Mobilidade sen que “nin tan sequera haxa a mínima cortesía institucional de contestar aos requirimentos”.
Digna Rivas, que no día de onte solicitou unha nova reunión coa Xunta de Galicia e asegurou que o Concello adoptará todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos nosos nenos e nenas e defender os intereses da veciñanza de Redondela”.
Finalmente, a concelleira de Ensino destacou a importancia dunha reunión co xefe territorial de Mobilidade para esixirlle a necesidade de investir en transporte escolar en lugar “de optar pola medida máis doada que é deixar a nenos e nenas fora do servizo”, explica Olga García.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu hoxe publicamente, o traballo que realiza a Garda Civil do municipio para, durante todo o ano, “garantir a seguridade de todos os veciños e veciñas”. O rexedor local recoñeceu expresamente “o magnífico traballo realizado, conxuntamente coa Policía Local, á hora de controlar a celebración do ‘botellón’ prohibido pola Xunta de Galicia en todo o territorio da comunidade autónoma”.
A este traballo engadido, súmase o control para velar polo cumprimento das normas de seguridade sanitaria impostas pola actual pandemia da COVID-19.
O traballo desenvolvido, afirma o rexedor local, “amosa claramente o alto grao de compromiso, profesionalidade e dedicación das e dos axentes da Comandancia de Baiona” nun municipio que, durante a época estival, triplica a súa poboación e fai preciso “un sobre esforzo” por parte do Instituto Armado para garantir “o orden público e a seguridade cidadá en estreita colaboración coa Policía Local”.
O traballo que realizan Garda Civil de Baiona e Policía Local, “non só na época estival senón durante todo o ano”, permiten que Baiona “sexa un destino turístico atractivo” conclúe o rexedor local.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que subliña que o estado das viñas é excelente no relativo á enfermidade do mildio debido ás favorables condicións climatolóxicas das últimas semanas, tras varios días continuados de tempo verdadeiramente cálido, con ventos do norte ou nordés e humidade relativa media en xeral.
Máis polo miúdo, o persoal especialista de Areeiro destacou que incluso nas parcelas da rede que vixía a estación que cumpriron un mes sen intervención algunha non presentaron esta semana síntomas nos novos crecementos. E as plantas testemuña practicamente defoliadas en xuño xeraron novos gromos que igualmente están libres da patoloxía. Porén, aínda que o risco de infección será baixo nos vindeiros días de acordo ás previsións meteorolóxicas, insiste en non deixar de controlar as viñas, xa que aínda pode haber danos nos acios, e se esperan ventos de dirección variable e algúns días do oeste, máis húmidos.
As elevadas temperaturas dos últimos días favoreceron, segundo Areeiro, o avance da fenoloxía das plantas, de xeito que a totalidade das viñas están xa, sen ter empezado agosto, no peche do acio (incluso algúns acios empezan a brillar) e mesmo algúns casos, de viñas especialmente solleiras ou variedades temperás, iniciando xa o pintado.
O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio, e a este respecto Areeiro apunta que a situación xeral observada nas revisións desta semana foi positiva, a pesares das condicións que se deron relativamente favorables á enfermidade. Subliña que mesmo nas viñas que tiveron ataques máis fortes as infeccións están contidas. Deste xeito, sinala que en xeral só apareceron puntualmente focos moi illados nos que uns poucos grans dalgúns acios tiñan presenza do fungo, e só unha porcentaxe que non acadaba o 5% de predios tiña algunha zona máis afectada, o que en principio atribúe a unha mala distribución dos funxicidas debido a que se detectaron estes ataques cara o final das viñas e/ou en zonas con exceso de vexetación.
Tamén neste caso recomenda non descoidar a vixilancia, porque as previsións meteorolóxicas de temperatura e ventos para os vindeiros días poden incrementar o risco, a pesar de que, próximos ao pintado, a sensibilidade dos acios ao patóxeno diminúe. En caso de que se observe un incremento dos acios afectados, aparte de procurar unha boa aireación das viñas, Areeiro sinala que será conveniente realizar unha intervención, que probablemente xa sería a última da campaña fronte a esta enfermidade.
Doutra banda, o aviso subliña tamén que no caso do Black-rot non se observou avance algún, tampouco nas viñas abandonadas. A situación é tamén positiva no que se refire á Botrite, da que de momento non se espera a aparición de síntomas.
En canto ás avelaíñas do acio, o nivel de capturas de Lobesia botrana nas trampas das parcelas de seguimento foi tamén esta semana moi baixo, e as postas observadas foron esporádicas. Neste senso, insiste en que non se deben realizar tratamentos fronte a esta praga inxustificadamente e/ou de xeito xeneralizado para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas. Así, destaca que o feito de que aparezan algúns acios con penetracións, que a partir de agora serán máis sinxelos de ver debido a que os grans afectados toman unha cor castaña na polpa, non implica que haxa que intervir. Areeiro recomenda por tanto revisar as viñas e só si sobre 100 dos acios se superan os limiares de 3 a 5% afectados nas variedades sensibles á podre e ata 8 a 10% nas demais, habería que contemplar a posibilidade dunha intervención. Para ela deberá elixirse un insecticida autorizado, con efecto fronte ao estado de desenvolvemento dominante e co menor impacto posible sobre os inimigos naturais.
Doutra banda, no caso dos cicadelidos tampouco se apreciaronnesta semana cambios canto ás capturas nas trampas, que permanecen practicamente limpas destes insectos. O número de ninfas atopado nos recontos ás follas foi moi baixo en todas as viñas e tampouco se observaron ninfas de Scaphoideus titanus, vector da enfermidade coñecida como “flavescencia dourada”. Si se observaron, no caso dos ácaros, novos incrementos de follas con síntomas de erinose de verán nas follas terminais, pero no se detectaron síntomas doutros ácaros nas viñas revisadas.
Areeiro alertou doutras incidencias nas plantas da viña. Deste xeito, apunta que cada vez máis plantas, co estrés hídrico e as altas temperaturas, manifestan síntomas de alteracións de madeira. Tamén sinala que se detectaron síntomas de trips no Salnés, pouco importantes e nunha porcentaxe que non acada o 1% de viñas revisadas, así como máis acios con golpe de sol ou con síntomas máis claros desta fisiopatía e tamén da propia derivada da falta de auga.
Pulgón lanixero
O avisorefírese tamén a outros cultivos e plantas. No caso da maceira, Areeiro sinala que nas plantas onde xa se detectara o pulgón lanixero notouse un incremento do número de individuos parasitados e tamén máis buracos de emerxencia do parasitoide, de xeito que insiste na necesidade de comprobar se hai formas parasitadas en cada predio. En caso afirmativo o beneficioso será capaz de controlar a colonia se non se aplican fitosanitarios.
Areeiro indica tamén que, aparte de moteado nas variedades máis sensibles da maceira, tamén hai froitos afectados polas eirugas da Cydía pomonella. Por este motivo, en caso de que só se observen algunhas froitas coas perforacións larvarias típicas, recomenda retiralas para non dar tratamentos que poidan alterar o equilibrio pragas-insectos útiles que poida haber e para evitar que, en tempo húmido, se xeren podremias.
No que respecta aos cítricos, observouse un menor número de gromos tenros de psila africana, aínda que seguen a detectarse, ao igual que moitos adultos maduros e ninfas. O persoal especialista da estación fitopatolóxica lembra que entre as medidas de contención da praga están eliminar os gromos, instalar trampas amarelas a carón das árbores e tamén os insecticidas autorizados para o control dos psílidos en cítricos (aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5%). Doutra banda, o aviso advirte dalgunhas colonias de pulgón nos cítricos, formadas sobre todo por estados ninfais pero tamén por adultos, en xeral pouco importantes, ao menos, nas plantas observadas.
No caso do buxo, Areeiro recomenda manter a vixilancia sobre a Cydalima perspectalis, aínda que esta semana non se atoparon eirugas nas sebes controladas, só crisalides. E, por último, o aviso fitosanitario advirte que, no caso do piñeiro, esta semana recolléronse os primeiros machos da praga da procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) nas trampas de feromona instaladas en dous xardíns.
O Concello de Ponteareas aclarou que “non conta con ningún can policía” saíndo así ao paso das acusacións realizadas polo Partido Popular nas que afirmaba que o can “non está operativo por falta de formación e medios”, que o Concello gasta cartos “nun can que non existe” e que os axentes non o poden utilizar.
Segundo informa o goberno municipal, o concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, decidíu no mes de febreiro poñer fin á cesión do can policía que fora contratado pola Concellaría de Seguridade Cidadá no anterior mandato.
Mera, tras ser informado da existencia do contrato, solicitou en xaneiro un informe á xefatura da Policía Local sobre a necesidade do can. Ese informe elaborado no mesmo mes de xaneiro desminte as acusacións do PP cando afirma que o can “nunca foi utilizado”.
Segundo o Oficial da Policía Local “en servizo utilizouse o can, por exemplo nas festas de Corpus ou no turno de noite, dando un resultado aceptable”. No mesmo informe explícanse os motivos polos que no seu día se realizou a cesión do can e se aclara que “existían axentes con titulación da Academia Galega de Seguridade para a condución do can en intervencións e outros axentes participaran en sesións de adestramento”. O informe conclúe que o traslado deses axentes a outros concellos conleva a falta de uso do can, motivo polo cal o Concello puxo fin a esa cesión do animal hai xa case medio ano.
O goberno local lamenta que o Partido Popular “faga acusacións sen rigor e non se informe debidamente, faltando ademais á verdade”.
Respecto á escasez de persoal na Policía Local, Mera lembrou que é un problema que se arrastra desde hai moitos anos, ao que o goberno está dando solución pois “se incorporaron 4 axentes novos neste ano, está aberto o proceso de selección na academia de 3 axentes máis e un oficial, e se aprobou a oferta de emprego público de dúas prazas máis neste ano 2020 de tal maneira que entre este ano e o vindeiro o cadro de persoal aumentará en dez axentes”.
Ponteareas celebra o Día da Patria Galega mañá día 24 de xullo coa lectura do manifesto a cargo da escritora Isabel Blanco, un acto ao que o alcalde, Xosé Represas, convidou a participar a toda a cidadanía.
A lectura do manifesto terá lugar ás 21 horas no parque da Feira Vella e, tras a lectura do manifesto, terá lugar a actuación dos Amigos da Unión de Guláns e o dúo Leni Pérez e Roberto Comesaña.
O sábado 8 de agosto o club Andatui organizará a VI Ruta histórica de Tui que estará guiada por un historiador tudense. A ruta, de aproximadamente 4 quilómetros e con saída desde a praza da Inmaculada ás 21:00 horas, permitirá coñecer distintos aspectos da historia tudense.
Centrarase en percorrer e dar a coñecer a antiga muralla de Tui. A ruta rematará na Alameda de san Domingos para degustar unha queimada do mestre Gabi onde tamén haberá unha chocolatada para os máis cativos, xa no final farase un sorteo con diversos agasallos.
Esta actividade ten un prezo de 6 euros para os maiores de 14 anos e de 4 euros para os de 14 anos ou menos. Xa está toda a información e formulario de inscrición en www.andatui.es
A concellería de Promoción Económica informa que os mercados e feiras dos sábados festivos pasarán a celebrarse sempre os venres. Promoción Económica estudou as distintas alternativas co comercio local que considerou mellor opción trasladar as feiras e mercados dos sábados ao día anterior xa que nos festivos o noso comercio permanece pechado.
Tendo en conta a incidencia positiva que ten o mercado dos sábados para o conxunto do comercio, que nos días festivos so abre alimentación, o centro comercial aberto BANASTRA e a Asociación de Comerciantes Tea trasladaron á concellería a necesidade de mudar aos venres as feiras que cadren en festivos.
Deste xeito, a feira do sábado 25 de xullo, pasará ao venres 24 e o mercado do sábado 15 de agosto ao venres 14.
A concellería salienta que os comercios de alimentación e a praza de abastos si abrirán os sábados festivos para ofrecer aos clientes os produtos frescos e de primeira necesidade.
O Concello explica que esta decisión contribúe a un mellor e organizado servizo para o consumidor que atopará unha ampla e variada oferta de produtos e servizos nun mesmo horario e día laboral e que tamén respecta as necesidades de descanso do comercio local garantindo tamén a oferta de produto alimentario fresco en días festivos.
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, acompañada pola técnica de igualdade do Concello, Irene Ojo e da consultora Laura Seara, presentaron na mañá de hoxe na Casa da Cultura Castelao as actividades do Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, iniciatia incluída dentro do II Plan de Igualdade Municipal e que ao longo dos vindeiros meses desenvolverá obradoiros e iniciativas nos que participarán 40 mulleres.
A técnica de igualdade, Irene Ojo –primeira técnica de Igualdade do Concello– explicou polo miúdo as actividades dun programa que ten o foco en todas as mulleres pero “principalmente nas máis vulnerables como as vítimas de violencia de xénero, discapacitadas, maiores, desempregadas, migrantes ou fogares monomarentais”.
Así pois, porase en marcha un Servizo Municipal de Atención Integral de Asesoramento Psicolóxico, Laboral, Social e Xurídico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, que se prestará a demanda, e que as mulleres que o precisen poden solicitar a través do mail [email protected], que dará resposta á súa solicitude nun prazo máximo de 24 horas. A atención, a cargo de dúas avogadas, unha psicóloga e unha experta en atención social integral, poderá ofrecerse tanto de xeito presencial como telemático, para que cada muller poida escoller a forma que mellor satisfaga as súas necesidades.
O servizo de asesoramento compleméntase coa posta en marcha de cinco talleres e a correspondente creación de itinerarios de inserción e valorización de competencias que cada muller demande, así como a celebración de dous encontros con tódalas mulleres participantes para a posta en común das súas experiencias.
Obxectivos fundamentais do programa
Ofrecer un servizo de atención integral de asesoramento psicolóxico, laboral, social e xurídico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos ou fillas.
Facilitar unha axeitada información sobre recursos existentes no Concello de Salceda de Caselas, na Xunta de Galicia e no Goberno do Estado en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero.
Mellorar a participación social e laboral, fomentar a súa autoestima e autoconfianza.
Previr situacións de violencia de xénero.
Contribuír a mellorar a súa calidade de vida e o seu benestar.
Laura Seara, consultora, exparlamentaria no Parlamento de Galicia, exdeputada nas Cortes Xerais e secretaria de Estado de Igualdade no goberno de Zapatero, foi clara ao expoñer o que se podería cualificar de ‘circulo vicioso’ no que “as desigualdade que sofren mulleres con discriminación fan que esas desigualdades multiplíquense e, ao mesmo tempo, xeren máis desigualdade” polo que subliñou a importancia dun programa “que non só traballa a prol da igualdade, senón a prol da igualdade das mulleres que máis o precisan”.
Salientaba Seara o feito de que, a maiores dos obradoiros e itinerarios, “estarase traballando durante dous meses motivando ás mulleres, traballando con elas, atendendo ás súas demandas, contribuíndo ao seu empoderamento e facéndoas máis felices e serenas para que poidan atopar un traballo en mellores condicións”.
“Moitas mulleres teñen capacidades enormes que non son capaces logo de plasmar nun curriculum ou transmitir nunha entrevista de traballo, afirmou Laura Seara, “polo que se traballará en todos estes aspectos ao igual que se fará coas vítimas de violencia de xénero, das que o foron e as que o son, e traballar para evitar posibles casos que se poidan dar no futuro”
Para Seara a pandemia puxo por unha banda a importancia do traballo da muller en sectores como o sanitario “en que as mulleres representan o 66 % dos empregos ou das traballadoras das residencias que son un 84 % do total de persoas empregadas”.
Pero máis importante, enfatizou “é o feito que a pandemia puxo en valor, por primeira vez neste país, o traballo dos coidados, o valor do traballo non remunerado que é un traballo absolutamente feminizado”. “As mulleres que traballan gratis para os seus fillos, os seus pais, as súas familias, supón un 15 % do PIB no noso país”, concluía Laura Seara.
“
Loli Castiñeira, “A muller segue a ter rostro de pobreza e a pobreza segue a ter rostro de muller”
Finalmente, Loli Castiñeira facía fincapé na importancia deste programa pioneiro porque, sinalaba a alcaldesa de Salceda, “se pioneiro é ter por primeira vez unha técnica de igualdade neste concello, pioneiro é levar adiante un programa como este no noso concello que a pesar de ser pequeno pretendemos que sexa un referente á hora de aplicar políticas municipais de igualdade ou políticas de igualdade municipalistas”.
Castiñeira non dubidaba en cualificar como “importantísimo” o Pleno de no que se aprobou o segundo Plan de Igualdade, “onde se implicou todo o equipo de Goberno e que se aprobou como a min, por unanimidade, como ten que ser cando se trata de temas que afectan ao interese de todo o pobo”.
Do mesmo xeito destacou a alcaldesa de Salceda “a participación activa” de diversos colectivos como anpas, colectivos sociais, culturais, asociacionismo… “todos unidos no desenvolvemento do plan de igualdade”.
“A muller segue a ter rostro de pobreza e a pobreza segue a ter rostro de muller”, afirmou Loli Castiñeira que explicou que sempre recalcaba o problema da fenda salarial entre homes e mulleres “porque considero que é unha das cousas que nos fai menos libres á hora de tomar decisións, de planificar o noso futuro. E unha anomalía do mundo entero e sabemos as características da sociedade que nos rodea basicamente machista e patriarcal e, dende Salceda que é un pobo pequeniño, buscamos facer visible o noso compromiso para que as cousas vaian mudando pouco a pouco. Ese é o noso grande obxectivo”.
A rexedora local remataba expresando a súa confianza en que “sexan moitas as participantes, que sexa importante a axuda, a capacitación e o coñecemento”. “Non me cabe dúbida –afirmou– de que estamos no camiño correcto”.
O Concello de Nigrán aposta neste XIV Nigranjazz por duplicar a duración do festival de dous a catro días e extender a súa localización orixinal do esteiro da Foz a Patos e Panxón co obxectivo de disgregar ao público ante as restricións sanitarias vixentes. Así, aínda que condicionados polas circunstancias relativas á COVID-19, este ano non será moi diferente aos anteriores no aspecto artístico, o único é que non se poderá contar coa participación de músicos americanos, pero, coma sempre, os protagonistas serán destacados músicos do panorama europeo como e xaponeso-polaca Yumi Ito, nacional coa gran lenda do saxofón Perico Sambeat e galegos como Virxilio Da Silva ou Sergio de Miguel.
“Ampliar espazos e duración e unha solución ante as restricións de aforo para achegar e facilitar ao público a súa asistencia ao festival dunha ou outra maneira e, más que nunca, queremos redobrar o noso esforzo por dar máis oportunidades aos novos valores do jazz galego nunha situación tan delicada como a que está a vivir no mundo da cultura en xeral e da música en directo en particular”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a crise sanitaria que tan duramente afecta a este sector.
Nigranjazz apostou sempre por combinar o mellor jazz internacional co talento nacional e, sobre todo, galego. Nos últimos anos tivemos o privilexio de contar con figuras internacionais de primeira liña como Kurt Rosenwinkel, Peter Bernstein, Kevin Hays, Gilad Hekselman, Michael Kanan, Chris Cheek, Jorge Rossy, Deborah Carter, Jean Michel Pilc… Pero sempre se ofreceo o escenario aos músicos galegos xa máis consagrados ou ás novas e promesas. Así, tamén pasaron por Nigrán nomes coma Abe Rábade, Iago Fernández, Xan Campos, Paco Charlín, Virxilio Dasilva, Yago Vázquez, Telmo Fernández, Xosé Miguelez…
O escenario principal (Foz do Miñor) será testemuña os días 24 e 25 de Xullo de dous concertos excepcionais con dúas formacións moi novas e moi talentosas: o día 25 a vocalista, a compositora e produtora Yumi Ito debutará con Wilfried Wilde á guitarra Jakub Dworak ao contrabaixo e Iago Fernández á batería. Ao día seguinte, no mesmo escenario, o pianista vasco David Cid tocará cun trío, nesta ocasión acompañado polo lendario saxofonista valenciano Perico Sambeat, Xurxo Estévez ao contrabaixo e Joan Casares á batería. Ambas as formacións son un claro exemplo de músicos novos, bandas con presenza de músicos galegos e internacionais.
Nigranjazz edición 2019
Para a ocasión escolleuse un novo trío con tres músicos galegos consagrados, Fuzzo (día 22, 21:00 horas, Patos), un experimento de improvisación acumulativa con elementos estilísticos que van máis aló do Jazz. Contaremos tamén coa presenza do trío de Sergio de Miguel (día 23, 21:00 horas, Panxón) un novísimo pianista cun futuro moi prometedor e que está a acaparar xa premios e recoñecementos non soamente na nosa terra senón tamén nos EEUU.
Como cada ano, ademais o Nigranjazz aposta por novos talentos tamén para abrir as jam sessions e apostamos polo aspecto educativo coas masterclasses (venres 24 no Auditorio Municipal con Yumi Ito).
Nigranjazz volve a apostar este ano por unha muller como cabeza de cartel nun mundo do jazz tamén dominado por homes e emprende unha serie de accións destinadas a mellorar a súa sustentabilidade, a súa accesibilidade e o seu respecto pola ecoloxía. Dispoñeremos de contedores de reciclaxe en todo o recinto, limitaremos o uso de plásticos promovendo a reutilización dos nosos vasos personalizados, facilitaremos formas de pago máis seguras e hixiénicas… Paralelamente, estarán dispoñibles o 24 e 25 na Foz as mochilas vibratorias para as persoas xordas… Todo iso encamiñado a facer do festival un espazo cada vez máis inclusivo, respectuoso e exemplar.
Cartel gañador
O deseño do cartel gañador do concurso ‘Quin Alborés’ destiñado a promover o Nigranjazz pertence ao deseñador gráfico catalán Leonardo Abate, vencedor por segundo ano consecutivo entre algo máis de cen propostas, record absoluto de participación ata a data. O xurado destacou a súa orixinalidade, calidade da composición, orixinalidade e fusión novamente da natureza e da música como unha das cuestións máis senlleiras do festival.
O Concello de Redondela vén de rematar a redacción do Parque Forestal do Monte Castro de Negros cun importe total de 8.107 €, coa participación da Deputación de Pontevedra cunha subvención de 6.000 € do Plan Provincial de Parques Forestais. Un proxecto redactado por XIRELA, Servizos Técnicos e Obras do Rural que se realizará en terreos da Comunidade de Montes de Negros cando se lancen novas liñas de subvención para parques forestais e proceder a fase de execución das melloras.
Introdución do proxecto
Os montes son espazos que determinan a paisaxe e a identidade das comunidades. Independentemente da súa titularidade, desempeñan unha función social relevante, tanto coma fonte de recursos naturais e sustento de actividades económicas como por ser provedores de múltiples servizos ambientais, sociais e culturais.
Ante un mundo cada vez máis urbano, o monte desempeña un papel, cada día máis importante, de proporcionar pracer estético e recreo a poboación, constitúen un recurso turístico e recreativo polo que é preciso estudar e planificar a función social que desempeñan. Por outra banda, a raíz dos incendios acontecidos nos últimos anos na provincia de Pontevedra considérase necesario a creación dun parque forestal para o posta en valor do monte de Negros. Consciente desta necesidade a Deputación de Pontevedra aprobou unha subvención para redactar o proxecto de creación do parque forestal de Negros, ao abeiro do plan provincial de creación de parques forestais.
O obxecto do presente proxecto é que a parroquia de Negros conte cun parque forestal, sendo este un espazo de uso libre e público de lecer con valores paisaxísticos a preservar e poñer en valor, que abranguen áreas continuas e coherentes e dotado de instalacións integradas de forma respectuosa co medio ambiente de cara a satisfacer as necesidades de esparexemento, xogo, lugar de encontro e ocio dos veciños e visitantes respectando o monte sen degradalo e ao mesmo tempo preservar e potenciar, se cabe, os seus valores paisaxísticos, ambientais, naturais, edafolóxicos, culturais e forestais.
A diversificación de usos e aproveitamentos dotará ao monte dun maior valor e contribuirá a reducir a posibilidade de ocorrencia de incendios forestais e os posibles efectos do lume en caso de producirse.
Na elaboración do presente proxecto teranse en conta os seguintes principios básicos:
Diversificación: o monte é un espazo con varias funcións, onde poden darse distintos usos e aproveitamentos, creándose relacións sinérxicas entre eles.
Ordenación: a xestión do monte debe partir de unha planificación previa definíndose uns obxectivos e as medidas necesarias para acadalos.
Prevención: na xestión do monte deberán terse en conta todos aqueles fenómenos que poidan causar danos, tanto ao medio natural e físico como a aqueles usos que se realizan.
Mellora: deberán establecerse as actuacións que melloren o espazo, os seus usos e aproveitamentos, os seus valores etc.
A fin de semana das Festas do Cristo saldouse coas primeiras denuncias por non empregar máscara protectora. Garda Civil e Policía Local reforzaron a vixianza no municipio por mor das festas, e deste xeito producíronse as primeiras denuncias vinculadas ao uso da máscara protectora.
Dende o pasado domingo o uso da máscara é obrigatoria sempre que se coincida con outras persoas, aínda que exista a chamada “distancia de seguridade”. O equipo de goberno valorou dun xeito moi positivo o comportamento en xeral da veciñanza nos eventos organizados con motivo das festas do Cristo, nos que a poboación cumpriu as normas con seriedade, garantindo deste xeito a seguridade. Sen embargo, conscientes de que existen persoas que seguen a saltarse a norma, as forzas de seguridade fixeron unha especial vixianza, sancionando naqueles casos nos que foi preciso, como no caso dunha traballadora dun local de hostalería que atendía ao público sen empregar a máscara.
Na mesma fin de semana, a Policía Local personouse nunha festa privada nunha vivenda do casco urbano, ante as chamadas da veciñanza polos ruídos ata altas horas da madrugada que se viñan producindo ultimamente.
Loli Castiñeira: “Para unha convivencia pacífica é imprescindible o respeto entre as persoas. Todos e todas temos que cumprir coas regras para acabar con esta pandemia. Non se pode ter un policía por cada persoa, e é preciso concienciarnos do problema e aportar o noso granciño de área individual en beneficio do colectivo”.
O vindeiro sábado 1 de agosto, en xornada de mañá, terá lugar a segunda Actividade de Orientación do Concello da Guarda.
Esta actividade, dirixida por Xesta Natureza, levará aos participantes polo casco urbano da Guarda, contribuíndo ao coñecemento do noso patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén desvelará recunchos singulares.
A inscrición pódese facer de xeito individual ou en grupo (equipos), e existirán 3 categorías diferentes: Xestiñas (iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto), Xestas (adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica), e Xesteiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en Orientación).
A proba dará comezo ás 10:00h dende o Castelo de Santa Cruz, e consistirá en atopar, en orde, unha serie de puntos (denominadas balizas), espalladas polo entorno urbano do Concello. Para iso os participantes disporán dun mapa especificamente creado para este tipo de carreiras, e aínda que non se trata dunha proba competitiva, o equipo/persoa gañador será aquel que faga correctamente o seu percorrido no menor tempo posible.
Os participantes contarán para isto cunha tarxeta electrónica que lle facilitará a organización, para comprobar que o percorrido realizado é válido. Cabería salientar tamén que esta proba terá horarios de saída escalados, de xeito que ningunha persoa/equipo sairá ao mesmo tempo que outra co mesmo percorrido.
Ao rematar a carreira, a organización disporá dun pequeno avituallamento para tódolos participantes, onde poderán comprobar en tempo real os resultados, grazas a un código qr impreso no mapa.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui conta con nova xunta directiva froito das eleccións celebradas hai uns días. Así Juan Manuel González Estévez ocupa o cargo de presidente, María Fernanda Abreu Estévez é a secretaría e Adolfo Pérez Paramos o tesoureiro. Mentres os vogais son Nicolás Francisco Martínez Pazo, Alberto Solleiro Álvarez, Isaac Estévez Carballal e Cristina Álvarez Bernárdez.
A colaboración dos voluntarios de Protección Civil co Concello de Tui ten sido de gran importancia durante o Estado de Alarma realizando un total de 477 horas en distintos servizos. A principal actividade estivo no reparto de alimentos, tanto a través do departamento de Servizos Sociais coma colaborando con SOS Tomiño Baixo Miño. A distribución de máscaras e pantallas de protección, a desinfección de contedores e instalacións municipais foron outros dos labores realizados. Amais entregaron os cadernos de estimulación cognitiva da Asociación de Párkinson do Baixo Miño entre os usuarios deste colectivo. Tamén colaboraron na entrega de ordenadores a aqueles estudantes que carecían desta ferramenta para poder seguir as clases en liña, e realizaron a colocación de carteis informativos, entre outras tarefas.
Dende o Concello de Tui quérese amosar publicamente o agradecemento polo labor realizado ao longo dos últimos meses a María Fernanda Esteves Abreu, Alberto Solleiro Álvarez, Isaac Estévez Carballal, Adolfo Pérez Paramos e Juan Manuel González Estévez.
O Concello de Nigrán instalará esta semana o seu segundo ‘Peixe traga-plástico’ en Panxón, obra do artista René de la Jara, responsable do mercado multicultural que cada ano se ubica en Praia América e quen realizou tamén o colocado a inicios de mes alí.
A escultura a base de guías metálicas presenta unha abertura onde os bañistas deben depositar calquera refugallo de plástico que atopen na area; o obxectivo é dobre, por unha banda visibilizar e concienciar da cantidade de lixo que se deixa tirado e que acabaría no mar e, por outro, recolectalo e reciclalo. O obxectivo é dispor o vindeiro verán de catro en total en toda a praia. O Concello de Nigrán da así un paso máis no seu empeño de concienciar e apelar á responsabilidade da propia cidadanía para manter os areais limpos.
Paralelamente, o Concello inslaou novamente este verán en Praia América, Patos, A Madorra e Area Fofa os 15 ‘recolle-cabichas’ artesanais feitos o ano pasado con material de refugallo por nenos que asistiron aos obradoiros infantís do mercadillo de Praia América e tamén por usuarios-traballadores do CEE Juan María.
A Consellería de Sanidade informou esta mañá ao Concello do Porriño da existencia dun brote de Covid-19 con media ducía de positivos. Dende a Consellería comunicaron telefónicamente coa alcaldesa Eva García á que informaron que o brote está localizado no centro da vila.
Pola información recibida polo Concello, sábe que o primeiro contaxíado foi un mozo que transmitiu a patoloxía a súa noiva e a familiares cercanos de ambos. Todos eles están illados nos seus domicilios e realízase o seu seguemento a través do centro de Saúde, polos médicos de Atención Primaria.
A Consellería informou á alcaldesa que os rastrexadores epidemiolóxicos seguen a investigar se houbo máis contaxios e realizaron unha serie de probas “PCR” cuos resultados agardanse coñecer hoxe para determinar se o radio de contaxios foi máis amplio.
O Rosal celebra este 24 e 25 de xullo as súas tradicionais festas na honra da Virxe do Pilar cunha programación cultural na Praza do Calvario na que a música e o entretemento para toda a familia son os grandes protagonistas. Así, as festas comezan este mesmo venres 24 de xullo con Tanxarina Teatro e o seu ‘Titiricircus’ (20.00 h), un espectáculo de marionetas de fío que transportará ao público ás tardes de circo a través de distintas personaxes que van recordando as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo…
Tras o circo de Tanxarina, a Praza do Calvario deixará espazo para a proxección de ‘O que arde’ (22.00 h), un filme de Oliver Laxe galardoado con dous premios Goya que se desenvolve nunha zona rural de Galicia e que aborda o problema da desaparición do medio rural a causa dos incendios forestais.
O sábado 25 de xullo será a xornada musical das festas do Pilar. O día comezará coa actuación ás 13.00 horas da primeira actuación da banda da Agrupación Musical do Rosal ao completo tras a crise sanitaria. Será un concerto curto no que os seus máis de 70 músicos estarán de pé, gardando a distancia interpersoal de seguridade e na que todos e todas as integrantes da banda farán un esforzo por deleitar coa súa música ao público, xa que o elevado número de compoñentes dificulta atopar escenarios nos que poidan tocar. Dende o Concello quérese agradecer á Agrupación Musical este detalle de agarimo co seu público.
Xa pola noite será a quenda do concerto de O Sonoro Maxín (22.00 h). O grupo naceu no verán de 2007 a partir do reencontro de vellos amigos e coñecidos da música galega que formaban parte de proxectos diferentes como Lamatumbá, Cinnamon Gum, Mutenrohi e The Pigmalions. Estreáronse en Ourense, a súa cidade natal, e dende entón percorreron toda a xeografía galega con concertos nos que compartiron escenario con músicos como Manu & Radio Bemba Sound System, Shantel & Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone.
Todas estas actividades serán de entrada libre ata completar aforo. Estableceranse ademais todos os protocolos sanitarios de prevención, mantendo unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocando cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectando as cadeiras antes de cada evento e colocando xel hidroalcohólico na entrada.
Catro concelleiros e concelleiras do equipo de goberno de Tomiño; entre eles, os de Servizos Públicos e Medio Ambiente, realizaron unha visita á depuradora de augas do municipio de Coristanco (provincia da Coruña), o día 17 de xullo pasado.
Acompañados por un técnico de medio ambiente do Concello, foron guiados polo xefe de sección da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade Jean-Pierre Blanco, a través das instalacións deste sistema de depuración de baixo impacto.
A depuradora consiste basicamente nun sistema de tres lagoas en liña nas que se plantaron sobre un sostén de plástico biodegradable, unha serie de plantas cuxas raíces aseguran osíxeno e un espazo para que bacterias sobrevivan e dixiran a carga contaminante da auga, vertendo logo auga limpa a un regato cércano, cun custo enerxético moi baixo.
“Desta maneira o Concello sigue investigando novas alternativas de baixo impacto ambiental para incrementar a capacidade de depuración e a rede de saneamento, dando alternativas aos veciños e veciñas que utilizan solucións de depuración unifamiliares, coma son as fosas sépticas”, explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
“Hai poucas provincias no conxunto do Estado que teñan tantos festivais audiovisuais e de tanta calidade como a de Pontevedra”. Con esta declaración, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a benvida á nova marca provincial de calidade para o cinema da provincia. “Rías Baixas Film Fest”, a marca corporativa decidida pola institución provincial e os festivais, integrará aos nove festivais máis importantes : Cans (O Porriño, 2-5 de setembro), Primavera de Cine (Vigo, 15-20 de setembro), FIC Bueu (11-19 de setembro), Play-Doc (Tui, 23-27 de setembro), Festival Again de Cine Inclusivo (Vigo, 13 ao 17 de outubro), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía, 23 de outubro ao 1 de novembro), Galicia Freaky Film (Vigo, 28 ao 31 de outubro), Novos Cinemas (Pontevedra, 15 ao 20 de decembro) e Curtas Armadiñas (Poio).
Ao acto de presentación, que vestiu a fachada exterior da sede da Deputación en Vigo cos símbolos dos festivais e no que se puido ver o vídeo da campaña de promoción da provincia “Ven”, asistiron as promotoras dos eventos e representantes dos concellos onde se desenvolven, amais de deputadas e deputados do goberno. Carmela Silva destacou que “hoxe comeza a andaina dun proxecto, moi potente, que fostes capaces de construír entre todas e todos vós” e manifestou a vontade de continuar traballando no apoio aos festivais audiovisuais “como un sector estratéxico para a provincia”, anunciando a creación dun Comité Asesor.
A presidenta provincial recordou que a nova marca de calidade xurdiu das propias persoas promotoras dos festivais, “que consideraban que serían máis fortes se estaban unidas baixo unha mesma marca”. Deste xeito, os Rías Baixas Film Fest recollen aos nove festivais audiovisuais, “aínda que hai outros moitos aos que quero facer un recoñecemento”, que “se foron consolidando ao longo do tempo e hoxe son unha referencia galega, nacional e internacional”. Ademais, todos eles, tal e como destacou a presidenta, “sitúan á provincia de Pontevedra e a cada un dos concellos nos que se celebran nun espazo máis amplo, sendo capaces de transformar e traspasar fronteiras”. Xunto á capacidade de referenciar á provincia de Pontevedra, Carmela Silva tamén enxalzou os valores asociados que promoven os Rías Baixas Film Fest. “Son festivais –destacou a presidenta- con compromiso, que están ao lado da sustentabilidade, da igualdade, da cultura galega e do respecto á nosa lingua”. Neste eido, Silva remarcou o papel da provincia como “grande potencia audiovisual” e subliñou a importancia do cinema e da cultura durante o confinamento.
Con respecto á situación actual, post –Covid19, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agradeceu ás persoas promotoras dos festivais a súa vontade para mantelos neste 2020. Neste eido recordou a posta en marcha dun protocolo común de medidas de seguridade a través do cal a institución vai achegar medidores de temperatura, instrumentos para establecer as distancias interpersonais que obrigan as normas sanitarias, elementos identificadores das circulacións de entrada e saída, carteis informativos coas medidas que o público debe cumprir ou contadores de asistentes para cuestións relacionadas cos aforos. En canto ao compromiso cos festivais, a presidenta aproveitou a ocasión para anunciar a vontade de crear un Comité Asesor, “unha proposta que xorde do propio sector, que permitirá seguir avanzando, facer promoción e que os festivais sexan aínda máis capaces de abrir fronteiras e chegar a máis sitios”.
Pola súa banda o director de Play Doc, Ángel Sánchez, agradeceu en nome de todos os festivais “o diálogo fluido” coa Deputación para “construír novas ideas” e subliñou o papel do cinema para “formar espectadores/as críticos/as e lograr a transformación social nas nosas contornas”. Sánchez enxalzou a súa incidencia na economía e na proxección da provincia “fóra das nosas fronteiras” e, en canto á marca, destacou a importancia do “traballo conxunto para incrementar a visibilidade, dignificar a cultura, profesionalizar o sector e ser máis fortes no relato cultural”. No que respecta ao e ás representantes municipais, agradeceron a colaboración da Deputación para “unir esforzos” e “ser máis fortes”, para “chegar máis lonxe”, así como pola posta en marcha do protocolo sanitario para garantir a seguridade das persoas que se acheguen aos eventos.
A pasada semana comezou o novo pintado do muro da praia de Fedorento dentro do proxecto “Recunchos con Arte”, unha iniciativa na que se teñen xa realizado outras actuacións no Conservatorio Municipal ou no pintado do Espigón do Porto con “A Guarda escrita nas Estrelas”. Esta proposta é unha das intervencións artísticas que se van realizar este ano e que debido a situación de emerxencia houbo que ir atrasando.
A artista local Tamara Baz comezou o pintado do mural o luns pasado e xa se pode contemplar algúns dos elementos do mundo mariño. No deseño destacan as figuras e os colores vivos no muro que pecha esta praia marítima sendo as dimensións uns 40m2.
Nos últimos anos apostouse polo embelecemento de espazos con diferentes intervencións artísticas todas enmarcadas dentro dun proxecto global definido como “Recunchos con Arte”.
Algunhas intervencións do “Recunchos con Arte” foron realizadas por artistas locais e outras coa colaboración de estudantes ou asociacións da vila. Algunhas das intervención formaron parte da programación de eventos como a Festa da Langosta ou o evento multicultural Galifornia Beat. Debido a cancelación destas festas acordouse realizar varias intervencións artísticas para apoiar os artistas locais e mellorar a imaxe dos espazos públicos para que sirvan tamén de atractivo turístico.
O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros para reconverter a Casa da Cultura municipal nunha Aula de estudo e acceso a internet, co fin de que os estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos, en caso de posibles rebrotes do coronavirus ou novos confinamentos, de cara ao outono.
A idea é facilitar a toda a mocidade de Tomiño un lugar para poder conectarse a internet e desenvolver a súa actividade académica así coma ter un lugar de estudo, minimizando o risco de contaxio.
Esta nova aula, virá a complementar o servizo de ordenadores prestado pola Aula Cemit -sita no Parque da Feira- e estará dotada de todas as medidas de seguridade (distancias, mamparas, xeles hidro-alcohólicos, etc.), e novo mobiliario adaptado ás necesidades dos estudantes. A alcaldesa, Sandra González, salienta que “ante o próximo inicio do curso escolar, no mes de setembro, e a incerteza das condicións nas que se desenvolverá, é preciso levar a cabo dita intervención co fin de que poida estar en funcionamento a tempo, para cubrir as necesidades que poidan xurdir”.
“Trátase dun novo uso dun espazo que polas súas dimensións -uns 200 m2- e pola súa localización, servirá de forma provisional, de aula de estudo da futura biblioteca de Tomiño, máis en ningún caso, supón a renuncia á execución do proxecto da biblioteca de Tomiño”, explica a rexedora.
Aínda que se trate dunha solución de tránsito, o goberno local quere que o novo espazo resulte agradable e acolledor, polo que está prevista a intervención da artista afincada en Tomiño Pilar Alonso, para que axude a darlle á estancia unha calidez e estética apropiada.
A obra, cun investimento total de 50.000 euros, será posible grazas a unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, que se levará este xoves a pleno.
Por outra banda, da mesma modificación de crédito, destinaranse 65.000 euros para o Departamento de Benestar Social co fin de reforzar os programas de Educación Familiar, Igualdade e Atención Temperá, tentando ao mesmo tempo, incrementar os fondos para que en caso de que a situación sanitaria o requira, poder xestionar o apoio ás familias máis vulnerables sen demoras, e tamén, poñer en funcionamento o servizo de atención temperá da comarca en Tomiño, complementando os equipamentos existentes nas instalación do devandito departamento.
O Concello de Nigrán únese ao sector libreiro de toda España para festexar este xoves 23 de xullo o Día do Libro, tres meses despois do que lle correspondería despois de que este ano coincidise co confinamento. Así, desde as 12:00 horas da mañá na Alameda de San Campio (A Ramallosa) realizaranse diferentes presentacións de obras de escritores galegos e sinatura das mesmas a cargo dos autores. Neste evento participan editoriais galegas como Xerais, Galaxia e Edicións do Cumio.
Así, Isaac Xubín presentará “Xenealoxía dun intruso”; Elba Pedrosa “O que non sabías”; Francisco Castro, “Tantos anos de silencio”; Manuela Riobó , “El mensajero”; Héitor Picallo, “As letras galegas en caricatura (1963-2020) e Fran Fernández “Mover os marcos”. As introduccións dos autores correrán a cargo do alcalde, Juan González; Henrique Costas, Catedrático da Universidade de Vigo no departamento de Filoloxía galega e latina; Iago Castro, profesor de lingua e literatura galega en secundaria; e a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo.
A Concellería de Cultura e Festas anuncia para o vindeiro sábado 25 de xullo, a celebración do “Primeiro Encontro de Músicas Ibéricas” que terá lugar no Torreiro da Guía, en Atios, a partir das 22 horas, cun aforo limitado a 100 espectadores.
O encontro, chamado “Unha volta polo medio”, reunirá un conxunto de vinte músicos de diferentes partes da península, baixo a dirección de Fran (Grupo Coetus). Ofrecerán un repertorio de músicas de raíz e xunto con eles actuará o grupo de música tradicional Os Penediños de Atios.
A actividade está no abeiro da programación cultural do Concello do Porriño titulada “Para un tempo novo” que está a desarrollarse dende que entramos na “nova normalidade” coas restricións de aforo e observando as pautas sanitarias esixidas.
Lembramos que neste Primeiro Encontro de Músicas Ibéricas tan só haberá 100 cadeiras para outros tantos espectadores.
Nos últimos días da primavera e entrando xa no esperado período estival, aínda que o tempo é caprichoso e tan pronto amence un día gris como un radiante de sol, a tónica xeral é que as temperaturas están a subir e cada vez máis apetece saír a gozar de experiencias novas. O Concello de Arbo é un bo lugar para desconectar e atreverse ou volver practicar eses deportes de aventura nos ríos, esquecidos durante o inverno co frío e a choiva.
As dúas estacións cálidas axudan a que os amantes das sensacións fortes visiten Arbo e volvan retomar este tipo de actividades. O Río Miño énchese de xente con ganas de pasalo ben e poñer a proba as súas habilidades máis intrépidas e valentes. Nesta vila son dúas as empresas especializadas en deportes multiaventura. Vaguada e Arrepións ofrecen varias disciplinas nas que poder liberar adrenalina e pasar un moi bo intre en grupo.
En Arbo son moi populares os descensos de Rafting polas augas bravas do Miño en lancha pneumática con percorridos cheos de sorpresas, sobresaltos e zambullidas. O Kaiak é outra das modalidades máis practicadas, un deporte que require máis técnica que forza.
A sensación de ir sentado a escasos centímetros da auga e o valernos por nós mesmos en todo momento gozando e xogando con ondas e remuíños xera sensacións inigualables. Destacan tamén o Hidrotrineo en percorrido no que imos semisumergidos, as canoas ou o Salto desde pontes. Este último supón unha experiencia só apta para os máis ousados xa que en moitas ocasións realízase desde a Ponte Internacional que conecta con Portugal. Iso si, é unha actividade que xera moitísimas sensacións e o que a practica en Arbo sempre repite.
O alcalde do Concello de Arbo, manifesta que Arbo, ademais de Lamprea e Viño, é unha combinación de diferentes atractivos. Ademais do patrimonio histórico, cultural, gastronómico e etnolóxico, esta terra conta con numerosos recursos como son os deportes de aventura ou tamén o sendeirismo. A súa xeografía contén infinidade de camiños, carreiros e vías de comunicación hoxe recuperadas e rehabilitadas que xunto ao resto de actividades permiten apreciar a innegable beleza dos nosos ríos Miño, Deva e Cea, dos nosos montes, as fermosas praias fluviais ou as “Pesqueiras”.
Neste vídeo pódese ver o fermoso da Actividade e a paisaxe que deixa o Rio Miño [su_youtube_advanced url=”https://www.youtube.com/watch?v=WWKVn450Wrk&t=15s”]
Dende onte e até o 7 de agosto pode visitarse no anexo á Sala de Exposicións na Área Panorámica a mostra “Río Miño: memorias transfronteirizas”. A exposición está producida pola AECT Rio Minho e a CIM Alto Minho ao abeiro do programa SmartMinho financiado polo fondo europeo Interreg. Estará en Tui ata o vindeiro sete de agosto.
Na exposición “Río Miño – memorias transfronteirizas” os visitantes poden contemplar primeiro as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos. Despois, mergullarse no seu interior para coñecer unha trampa de pesca da lamprea e as súas especies acuáticas máis icónicas.
En itinerancia por dez municipios transfronteirizos durante o ano de 2020, esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan na súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos.
Os 75,5 km finais do río Miño están plenos de memorias e lugares marabillosos. Antes de chegar ao mar, o río asume aquí a tarefa de dividir dous países mais une unha cultura. Unha cultura plena de Tesouros Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.
Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, esta mostra acada en Tui unha singular relevancia, por canto a nosa cidade, xunto con Valença, conforman un espazo transfronteirizo único, pois o río Miño achega aínda mais a dúas cidades unidas polo territorio, pola cultura, pola vida común dos seus cidadáns. Non existen outras dúas cidades na fronteira hispano portuguesa cunha continuidade física como a que posúen Tui e Valença. O proxecto da Eurocidade trata de afondar nesta relación e interdependencia enriquecedora, e símbolo das relacións entre Galicia e Portugal.
O Concello da Guarda informa da suspensión do mercadillo dos sábados do vindeiro día 25 de xullo pola festividade do Día de Galicia.
O mercadillo semanal dos sábados retomarase o vindeiro 1 de agosto no entorno da Alameda da Guarda, como ven sendo habitual cos postos de roupa, complementos, froitas, hortalizas e embutidos.
Onte un equipo da organización de ‘La Vuelta Ciclista a España’ desprazouse ata Mos para continuar cos labores de supervisión previos á proba ciclista. Os membros integrantes dos equipos de produción e loxística, con Pedro Lezaun á cabeza, estiveron na contorna do Pazo de Mos acompañados polo tenente alcalde do Concello de Mos, Camilo Augusto, e pola concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro.
Pedro Lezaun declarou tras a visita que “o Pazo de Mos constitúe un lugar moi fermoso para unha saída de La Vuelta e máis aínda tras as obras realizadas na súa contorna, que o convirten nun enclave marabilloso”. Tamén informou dalgúns pequenos cambios de protocolo dada a nova situación actual consistentes en que o ‘village’ de saída irá cuberto e o parking de equipos irá pechado e vallado. Así mesmo, solicitaron o apoio do Concello de cara a reforzar as medidas de seguridade sanitarias ante a COVID-19.
Polo momento non hai ningunha variación respecto ao previsto, tan só puntualizacións moi específicas relativas á loxística do evento, para as cales desde a organización precisan da colaboración do Concello.
A crise santitaria do COVID-19 motivou un retraso de ‘La Vuelta Ciclista a España’ do presente ano 2020, que se celebrará entre o 20 de outubro e o 8 de novembro.
A etapa Mos-Puebla de Sanabria (que agora pasa a ser a etapa 15) terá lugar o xoves 5 de novembro.
O xoves 5 de novembro de 2020 terá lugar esta estapa de media montaña de 229,8 km de percorrido de ‘La Vuelta’. Mos é unha das saídas inéditas de La Vuelta 20 e é a etapa máis longa de La Vuelta 20.
A etapa mosense ten un padriño de excepción. Óscar Pereiro, embaixador de ‘La Vuelta’, gañador do Tour de Francia 2006, e nativo de Mos. Mos é un punto de paso do Camiño de Santiago Portugués. Parada previa a Pontevedra, desde Mos márchase cara ao norte, rumbo á Catedral de Santiago, onde remata o camiño do peregrino.
O Concello de Nigrán ven de contratar á artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, para pintar en Panxón a que será a súa maior obra na comarca. Goce está a traballar xa nun muro de 200 metros cadrados de superficie ubicado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio) e que estará rematado ao longo do verán. Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez, esta será a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entrará a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…
“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar, polo que será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.
Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as oríxes de cada un de nos.
Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.
Rotundo éxito da XXVIII Feira do Viño do Rosal, a primeira edición virtual dun evento esencial para o sector e o territorio e que este ano ante a crise sanitaria decidía reinventarse e seguir adiante con novas fórmulas coas que levar os caldos rosaleiros á toda a veciñanza pero priorizando a saúde de todos e todas. Foron tres días cunha intensa programación pensada para ofrecer a todas as persoas participantes unha experiencia diferente arredor dos viños do Rosal, para dar a coñecer as adegas e o propio territorio e que tivo unha grandísima acollida por parte da xente. O resultado non puido ser máis satisfactorio: máis de 14.000 persoas desfrutaron do pregón, da inauguración, da cata, do showcooking, dos concertos… a través das redes sociais e da propia web da feira.
A programación arrancaba co pregón do sumiller Luis Paadín, un dos grandes momentos da Feira, que foi visto por máis de 3.300 persoas. A inauguración foi outro dos puntos fortes desta fin de semana, con máis 1.700 reproducións, así como os concertos dos regueifeiros Luis Correa, O Caruncho, e Benito Lobariñas e do grupo Fanfarria Taquikardia, visto por máis de 1.700 persoas cada un. A cata comentada leva máis de 1.100 reproducións en apenas dous días e o maridaxe showcooking co chef Iván Méndez e os sumilleres Luis e Alejandro Paadín xa foi vista por máis dun milleiro de persoas. “Esta edición supuxo un punto de inflexión na historia da nosa Feira. Chegamos a moita xente, moitísima máis da que imaxinabamos que ía participar nesta Feira do Viño alternativa e dixital”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Cata comentada co sumiller Luis Paadín
Unha alta participación deslocalizada que se traduce en máis de 135.000 visualizacións de todo o contido audiovisual xerado durante o evento. Así, máis de 10.000 persoas coñeceron ás adegas con D.O. Rías Baixas O Rosal a través dos seus vídeos e arredor de 70.000 persoas coñeceron o territorio a través do spot promocional da Feira. Quérese agradecer tamén o apoio desinteresado de todos os persoeiros que axudaron a difundir a feira cos seus vídeos, vistos por máis de 34.000 persoas. José manuel González, Serafín Martínez, Iván Raña, Viran Morros, Paquiño Campelo, Terio Carrea, Lucía Rodríguez, Dani Cerqueira, Isabel Risco, Anaír Lomba, Gabriel Marcelli, David Amor, Carlos Blanco, Uxía Senlle, Bea Campos e Javier Díaz brindaron pola Feira do Viño e animaron a toda a xente a participar nunha edición especial e diferente.
E é que esta foi “a Feira da capacidade de reinvención, a Feira do Viño que nunca teríamos imaxinado realizar e que tivemos a capacidade de crear traballando man a man cos adegueiros. Apostamos pola innovación e convertemos esta edición nun auténtico referente da adaptación á nova realidade e á dixitalización, demostrando que xuntos e xuntas somos capaces de superar calquera obstáculo”, recoñece a rexedora.
Dende o Concello quérese agradecer tamén o labor da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, o bo facer de todas e todos os participantes na programación desta edición, o apoio de todas as administracións colaboradoras e, por suposto, a todo o público que seguiu dende o outro lado da pantalla a XXVIII Feira do Viño do Rosal.
A praza Victoria Cadaval de Sabarís, acollerá o vindeiro xoves 23 ás 20:00 horas unha sesión de contacontos da mán de Raquel Queizas baixo o título “Somos Iguais. Contos pola Igualdade “.A actividade está drixida ao público familiar e recomendable a partir de catro anos. A actividade é organizada pola Concellería de igualdade do Concello de Baiona, e financiada con cargo aos créditos recibidos o Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de xénero.
Nesta obra Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apoucadas e de PRÍNCIPES AZUIS e insensibles e un día dixo BASTA XA!!!
Puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que nenas e nenos SOMOS IGUAIS. Si, igual de valentes e igual de sensibles.
Descubriremos historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos; nenas decididas, nenos sensibles. Identificaremos situacións as que nos temos que enfrontar día a día, na escola, na casa, coas amigas e amigos, … onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozaremos brincando coa imaxinación que nos une.
Dende a nenez pódese previr todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.
A Concellería de Mocidade do Concello de Ponteareas, que dirixe Miguel Bouzó, vén de anunciar a posta en marcha de “ActivaTea”, un campamento de verán para mozas e mozos de entre 13 e 17 anos. As actividades desenvolveranse ao aire libre os martes, xoves e sábados en horario de 10 a 14 horas, e dividiranse en dúas quendas a escoller, do 28 de xullo ao 15 de agosto e do 18 de agosto ao 5 de setembro, cun prezo de 15€.
Facilitar a volta á actividade das mozas e mozos ofertándolle espazos de lecer e socialización seguros e saudables, fomentar a súa autonomía e desenvolvemento social ou promover o traballo en equipo adaptándose á situación actual son algúns dos obxectivos deste campamento. Así mesmo, dado que as actividades se realizarán en espazos naturais e abertos, ActivaTea tamén procurará dar a coñecer e valorizar espazos de interese existentes en Ponteareas.
“O campamento desenvolverá múltiples actividades e enfocarase dende unha perspectiva lúdica e participativa, tendo sempre presente a compoñente formativa e educativa”, sinalou Miguel Bouzó, que destacou que “as mozas e mozos serán partícipes en todo momento do deseño das actividades, fomentando a convivencia e primando así a interacción e socialización do grupo mantendo as medidas sanitarias e de prevención derivadas da Covid-19”.
O concelleiro de Mocidade indicou que “este campamento está orientado a unha franxa de idade que habitualmente require unha maior oferta lúdica e formativa, como nos teñen trasladado as mozas e mozos participantes no Consello da Infancia e Adolescencia. Deste xeito, ActivaTea súmase ás iniciativas que levamos posto en marcha dende o goberno local para favorecer a conciliación entre a vida familiar e laboral das familias do noso concello”.
As persoas interesadas poderán recibir máis información ou inscribirse na OMIX, situada na Biblioteca Municipal, a través do enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 660 765.
A noite do venres 24 de xullo viviremos unha experiencia de interpretación de ceo nocturno e da observación astronómica.
Con esta experiencia astronómica pretendemos achegar a astronomía, de forma sinxela. Hoxe día hai un gran descoñecemento do cosmos, e é por iso que o principal obxectivo desta experiencia é a divulgación das marabillas do universo, mergullándonos no cosmos ata o punto de ter a sensación de tocas a Lúa e os planetas, creando unha experiencia única.
Esta actividade está dirixida a calquera persoa de 6 anos en adiante. Os/as menores terán que vir acompañados por unha persoa adulta.
O prazo de inscrición estará aberto ata as 14 h do mesmo 24 de xullo. Se estás interesado/a en participar, ponte en contacto coa OMIX do concello de Mondariz. 986 664 306 / 680 964 461 – [email protected]
Non se atenderá a ninguén persoalmente se cita previa.
Cinema, música e maxia estarán presentes esta semana na programación “Volvemos á rúa” en Tui.
Unha das novidades deste verán é o autocine. A primeira proxección será este venres ás 22.30 h coa película “Grease”. Esta mañá abriuse a reserva de entradas, pero debido a un problema técnico tivo que paralizarse e volverá activarse este mércores ás 12 h, co número de prazas que quedan dispoñibles. A reserva realizarase para un coche e até un máximo de catro ocupantes, dos que se deberá facilitar os datos de contacto. O autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, emprazada diante da fachada posterior da Área Panorámica, e o son difundirase a través dunha canle de FM, que se deberá sintonizar na radio do coche. “Grease” foi rodada en 1978 baixo a dirección de Randal Kleiser. Está ambientada nos anos 50, e conta a historia de amor entre Danny Zuko e Sandy Olsson.
O domingo ás 22.30 h a rúa Compostela acollerá o concerto “Cantarelas” de Leilía. Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez celebran os seus trinta anos interpretando algúns do seus temas máis emblemáticos con outros menos coñecidos, cun percorrido polas distintas sonoridades do grupo. Poderán asistir ao concerto 300 persoas sentadas e 150 persoas de pé.
Previamente o mércores, ás 21 h, na Praza de San Fernando a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá o seu segundo concerto deste verán baixo a dirección de Eloy Carrera Bernárdez. O aforo está limitado a 100 persoas.
A maxia chegará o xoves, ás 21 h, ao Paseo da Corredoira con Dani García e o seu espectáculo “Don Gelati”, do que poderán gozar 100 persoas. Achéganos a un curioso vendedor de xeados, Don Gelati, que chega á praza principal do pobo, pero sofre constantes infortunios co seu carriño que terá que solucionar rapidamente.
As entradas para estes espectáculos poden reservarse de forma gratuíta en enterticket.es até o día do evento ás 12 h, salvo no caso do autocine que volverán activarse o mércores ás 12 h. En cada unha destas citas hai establecido un protocolo COVID19 que se pode consultar en tui.gal.
Amais, o sábado, ás 21h fará un pasarrúas a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos dentro de “Música na rúa”.
O Servizo Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño, proxectará os días martes 21 de xullo, e mércores 22, a película “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro; un filme estreado en 2018, seleccionado e premiado en distintos festivais.
Trátase dunha actividade dirixida á poboación moza, da franxa de idade comprendida entre os 16 a 30 anos, consistente en visionado on line do documental, e posterior faladoiro, tamén on line, coa intervención da directora.
O filme, de carácter documental, será proxectado mañá e pasado en aberto, propoñéndose como unha reflexión sobre o xénero, o espazo público e a liberdade.
Posteriormente, o xoves 23 ás 20.00 horas, celebrarase un faladoiro coa autora, Xiana do Teixeiro, no que se poderá compartir impresións, preguntar curiosidades e crear un espazo para a reflexión colectiva. O coloquio terá un límite de 25 persoas.
Tanto para o visionado do filme, coma para participar no faladoiro, é necesario inscribirse previamente. Para isto é preciso rexistrarse a través da web municipal, recibindo confirmación e indicacións para conectarse.
Tamén é posible facer unha pregunta ou reflexión enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou enviando texto ou nota de voz ao número de teléfono 698 157 414.
Estas actividades estás financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría General de Igualdad y contra la Violencia de Género.
O Concello de Redondela solicitou unha reunión urxente coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia para tratar a situación delicada da Confraría de pescadores.
A Confraría San Xoán de Redondela está a pasar por unha situación delicada nos últimos tefradmpos, situación que se ve agravada por mor da crise económica derivada do COVID-19.
O pasado mes de xaneiro nomeábase unha nova xunta directiva que pretendía mellorar a situación crítica que se arrastraba dende algún tempo, pero a chegada da pandemia obligou a realizar un parón na recollida que sumado ao peche da hostalería, produciu unha merma significativa das súas vendas.
Dende o Concello de Redondela, en contacto directo coa Confraría, estase a colaborar na medida do posible para paliar os efectos económicos producidos por esta situación insólita.
Entre outras actuacións, o Concello, dotou de medios preventivos a estas traballadoras co reparto de máscaras, así como coa colaboración na recollida das algas durante o pasado mes de maio, poñendo á súa disposición maquinaria e medios técnicos humanos.
A chegada de algas ás praias e a súa acumulación nos bancos de marisqueo, contribúe un dos graves problemas para as maricadoras, xa que supón unha ameaza para o molusco e contribuír un a coste en tempo e diñeiro inasumible, xa que o depósito dos residuos xera multitude de dificultades.
“É intención do Concello continuar con esta colaboración, asumindo este tipo de actuacións puntuais, pero precisamos que a Xunta de Galicia, asuma as competencias que lle son propias e colabore coa cofradía e co Concello de Redondela para axudar a estes traballadores nun complicado momento económico”. Indicou a alcaldesa.
O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto, reuniuse xunto co arquitecto municipal no Cemiterio Municipal de Torroso, con representantes da Asociación de Veciños da parroquia, para realizar a verificación dos traballos a acometer no cemiterio e que se iniciarán de xeito inmediato, pois o procedemento de contratación xa se atopa rematado e seleccionada a empresa adxudicataria da obra.
A mellora do cemiterio de Torroso consiste na drenaxe de 3 grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que existían filtracións de auga nos nichos. Deste xeito acometerase a impermeabilización da cuberta dos 3 grupos de panteóns. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. O orzamento a investir nesta obra ascende a 25.000 euros, subvencionado íntegramente pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
Para elo asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello de Mos para a execución do proxecto denominado drenaxe no Cemiterio Municipal da Gándara-Torroso.
A maiores desta obra, os veciños decidiron actuar tamén noutra zona para mellorala. Na devandita actuación a Asociación Veciñal actúa como intermediaria, e o Concello realizará a súa aportación, nesta obra que se acometerá a maiores da do drenaxe.
Convenio coa Xunta
Pola súa banda o proxecto denominado drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso, ten como obxecto darlle solución inmediata aos problemas de filtracións e humidades nas sepulturas e nichos do cemiterio, co fin de evitar afundimentos. A mellora é especialmente importante para a zona máis antiga do cemiterio.
Así pois, o convenio de colaboración entre a administración local mosense e a Consellería de Presidencia responde ao interese público e social que representa a acción de fomento da execución dunhas actuacións imprescindibles para o normal funcionamento da entidade local.
O goberno local de Ponteareas reforzou esta semana a Oficina de Padrón e Estatística coa incorporación dun novo traballador, que se engade aos dous habituais do servizo. Ao mesmo tempo, entrou en funcionamento o sistema de cita previa automática a través da web do Concello e do teléfono 886405106.
Segundo explica Roberto Mera, concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, coa reapertura ao público da oficina o pasado mes de xuño “producíuse unha avalancha de solicitudes das persoas que non as puideran facer durante o confinamento así como pola apertura de prazos de matrículas e outros procedementos como as moratorias hipotecarias, a renda mínima vital ou as axudas municipais a autónomos nas que se requiren certificados de empadronamento”. A crise sanitaria obrigou a establecer o sistema de cita previa que foi xestionada desde a propia oficina polo seu persoal, o que provocou un menor ritmo na tramitación de expedientes e solicitudes e unha listaxe de agarda que alcanza xa até comezos de agosto.
Para paliar esa problemática púxose en marcha o pasado luns o sistema de cita automática a través da web e do teléfono 886405106 de maneira que o persoal da oficina pode adicarse xa por enteiro á tramitación de expedientes. Coa incorporación doutro traballador máis estanse reprogramando as citas e adiantándoas respecto á data inicialmente asignada.
Mera explicou que na oficina de Padrón e Estatística houbo que xestionar nun mes o traballo de case tres meses, pedíu comprensión á veciñanza “porque as medidas derivadas da crise da Covid19 conlevan procesos de adaptación e maior lentitude na atención cidadá” e pedíu desculpas “polos trastornos que se puideran ter ocasionado”. O edil pide á cidadanía que informe de calquera incidencia na atención cidadá a través do correo [email protected] para poder mellorar esa atención.
O Concello do Porriño informa que este mércores día 22 realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda das Gándaras que afectará ao tráfico rodado do acceso sur aos polígonos industriais de As Gándaras e A Granxa.
A empresa “ENDENOR, Construcción, Mantenimiento y Servicios”, adxudicataria da contrata, informou ao Concello que a duración dos traballos será dun día, de xeito que o xoves 23, recuperarase á normalidade, se non xurde algún imprevisto.
Os traballos a realizar son o levantado e novo asfaltado da rotonda sur das Gándaras sita a continuación da saída 21 da Autovía A-55 en dirección Tui, polo que cumpre cortar o tráfico rodado. Mentres duren as obras, a circulación de vehículos cara ao sur do Polígono das Gándaras, se realizará pola saída anterior, número 18.
Tamén o acceso dende a rotonda sur do polígono de A Granxa, queda cortado namentres se realizan estes traballos, desviándose a circulación entre o sur dos polígonos á altura da saída 18 da A-55, dirección Tui.
O Concello do Porriño agradece a colaboración dos condutores e usuarios.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.