Nace “Rías Baixas Film Fest”, a nova marca para relanzar e fortalecer aos festivais de cinema da provincia

A marca da Deputación e dos festivais do audiovisual integra a Cans, Play Doc, FIC Bueu, Again, Primavera de Cine, Galicia Freaky Film, Curtas Festival do Imaxinario, Novos Cinema e Curtas Armadiña

“Hai poucas provincias no conxunto do Estado que teñan tantos festivais audiovisuais e de tanta calidade como a de Pontevedra”. Con esta declaración, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a benvida á nova marca provincial de calidade para o cinema da provincia. “Rías Baixas Film Fest”, a marca corporativa decidida pola institución provincial e os festivais, integrará aos nove festivais máis importantes : Cans (O Porriño, 2-5 de setembro), Primavera de Cine (Vigo, 15-20 de setembro), FIC Bueu (11-19 de setembro), Play-Doc (Tui, 23-27 de setembro), Festival Again de Cine Inclusivo (Vigo, 13 ao 17 de outubro), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía, 23 de outubro ao 1 de novembro), Galicia Freaky Film (Vigo, 28 ao 31 de outubro), Novos Cinemas (Pontevedra, 15 ao 20 de decembro) e Curtas Armadiñas (Poio).  

Ao acto de presentación, que vestiu a fachada exterior da sede da Deputación en Vigo cos símbolos dos festivais e no que se puido ver o vídeo da campaña de promoción da provincia “Ven”, asistiron as promotoras dos eventos e representantes dos concellos onde se desenvolven, amais de deputadas e deputados do goberno. Carmela Silva destacou que “hoxe comeza a andaina dun proxecto, moi potente, que fostes capaces de construír entre todas e todos vós” e manifestou a vontade de continuar traballando no apoio aos festivais audiovisuais “como un sector estratéxico para a provincia”, anunciando a creación dun Comité Asesor.

A presidenta provincial recordou que a nova marca de calidade xurdiu das propias persoas promotoras dos festivais, “que consideraban que serían máis fortes se estaban unidas baixo unha mesma marca”. Deste xeito, os Rías Baixas Film Fest recollen aos nove festivais audiovisuais, “aínda que hai outros moitos aos que quero facer un recoñecemento”, que “se foron consolidando ao longo do tempo e hoxe son unha referencia galega, nacional e internacional”. Ademais, todos eles, tal e como destacou a presidenta, “sitúan á provincia de Pontevedra e a cada un dos concellos nos que se celebran nun espazo máis amplo, sendo capaces de transformar e traspasar fronteiras”. Xunto á capacidade de referenciar á provincia de Pontevedra, Carmela Silva tamén enxalzou os valores asociados que promoven os  Rías Baixas Film Fest. “Son festivais –destacou a presidenta- con compromiso, que están ao lado da sustentabilidade, da igualdade, da cultura galega e do respecto á nosa lingua”. Neste eido, Silva remarcou o papel da provincia como “grande potencia audiovisual” e subliñou a importancia do cinema e da cultura durante o confinamento.

Con respecto á situación actual, post –Covid19, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agradeceu ás persoas promotoras dos festivais a súa vontade para mantelos neste 2020. Neste eido recordou a posta en marcha dun protocolo común de medidas de seguridade a través do cal a institución vai achegar medidores de temperatura, instrumentos para establecer as distancias interpersonais que obrigan as normas sanitarias, elementos identificadores das circulacións de entrada e saída, carteis informativos coas medidas que o público debe cumprir ou contadores de asistentes para cuestións relacionadas cos aforos. En canto ao compromiso cos festivais, a presidenta aproveitou a ocasión para anunciar a vontade de crear un Comité Asesor, “unha proposta que xorde do propio sector, que permitirá seguir avanzando, facer promoción e que os festivais sexan aínda máis capaces de abrir fronteiras e chegar a máis sitios”.

Pola súa banda o director de Play Doc, Ángel Sánchez, agradeceu en nome de todos os festivais “o diálogo fluido” coa Deputación para “construír novas ideas” e subliñou o papel do cinema para “formar espectadores/as críticos/as e lograr a transformación social nas nosas contornas”. Sánchez enxalzou a súa incidencia na economía e na proxección da provincia “fóra das nosas fronteiras” e, en canto á marca, destacou a importancia do “traballo conxunto para incrementar a visibilidade, dignificar a cultura, profesionalizar o sector e ser máis fortes no relato cultural”. No que respecta ao e ás representantes municipais, agradeceron a colaboración da Deputación para “unir esforzos” e “ser máis fortes”, para “chegar máis lonxe”, así como pola posta en marcha do protocolo sanitario para garantir a seguridade das persoas que se acheguen aos eventos.