14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal celebra as festas do Pilar con música e un espectáculo...

    O Rosal celebra as festas do Pilar con música e un espectáculo para toda a familia

    Acollerá tamén a primeira actuación da banda da Agrupación Musical do Rosal ao completo tras a crise sanitaria

    O Rosal celebra este 24 e 25 de xullo as súas tradicionais festas na honra da Virxe do Pilar cunha programación cultural na Praza do Calvario na que a música e o entretemento para toda a familia son os grandes protagonistas. Así, as festas comezan este mesmo venres 24 de xullo con Tanxarina Teatro e o seu ‘Titiricircus’ (20.00 h), un espectáculo de marionetas de fío que transportará ao público ás tardes de circo a través de distintas personaxes que van recordando as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo…

    Tras o circo de Tanxarina, a Praza do Calvario deixará espazo para a proxección de ‘O que arde’ (22.00 h), un filme de Oliver Laxe galardoado con dous premios Goya que se desenvolve nunha zona rural de Galicia e que aborda o problema da desaparición do medio rural a causa dos incendios forestais.

    O sábado 25 de xullo será a xornada musical das festas do Pilar. O día comezará coa actuación ás 13.00 horas da primeira actuación da banda da Agrupación Musical do Rosal ao completo tras a crise sanitaria. Será un concerto curto no que os seus máis de 70 músicos estarán de pé, gardando a distancia interpersoal de seguridade e na que todos e todas as integrantes da banda farán un esforzo por deleitar coa súa música ao público, xa que o elevado número de compoñentes dificulta atopar escenarios nos que poidan tocar. Dende o Concello quérese agradecer á Agrupación Musical este detalle de agarimo co seu público.

    Xa pola noite será a quenda do concerto de O Sonoro Maxín (22.00 h). O grupo naceu no verán de 2007 a partir do reencontro de vellos amigos e coñecidos da música galega que formaban parte de proxectos diferentes como Lamatumbá, Cinnamon Gum, Mutenrohi e The Pigmalions. Estreáronse en Ourense, a súa cidade natal, e dende entón percorreron toda a xeografía galega con concertos nos que compartiron escenario con músicos como Manu & Radio Bemba Sound System, Shantel & Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone.

    Todas estas actividades serán de entrada libre ata completar aforo. Estableceranse ademais todos os protocolos sanitarios de prevención, mantendo unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocando cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectando as cadeiras antes de cada evento e colocando xel hidroalcohólico na entrada.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.